mércores, 27 de marzo de 2013

Nocturno Op. 9 nº 2

A música clásica sempre foi unha fonte de inspiración para a música moderna, sobre todo a que se fixo século XX, onde os compositores clásicos se atreveron a innovar no posible un estilo cuxas regras son bastante estrictas e deixan pouca marxe para novos inventos e aínda así se conseguiron grandes resultados, decisivos para o desenvolvemento do rock. Pero tamén os músicos buscaron influencias nos grandes coma Beethoven, Mozart e Bach, sen deixar de lado ó protagonista da entrada de hoxe: Fryderyck Chopin, un dos mellores pianistas da historia xunto con Liszt, outro coñecido para os amantes do rock alternativo. Un dos maiores legados que nos deixou Chopin foron os seus nocturnos. O que vos presentamos hoxe, "Nocturno Op. 9 nº 2" en mi bemol maior, revive no final dunha canción recente.


Esa canción recente é "United States of Eurasia" coa que Muse deu a coñecer o seu quinto álbum The Resistance en 2009. Conta cunha parte final instrumental con título propio "Collateral Damage" baseada no nocturno de Chopin que vimos antes. A estrutura da canción enteira é claramente un tributo a toda a música clásica na que se apreicia a formación neste estilo de  Matt Bellamy.

luns, 25 de marzo de 2013

La Senda del Tiempo

A banda vallisoletana Celtas Cortos comezou a súa andaina musical cando os seus integrantes aínda estaban no instituto, pero pouco a pouco foron facéndose un oco na escena pop rock española cun son folk, que   nos anos 80 resultaba bastante innovador nunha escena musical que se caracterizaba por non arriscar demasiado no contexto musical. O primeiro traballo Salida de Emergencia (1989) de Celtas Cortos eran pezas instrumentais e lograron chamar a atención do gran público. Xa co segundo, Gente Impresentable (1990) introduciron as letras, que nunca haberían de pasar desapercibidas na banda de Jesús Cifuentes. Cun forte componente social, nunca renunciaron ós grandes temas de sempre coma o amor, a soidade, etc. "La Senda del Tiempo", unha das súas cancións máis lembradas é todo un himno á melancolía, unha nota que non é o máis habitual atopar na longa traxectoria de Celtas Cortos.


É tan pouco habitual que Celtas Cortos lle canten á melancolía que cando presentaron "Lluvia en Soledad", unha das cancións do álbum Tranquilo Majete (1993), moitos non puideron evitar ver nela unha segunda parte de "La Senda del Tiempo". Outra balada melancólica que repite esquema, pero que demostra que os rapaces de Celtas Cortos saben emocionar como ninguén co seu son folk.

venres, 22 de marzo de 2013

Tell Me to My Face

The Hollies forman parte desa listaxe de bandas británicas dos anos 60 que axudaron a escribir unha páxina memorable no rock. Procedentes de Manchester, foron medrando na escena inglesa tocando nos clubs de moda do momento coma o famoso Cavern de Liverpool. Malia os continuos cambios na formación, a lenda de The Hollies segue intacta. For Certain Because foi o segundo disco que publicaron en 1966, o quinto en toda a carreira de The Hollies, que contén "Tell Me to My Face".


A mesma melodía de "Tell Me to My Face" atopámola na canción de Alice Cooper "Billion Dollar Babies", que ademais lle dá título ó album de 1973 da banda de Vincent Damon Furnier.

xoves, 21 de marzo de 2013

Turn the Page

A prolífica carreira de Bob Seger comezou a finais dos anos 60. En 1973 publicou o seu sexto disco Back in '72, un dos seus mellores traballos que contén  "Turn the Page", unha das cancións máis emblemáticas de Seger, malia que no seu momento pasou inadvertida sendo un dos singles de Back in '72. Mais tres anos despois Seger editou Live Bullet (1976), un disco en concerto onde recuperaba "Turn the Page" e a partir desa versión en directo, a canción colleu a popularidade da que hoxe desfruta.


