martes, 25 de marzo de 2014

Plaisir d'amour

A partir dun poema do escritor romántico Jean-Pierre Claris de Florian, Jean-Paul Égide Martini compuxo unha canción á que titulou "Plaisir d'amour", nun momento en que a corrente do Romanticismo dominaba tódolos xéneros artísticos en Europa. A composición de Martini non tardou en triunfar en Francia, e a comezos dos século XIX "Plaisir d'amour" era practicamente un clásico que as principais voces da ópera non se resistínan a interpretar. Pero tamén fóra dos círculos clásicos, "Plaisir d'amour" tamén tivo unha excelente acollida que se estende ata a actualidade.


Un dos principais motivos polo que a popularidade de "Plaisir d'amour" se espallou alén dos anos 60 ante o gran público débese a canción que Elvis Presley interpretou coa base de "Plaisir d'amour", a célebre "Can't Help Falling in Love", que é practicamente unha versión nova cunha letra diferente, pero mantendo a mesma melodía. Pertence o álbum Blue Hawaii (1961).


Tamén Aphrodite's Child fixo unha nova adaptación de "Plaisir d'amour" na canción "I Want to Live" en 1969, single que finalmente no incluíron en ningún dos poucos discos que publicaron.

http://youtu.be/UlPd5C2r3Og

Coa enorme popularidade que collían tódalas cancións de Elvis Presley, "Can't Help Falling in Love" conta cunha estensa lista de versións, pero a que máis repercusión tivo nas últimas décadas foi a dos irlandeses UB40 en clave reggae, nun dos seus discos máis exitosos Promises and Lies (1993).


Unha das versións en castelán máis sorprendentes é a de Mägo de Oz no álbum Belfast (2004), á que titularon "Todo irá bien". 


Ese mesmo ano The Who publicaban unha compilación de grandes éxitos chamada Then and Now (2004), onde a banda de Pete Townshend incluía un tema inédito baseado en "Can't Help Falling in Love", que servía de homenaxe a Elvis Presley. Trátase de "Real Good Looking Boy".

luns, 24 de marzo de 2014

Happy Hour

Desde que se formaron en 1983 ata que publicaron o  primeiro disco tres anos despois, The Housemartins pasaron por un baile de componentes que finalmente rematou en 1985 cando a banda logrou a estabilidade necesaria para sacar adiante o proxecto. Precisamente foi un dos últimos membros en chegar, Norman Cook, quen acabaría por ser unha das caras máis recoñecibles de The Housemartins, e co paso dos anos, case o protagonista absoluto dunha banda que aínda se ter un recorrido moi longo, deixou cancións dificilmente esquecibles e que hoxe forman parte da banda sonora da década. En 1986 lograban debutar  por fin con London 0 Hull 4, que se abre cunha das cancións máis ledas e optimistas de The Housemartins, "Happy Hour".


Barenaked Ladies renden unha sentida homenaxe á canción de The Housemartins no tema "Hello City", que abre o primeiro disco dos canadenses Gordon (1992). De feito, rematan cos acordes e o retrouso de "Happy Hour", pero toda a canción rebosa o son de The Housemartins.

venres, 21 de marzo de 2014

Take Me to the River

A discografía de Al Green consta de tan fantásticas cancións que sempre é difícil elixir unha. Non obstante, calquera que coñeza un pouco a traxectoria deste músico orixinario de Arkansas non dubidará en sinalar que "Take Me to the River" é un tema imprescindible, unha verdadeira xoia do soul dos anos 70 e unha das mellores cancións desa década da música en xeral. Pero sorprendentemente cando se publicou o álbum na que está incluída, Al Green Explores  Your Mind (1974), nin sequera se escolleu coma single, quedando relegada na listaxe dos temas do álbum coma unha máis, pero pouco a pouco, "Take Me to the River" foi gañando o lugar que lle correspondía.               

http://youtu.be/Pmn2KDiW-kE

O caso foi que a discográfica de Al Green cedeulle esta canción a outro músico, Syl Johnson, que si a editou como single no álbum Total Explosion (1975) e chegou ós primeiros postos das listas de Estados Unidos. Ó pertencer á mesma compañía que Al Green, Syl Johnson gravouna cos mesmos músicos, pero a principal diferenza coa versión orixinal é que a de Syl Johnson introduce unha harmónica que lle dá un novo matiz á canción.

http://youtu.be/VyUE8LXNIFM

Un ano despois aparece a primeira versión en clave rock da man de Foghat no álbum Night Shift (1976).

http://youtu.be/nXVq7VNUPx0

E en 1978 no segundo álbum de Talking Heads More Songs About Buildings and Food, aparece outra exitosa versión de "Take Me to the River".


Annie Lennox tamén a gravou para o seu álbum de versións Medusa (1995).


