martes, 5 de agosto de 2014

Idioteque

Radiohead converteuse nas últimas décadas no gran referente musical sen necesidade de ser nun fenómeno de masas. A diferenza doutros que necesitan un amplo respaldo das vantaxes que ofrece o márkenting, a banda de Thom Yorke goza dunha aura capaz de encandilar á crítica, ós fans e a outros músicos sen renunciar nin unha miga a ese estilo de ir por libre e non casar con ningunha etiqueta que os encaixe nunha determinada tendencia. De feito, son contemporáneos dos grupos que impulsaron o britpop, pero xa daquela Radiohead era algo totalmente diferente. Ademais de ir sempre un paso por diante, a Radiohead hai que agradecerlle que de vez en cando recuperen nas súas cancións as achegas doutros músicos, normalmente descoñecidos para o gran público, e facer visibles a súa obra. En "Idioteque", tema do álbum Kid A (2000), vemos a contribución de dous músicos que nos anos 70 experimentaban coa electrónica.


Un deles é Paul Lansky, que en 1973 compuxo "Mild und Leise", unha obra duns dez minutos, que se redescubriu cando Radiohead a empregou no comezo de "Idioteque".


O outro tema que serve para darlle forma a "Idioteque" é " Short Piece", de Arthur Kreiger, outro compositor que tamén a escribiu durante os anos 70.

luns, 4 de agosto de 2014

Vesti la giubba

Paggliacci é a famosa ópera de Ruggero Leoncavallo que se estreou en Milán en 1892 e que acabou por sobrepasar a sona do seu autor. Esta ópera na que Leoncavallo lles deu todo o protagonismo ós pallasos é coñecida máis aló dos círculos operísticos grazas a aria "Vesti la giubba" coa que remata o primeiro acto. En "Vesti la giubba", Leoncavallo amosa unha das contradiccións que se achacan ós pallasos, é dicir, a súa tristura nunha profesión que ten o obxectivo de facer rir. Cun ton lastimeiro, o dramatismo de "Vesti la giubba" ten unha forza emotiva inmensa, polo que se entende perfectamente que moita xente coñeza a aria pero non a asocie cunha peza de ópera. 


A paixón de Freddie Mercury pola ópera e os xéneros clásicos reflíctese moitas veces na música de Queen, e un exemplo é "It's a Hard Life", do álbum The Works (1984), na que Mercury decide comezar cantando un pequeno fragmento de "Vesti la giubba" antes de dar paso a unha das cancións máis importantes dese disco.

venres, 1 de agosto de 2014

My Cherie Amour

Un dos diamantes que atesouraba a Tamla Motown nos anos 60 era o xovencísimo Stevie Wonder, que cunha creatividade envexable ía medrando dentro da discográfica de Detroit. A pesar de ser un compositor nato, Stevie Wonder tamén contaba coa colaboración dalgúns dos prestixiosos letristas da casa coma Sylvia Moy e Henry Cosby, que asinan xunto a Wonder algunhas das súas mellores cancións desa década. Un deles é o tema que lle dá título ó álbum My Cherie Amour (1969), un fantástico disco que conta coa sorpresa da versión de "Light My Fire" de The Doors. Mais cando se compuxera "My Cherie Amour" uns anos antes, na Motown non deberon de velo moi claro porque pospuxeron a publicación da canción, malia que finalmente déronlle o protagonismo ó titular con ela o undécimo disco de Stevie Wonder.


E como moitas outras cancións de Stevie Wonder, "My Cherie Amour" é unha das máis versionadas, pero ademais, o son que lle imprime o baixo, case como marca da casa Motown, fixo que "My Cherie Amour" estea moi presente noutras cancións de soul posteriores. Unha das que reproduce ese mesmo son é o tema de Aretha Franklin "Until You Come Back to Me", pertencente a Let Me in Your Life (1974).