Das versións que ten, destaca de xeito notable a que Metallica realizou en 1998 no álbum Garage Inc. e que tamén nos encanta.


Pero ademais de versións, "Turn the Page" tamén inspirou algunha que outra canción, como é o caso de "Wanted Dead or Alive", de Bon Jovi, pertencente ó disco Slippery When Wet (1986).

http://www.goear.com/listen/035c98e/wanted-dead-or-alive-bon-jovi

Tamén influíu de xeito notable na canción de 3 Doors Down "Landing in London", do álbum Seventeen Days (2005) no que colabora propio Bob Seger.

http://youtu.be/6ca_6Evj7Fs

mércores, 20 de marzo de 2013

Remember (Walking in the Sun)

Era o ano 1964 cando un grupo de catro mozas baixo o nome de The Shangri-Las ía obter o seu primeiro grande éxito "Remember (Walking in the Sun)" baixo o auspicio do seu produtor e compositor de cabeceira George "Shadow" Morton. Comezaba así a brillante andaina das Shangri-Las, un dos grupos femininos de pop máis influentes de tódalas décadas, xa non só na música pop, senón mesmo no rock.


Unha das versións máis impactantes desta canción e posiblemente a máis recordada é a de Aerosmith en 1979. A banda de Steven Tyler, caracterizada polo seu son de hard-core, non dubidou en trasladar a este estilo a canción das Shangri-Las no álbum Night in the Ruts, que contou ademais coa participación nos coros de Mary Weiss, unha das integrantes das Shangri-Las.


Mais esta canción asinada por Morton tamén lle serviu de inspiración ó compositor sueco Jens Lekman para o seu tema "A Sweet Summer's Night on Hammer Hill" en 2006.

martes, 19 de marzo de 2013

She's in Fashion

De vez en cando, botámoslle unha ollada a cancións dun mesmo artista ou grupo que teñen algunha similitude entre si. De momento, xa vimos algúns casos como o de Van Morrison e o de Mike Oldfield, que ó longo das súas dilatadas carreiras, víronse na necesidade de repetir esquemas melódicos que eles mesmos crearan para renovalos nunha nova canción. No entanto, o caso de Suede é algo máis especial, xa que no cuarto disco da banda de Brett Anderson Head Music (1999) hai dúas cancións que comezan cos mesmos acordes, apenas son só uns segundos, para que o oínte non saiba de primeiras que canción está soando. Ámbalas dúas foron singles. O primeiro, "She's in Fashion".


O single que seguiu a "She's in Fashion" foi "Everything Will Flow", no que parece unha brincadeira para desconcertar os seus seguidores. Pero sen dúbida, tanto unha canción como a outra, representan o mellor estilo de Brett Anderson.

luns, 18 de marzo de 2013

Doesn't Mean Anything

Do mesmo xeito que o seu terceiro traballo, Alicia Keys presentou o cuarto The Element of Freedom (2009) cun single que se caracterizaba polo son da batería e do piano. Se en 2007 foi "No One" o adianto de As I Am, dous anos despois "Doesn't Mean Anything" repetía unha fórmula semellante que lle garantía o éxito á cantante neoiorquina. Confirmábase así que o talento de Alicia Keys era xa dos máis prestixiosos en Estados Unidos e aquela moza que marabillara tanto ó público como á crítica co seu debut en 2001 non quedara só nunha promesa. E é que Alicia, ademais de cantar estupendamente, é unha reputada compositora e música.


Un ano despois da publicación do terceiro álbum de Alicia Keys, debutaba no panorama musical Peter Hernández, baixo o nome artístico de Bruno Mars co álbum Doo-Woops & Hoolingans (2010) e non deixou indiferente a ninguén. Os seus movementos no escenario lembraban moito ós do desaparecido Michael Jackson e moitos non dubidaron en sinalalo como o herdeiro do rei do pop, que había só un ano que falecera. Por se fose pouco, o primeiro single "Just the Way You Are" ten un son parecido ó da canción de Alicia Keys, e con estas boas referenciaso facíase inevitable non estar atento a este mozo disposto a revolucionar o pop.

