martes, 17 de setembro de 2013

Cortez the Killer

O devir da historia da humanidade, con acontecementos que supuxeron un pulo para o  avance da civilización coa paradoxa de que unha gran maioría foron actos atroces agochan un atractivo que lles serviu a escritores e compositores de inspiración para as súas obras. A conquista de Hernán Cortés no México sometendo ó imperio azteca cunha crueldade que estremece é o tema central da canción que Neil Young gravou no seu disco Zuma (1975) e que titulou "Cortez the Killer", remarcando o carácter sanguinario do personaxe co apodo de asasino.


A carreira dos Beatles e de Neil Young, entre outros, marcou especialmente o son da banda baionesa Niño y Pistola e iso reflíctese moi ben no tema "We've Had Enough", que pecha o último traballo discográfico que publicaron: There's a Man With a Gun Over There (2013). Concretamente os acordes de "Cortez the Killer" parecen filtrarse limpamente nesta canción, a mellor que recorda ó xenial Neil oung.






luns, 16 de setembro de 2013

Faith

Tras deixar atrás a formación que montara con Andrew Ridgeley, Wham!, George Michael sorprendeu á crítica e o público con Faith (1987), un disco no que o artista de orixe grega acada unha madurez que constrasta co desenfado xuvenil do seu anterior proxecto. O primeiro single, "I Want to Sex" podía interpretarse coma unha fase entre o antigo George Michael e o que se se ía mostrar no resto do disco, a mesma fase que se aprecia nos derradeiros discos de Wham cando George Michael sorprende con cancións como "Careless Whisper". O segundo single extraído, a canción coa que se abre o primeiro traballo discográfico en solitario e a que lle dá título, recorre ó son que Bo Diddley fundou e que tan bo rendemento lle sacaron os músicos.


Existe unha versión bastante curiosa de "Faith" a cargo de Limp Bizkit que os de Florida incluíron no seu disco de debut Three Dollar Bill, Yall (1997).


Recentemente, "Faith" serviu de base para a canción de Joe McElderry "Until the Stars Run Out" do seu debut Wide Awake (2010).

venres, 13 de setembro de 2013

Gloria

Non hai moito que lle dedicamos unha entrada a "Gloria" de Umberto Tozzi, así que xa lle tocaba tamén a quenda a outra canción do mesmo título que tamén conta cun lugar privilexiado no mundo da música. Falamos do tema composto por Van Morrison cando aínda era integrante da banda Them. A banda norirlandesa debutaba así en 1964 e un ano despois se convertería na canción estrela do álbum The Angry Young Them.


Cando Van Morrison xa era un artista cunha carreira en solitario consolidada, volveu gravar "Gloria" para algúns dos seus discos en directo. Asemade, outros artistas e grupos seguían o seu exemplo e "Gloria" converteuse nunha canción habitual nos concertos e de vez en cando, aparecía algunha versión nun disco de estudio dalgúns grandes, mais a versión que acadou un maior éxito despois da orixinal é a que Patti Smith incluíu no seu disco Horses de 1975, coa particularidade de que Smith variou algúns fragmentos da letra, mais aínda así, esta canción non renuncia á maxia inicial.

http://youtu.be/qBN5aaApg9Q

mércores, 11 de setembro de 2013

Largo al factorum

O compositor Gioachino Rossini deixou para a posterioridade unha ópera das máis populares, mesmo entre a poboación que non ten a música clásica entre as súas preferencias musicais. "Il barbiere di Seviglia", estrenada en Roma en 1816 e baseada nun libreto do francés Beaumarchais de 1775 e cunha trama recorrente tanto na literatura coma no mundo operístico, "as vodas de Fígaro" de Mozart, coñeceu un éxito rotundo que non se esqueceu co paso do tempo. Incluso a emerxente industria dos debuxos animados nos anos 30 e 40 botou man dela para que o público infantil se fose familiarizando, alomenos, coa súa música, contribuíndo así a súa popularidade. Unha das pezas máis reproducidas é a abertura "Largo al factorum", tamén presente na música contemporánea.

http://youtu.be/aXA02bkO7X4

Mika, considerado pola crítica coma un sucesor de Freddie Mercury polo gusto que mostra pola música clásica, presentouse na escena musical con "Grace Kelly", unha canción cunha melodía que se inspira na famosa aria de Rossini. É o tema estrela do seu debut Life in Cartoon Motion (2007).

http://youtu.be/UHtPSmP5nLw

venres, 6 de setembro de 2013

Run Through the Jungle

Entre os últimos anos dos 60 e os primeiros dos 70 moi poucos artistas non volveron a ollada cara a guerra de Vietnam e denunciaron esta situación nalgunha das súas letras. Creedence Clearwater Revival non foron alleos ó mundo no que vivían, e contribuíron con "Run Through the Jungle" para protestar contra o conflito. Este tema está incluído nun dos discos máis emblemáticos da banda dos irmáns Fogerty, nin máis nin menos que en Cosmo's Factory (1970).


