xoves, 13 de decembro de 2012

Stairway to Heaven

Como se pode facer unha obra de arte a partir de retrincos doutras cancións? Esa é a gran pregunta que só poden contestar os xeniais Jimmy Page e Robert Plant. Os principais componentes de Led Zeppelin demostraron con "Stairway to Heaven" que son uns auténticos alquimistas á hora de transformar restos de melodías nun son capaz de transcender o rock. Precisamente a canción máis emblemática de Led Zeppelin, xunto con "Whole Lotta Love" fixo que Plant e Page gañasen sona de copións polos sectores máis críticos que vían nestas cancións unha falta absoluta da orixinalidade necesaria en toda creación artística. Mais a grandeza de Led Zeppelin é tal que se souberon sobrepoñer a calquera crítica converténdose nun referente indiscutible para innumerables artistas que viñeron detrás, especialmente as bandas dedicadas ó heavy metal. Por se fose pouco, Led Zeppelin IV (1971), o álbum no que se inclúe "Stairway to Heaven" contén verdadeiros riffs de guitarras e sons que se poden rastrexar en cancións anteriores, como xa vimos nalgunha ocasión. En calquera caso, hoxe imos botarlle unha ollada a eses temas que, en certa medida, fixeron posible que "Stairway to Heaven" sexa hoxe o clásico que coñecemos. O primeiro é "Taurus", de Spirit, do álbum epónimo de 1968.


O segundo é a canción de The Chocolate Watch Band "And She's Lonely", do álbum One Step Beyond (1969).

http://youtu.be/Noxzn3RJjn4

O último retrinco é a versión do tema de Arthur Hamilton "Cry Me a River", que fixo Davy Graham no álbum The Guitar Player (1963). Os primeiros acordes de "Starway to Heaven" desde logo parécense moito.

http://youtu.be/S-2xz-ddK2s

E xa que estamos con "Cry Me a River", podemos botar unha escoita á versión orixinal de Arthur Hamilton, de 1953.

http://youtu.be/85WQz6PGtWw

E por suposto, non imos deixar atrás o tema estrela "Stairway to Heaven". Velaquí o resultado da mestura das cancións anteriores, unido ó talento de Jimmy Page.


mércores, 12 de decembro de 2012

California Girls

Agora que apreta o frío de decembro non vén nada mal retomar a música de The Beach Boys, que tanto nos recorda o verán. A banda californiana fundada por Brian Wilson e mailos seus irmáns Carl e Dennis xunto co seu curmán Mike Love e Al Jardine crearon un estilo propio a mediados 50 inspirado no surf e nas praias da Costa Oeste dos Estados Unidos con retrousos repetitivos e un ritmo elástico que non estaba exento de certa complexidade técnica. A música de The Beach Boys, banda sonora por excelencia do verán, é das máis influentes da época e mesmo os propios Beatles recoñeceron que Brian Wilson e compañía eran un dos seus referentes. "California Girls", do álbum Summer Days (And Summer Nights!!), de 1965 é unha das cancións máis celebradas.


Unha das primeiras cancións que máis claramente se inspiraron en "California Girls", sobre todo na letra, é o éxito de Cheap Trick "Southern Girls" do álbum In Color (1977). A canción creada por Rick Nielsen, guitarrista de Cheap Trick e o baixista Tom Petersson remarca as ideas expresadas na canción dos Beach Boys.


Aínda que para versión de "California Girls", destaca a de David Lee Roth do EP de 1985 Crazy from the Heart. O integrante de Van Halen contou coa colaboración nos coros de Carl Wilson.


Pero a polémica saltaría en 2010 co single de Katy Perry "California Gurls", do álbum Teenage Dream onde calca a letra en determinados momentos da canción. O feito de que no título Girls se escriba Gurls é unha consecuencia para evitar confusións co clásico dos Beach Boys.

martes, 11 de decembro de 2012

Go to the Mirror!

En plena expansión do rock a finais dos 60, as bandas máis innovadoras comezaron a xogar con xéneros tan clásicos como a ópera e así xurdiu un novo formato: a ópera rock, onde o son dos violíns e dos trombóns se trocaron polo das guitarras e dos baixos. The Who foron dos primeiros en explotar esta opción cun álbum conceptual titulado Tommy en 1969, que seguía os patróns da ópera: unha narración, pero esta vez contada en dezasete cancións, que se acabou traducindo en dúas versións sinfónicas en 1971 e1972; e nunha película en 1975. A experencia foi tan positiva para Pete Townshend que repetiu a idea en Quadrophenia, álbum de 1973. "Go to the Mirror!" é o corte 5.


Pois resulta que Tommy está máis de moda ca nunca, alomenos no panorama rock español. E é que hoxe ponse á venda o novo álbum de Barón Rojo, Tommy Barón, o tributo que a mítica banda de heavy metal lle fai ó álbum de The Who. Barón Rojo verteu tódalas cancións ó castelán cun resultado excelente como ben se pode apreciar no adianto "Hacia el Espejo".



luns, 10 de decembro de 2012

21st Century Schizoid Man

O rock progresivo viviu unha época de esplendor a finais dos 60 e comezos dos 70 da man dunha serie de bandas que procuraron levar o son rock a uns límites inimaxinables. Unha desas bandas foi King Crimson, formada polos irmáns Giles, Michael e Peter, que xunto cos seus compañeiros Robert Fripp, Greg Lake e Ian McDonald, lograron un virtuosismo moi difícil de acadar. En 1976 publicaron o seu cuarto disco A Young Persons Guide que contén "21st Century Schizoid Man", un tema onde as guitarras son as grandes protagonistas. Leva a asinatura de Peter Sinfield, letrista habitual de King Crimson.