venres, 15 de marzo de 2013

Hash Pipe

Unha das bandas máis repectadas no panorama rock alternativo dos Estados Unidos é Weezer. A banda anxelina formada por Rivers Cuomo, Patrick Wilson, Brian Bell e Scott Shriner deixou moi boas sensacións co seu debut en 1994 onde homenaxeaban a Buddy Holly nunha canción que lle abriu as portas do éxito, pero sería en 2001 coa publicación do terceiro disco cando Weezer deixou de ser unha banda semidescoñecida no resto do mundo. Co nome de Weezer, este terceiro disco tamén é coñecido como The Green Album por ser a cor verde a  da portada. A gran canción deste álbum é "Island in the Sun", que se empregou nalgunhas campañas publicitarias e incrementou a popularidade do grupo, pero ademais desa canción tamén destaca "Hash Pipe".


A finais do verán de 2004 presentábase o primeiro single do álbum co que Gwen Stefani debutaba en solitario, deixando de lado momentaneamente No Doubt, a banda coa que chegou ó estrelato. Había moita expectación, pois en escoitar "What You Waiting For?" e o primeiro que sorprendeu foi que tivese unha parte da melodía tan parecida á da canción de Weezer. O álbum Love, Angel, Music, Baby publicouse finalmente en novembro de 2004.

xoves, 14 de marzo de 2013

Girls and Boys

Parklife, o terceiro disco que Blur publicou, foi en primeiro en ter repercusión máis aló de Gran Bretaña, malia que os anteriores traballos tamén se editaron en Estados Unidos. Era o ano 1994, cando o britpop vivía en pleno apoxeo, e a banda de Damon Albarn estaba aí como unha das pezas clave dese fenómeno. O feixe de cancións de Parklife serve moi ben para entender ese momento de esplendor no pop inglés, se ben é verdade que a música británica nunca tivo unha mala época. Ábrese con "Girls & Boys", todo un trallazo e unha das mellores cancións asinadas por Albarn.


Xa temos comentado nalgunha ocasión a influencia que supuxo a música de David Bowie para o son de Blur. Por iso, non deixa de resultar abraiante que no álbum do Duque Branco Reality (2003), o último antes do recente The Next Day, que sae este mes, o primeiro single, "New Killer Star", teña un son tan parecido a "Girls & Boys". Semella que dalgún xeito, Bowie lle estivese agradecendo a Blur que recolleses a súa herdanza musical.

mércores, 13 de marzo de 2013

Cuano agosto era 21

A canción protesta de denuncia social sempre foi o leiv-motiv central dos cantautores, un tipo de artistas que coa súa arte denunicaban situación sociais inxustas. En Hispanoamérica, o movemento dos cantautores durante os anos 60 e 70 tivo unha enorme presenza. En Chile, Fernando Urbiego foi dos máis activos e aínda hoxe segue publicando discos. "Cuando Agosto Era 21" é unha das súas cancións máis coñecidas, publicadas en 1978 no disco en directo Urbiego en Vivo.


En 2007, Urbiego demandou o grupo español de folk metal Mägo de Oz polo suposto plaxio deste tema en "Para Ella", unha canción que Mägo de Oz publicou no seu álbum Rarezas Auténticas.

martes, 12 de marzo de 2013

Takk

Dende que Björk conquistou á crítica musical e ó gran público a mediados dos 80, Islandia deixou de ser un país musicalmente descoñecido. Os sons innovadores da música de Björk pronto tiveron continuación no grupo liderado por Jònsi Birgisson, Sigur Rós, que sen renunciar ó seu islandés natal, crearon auténticos himnos que parecen sacados dos lugares máis relaxantes do mundo. Takk (005) é o cuarto disco de Sigur Rós, que se abre coa canción que lle dá título ó disco, unha peza instrumental de apenas dous minutos coa mellor esencia dos islandeses.