Pero á marxe das versións, cómpre non esquecerse do tema de Lou Reed "Teach the Gifted Children", que pecha o álbum Growing Up in Public (1980). A canción en si é todo un tributo á de Al Green cun son moi parecido, que na parte final incorpora os coros de "Take Me to the River".

xoves, 20 de marzo de 2014

Have Love, Will Travel

"Have Love, Will Travel" é unha das cancións de doo-wop que tivo un éxito inmediato trala súa publicación en 1959. Non era para menos, xa que dous anos antes, o autor e intérprete desta canción editara un dos singles que revolucionara a efervescente escena rock and roll, o famosísimo "Louie, Louie", e desde entón agardábanse as composicións de Richard Berry coa esperanza de que volvese crear un novo himno. Se ben é certo que ese fito non se repetiu, a aparición de "Have Love, Will Travel" centrou outra vez os focos en Richard Berry, que non deixara de facer cancións en ningún momento. Sen ter a mesma repercusión que "Louie, Louie", "Have Love, Will Travel" tamén deixou un pouso importante na música, sobre todo a partir da versión de The Sonics.


A pesar de que unha das primeiras versións que se fixeron de "Have Love, Will Travel", a de Paul Revere and the Raiders en 1964, non tivo case transcendencia, pero a de The Sonics un ano despois no seu álbum de debut Here Are The Sonics (1965) daríalle unha nova vida a este tema de Berry. The Sonics, uns dos primeiros grupos que facían garage rock, transladaron a este estilo "Have Love, Will Travel" converténdoo nunha das cancións de referencia para moitas bandas e aínda na actualidade se poden atopar novas versións coma a de The Black Keys en 2003 e a de Sky Saxon  en 2011.


A presenza de "Have Love, Will Travel" tamén é constante na canción de The Hives "Main Offender", do álbum Veni Vidi Vicious (2000). Esta canción dos suecos considérase practicamente unha versión da de The Sonics cunha nova letra, pero aínda así vén a demostrar que o espíritu da versión de The Sonics segue moi vivo.

mércores, 19 de marzo de 2014

Leave It

Sen tempo para reporse da repercusión que tivo o primeiro single que Yes editou do álbum 90125 (1983), o famosísimo "Owner of a Loneliness Heart", saía o segundo single "Leave It". Despois do enorme éxito que collera o single predecesor, era evidente que "Leave It" non ía chegar tan lonxe, pero para entón o álbum xa estaba o suficientemente amortizado e os novos singles tamén mostraban unha calidade excepcional. Ó igual que "Owner of a Loneliness Heart", na elaboración de  "Leave It" participou o produtor do disco, Trevor Horn, que daquela xa empezaba a despuntar como un dos produtores e autores con máis sona e dos máis solicitados. Nalgunhas edicións do single, "Leave It" vai a continuación de "Cinema", que lle serve de precedente tamén no álbum.

http://youtu.be/f4_l8PXtXw0

Apenas medio ano despois da publicación do disco de Yes, aparecía no mercado o primeiro disco de longa duración de Art of Noise Who's Afraid of the Art of Noise? (1984) en cuxas cancións tivo un papel decisivo Trevor Horn, que colaborou na súa creación. Talvez por iso non estrañe atopar en "Close (to the Edit)" algún rastro pertencente a "Leave It".

http://youtu.be/KxidefcsjDc

martes, 18 de marzo de 2014

The Phantom of the Opera

Gaston Leroux é o autor dunha das obras literarias máis sobresaíntes de comezos do século XX, Le Fantôme de l'Opéra, novela que foi aparecendo por entregas en 1909 e que co tempo, se convertiu nun clásico da literatura universal, debido á forza dos seus personaxes, especialmente o protagonista, o célebre fantasma da ópera parisiense Garnier namorado dunha das sopranos. A historia de Leroux é tan desgarradora que deu para que se fixesen distintas adaptacións, tanto cinematográficas coma teatrais, onde non podían faltar os musicais, e neste eido, un dos máis importantes é o de Andrew Lloyd Webber, que se estreou en 1986. A canción que lle dá título ó musical está interpretada por Sarah Brightman e Michael Crawford, nos papeis de Christine Daaé e do atormentado Erik.


Pero o que ninguén podía esperar respecto ó tema central do musical é que aparecese un músico acusando a Webber de plaxio. Ray Repp, un cantautor que ata o momento da acusación non era coñecido para o gran público, afirmou por tódolos medios posibles que se trataba dun plaxio do seu tema "Till You", do álbum Benedicamus - The Song of the Earth (1978).


