mércores, 12 de decembro de 2012

California Girls

Agora que apreta o frío de decembro non vén nada mal retomar a música de The Beach Boys, que tanto nos recorda o verán. A banda californiana fundada por Brian Wilson e mailos seus irmáns Carl e Dennis xunto co seu curmán Mike Love e Al Jardine crearon un estilo propio a mediados 50 inspirado no surf e nas praias da Costa Oeste dos Estados Unidos con retrousos repetitivos e un ritmo elástico que non estaba exento de certa complexidade técnica. A música de The Beach Boys, banda sonora por excelencia do verán, é das máis influentes da época e mesmo os propios Beatles recoñeceron que Brian Wilson e compañía eran un dos seus referentes. "California Girls", do álbum Summer Days (And Summer Nights!!), de 1965 é unha das cancións máis celebradas.


Unha das primeiras cancións que máis claramente se inspiraron en "California Girls", sobre todo na letra, é o éxito de Cheap Trick "Southern Girls" do álbum In Color (1977). A canción creada por Rick Nielsen, guitarrista de Cheap Trick e o baixista Tom Petersson remarca as ideas expresadas na canción dos Beach Boys.


Aínda que para versión de "California Girls", destaca a de David Lee Roth do EP de 1985 Crazy from the Heart. O integrante de Van Halen contou coa colaboración nos coros de Carl Wilson.


Pero a polémica saltaría en 2010 co single de Katy Perry "California Gurls", do álbum Teenage Dream onde calca a letra en determinados momentos da canción. O feito de que no título Girls se escriba Gurls é unha consecuencia para evitar confusións co clásico dos Beach Boys.

Ningún comentario:

Publicar un comentario