Un dos grandes fans de Sigur Rós é Chris Martin, sempre atento a calquera movemento innovador que aparece no mundo da música. Tanto é así que Coldplay emprega "Takk" nas primeiras notas do tema "Princess of China", un dos singles do último disco que Coldplay publicou: Mylo Xiloto (2011) no que colabora a cantante Rihanna.


luns, 11 de marzo de 2013

Strange World

A entrada de hoxe vai dedicada a un deses artistas que triunfaron na música cun só éxito. Trátase do cantautor americano de orixe francesa Kevin Grivois, máis coñecido polo alcume de Ké, co que se deu a coñecer no mundo do rock alternativo. O seu álbum de debut, publicado en 1996 co título de I Am [ ]  foi tamén o máis vendido grazas o single que se lanzou a finais de 1995 e que se chama igual que unha canción de Iron Maiden "Strange World", malia que nin a letra, nin a melodía, nin o estilo teña nada que ver coa banda de heavy metal. Como noutros moitos casos por desgraza, o peso foi tal que os traballos posteriores de Ké non tiveron nin de lonxe a repercusión de "Strange World".


Pero como toda boa canción que pasou á historia, a canción de Ké comeza a ter algunha versión, e a primeira vén da man da banda finesa HIM. Ville Valo non puido resistir a tentación de facer unha versión para o último recompilatorio XX- Two Decades of Love Metal (2012).

venres, 8 de marzo de 2013

Even Better than the Real Thing

U2 acadou as cotas máis sublimes da música coa publicación de Achtung Baby en 1991. Se todo o traballo anterior fora alabado tanto polo público como pola crítica, o sétimo álbum da banda irlandesa marcou un antes e un despois, converténdose no disco que calquera artista lle gustaría gravar. Por iso non sorprende que moitas das cancións dese disco sexan todo un referente, non só para indicar o mellor de U2, senón tamén por que moitas outras bandas e artistas se fixaron especialmente en Achtung Baby na procura de inspiración. Por exemplo "Even Better than the Real Thing", que non é das cancións máis importantes, tamén serviu de inspiración no seu momento.


En 1992, xusto cando Achtung Baby dominaba as listas de vendas, unha banda de Wigan, de nome The Verve, formada uns anos antes e á espera de lanzar un disco de longa duración que vería a luz un ano despois, sacaban ó mercado o single "All in the Mind", claramente inspirada na canción de U2. Por sorte, a banda de Richard Ashcroft conseguiría moi pronto un son propio.

xoves, 7 de marzo de 2013

Ooh La Hot Love

Hoxe imos ver outra canción que xurde da combinación doutras dúas que, en aparencia, son moi diferentes entre si. Trátase de "Ooh La Hot Love" de The Fratellis, unha mestura entre T. Rex e Goldfrapp. A canción da banda de Marc Bolan é naturalmente "Hot Love", un single de 1971 que non apareceu en ningún álbum de estudio, pero que contén o melloriño do son que tanto caracterizou a T. Rex.


A canción de Goldfrapp que lle facilita á composición a The Fratellis é "Ooh La La", do álbum Supernature (2005), unha canción que á vez, moitos críticos sinalan un certo parecido co tema de Norman Greenbaum "Spirit in the Sky", do álbum do mesmo título, publicado en 1969. Antes de pasar a Goldfrapp, imos entón con este pioneiro do glam rock.


A canción de Goldfrapp "Ooh La La" soa así.


E así é o resultado que lle quedou a The Fratellis ó mesturar a T. Rex e a Goldfrapp en 2007. 

mércores, 6 de marzo de 2013

Straight to Hell

Combat Rock , o quinto disco de The Clash e que se editou en 1982, é posiblemente o mellor traballo da banda de Joe Strammer. Na mesma liña que os anteriores, Combat Rock contén letras de corte político e social combinda co punk máis influente de comezos dos 80 con toques de New Wave. A canción máis representativa é "Should I Stay or Should I Go", que se editou como cara B de "Straight to Hell". Esta última non goza de tanta popularidade, pero é unha das máis versionadas de The Clash.