O caso acabou nos tribunais e sen fortuna para os intereses de Ray Repp, e iso que unha das probas nas que se baseou a defensa de Webber e que o tribunal acabou rexeitando, foi que "Till You" era á vez un plaxio doutra canción dun musical do propio Webber, "Close Every Door", pertencente a Joseph and the Amazing Technicolor Dreamcoat e que se representou por primeira vez en escena en 1968. En calquera caso, o son de "The Phantom of the Opera" bebería directamente dese tema orixinario.

http://youtu.be/I3JLQXvbApA

Por se fose pouco, a esta polémica sumouse tamén Roger Waters para indicar que se Andrew Lloyd Webber cometeu algún tipo de plaxio en "The Phantom of the Opera" foi do tema de Pink Floyd "Echoes", unha das cancións de Meddle (1971). É certo que a semellanza é bastante clara nalgúns momentos de "Echoes", pero quizais sexa unha esaxeración considerala un plaxio. De todos modos, ninguén de Pink Floyd fixo unha acusación formal contra Webber e Waters prefiriu vingarse facendo algunha referencia ó compositor nalgunha que outra canción.

 http://youtu.be/-KMpZaEF6g0       

Deixando xa de lado a polémica, hai que engadir que o encanto do Fantasma da Ópera atopou unha ampla acollida nas bandas de rock gótico. Malia que os primeiros en dedicarlle unha canción foron os Iron Maiden en 1980, a popularidade que acadou a canción de Andrew Lloyd Webber fixo que grupos coma Lacrimosa, Nightwish, HolyWell e Theatre of Tragedy, por citar algúns nomes, se animasen a versionala. Os mexicanos Anabantha, ademais, adaptárona ó castelán cun moi bo resultado. Inclúese no disco Letanías Capítulo II... La Pesadilla (2007).

http://youtu.be/0G466W8WnYg                   

Rufus Wainwright tamén mostrou a súa simpatía pola canción de Webber no seu tema "Between My Legs", que remata cos famosos acordes. Pertence ó álbum Release the Stars (2007).

 http://youtu.be/T1nNMTi6xdk

E tamén a melodía do comezo de "50 Ways to Say Goodbye" de Train, incluído en California 37 (2012), ten reminiscencias de "The Phantom of the Opera".

http://youtu.be/pf4aSxDvlPw

luns, 17 de marzo de 2014

10:15 Saturday Night

Ó longo dos anos 70 o rock continuou diverxendo en novos xéneros e tendencias que a finais desa década a oferta musical era tan variada que a crítica comezou a empregar unha serie de etiquetas para nomear ós distintos estilos que ían aparecendo. Unha delas foi a de rock gótico, coa que se designou a unha nova fornada de bandas rock cunha estética inconfundible e cun son moi escuro. Dentro desta tendencia ocupa un lugar destacado The Cure, a banda formada por Robert Smith. Cando apenas se falaba de rock gótico, The Cure debutaba en 1979 con Three Imaginary Boys, que sorprendeu á crítica polo seu son post punk. Claro que daquela The Cure aínda non perfilara o estilo que os habería de converter en referente unha década despois, pero xa deixaba intuír o potencial do que eran capaces de chegar. O curioso dese primeiro álbum de longa duración é que non inclúe ningún dos singles con que The Cure se estaban a promocionar, pero nel aparecen cancións coma "10:15 Saturday Night".

http://youtu.be/okiCApJeonQ

A pesar de ser unha das cancións menos coñecidas de The Cure, "10:15 Saturday Night" foi elixida por Massive Attack como base do seu tema "Man Next Door" no álbum Mezzanine (1998) e que tamén reproduce o famoso son da versión que Led Zeppelin fixo de "When the Levee Breaks", tema que xa vimos no seu momento.

http://youtu.be/S71_vIMQ0YY

venres, 14 de marzo de 2014

A Little Respect

Cun estilo propio que os afastaba doutras propostas pensadas para a música de baile, Erasure converteuse nunha referencia nos anos 80 desde o seu debut en 1985. Para cando Andy Bell se uniu a Vince Clarke, este último parecía coñecer moi ben a clave do éxito, xa que non lle fora nada mal con Depeche Mode nin despois ó formar Yazoo, así que Erasure parecía nacer cun aval que garantía os primeiros postos nas listas de vendas. E desde logo, o tempo confirmou que tiñan razón. No ano 1988 Erasure publicaba o terceiro álbum The Innocents que se abre cun dos temas máis celebrados, "A Little Respect", segundo single extraído, onde ós habituais sintetizadores marca da casa, Erasure introduce unha guitarra acústica que fai desta canción unha das máis especiais na discografía do dúo.

http://youtu.be/x34icYC8zA0

Talvez por ser unha das mellores composicións de Vince Clarke e Andy Bell, "A Little Respect" é unha das cancións máis versionadas de Erasure. Espectacular, por exemplo, é a dos portugueses Silence 4 cun David Fonseca enorme, tal como é costume nel, no álbum Silence Becomes It (1998).

http://youtu.be/KK186r0EC9Y

Máis sorprendente se cadra, é a dos arxentinos Attaque 77, que fixeron unha versión rock coa letra en castelán chamada "Un poco de respeto" e que aparece no álbum Otras Canciones (1999).

http://youtu.be/xZrT6etqvf0

E tampouco está nada mal a que fixeron en 2001 Wheatus no seu álbum epónimo, que lles supuxo o estreno na escena musical.

http://youtu.be/ssmEMtE9YxM