mércores, 30 de abril de 2014

I'm Eighteen

Cando Alice Cooper publicou o terceiro disco, Love It to Death (1971), a banda aínda estaba medrando, pero levaban o tempo suficiente para que o seu nome non pasase desapercibido nos círculos de heavy metal e glam rock que ían gañando presenza no ámbito da música, e aínda faltaba uns anos para que Vincent Furnier emprendese o voo sen a compañía dos demais membros, pero conservando o nome da banda. A publicación de Love It to Death viña precedida polo single "I'm Eighteen", co que metían no peto a unha serie de novos talentos que pouco tempo despois asentaría as bases do punk. Cunha temática que fala da xuventude, do que supón ter dezaoito anos de idade, "I'm Eighteen" é unha das cancións que abordan un dos asuntos favoritos e clásicos no mundo do rock.

http://youtu.be/vMCyX0P_dGE

Joey Ramone foi un dos alumnos avantaxados de Alice Cooper e nunca ocultou a influencia que este exerceu na súa música. O exemplo máis claro está en "I Don't Care", que aparece no disco epónimo de The Ramones, editado en 1976, onde se notan ecos de "I'm Eighteen".

http://youtu.be/QveJv7V4OZI

Unha das bandas que se máis se miraron no espello de Alice Cooper é Hanoi Rocks. A banda finlandesa de glam rock inspirouse nos acordes da canción de Alice Cooper en "Until I Get You", tema pertencente ó álbum Back to Mystery City (1983) e que a pesar diso, non renuncia ó estilo propio que fixo de Hanoi Rocks unha das bandas máis admiradas.

http://youtu.be/RwgtbBAqdTY

A estela de Alice Cooper pode seguirse mesmo en bandas tan rodadas coma Kiss, que en "Dreamin'", un dos temas de Psycho Circus (1998) recorda lixeiramente a "I'm Eighteen".

http://youtu.be/jO-Ol1JQjcc

martes, 29 de abril de 2014

Trans Europa Express

Á vangarda da música electrónica xa dende a súa fundación, os alemáns de Kraftwerk eran xa unha referencia de peso cando en 1977 publicaron o sexto disco Trans Europa Express, que na actualidade se considera un dos traballos discográficos imprescindibles para entender a evolución da electrónica no mundo da música, así como a importante influencia que exerceu nos máis grupos e artistas das máis diversas tendencias e que teñen a Kraftwerk como auténticos mestres na súa traxectoria. A canción que lle dá título ó disco foi elixida como single de presentación e leva a sinatura de Ralf Hütter na parte musical e de Florian Schneider nas letras, que falan do encontro dos membros de Kraftwerk con David Bowie e con Iggy Pop en Berlín e da admiración mutua que sentían entre eles.

http://youtu.be/XMVokT5e0zs

"Trans Europa Express" encóntrase na base do tema máis famoso de Afrika Bambaataa & The Soulsonic Force, "Planet Rock", pertencente ó álbum Planet Rock: The Album (1982). Deixando de lado que é un calco da canción de Kraftwerk, "Planet Rock" logrou converterse nunha das grandes cancións do electro hip hop, estilo moi en boga a comezos dos 80, á parte de que tamén incorpora unha parte da canción de Babe Ruth "The Mexican", que xa veremos noutra ocasión, e apréciase a influencia da música de Ennio Morricone.

http://youtu.be/9lDCYjb8RHk

E un dos grupos de música electrónica máis influenciados polo son de Kraftwerk é LCD Soundsystem. O proxecto de James Murphy é dos punteiros dun estilo que cada vez conta con máis adeptos. No álbum epónimo co que debutaban en 2002 atópase a canción "Losing My Edge", que remata cos versos finais de "Planet Rock", co que Murphy demostra o seu coñecemento non só da música de Kraftwerk senón tamén do rastro que foi deixando.

http://youtu.be/6xG4oFny2Pk

A crítica tamén sostén que na elaboración de "Losing My Edge" tamén foi decisivo o tema de Killing Joke "Change", que aparece no álbum éponimo que a banda de Jaz Coleman publicou en 1980.

http://youtu.be/t166M5ESVNk

luns, 28 de abril de 2014

Fashion

Os últimos días do verán de 1980 deixaban nas tendas de discos un novo traballo discográfico de David Bowie. O Duque Branco, que revolucionara a música e a estética en apenas dez anos, volvía á carga da man do seu inseparable Tony Visconti, o produtor co que Bowie deixara de ser só un músico para converterse nunha icona da moda máis rompedora. Deste modo aparecía Scary Monsters (and Super Creeps), o disco número 14 na conta de Bowie, pero que seguía soando tan fresco como as anteriores propostas do británico. O primeiro single, "Ashes to Ashes" callou de inmediato no público, pero o resto de cancións tamén tiveron unha moi boa acollida. A canción "Fashion", que hoxe vos presentamos, foi o segundo single.