Das versións máis rechamantes desta canción de Creedence (que non a mellor), destaca a de 8 Eyed Spy, un grupo de Nova York de comezos dos 80 que apenas tivo un longo recorrido. De feito só publicaron un só disco, co nome da banda en 1981. 


Mais se é verdade que a maioría das versións de "Run Trough the Jungle" se fixeron a finais dos anos 70, en 1985 habería de chega-la polémica da man do propio John Fogerty  coa súa canción "The Old Man Down the Road" do disco Centerfield que o líder de Creedence Clearwater Revival publicou en solitario, cando xa a banda era un recordo. As semellanzas entre a canción de Creedence e a de Fogerty fixo que o antigo propietario da discográfica Fantasy, que posuía os dereitos da Creedence, acusara a Fogerty de plaxio. Un incidente máis que se engadía o conflito entre Fantasy e Fogerty, xa que, paradoxalmente, o principal autor dos éxitos de Creedence non podía interpretar as súas vellas cancións porque a súa antiga discográfica lle arrebatara os dereitos. Por desgraza, o mundo da música está sementado de episodios semellantes.

mércores, 4 de setembro de 2013

Dream On

Cando o rock derivou cara a súa vertente máis dura aló a finais dos anos 60 e comezos dos 70 non esqueceu deixarlle un reconto ás baladas, que co novo son, vestíronse dunha enerxía que as liberaba de todo o que puidese parecer sensibleiro e cursi sen deixar de cumpri-la súa función: emocionar. Un deses exemplos atopámolo no debut de Aerosmith en 1973, o álbum epónimo que contén "Dream On", talvez un dos mellores temas asinados por Steve Tyler e que non falta en ningún recompilatorio de Aerosmith.


Hai moi boas versións de "Dream On" como a de Andru Donalds ou a que fixo recentemento Anastacia. Respecto ós samples que se empregaron desta canción, hai que mencionar a Eminem, que os aproveitou para a súa canción "Sing for the Moment", do álbum The Eminem Show (2003), cuxo retrouso é o orixinal.


Tamén o rapeiro de orixe peruana Inmortal Technique serviuse do tema de Aerosmith para a súa canción "Angels and Demons", do álbum The Martyr (2011).

martes, 3 de setembro de 2013

Bro's

Hai uns anos a aparición de Animal Collective na escena independente internacional supuxo o aplauso unánime da crítica especializada e tan só algúns sectores non se deixaron seducir pola proposta que a banda de Baltimore espallou por medio mundo. En calquera caso, o impacto da música de Animal Collective non pasou desapercibida e algúns dos seus membros, mesmo se sentiron coas forzas suficientes para continuar con proxectos paralelos, como é o caso de Noah Lennox, que respaldado polo éxito da banda, atopou novos azos para impulsar Panda Bear, o nome baixo o que agocha a súa carreira en solitario cuxas orixes se remontaban ós derradeiros anos da década dos 90, ó igual que acontecía cos comezos de Animal Collective. Para o terceiro disco de Panda Bear, Person Pitch (2007), Noah Lennox xa era un músico recoñecido. "Bro's", unha das cancións dese álbum, recolle algunhas das influencias que lle valeron a Lennox para constituír a súa identidade artística.


Unha desas influencias é a canción de The Tornados "Red Roses and a Sky of Blue" do EP The Sound of The Tornados (1962). 


Outra influencia clara foi a que exerceu Cat Stevens coa súa canción "I've Found a Love", do álbum Matthew and Son (1967).


E na canción de Panda Bear tamén está presente o single de The Equals "Rub a Dub Dub", de 1969.



luns, 2 de setembro de 2013

Something Changed

Un dos grandes discos dos 90 é Different Cass (1995) de Pulp. Con este álbum a banda de Jarvis Cocker deixou claro que o brit pop non era só un movemento que se limitase á musica de Oasis e de Blur, que eran os grupos máis coñecidos e que maior número de vendas acaparaban en toda Europa. Cunhas cancións de aparencia sinxela, pero cunha calidade enorme, cantadas cun estilo que se achegaba ós crooners, "Common People", "Mis-Shapes" e "Disco 2000", principalmente, coláronse na vida de milleiros de persoas que ían vendo en Pulp unha das bandas chamadas a perdurar no tempo. "Something Changed" foi o último single que se extraeu dese extraordinario disco.


"Something Changed" conta cunha versión en castelán bastante fiel a cargo de Astrud, que a versionaron no recompilatorio dos seus éxitos Algo Cambió - Caras y Rarezas (1996-2005) publicado en 2006.