mércores, 12 de novembro de 2014

See You

Non ben acababan de publicar o primeiro álbum Speak & Spell (1981) cando Depeche Mode viu perigar a súa continuidade como banda; Vince Clarke, que se encargara da práctica totalidade da composición do disco abandonaba o grupo para montar o seu propio proxecto xunto con Alice Moyet, Yazoo. Con ese panorama, Martin Gore, que só participara na elaboración dunha canción de Speak & Spell, asumiu o mando e el mesmo se encargou de preparar tódalas cancións do novo álbum, A Broken Frame (1982), que grazas ó talento e a inspiración de Gore publicouse un ano despois do debut, sen maior contratempo. Lonxe de acusar a baixa de Clarke, Depeche Mode saíu reforzado e ó igual que o seu ex colega, a banda de Martin Gore, Dave Gahan e Andy Fletcher converteuse na gran referencia do synthpop para centos de grupos no mundo que intentaron imitar o seu son. "See You" foi o single que presentaba o segundo disco de Depeche Mode.


En España quen máis se achegou ó sinthpop que practicaba Depeche Mode foi Olé Olé. O grupo liderado por Vicky Larraz botouse a andar en 1982 coa publicación de varios singles moi influenciados por grupos como o de Martin Gore e compañía, que logo aparecerían no álbum epónimo que lles servía de debut en 1983. Un dos singles máis exitosos foi "No controles", que reproducía nalgún extracto o son de "See You". "No controles" escribiuno Nacho Cano, un dos integrantes de Mecano, outro dos grupos de moda cun estilo similar ó de Olé Olé.

martes, 11 de novembro de 2014

(I Can't Get No) Satisfaction

Segundo as estatísticas, a meirande parte dos fans e da crítica especializada coincide en que "(I Can't Get No) Satisfaction" é a mellor canción de The Rolling Stones, unha conclusión comprensible, pero tamén difícil dado a cantidade de temas fabulosos que Mick Jagger e Keith Richards teñen composto desde que puxeron en funcionamento a banda. O que xa non todo o mundo sabe é que cando os Stones a incluíron na edición americana de Out of Our Heads (1965), para os seus creadores era un tema menor, máis de recheo que outra cousa, por moi polémica que puidese ser a letra. En definitiva, nin de lonxe poderían imaxinar que sería a canción por excelencia da extensa discografía dos Rolling Stones. Pénsese por un intre que nin sequera consideraron necesaria que aparecese na edición británica. Pero esa percepción negativa de "(I Can't Get No) Satisfaction" ía cambiar moi pronto.


Pouco despois da publicación en Estados Unidos da canción dos Stones, Otis Redding entraba nos estudios da Stax en Memphis para preparar o seu terceiro disco Otis Blue, que se publicaría en setembro de 1965. No novo álbum, Redding versionaba cancións doutros artistas de soul coma o seu admirado Sam Cook, Salomon Burke e Smokey Robinson, ademais de incluír cancións propias. Pero tamén hai versións dun temas blues de B.B. King, e máis sorprendente aínda, a versión en clave soul de "Satisfaction", duns Stones que trala invasión británica do ano anterior, aínda estaban empezando a ser coñecidos por aquelas terras. Pois ben, cando escoitaron a versión de Redding, Mick Jagger e compañía xa miraron con outros ollos a "(I Can't Get No) Satisfaction".

http://youtu.be/CpmZWUPrCgo

O caso é que non só a Otis Redding a canción dos Stones non lle parecía mala. A influencia de "(I Can't Get No) Satisfaction" pode rastrexarse mesmo na de Buffalo Springfield "Mr. Soul", que abría o segundo álbum da banda de Neil Young, Buffalo Springfield Again (1967).

http://youtu.be/HSqJf6JbpPA

É certo que das versións posteriores que se fixeron desta canción dos Rolling Stones, ningunha é tan espectacular coma a de Otis Redding, pero non pasa desapercibida a de Devo, imprimíndolle un toque new wave que situaban a "Satisfaction" como unha canción acorde no son de finais dos setenta. Aparece no álbum de debut de Devo Q: Are We Not Men? We Are Devo! (1978).

