venres, 10 de xullo de 2015

Hollywood (2)

E unha vez máis retomamos unha nova entrega dedicada a cancións que levan o mesmo título ou versan sobre un mesmo contido. Como xa vos prometeramos, hoxe toca a segunda parte de cancións sobre "Hollywood", ese lugar que representa os soños. E arrancamos con "Hollywood Nights", canción de Bob Seger, do álbum Stranger in Town (1978).


Outra canción co título de "Hollywood" é o de Nickelback, pertencente a Silver Side Up (2001), co que moita xente coñeceu á banda de Chad Kroeger.


A raíña do pop, a indescritible Madonna, tamén lle dedicou unha canción a "Hollywood" en American Life (2003), que saíu como segundo single.


Moitos grupos de grunge teñen querencia por contar na súa discografía unha canción "Hollywood". Á de Nickelback haille que engadir á de Collective Soul no álbum Afterwords (2007), aínda que máis rock ca son grunge.


"Hollywood" chámase tamén a canción que abre o álbum epónimo de Codeine Velvet Club (2009).


E ó igual que no debut de Codeine Velvet Club hai unha canción co título de Hollywood, ocorre outro tanto co de Marina and the Diamonds The Family Jewels (2009).

xoves, 9 de xullo de 2015

More, More, More

Na época dourada da música disco, alá polos setenta, moitas mozas comezaron a súa carreira musical apostando por este xénero, pero só unhas poucas acadarían un recoñecemento coma raíñas da pista de baile máis alén daqueles anos. É o caso de Donna Summers e Gloria Gaynor, pero o nome de moitas outras quedou no esquecemento ó pasar o tempo da música disco. O de Andrea True Connection foi un dos tantos que non sobreviviu á voráxine e a súa andaina na música rematou a comezos dos oitenta con só tres álbums no mercado, e aínda que en 1995 editou un single que anunciaba a súa volta, non tivo o éxito suficiente para que esta se fixese realidade. En calquera caso, sempre nos quedará o seu maior éxito "More, More, More", que lle deu título ó primeiro álbum e que se publicou en 1976.


Con moita probabilidade, Andrea True animouse a retomar a súa carreira na música ó ver que cada pouco tempo aparecía algunha nova versión de "More, More, More". Unha das últimas foi a de Bananarama en Please Yourself (1993), que a adaptou o son dance dos noventa.


Con algún eco de "More, More, More", Saint Etienne incluía no álbum Tiger Bay (1994) a canción "Hug My Soul".


E baseada totalmente na canción de Andrea True Connection, Len editou o single "Steal My Sunshine", pertencente a You Can't Stop the Bum Rush (1999).

mércores, 8 de xullo de 2015

Mercy Street

No seu quinto álbum en solitario, So (1986), Peter Gabriel incluíu algunhas das cancións máis memorables da discografía do ex líder de Genesis, coma é o caso de "Sledgehammer", "Don't Give Up" e "Red Rain", xunto con outras tan marabillosas como as anteriores, que amosan a un Gabriel plétorico tanto á hora de compór como logo na interpretación. Producido polo propio Peter Gabriel e Daniel Lanois, tamén forma parte de So "Mercy Street", que sen chegar a ser single, acostuma a ser unha das cancións favoritas dos fans de Peter Gabriel. O músico inspirouse na obra do mesmo nome de Anne Sexton para este tema.


Los Secretos acaban de publicar un álbum de versións co nome de Algo prestado (2015) onde adapatan ó castelán doce cancións de artistas e grupos que marcaron a súa carreira como Jackson Browne, Foreigner e outros máis recentes coma Fountains of Wayne. A versión que fixeron de "Mercy Street" titulárona "Calle Compasión" e quedoulles así de ben.

https://youtu.be/jB0bRgpP6B0

martes, 7 de xullo de 2015

Low Rider

War foi unha das bandas que afianzou o son funk desde os anos sesenta. En plena voráxine deste na década seguinte, War converteuse nunha referencia para outros grupos que estaban comezando. A presenza de Eric Burdon fora un verdadeiro impulso nos primeiros anos, pero trala marcha do ex líder de The Animals, a banda seguiu medrando ata reinar en tódalas listas durante varios anos consecutivos antes de que Burdon volvese formar parte de War nun novo disco. En Why Can't We Be Friends? (1975), o último antes da volta de Burdon, War incluíu un trallazo como "Low Rider", composto por toda a banda e o produtor Jerry Goldstein.


Os Beastie Boys foron dos primeiros en sacar proveito desta canción de War, e xogando co título da orixinal, a súa canción chámase "Slow Rider" e pertence ó álbum Licensed  to III (1986).


The Ziggens tamén souberon botar man dalgún dos sons de "Low Rider" na canción instrumental "Surfin' Buena Park", do álbum Pomona Lisa (1998).