Kanye West, o mellor cantante de hip-hop dos últimos tempos, incluíu un sample deste tema na súa canción "Power" do álbum My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010), toda unha obra mestra deste xénero. Hai que engadir que un dos grandes méritos de Kanye West é o pouco uso que fai de samples nas súas  propias creacións, algo que non repercute de maneira negativa na súa traxectoria.

venres, 7 de decembro de 2012

Mony, Mony

Tommy James and the Shondells é unha banda que sempre hai que citar cando se fala da música bubblegum, ese estilo entre o pop e o rock psicodélico que tan de moda estivo nos 60. Caracterizado por unhas melodías bailables e un ritmo alegre, a banda de Tommy James atopou un oco con este son que os habería de catapultar ós primeiros postos das listas de vendas. Os seus maiores éxitos son "Crimson and Clover" e "Mony, Mony", esta última moi coñecida pola versión de Billy Idol. Está incluída no álbum do mesmo nome, publicado en 1968.


E como xa comentamos, "Mony, Mony" pervive na memoria colectiva grazas á versión de Billy Idol, que apareceu no EP  Don't Stop, de 1981.


Cando as Bangles publicaron en 1988 o álbum Everything e foron coñecéndose as cancións que o integraban, algúns críticos sinalaron que o tema "In Your Room" tiña un ritmo que lembraba algo a "Mony, Mony", malia que as posibles semellanzas non parecen afectar en gran parte á orixinalidade da canción.



mércores, 5 de decembro de 2012

Over the Rainbow

Onte tivemos a oportunidade de escoitar o sensacional popurri que Israel Kamakawiwo'ole fixo de dous clásicos indiscutibles: "What a Wonderful World" e "Over the Rainbow"; así que era case obrigatorio dedicarlle a entrada de hoxe á canción central da banda sonora do Mago de Oz, a película de 1939 que inmortalizou a Judy Garland no papel de Dorothy. Esta balada está escrita por E.Y. Harburg, que se encargou das letras, mentres que a música está asinada por Harold Arlen. A súa popularidade é tal que é moi difícil quedar cunha soa versión, xa que practicamente as atopamos en case tódolos estilos musicais habidos e por haber.


Unha das mellores versións é a de Jerry Lee Lewis. Un dos pioneiros do rock n' roll non se resistiu o encanto deste clásico e en 1980 gravouna no álbum Killer Country.


Xa vimos onte a homenaxe que Joey Ramone lle ofrecía o tema de Louis Armstrong, algo nada novo a preferencia de The Ramones polos clásicos, xa que tamén gravaron unha versión de "Over the Rainbow".


A importancia de "Over the Rainbow" tamén se deixou notar no retrouso de "Starman", de David Bowie. A canción pertence ó famoso álbum de 1972 The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars.

http://youtu.be/tRcPA7Fzebw

Por acabar con este escaso repaso das versións, ofrecémosvos a de Mägo de Oz. O grupo de folk métal fixo unha curiosa interpretación baseada na de Israel Kamakawiwo'ole no álbum Belfast (2004).


martes, 4 de decembro de 2012

What a Wonderful World

Poucas cancións teñen un encanto tan permanente como "What a Wonderful World", a canción que Bob Thiele e George David Weiss escribiron para Louis Armstrong. O xenial trompetista interpretouna nun álbum homónimo que se publicou en 1967 convertíndoa nun clásico, xa que a súa letra invita de maneira indiscutible ó optimismo nunha época en que nos Estados Unidos se loitaba polos dereitos da poboación negra. Curiosamente, ten un título semellante "Wonderful World", a canción de Sam Cooke de 1960, unha das máis lembradas do malogrado cantante de soul.


Das versións máis rompedoras desta canción, é a que aparece no álbum póstumo de Joey Ramone Don't Worry About Me (2002), un xeito espectacular de modernizala no talento dun dos integrantes de The Ramones.


Tamén existe unha versión en galego a cargo dos Tamara "Qué Fermoso É Vivir", de 1990. Aínda que quizais a máis orixinal sexa a de Israel Kamakawiwo'ole que a mesturou con outro gran clásico "Over the Rainbow" a ritmo de ukelele. Esta versión aparece no álbum do artista de Honolulu Facing Future (1993).

luns, 3 de decembro de 2012

Odessey and Oracle

A banda inglesa The Zombies liderada por Colin Blunstone e Rod Argent foi unha das que máis fixo por asentar a psicodelia no rock aló nos anos 60. Neses anos álxidos The Zombies deixounos dous discos espectaculares que callaron fondo nas bandas e artistas posteriores. Odessey and Oracle (1968), o segundo deles publicado, reflicte a excelencia á que chegara o talento de Blunstone e de Argent. A canción titulada "Odessey and Oracle" non se chegou a incluír finalmente no álbum, mais recolle a esencia de The Zombies.


E cun son moi semellante a "Odessey and Oracle", aínda que con maior ritmo, Sidonie publicou no seu segundo disco Shell Kids (2003) "The Sheltering Sky". Malia que o título tampouco é moi orixinal, a canción en si rubrica un dos grandes traballos discográficos destes barceloneses, que con ese álbum, un dos mellores dese ano editado en España, chegaron a facerse cun público fiel.