luns, 21 de outubro de 2013

Such Great Heights

Nos últimos anos é moi habitual que os líderes dunhas determinadas bandas con certa sona decidan emprender novos proxectos paralelos que lles permitan adentrarse en experimentos que nos grupos orixinais serían moi difíciles de levar a cabo. Vímolo xa con Animal Collective e Panda Bear, así que hoxe traemos outro exemplo semellante. Ben Gibbard, que levou ó máis alto do rock alternativo a Death Cab for Cutie desde finais dos anos 90, animouse a probar sorte no electropop xunto con outros músicos doutras bandas. O resultado foi The Postal Service, unha especie de supergrupo como o os que xurdían habitualmente nos anos 70. Así cun son totalmente diferente ó de Death Cab for Cutie, The Postal Service debutaban en 2003 co álbum Give Up, cuxo primeiro single "Such Great Heights" é tan bo como calquera das cancións que Ben Gibbard nos ofrece con Death Cab for Cutie.


Para ter editado tan só un disco, The Postal Service convertiuse nun dos novos paladíns do electropop da última década, como ben proba as boas críticas que colleitou, así como que moitos artistas non dubiden de vez en cando en facer algunha versión dese traballo. E non só iso, Owl City, que nos últimos anos se convertiu nun referente da música electrónica, tamén se deixou engaiolar pola calidade de Give Up e esa influencia é notable na canción "Shooting Star", pertencente ó album The Midsummer Station (2012).




venres, 18 de outubro de 2013

Needles and Pins

Unha das primeiras mulleres que se dedicaron ó rock foi Jackie DeShannon. A finais dos anos 50, cando a maioría das cantautoras facían temas soul, DeShannon lanzouse na procura dun son que estaba facendo furor en bandas compostas principalmente por mozos. Comezou sacando singles ata que en 1963 saíu o seu primeiro LP Jackie DeShannon, pero sería ó ano seguinte cando Jackie DeShannon acadaría maior sona, grazas sobre todo ó single "Needles and Pins", composta por Jack Nitzsche e Sonny Bono, e que finalmente aparecería no LP Breakin' It Up on The Beatles (1964). Ese mesmo ano Jackie DeShannon colaboraba nun programa de radio dedicado exclusivamente ós Beatles, o que lle serviu para coñecer ós catro de Liverpool, pero para entón "Needles and Pins" xa contaba con algunha versión de importancia.

http://youtu.be/SSbM_Zmx9kA

A principal versión que se fixo de "Needles and Pins" e que chegou ós primeiros postos nas listas de vendas foi a de The Searches tamén en 1964. A nova versión tivo tanta repercusión co son beat que serviu de base a novas cancións.

http://youtu.be/ypv1lZlW1WY

A primeira desas cancións apareceu un ano despois do éxito de "Needles and Pins" da man de The Byrds. O single "I'll Feel a Whole Lot Better", que se inclúe no álbum Mr. Tambourine Man (1965) contén o seu riff de guitarra.

http://youtu.be/GaYqfI_tCkM

Pero antes de ir coa outra canción, unha curiosidade. O tema de The Byrds tamén conta cunha boa dose de versións, aínda que quizais a máis orixinal sexa a do arxentino Charly García, cunha letra adapatada ó español titulada "Me siento mucho mejor", do álbum Filosofía Barata y Zapatos de Goma (1990).

http://youtu.be/5oInx4_FkGE

Volvamos pois á versión de "Needles and Pins" de The Searchers. Esta reprodúcese ó comezo da canción de Megadeth "Use the Man", do álbum Cryptic Writings (1997).

http://youtu.be/gpW9MvgGXoU

xoves, 17 de outubro de 2013

Jimi Thing

Jimi Hendrix deixounos moi pronto, pero o seu descomunal talento coa guitarra foi o suficientemente notable para que transcendese máis aló da súa curta vida. A influencia de Hendrix foi tal que é raro que non haxa artistas e bandas de rock que non o citen como un dos seus referentes. Mesmo algúns non se conforman só con homenaxealo versionando algúns dos seus temas, senón que compoñen novas cancións que teñen moi presente o espíritu de Jimi Hendrix. Un exemplo témolo con Los Suaves e a canción "Hendrix", cos riffs  de "Foxy Lady" (verémolo proximamente). Outro tamén moi chamativo e ó que hoxe lle dedicamos a entrada é o de Dave Matthews Band e a canción "Jimi Thing", do álbum Under the Table and Dreaming (1994), onde cos elementos de dúas canción de Hendrix, Dave Matthews consegue co seu toque persoal mostra-la admiración que sente por este guitarrista de lenda.