luns, 10 de novembro de 2014

Hurt

O rock industrial acadou unha nova categoria coa aparición de Nine Inch Nails a finais dos oitenta. De súpeto, o ritmo machacón e o máis parecido a unha forte dor de cabeza sofisticábase co talento de Trent Reznor, a alma máter do grupo, que se encarga de darlle a Nine Inch Nails unha personalidade propia desde as composicións dos temas ata a produción dos discos, controlando cada proceso polo que se transformaba a banda. A publicación do segundo álbum, The Downward Spiral (1994) acabou por convencer ós máis escépticos, pois as excepcionais cancións que o compoñen fixeron a ver a moitos que o poderío de Nine Inch Nails era dos que deixan unha profunda pegada. A canción que pecha o álbum é "Hurt", un dos singles nos que se asentou o éxito do grupo.

http://youtu.be/htmKZKR7oyc

Non adoitan abundar as versións de cancións rock con base no techno e no heavy e moito menos en estilos afastados deste, pero ata o mesmo Trent Reznor sentiuse realmente admirado cando Johnny Cash versionou "Hurt" no álbum de versións American IV: The Man Comes Around (2002) cun son acústico. Quedoulle tan ben que mesmo conseguiu superar á orixinal, reto do que non todo o mundo pode fachendear.

venres, 7 de novembro de 2014

I Go to Rio

Un dos músicos e compositores máis reputados de Australia foi Peter Allen. Na súa curta vida deulle tempo a publicar case unha vintena de discos e a escribir e colaborar con outros artistas. A pesar da súa ampla carreira, Peter Allen tan só conseguiu acadar a fama eterna cunha soa canción, "I Go to Rio", que aparece no álbum Taught by Experts (1976). Envolto nos sons máis de moda da época, Taught by Experts é un disco máis de pop e de funk dos setenta onde se poden atopar as voces de Dusty Springfield e Brenda Russell, que colaboran nel. Pero a canción que sobresae por riba de todas é "I Go to Rio", escrita xunto a Adrienne Anderson. A melodía é desas que se tardan en esquecer, polo que conta con numerosas versións e de paso, algunha que outra apropiación que acabaron sementando certa polémica.


"I Go to Rio" tivo unha segunda vida cos belgas Mystic, xa que a canción "Ritmo de la noche", que logo incluirían no álbum La Ola (1990), contén a mesma melodía e de feito, parece unha simple versión con letras novas. A canción foi todo un rompepistas nas discotecas e acadou unha popularidade desmesurada.


O que ninguén esperaba era que Chris Martin, trala controversia que se montou con "Viva la Vida" e Joe Satriani, fose presentar o quinto álbum de Coldplay, Mylo Xiloto (2011) cun tema que parecía unha copia de "I Go to Rio" ou de "Ritmo de la noche" sen que o nome de Peter Allen figurase nos créditos. Desde logo, o estreno con "Every Teardrop is a Waterfall" non foi moi afortunado,

xoves, 6 de novembro de 2014

Good

Better Than Ezra é unha banda de Nova Orleáns que a comezos dos noventa axudou a renovar a escena do rock alternativo en Estados Unidos. Debutaron con Deluxe (1993), un primeiro álbum publicado cinco anos despois da formación do grupo. Non obstante, nun primeiro momento non tería moito recorrido, dado que as posibilidades de abrirse paso desde unha discográfica pequena no díficil mundo da música non son doadas. Pero pouco tempo despois Better Than Ezra fichou por Elektra e na nova compañía viron que aquel primeiro traballo non estaba nada mal e en vez de empezar a nova etapa desde cero, reeditaron Deluxe en 1995. Coa reedición Better Than Ezra gañaron popularidade e incluso lograron que o primeiro single, "Good", se incluise na banda sonora dalgunha película.


Se ben é verdade que cando "Good" se editou por primeira vez como single non tivo unha promoción moi grande, si chegou a outras bandas que se movían nas mesmas augas que Better Than Ezra. O estilo de "Good" pode apreciarse en "When I Come Around", que Green Day incluíu en Dookie (1994). Sen ter trazos demasiados evidentes, nótase unha influencia indirecta de "Good".

http://youtu.be/i8dh9gDzmz8

O mesmo se pode aplicar o grande éxito de Semisonic "Closing Time", que tamén recibe a influencia dos temas anteriores. "Closing Time" pertence ó segundo álbum da banda Feeling Strangely Fine (1998).