http://youtu.be/aj3bkqhUQM0

E como case todo o que fai Bowie, "Fashion" foi decisiva na elaboración do tema de The Dandy Warhols "Scientist", que se inclúe no álbum Welcome to the Monkey House (2003). Malia que a produción correu a cargo do membro de Duran Duran Nick Rhodes, Tony Visconti tamén participou nalgunha canción, aínda que non concretamente nesta.

http://youtu.be/T907MZTvWSQ

venres, 25 de abril de 2014

Taj Mahal

Malia que non é moi coñecido fóra do seu país, Jorge Ben Jor é dos músicos brasileiros máis admirados. Non conforme só con que a súa música se tinguise co son da samba e da bossa nova, Jorge Ben Jor experimentou cos estilos típicos do Brasil  fusionándoos co rock e co funk, o que o levou a ser un dos artistas cunha discográfica das máis orixinais, creando un estilo propio que habería de ser moi imitado no seu país. Na escena internacional, o nome de Jorge Ben Jor recórdase sobre todo pola súa canción "Taj Mahal", que segundo o propio Jorge Ben Jor, serviulle de inspiración a Rod Stewart para crear o éxito disco "Da Ya Think I'm Sexy?" sen pedirlle permiso ó músico brasileiro. O caso é que "Taj Mahal", unha das cancións do álbum Ben (1972), non deixa de ser unha máis no amplo e recomendable repertorio de Jorge Ben Jor, un dos grandes músicos de Brasil, á altura de Caetano Veloso e Sérgio Mendes.

http://youtu.be/Ex9jWJ5V014

No álbum Blondes Have More Fun (1978), o ex-compoñente de Small Faces Rod Stewart achegábase a música disco cunha canción que fixo furor nas pistas de baile, "Da Ya Think I'm Sexy?", cuxo éxito se viu empañado cando apareceron as sombras dun posible plaxio. A base aseméllase a de Jorge Ben Jor, aínda que unha vez máis, igual falar de plaxio deliberado poida parecer unha esaxeración. En calquera caso, a cousa quedou nun acordo amistoso entre os dous músicos.

http://youtu.be/s-8QJXqjRng

"Da Ya Think I'm Sexy?" é das cancións máis versionadas de Rod Stewart, pero a xente máis nova a que mellor recorda é a de N-Trance, que no retrouso conserva a voz de Rod Stewart. Está incluída no álbum Happy Hour (1997).

http://youtu.be/fSV0D_Id8Ho

xoves, 24 de abril de 2014

Someday Baby Blues

Como temos visto en varias ocasións, moitas cancións blues están conectadas entre si, mesmo cando parece que non gardan relación, pois ás veces, as novas versións teñen novos títulos ou ben presentan certos matices que a afastan en parte do modelo orixinal. "Someday Baby Blues", tema de Sleepy John Estes gravado en 1935 é deses que deu orixe a novas versións con variantes que en principio levan a pensar que se tratan de cancións diferentes. "Someday Baby Blues" ten un son moi apegado ó country, unha característica que en cambio, non se mantén nas versións posteriores, que optan por un son blues máis clásico, case sempre seguindo as pautas do blues de Chicago.

http://youtu.be/pcfo3xcDoS0

A primeira canción blues inspirada en "Someday Baby Blues" foi a composición de Big Maceo Merriweather de 1941 titulada "Worried Life Blues", e como se pode apreciar, non quedan vestixios de country, e "Worried Life Blues" está considerado hoxe como un dos grandes temas blues.

http://youtu.be/4IRrYOtmFHw

Tampouco desmerece a versión de Charles Brown en 1949, co nome "Trouble Blues", máis emparentada coa de Big Maceo que coa de Sleepy John Estes, xa que "Worried Life Blues" acadou unha inmediata notoriedade dende o momento que se publicou.

http://youtu.be/PKMEzu5j-gA

Muddy Waters imprimiulle o seu estilo a "Trouble No More" en 1955. O toque da harmónica é todo un acerto que fai da versión de Muddy Waters un tema case diferente.

http://youtu.be/FIhtOlNleiE

Tamén sen renunciar ó estilo que o encumbrou como un dos grandes pianistas do século XX, Ray Charles ofrecía a súa particular versión co título "Someday Baby" no álbum The Genius Sings the Blues (1958). Neste caso, Ray Charles remite a orixe do tema de Sleepy John Estes.