Outra banda que lle sacou partido a "Low Rider" foi Reverend and The Makers na canción "Silence Is Talking", que abre o segundo álbum da banda inglesa, A French Kiss in the Chaos (2009).

luns, 6 de xullo de 2015

Storm King

Bob James é un dos músicos innovadores de jazz dos anos setenta que soubo modernizar este estilo para amoldalo ós novos tempos sen perder un ápice da súa esencia. A través da fusión con outros estilos, a proposta jazzística de Bob James atopou decontado con novos adeptos e achegou a maxia do jazz a sectores musicais que ata daquela non lle prestaran demasiada atención a un xénero que vivira os seus mellores tempos durante os felices anos vinte. Coa súa particular maneira de interpretar o jazz, James atraeu cara a súa obra a sectores do funk, do R&B, do soul e do hip hop que aínda seguen vendo na súa música unha fonte inesgotable de influencia. "Storm King" é unha das cancións do álbum Three (1976).


Un claro exemplo desta influencia que exerce Bob James pode apreciarse na canción de New Edition "Hit Me Off", do álbum Home Again (1996), baseada en "Storm King".

venres, 3 de xullo de 2015

Sun (3)

E agora que chegou o verán ó hemisferio norte, volvemos retomar unha nova entrega monográfica sobre o sol. Polo tanto, velaquí tendes outras seis cancións que conteñen a palabra "sun" no título e que nos serve de excusa perfecta para presentárvolas. Oxalá vos gusten. Empezamos con "Sun Is Shining" de Bob Marley, incluída no álbum Kaya (1978).


Outra da que tamén nos acordamos é a de Manic Street Preachers "You Stole the Sun from My Heart", canción pertencente a This Is My Truth, Tell Me Yours (1998).


The Libertines tamén nos sorprenderon con "Don't Look Back into the Sun", single que a banda inglesa editou en 2003.


Nesta selección de temas coa palabra "sun" no título non podía faltar a marabillosa canción de Queens of Stone Age "My God Is the Sun", single de lanzamento de ...Like Clockwork (2013).


No compilatorio de grandes éxitos que Keane editou en 2003 co título The Best of Keane está a canción inédita "Higher Than the Sun".


E rematamos cun tema do máis recente, "Seven Suns", de Raury, un músico estadounidense que editou o seu primeiro álbum no pasado agosto, Indigo Child (2014) e no que se atopa esta fantástica canción que agora se empeza a coñecer en todo o mundo.

xoves, 2 de xullo de 2015

Something Stupid

A Carson Parks non lle ía demasiado ben a súa aventura na música a comezos dos sesenta. Pasou por unhas poucas bandas, intentou facer un dúo co seu irmán e tamén probou en solitario, pero de ningunha desas maneiras acababa por conseguir unha ansiada estabilidade. Ó pouco de casar con Gaile Foote, Parks preparou as cancións precisas para compór un álbum e gravounas coa súa dona, baixo o nome artístico Carson & Gaile. Así, en 1966 vía a luz San Antonio Rose, o traballado disco do matrimonio. En realidade, San Antonio Rose non contén ninguha canción memorable, pero unha delas, "Something Stupid", chamou a atención de Frank Sinatra, que non tardou moito en gravala acompañado da súa filla Nancy.


A versión de Frank Sinatra e de Nancy, publicada no álbum The World Knew (1967), acaparou unha enorme popularidade borrando case por completo a versión orixinal de Carson e Gaile. Certo é que anos despois, Robbie Williams decidiu facer unha nova versión ó lado da actriz Nicole Kidman, tamén moi exitosa, pero que apenas achega nada novo á da familia Sinatra.


Resulta curioso como ás veces as escalas melódicas unen cancións de estilos totalmente diferentes. A canción de The Replacements "Swinging Party", pertencente a Tim (1985), contén certas reminiscencias de "Something Stupid" nalgún dos tramos da canción.


O parecido é máis evidente, se cabe, na versión que Lorde realizou de "Swinging Party" en 2013, na cara B do single "Tennis Court".

mércores, 1 de xullo de 2015

Couldn't Get It Right

A canción que máis lonxe chegou de Climax Blues Band foi, sen dúbida, "Couldn't Get It Right", pertencente ó álbum Gold Plated (1976). Para entón esta banda inglesa levaba anos publicando discos sen que ningún deles collera demasiada relevancia nin en Gran Bretaña nin en Estados Unidos, ata que por fin, a sorte sorriulles ó incluír no seu noveno álbum "Couldn't Get It Right", esa prezada canción coa que Climax Blues Band puido perpetuar o seu nome na historia da música.


Fun Lovin' Criminals fixo unha versión tirando máis cara ó funk, no álbum de rarezas Mimosa (1999), onde ademais de versións de temas alleos a banda neoiorquina incluía remixes de temas propios e caras B que non se compilaran antes en ningún álbum de Fun Lovin' Criminals.