As cancións que serviron de referencia para "Jimi Thing" son "Spanish Castle Magic", do álbum de finais de 1967 Axis: Bold as Love.


A segunda canción é a mítica "The Wind Cries Mary", do primeiro álbum de Jimi Hendrix Are You Experienced. Foi o primeiro longa duración que se editou do guitarrista ese ano.


E curiosamente, os acordes de "Jimi Thing" atoparon acomodo na canción de John Mayer "Why Georgia", do álbum Room for Squares (2001), co que Mayer debutou no panorama musical. Vese ás claras que Dave Matthews Band é un dos seus referentes e en "Why Georgia" apréciase significativamente.


mércores, 16 de outubro de 2013

Aces High

As bandas de heavy metal caracterízanse ante todo pola súa lonxevidade e con elas a famosa sentenza que di que os vellos rockeiros nunca morren cobra todo o seu sentido. Iron Maiden, que foi unha das primeiras en levar o heavy ó máis alto, segue dando guerra cuns concertos cheos de enerxía, que para si quixeran grupos máis novos. Polo tanto, non está nada mal recuperar algún dos seus grandes clásicos, como "Aces High", un dos singles do álbum Powerslave (1984). Sen dúbida, "Aces High" é unha das mellores creacións compostas por Steve Harris e tamén, unha das  cancións máis recoñecibles de Iron Maiden para aquel público que non está familiarizado co heavy.


E unha das bandas cuxo son máis lle debe a Iron Maiden é My Chemical Romance. A banda de Gerard Way, malia que non se dedique ó heavy máis puro, ten como referente a Iron Maiden en moitas das súas cancións. En "Helena", unha das principais cancións do álbum Three Cheers for Sweet Revenge (2004), percíbese a herdanza que recibe sobre todo de "Aces High".

martes, 15 de outubro de 2013

Back in Black

A perda do vocalista e líder dunha banda adoita traer consecuencias nefastas para esta, a non ser que os demais membros posúan a capacidade suficiente para reinventa-lo grupo sen perde-las señas de identidade. Nesa tesitura atopábase AC/DC en 1980 despois do pasamento de Bon Scott, pero os irmáns Young recorreron a Brian Johnson para evitar poñerlle o punto final a unha das bandas de hard rock que xa era todo un referente neste xénero do rock. Así que a nova etapa de AC/DC estreouse cun novo disco chamado Back in Black (1980) que chegou ó mercado tan só uns meses despois do falecemento de Bon Scott. A canción que lle dá título é unha das máis importantes na discografía de AC/DC e, como non, está dedicada a Bon Scott.


Cuns riffs totalmente recoñecibles, "Back in Black" deixou o seu rastro noutras cancións. Os Beastie Boys empregárona no seu tema "Rock Hard", single de 1984. Toda unha homenaxe a AC/DC.


A influencia desta canción de AC/DC é tal que tamén os grupos de pop para adolescentes teñen botado man dela para ilustrar algunha das súas creacións. No álbum Kingsize que Five publicou en 2001 está "Lay All Your Lovin' on Me", con samples de "Back in Black".

luns, 14 de outubro de 2013

Spanish Grease

Nos máxicos anos 60 cando a música popular chegou o seu máximo apoxeo, os países anglosaxóns souberon exportar como ninguén os seus estilos de facer música, de tal xeito que estes enseguida callaron noutros lugares onde os son autóctonos se mesturaron cos novos estilos, enriquecendo as variedades musicais. Por outra parte, a repercusión que ían collendo os artistas chegados doutros países fomentou o intercambio de influencias entre os distintos estilos musicais. Willie Bobo, un importante músico de jazz de orixe portorriqueña, caracterizouse porfusiona-los ritmos latinos co jazz, universalizando así ámbolos estilos. "Spanish Grease", que lle dá título ó álbum de 1965 de Willie Bobo, é unha das súas creacións máis coñecidas.