Outra canción que dalgunha maneira se inspira na de Stevie Wonder é a que leva precisamente por título "Soul Inspiration", de Anita Baker, pertencente ó álbum Compositions (1990).


E Ariel Pink's Haunted Graffiti comeza a canción "Round and Round", de Before Today (2010) cunhas notas de "My Cheire Amour".

xoves, 31 de xullo de 2014

Heiter Bewegt

A música clásica está máis próxima da música de vangarda do que a xente cre. Ou polos menos hai unhas cantas décadas atrás era así e os clásicos, mesmo os clásicos contemporáneos, eran unha referencia incuestionable para os músicos que experimentaban cos sons que proporcionaba a electrónica. A música do compositor alemán Paul Hindemith (1895-1963) era aprezada polos seus paisanos de Kraftwerk, que lograrían certa inspiración nalgunha das súas obras. Concretamente "Heiter Bewegt", ou o que é o mesmo, "Sonata para Frauta e Piano", ía ser unha das favoritas, pois dun pequeno anaco da melodía da sección de apertura, Kraftwerk habería construír unha das súas mellores cancións, "Tour de France".


E é que o fervor que en Francia se sentía pola música de Kraftwerk viuse recompensado en forma de agradecemento cunha canción sobre o gran evento deportivo do país galo. "Tour de France", single de 1983, serviu para pórlle banda sonora á competición máis importante do ciclismo, á vez que establecía un vínculo interesante entre a música e o deporte, especialmente entre techno e ciclismo que haberían de seguir outros. Pensemos por exemplo no que pasou apenas uns anos despois en España, onde Azul y Negro lle puxo música á "Vuelta" con cancións cunha gran repercusión como "Me estoy volviendo loco", que aínda hoxe é a máis recordada. (Por certo, no novo disco de Vetusta Morla La Deriva (2014) hai unha canción titulada "Tour de Francia", pero non garda relación ningunha coa de Kraftwerk e a crítica subliña que é a máis frouxa do álbum).


Volvendo un momento á canción de Kraftwerk, hai que sinalar que "She's Madonna", a canción de Robbie Williams que aparece no álbum Rudebox (2006), escrita polo artista xunto con Neil Tennant e Chris Lowe, está baseada no son da dos alemáns. Pet Shop Boys xa colaboraran antes deste disco con Robbie Williams, xa que na canción "No Regrets" de I've Been Expecting You (1998) Tennant lle fixera os coros.

mércores, 30 de xullo de 2014

Happy

Podería pensarse que na década dos 80 o soul quedara relegado da primeira liña musical, como un xénero en decadencia debido ó importante auxe que collera sobre todo o hip hop, pero nada máis lonxe da realidade. As grandes discográficas aínda conseguían atopar novas voces, algunhas incluso espectaculares que as convencían de seguir renovando un estilo que vivira unha época de esplendor anos antes. Nesa busca permanente aparecen grupos coma o trío de Nova Jersey Surface, dispostos a escribir unha nova páxina na histora do soul, malia que despois a andaina de Surface foi máis ben discreta. No álbum co que debutaron, Surface (1986), apuntaban boas maneiras, especialmente en "Happy", a súa canción máis coñecida de longo. A mágoa é que agora con ese título a xente pensa antes na canción de Pharrel Williams, aínda que iso é outro asunto.


A canción de Surface sufriu unha revisión uns anos máis tarde por parte de R. Kelly, que lle fixo un lavado de cara, a pesar de que non conseguiu mellorala. Co título de "Only the Loot Can Make Me Happy", aparecía no álbum R. (1998), un dos máis exitosos da carreira deste cantante, grazas sobre todo ó incluírse "I Believe I Can Fly", canción principal da película Spacejam (1996), coa que acadou sona en todo o planeta.