mércores, 5 de novembro de 2014

Right to Be Wrong

Joss Stone comezou no mundo da música debutando cun álbum de versións de temas soul titulado The Soul Sessions (2003) no que, ante todo, se presentaba disposta a reivindicar un xénero que nos albores da década dos 2000 estaba relegado. É a mesma fórmula coa que antes outros artistas iniciaban a súa andaina, un primeiro álbum con cancións versionadas para tomarlle pulso ó panorama musical e calibrar as posibilidades de éxito. Posto que con The Soul Sessions foille ben, ó ano seguinte aparecía Mind, Body and Soul (2004) onde Joss Stone estreaba as súas propias cancións e demostraba tamén que podía ser unha compositora prolífica, pois dos quince temas que compoñen o disco, participou na elaboración de todos agás de un. A cifra de vendas de Mind, Body and Soul foi aínda maior có de The Soul Sessions, polo que o público aplaudía a aparición dunha nova voz que renovaba o soul. Grazas a cancións coma "You Had Me" e "Right to Be Wrong", que hoxe vos presentamos, Joss Stone revelouse coma unha das cantantes inglesas, xunto con Amy Winehouse, que devolvían o soul a un lugar privilexiado na música do novo século.


Malia que non son moi frecuentes as versións das cancións de Joss Stone, pode presumir da que Alejandra Guzmán fixo de "Right to Be Wrong". A rockeira mexicana, filla de Enrique Guzmán, que seguiu perfeccionando o rock latino igual que o pai, pero nunha vertente feminina, sorprendía en Lipstick (2004) cunha versión en castelán que reproducía fielmente a letra orixinal. Co título "Tengo derecho a estar mal", chegou a coñecerse varios meses antes que a orixinal de Joss Stone, xa que o álbum de Alejandra Guzmán publicouse en marzo, mentres que o de Joss Stone non saíu ata o mes de setembro.

martes, 4 de novembro de 2014

Every Morning

Hoxe volvemos destapar o álbum de Sugar Ray 14:59 (1999) para achegarnos a unha das cancións que logrou que a banda californiana de Mark McGrath fose coñecida en todo o mundo. O primeiro aviso de que acababan de enfilar a senda do éxito deuno o primeiro single, "Every Morning", marcando unha estela que non seguiron da mesma maneira o resto de singles. Pero tamén, curiosamente, se descontamos a versión de "Abracadabra",  "Every Morning" é a que ten menos elementos propios de Sugar Ray, pois aséntase en dúas cancións practicamente esquecidas no momento da publicación do álbum.


Unha delas é o famoso tema de jazz "Grazing in the Grass" do trompetista Hugh Masekela, composta por Philemon Hou. "Grazing in the Grass" é un tema intrumental que conta cunha importante tradición na escena de jazz, xa que o seu encanto fixo que moitos artistas a versionasen. Non obstante, fóra da escena jazzística non é moi coñecido e, ademais de Sugar Ray, tan só algún grupo de hip hop teno empregado en beneficio propio, pero "Every Morning" deulle unha popularidade nova cun público diferente. Edituouse en 1968, trala revisión dunha antiga composición de Masekela.


O outro alicerce que sostén a "Every Morning" é "Suavecito", que aparece no álbum epónimo de Malo, co que a banda de rock latino, jazz e funk á que pertence Jorge Santana, o irmán de Carlos, debutaba en 1972.

luns, 3 de novembro de 2014

The Shape of the Things to Come

O ano pasado anunciouse o regreso despois de trinta anos dunha banda escocesa da que moitos apenas oíron falar e da que só uns cantos se lembraban. Volvían The Headboys por todo o alto cun disco totalmente do trinque, con cancións inéditas, o que constituía un motivo de celebración. No entanto, se a noticia non tivo demasiada repercusión nos medios especializados de música debeuse a breve andaina que The Headboys tivo no seu momento. Formada en Edimburgo no ano 1977, tardarían dous en sacar The Headboys (1979), que a pesar dos numerosos singles, pasou sen pena nin gloria e poucos meses despois os membros de The Headboys diluían a banda entre a indiferenza xenenralizada. Con todo, en The Headboys quedou a lembranza dun dos singles, "The Shape of the Things to Come", unha canción rockeira que lle ocasionou a The Headboys unha pequena alegría na súa curta traxectoria.


Non se sabe moi ben que foi o que moveu a The Headboys a retomar outra vez os instrumentos e meterse nun estudio de gravación para sacar novo material, pero seguramente algo tivo que ver que AC/DC empregase un riff de guitarra moi semellante ó de "The Shape of the Things to Come" en "Anithing Goes", unha das cancións que compoñen Black Ice (2008).