http://youtu.be/JPSq_Tla1FY

Un dos músicos que mellor contribuiu á mestizaxe musical dende os anos 60 xunto con Willie Bobo foi o guitarrista mexicano Carlos Santana. Soubo populariza-los ritmos latinoamericanos nos países anglosaxóns ó darlles un toque rock, que o conveteu nun estandarte do que se habería de coñecer coma rock latino. A influencia de Santana tivo así dúas direccións ben marcadas: era un referente para os músicos que facían rock, pero tamén para os músicos que se dedicaban a outros xéneros coma a salsa, o jazz e mesmo a cumbia. No entanto, en "No One to Depend On", canción do álbum Santana III (1971), Santana recorreu á música de Willie Bobo calcando a mesma melodía, o que deixaba ver que para el tamén era importante a influencia que recibía dos artistas latinos máis importantes dese momento.

http://youtu.be/mYc-zH0Ak6Q


venres, 11 de outubro de 2013

Life Goes On

O punk dos anos 70 reflectía como ningún outro subxénero do rock que a música ante todo era actitude. Na fornada de grupos punk que se formaron en Reino Unido nesa época seguindo a estela dos Sex Pistols, The Damned demostrou que tiña as ideas moi claras. Foi a primeira banda punk en facer unha xira polos Estados Unidos, en 1977, e ese mesmo ano telonearon a T. Rex nos que serían os derradeiros concertos da banda de Marc Bolan. E por se iso fose pouco, The Damned elixiu a Syd Barret como produtor do seu segundo disco, algo do que finalmente terían que desistir, xa que daquela o antigo líder de Pink Floyd aínda seguía cos mesmos problemas de saúde que o apartaran de Pink Floyd e do mundo da música. "Life Goes On", do álbum Strawberries (1982) é unha das cancións máis recordadas.


Killing Joke, unha banda coetánea de The Damned, baseouse no riff de guitarra de "Life Goes On" para crear "Eighties", canción que pechaba o álbum Night Time (1985) e que saíu como single.

http://youtu.be/B0uxOn1K8uc

E ese famoso riff volve aparcer nunha das grandes cancións de Nirvana "Come As You Are", pertencente ó mítico disco Nevermind (1991).

http://youtu.be/vabnZ9-ex7o

xoves, 10 de outubro de 2013

Jeepster

O sexto disco de T. Rex Electric Warrior (1971) consagrou ó glam como un dos subxéneros do rock destinado a marca-lo son de toda unha década. A partir del, David Bowie, Roxy Music, Sweet e moitos outros apostaron por esta maneira de facer rock seguindo sempre os pasos marcados por Marc Bolan. En Electric Warrior está incluído o arquicoñecido "Get It On", símbolo indiscutible do glam e que sempre se asociará a T. Rex, pero as demais cancións non quedan atrás. Unha das mellores cancións dese álbum é sen dúbida "Jeepster", que bebe da fonte doutras dúas grandes cancións, como veremos. Tamén lle hai que recoñece-lo mérito a Tony Visconti, o produtor, que logo se encargaría dos principais traballos de Bowie, de situar o glam nun lugar privilexiado dentro do rock.


A primeira canción en que se inspira "Jeepster" é "You're My Baby", unha sensacional composición de Johnny Cash que lle cedeu a Roy Orbison para o seu álbum de debut Roy Orbison at the Rock House (1961).


A segunda canción pertence a unha das voces máis influentes do rock. Falamos nin máis nin menos que do gran cantante de blues Howlin' Wolf. En 1962 publicou o seu segundo disco Howlin' Wolf no que aparece "You'll Be Mine", unha canción composta por Willie Dixon, que asina a meirande parte dos temas do álbum.