martes, 29 de xullo de 2014

You Like Me Too Much

Cando os Beatles editaron Help! (1965) a banda de Liverpool xa se rodeara dun aura de prestixio entre os seus contemporáneos, que non dubidaban en aclamalos como os máis grandes. Pero en realidade Help!, que para nada é un mal álbum, simplemente pechaba unha etapa na andaina dos Beatles, porque apenas uns meses despois coa publicación de Rubber Soul ían situar a psicodelia musical nun primeiro plano ó introduciren as influencias que recolleran na India, e pode dicirse que a partir de aí, si xustificaban con creces as loas que tanto tempo lle dedicaban á vez que o seu son se afastaba das restantes bandas do momento. Por iso, coa perspectiva que dan os anos, Help! semella ás veces un disco menor na discografía dos Beatles cando realmente contén grandes cancións como "Yesterday", "Ticket to Ride" e a que lle dá título. George Harrison contribuíu con tres cancións no álbum, no que o tándem Lennon-McCartney leva o maior peso nas composicións, como é habitual. "You Like Me Too Much" é unha das que leva a sinatura de Harrison.


E sen ser das cancións máis destacadas do disco, o son do piano de "You Like Me Too Much" formou parte da canción "Temporary Like Achilles", doutro grande da época, Bob Dylan. "Temporary Like Achilles" pertence ó álbum Blonde on Blonde (1966).


E cun son en xeral moi parecido a "You Like Me Too Much", The Coral incluíron no álbum Magic and Medicine (2003) a canción "Pass It On".

luns, 28 de xullo de 2014

Madame George

Co segundo disco en solitario, Van Morrison consagrábase definitavemente como un dos mellores músicos de folk rock do momento. Atrás quedaba xa a súa etapa con Them, á que conseguiría eclipsar coa súa brillante traxectoria. Se Blowin' Your Mind! (1967) supuxo unha sorpresa ó comprobar do que era capaz Van Morrison sen o acompañamento do nome dunha banda, Astral Weeks (1968) afondaba aínda máis na idea de estar ante un músico cuxo prestixio só podía ir aumentando cos anos. A combinación de folk, rock e blues queda patente nun traballo equilibrado que habería ser constante en cada álbum do artista irlandés. Unha das cancións máis emblemáticas dese disco é "Madame George", unha sinxela balada, pero cargada dunha gran forza e beleza.


De todos é sabido a tremenda influencia de Van Morrison na música de Bruce Springsteen, como tivemos ocasión de comprobar algunha vez por estes lares. A crítica adoita sinalar que a canción do Boss "Burn to Run", pertencente ó album do mesmo nome editado en 1975, debe parte do seu son ós derradeiros acordes de "Madame George", aínda que de maneira indirecta, polo que as similitudes son practicamente nulas.

xoves, 24 de xullo de 2014

Sparks

Pete Townshend e os restantes membros de The Who estaban dispostos a que o nome da banda quedase gravado nos anais da historia da música e para iso puxeron en marcha un proxecto de ópera rock que ía establecer as bases do rock progresivo e unha nova dimensión para un xénero que xa non se vía coma un residuo subcultural. Cando Tommy (1969) empezou a tomar forma, The Who xa era unha das bandas máis respectadas no ámbito musical, con tres discos publicados que consagraran a The Who como unha das grandes da chamada Invasión Británica. E con todo, The Who preparou o seu cuarto disco como algo máis ca un simple álbum de rock. Calcando a estrutura da ópera, deu lugar ó concepto de ópera rock e Tommy é hoxe unha das obras máis celebradas do rock. Nas vinte e catro cancións que conforman o álbum hai algunha instrumental, coma "Sparks", que non desmerecen do resto.


Coma moitos temas de The Who, "Sparks" tamén soubo deixar a súa pegada noutras cancións coma a de Bad Company "Feel Like Makin' Love", pertencente ó álbum Straight Shooter (1975).


E se a canción de Bad Company débelle  o seu son a "Sparks", a canción de The Presidents of United States of America "Peaches", do álbum epónimo de 1995, tómao de "Feel Like Makin' Love". Unha vez máis, o espíritu de The Who estaba presente nas novas xeracións.