A versión máis importante deste tema é o que gravou Lily Allen xunto o componente de The Clash Mick Jones en 2009 para o disco compilatorio War Child: Heroes.

Mais non só se fixeron versións. "Straight to Hell" foi empregado como sample por M.I.A. no seu tema "Paper Planes" no álbum Kala de 2008.

martes, 5 de marzo de 2013

Mrs. Robinson

O dúo folk formado por Paul Simon e Art Garfunkel xa gozaba do favor do público cando os produtores da película "O Graduado" elixiron unha das súas cancións para a banda sonora deste filme protagonizado por Dustin Hoffman e Anne Bancroft en 1967. "Mrs. Robinson" retrata como ninguén o personaxe principal da película e contribuíu de maneira notable á popularidade da película, á vez que se convertía nunha das cancións referente de Simon & Garfunkel, que a recollerían no álbum Bookends de 1968.


As versións non tardaron en aflorar e non só en inglés. En 1968, no mesmo ano da publicación de Bookends, o grupo italiano I Royals presentaba "Mrs. Robinson" vertida á súa lingua natal polo cantautor Francesco Guccini.


Mais nos anos 90, The Lemonheads renovou o son de "Mrs. Robinson" cunha versión rock que achegou este clásico a unha xeración máis nova. Está incluída no álbum It's a Shame About Ray (1992).


luns, 4 de marzo de 2013

Closer Now

No ano 2000 púxose en funcionamento en Reino Unido unha nova banda de pop rock na escena independente co nome de Keane. Composta por Tom Chaplin, Dominic Scott, Tim Rice-Oxley e Richard Hughes, Keane comezou lanzando singles uns anos antes de que conquistasen ó gran público co seu primeiro álbum Hopes and Fears, de 2004. O single co que debutaron foi "Call Me What You Like", aínda que unha das mellores cancións se atopaba na cara B deste single. "Closer Now".


Curiosamente, pese a estar na cara B dun single e non estar recollida posteriormente en ningún disco, "Closer Now" conta cunha versión de nada máis e nada menos que Annie Lennox, malia que pode parecer unha canción diferente, xa que a ex componente de Eurythmics titulou de forma diferente a súa versión, que se chama "Pattern of My Life". Está incluída no recompilatorio de grandes éxitos The Annie Lennox Collection, publicado en 2009.

venres, 1 de marzo de 2013

Smiling Faces Sometimes

Nos anos 60 e 70 a Tamla Motown podía sentirse orgullosa de contar cunha nómina de compositores envexable que conseguía que case calquera canción se convertise nun éxito nalgún dos artistas desta mítica discográfica. Unha desas estrelas da pluma era Norman Whitfield, autor dun sinfín de cancións que hoxe forman a historia da música. Xunto con Barret Strong, formou un tándem que deu á música algún dos seus mellores momentos. "Smiling Faces Sometimes" é unha desas composicións clásicas da Motown, gravada por primeira vez en 1971 por The Temptations, un dos buques insignia da discográfica.


A pesar da excelente interpretación dos Temptations, a versión non acabou de convencer a Whitfield, que tamén era o produtor habitual, e ese mesmo ano aparecía no mercado unha nova versión, esta vez coas voces de The Undisputed Truth nun disco epónimo.


Unha das versións posteriores máis destacadas é a que gravou Joan Osborne coa colaboración de Isaac Hayes no seu álbum de versións How Swett It Is (2002).


Pero volvendo unha vez máis ás primeiras versións editadas pola Motown, o seu son non pasou desapercibido e un ano despois, en 1972 The O'Jays publicaban "Back Stabbers", cuns arranxos moi semellantes ó tema de Whitfield. Incluído no álbum Back Stabbers, tamén se converteu en todo un referente.


A principal versión da canción dos O'Jays é a de Tina Turner no álbum Love Explosion (1979).


"Back Stabbers" foi sampleada nunhas cantas ocasións. Quizais a mellor canción na que se empregou como sample sexa a do trío TLC no tema "Case of the Fake People", do seu aclamado disco Crazy, Sexy, Cool (1995).