http://youtu.be/JCIyabf_xng

A versión máis animada de todas é a de B.B. King titulada "Ain't Gonna Worry My Life Anymore" no álbum Indianola Mississippi Seeds (1970). B.B. King xa gravara unha versión dez anos antes chamada "Someday Baby", pero esta vez decidiuse por un estilo máis libre. Aínda a volvería a gravar en 2000 xunto con Eric Clapton, outro dos músicos que sempre mostrou unha clara preferencia por este blues.

http://youtu.be/Zej8kzU7rsE

mércores, 23 de abril de 2014

Genetic Engineering

O ritmo frenético de traballo de Andy McCluskey fixo que OMD fose unha das bandas con maior produción de discos nos albores da Nova Onda. En só tres anos publicaran xa catro álbums e Orchestral Manoeuvres in the Dark era un grupo punteiro cunha estela que haberían de seguir moitos outros que transitarían polo camiño da música electrónica. En 1983 editaban Dazzle Ships, o cuarto traballo dunha banda máis que asentada. Malia que as cancións que máis se recordan hoxe en día de OMD están nos discos anteriores, non se pode considerar que Dazzle Ships sexa un traballo menor dentro da discografía de OMD. Nel destacan varias cancións que representan moi ben o son deste grupo. Unha delas é "Genetic Engineering", single de presentación e tamén unha das mellores composicións de Andy McCluskey e de Paul Humphreys, verdadeiros alicerces dunha das mellores bandas dos 80.


Moi influenciados polo son de OMD, Radiohead inspirouse nesta canción durante os primeiros compases de "Fitter Happier", unha das cancións máis hipnóticas do álbum O.K. Computer (1997).

martes, 22 de abril de 2014

Oh My Darling, Clementine

As orixes que empregou o autor de "Oh My Darling, Cleementine" para crear esta balada, unha das máis populares dos Estados Unidos, proceden de diversas fontes segundo os estudosos que lle dedicaron atención nas súas investigacións. En principio, baseada no poema de 1863 de H. S. Thompson, "Down by the River Liv'd a Maiden", seica a melodía coincide coa do vello romance castelán "Romance del conde Niño" que cantaban os  mexicanos que traballaban nas minas durante a Febre do Ouro. Cun estilo folk que remite ós tempos dos pioneiros e ó Far West, "Oh My Darling, Clementine" aparece en moitas películas, especialmente na de John Ford My Darling Clementine e gravouse en non poucas ocasións. Velaquí algunhas que apareceron a finais dos anos 50. A primeira, de Jan and Dean, co título "Clementine", editouse en 1959.


Tamén dese ano é a versión de Tom Lehrer que apareceu no álbum en directo An Evening Wasted with Tom Lehrer.


A golpe de swing, Bobby Darin ofrece na versión de 1960 unha "Clementine" cun son máis clásico que fixo as delicias dos seguidores deste músico e actor.


Pero aparte das versións, os brasileiros So Prá Contrariar baseáronse na melodía para compór "Santo Santo", que se atopa no álbum epónimo de 1999. Nesa canción conta  coa participación de Gloria Estefan, e ademais logo gravaron unha versión en castelán que se incluíu no disco Juegos de Amor co que a banda de Alexandre Pires aterraba no mundo hispanofalante.


A última versión que se fixo de "Oh My Darling, Clementine" é a do gran Neil Young  xunto a súa banda Crazy Horse no álbum Americana (2012) onde o músico canadense repasaba algunha das mellores cancións tradicionais americanas e no que non podía faltar "Clementine".


luns, 21 de abril de 2014

The Surrey with the Fringe on Top

Oklahoma! é un dos músicais máis recordados da época dourada de Brodway. Estreouse por primeira vez en 1943 e dende entón é bastante habitual atopalo na carteleira dos teatros de Nova York. Foi a primeira obra que puxeron en marcha Richard Rodgers e Oscar Hammerstein, que máis tarde haberían de ofrecer ó público outras obras como Carousel, The King and I e tantos outros que os consagrarían coma un dos equipos máis prolíficos á hora de surtir a Brodway con obras imperecedeiras. En Oklahoma! inclúese a peza "The Surrey with the Fringe on Top", unha das máis versionadas, pero que tamén deixou un pouso importante para unha das grandes bandas de rock progresivo, King Crimson.


No debut de King Crimson In the Court of the Crimson King (1969), a canción máis longa do álbum, que sobrepasa os dez minutos, é "Moonchild", unha sorte de loucura composta por varias partes que a fan única. Nunha delas, a banda británica introduce un fragmento de "The Surrey with the Fringe on Top".


Á vez, "Moonchild" inspirou unha das cancións do ábum de Doves The Last Broadcast (2002), concretamente "M62 Song". Como se pode apreciar, a melodía está tomada directamente do tema de King Crimson.


Do mesmo xeito, o rapeiro MIMS seguiu o mesmo procedemento na canción "Doctor Doctor" no álbum co que debutaba Music is My Savior (2007).