luns, 24 de novembro de 2014

Summer '68

Pink Floyd acaba de publicar novo álbum e iso sempre é motivo de celebración, aínda que no flamante The Endless River (2014) non participe Roger Waters e a meirande parte das cancións sexan os descartes de The Division Bell (1994). Pero dado que temos de volta a unha das grandes bandas da historia con material inédito, volvamos repasar algún dos seus vellos éxitos e nesta ocasión imos deternos no álbum Atom Heart Mother (1970), nunha canción que leva a autoría de Richard Wright, "Summer of '68", e único single que se extraeu do quinto disco de Pink Floyd. Richard Wright toma todo o protagonismo deste tema, xa que ademais de ser o autor interprétao el mesmo, algo que non pasa ningunha vez máis en todo o álbum, pois Atom Hear Mother é sobre todo un álbum instrumental.

http://youtu.be/uYLVbigYUfU

O son de "Summer '68" influíu de maneira indirecta nun dos temas de Fabrizio De André, un dos músicos italianos que máis se preocupou por promocionar as linguas minorizadas de Italia. No álbum epónimo que publicou en 1981, tamén coñecido coma L'Indiano polo debuxo da portada e no que se compara ó pobo sardo cos pobos nativos americanos, aparece o tema "Fiume Sand Creek". Nel, De André fala do famoso masacre de Sand Creek en 1864. A influencia de Pink Floyd está bastante presente no estilo.

http://youtu.be/PXhYK4j2d84

venres, 21 de novembro de 2014

Eloise

En 1968 dous irmáns xemelgos ingleses, Barry e Paul Ryan, editaban un single deses que non tardan nada en facerse memorables. Sumábase así á lista de grandes cancións da música "Eloise", a única gran canción no repertorio dos Ryan. O mérito do éxito de "Eloise" está ben repartido entre os dous irmáns. Paul escribiuna e Barry interpretouna. Era a segunda canción que gravaba, nos comezos dunha carreira que se habería de estender ata os anos noventa, pero ningunha outra canción repetiu a xesta que "Eloise" lograra no seu momento.


"Eloise" forma parte desas cancións que por algún motivo especial empezou a ter versións noutras linguas distintas do inglés. Tan só un ano despois xa se podía escoitar "Eloise" en idiomas coma o búlgaro e en checo. Neste último caso Karel Gott foi o responsable da "Eloise" checa.


Nese mesmo ano tamén aparece a primeira versión en castelán, da man dos arxentinos Los Náufragos.


As primeiras versións de "Eloise", aínda que estivesen noutras linguas, mostrábanse bastante fieis o son orquestral da orixinal e non innovaban gran cousa. Habería que esperar ós anos oitenta para que en "Eloise" se introducisen novos instrumentos como as guitarras eléctricas, como fixeron na súa versión The Damned en 1986.


En 1987 no álbum Lágrimas de cocodrilo Tino Casal incluía unha nova versión en castelán que nada tiña que ver coa que case vinte anos antes gravaran Los Náufragos. Con letra distinta e un son techno máis acorde coa moda, foi unha das grandes cancións do malogrado artista asturiano.


Stravaganzza tomou como modelo a  de Tino Casal para facer a súa versión de "Eloise", aínda que en clave rock gótico, máis achegado á de The Damned. Pertence a Requiem (2007).

xoves, 20 de novembro de 2014

Old and Wise

No álbum máis coñecido de The Alan Parsons Project, o arquicoñecido Eye in the Sky (1982), a canción que lle dá título logrou eclipsar ás demais dese disco e case se podería dicir que tamén toda a carreira anterior e posterior de The Alan Parsons Project. Por iso nunca está demais volver pousar os ollos e os oídos nese sexto traballo que o enxeñeiro de son Alan Parsons gravou coa súa banda no mítico estudio de Abbey Road. Calquera das restantes cancións do álbum serven para mostrar que The Alan Parsons Project é algo máis que "Eye in the Sky", así que nos imos deter en "Old and Wise", a pechacancelas, que nos últimos anos espertou un repentino interese nos artistas de hip hop e nos picadiscos sen moitas ideas propias. Como cremos que "Old and Wise" é unha canción realmente boa, interpretada polo cantante de The Zombies Colin Blunstone, só imos pór dous exemplos de como queda de estragada tras funcionar como sample en cancións menores.

http://youtu.be/rrdbpo7T8n4

O primeiro en reclamar a "Old and Wise" como parte dunha canción para o seu álbum de debut Section.80 (2011) foi Kendrick Lamar en "Keisha's Song (Her Pain)". En calquera caso, hai que recoñecerlle que lle quedou ben.

http://youtu.be/XX4la7LwwVk

Se Kendrick Lamar respecta a canción de The Alan Parsons Project, non se pode dicir o mesmo do que fai o produtor de música electrónica Pryda en "Shadows", de Eric Prydz Presents Pryda (2012). Pryda, que se fixera famoso en 2004 cunha remestura de "Valerie" de Steve Winwood renomeada "Call Me", deforma neste caso "Old and Wise" ata facela case irrecoñecible, a non ser polos coros.

http://youtu.be/UnAaagAN2ZE

mércores, 19 de novembro de 2014

Waterfalls

Tras uns discos con The Wings, Paul McCartney decidiu que era hora de presentarse en sociedade coma un artista solista, da mesma maneira que o facían os seus ex-colegas trala separación dos Beatles. Dese xeito aparecía en 1980 McCartney II, un traballo que se publicaba apenas un ano despois do último de The Wings Back to the Egg (1979). O segundo single que se escolleu de promoción foi unha balada, "Waterfalls", na que Paul, acompañado tan só do piano, crea unha das melodías máis coñecidas do seu repertorio en solitario. Non tivo tanto éxito nas listas coma o single precedente, "Coming Up", pero para moitos é un tema superior.


Malia que a melodía, o son e boa parte da letra é totalmente diferente, moitos identificaron uns cantos elementos de similitude entre a canción de Paul McCartney e a de TLC que ten o mesmo nome. O "Waterfalls" do trío feminino é unha canción de R&B que aparece en CrazySexyCool (1994), pero reproduce anacos da letra de Paul McCartney.

martes, 18 de novembro de 2014

Your Time Has Come

Nos primeiros albores do novo século uns cantos músicos  apostaron por pór en marcha os supergrupos, a modo do que acontecera a finais dos sesenta dentro do rock. Trala decadencia do grunge e do rock contestatario, algúns membros de Rage Against the Machine, co guitarrista Tom Morello á cabeza, xunto con Tim Commerford e Brad Wilk puxéronse en contacto con Chris Cornell, líder de Soundgarden e de Temple of the Dog para crear Audioslave; nacía así o primeiro supergrupo do século XXI. Malia que a aventura tan só durou seis anos escasos, Audioslave sacou tres discos que reivindicaban o hard rock na nova década. No segundo álbum, Out of Exile (2005) está incluída "Your Time Has Come", cunha marcada influencia de Soundgarden, pero tamén dunha banda de referencia no rock duro coma Metallica.

http://youtu.be/itRBvI1N_gs

Tendo en conta que Chris Cornell é autor deste tema, como tamén o foi de boa parte da discografía de Soundgarden, non é estraño que "Your Time Has Come" conteña sons semellantes a algunha composición anterior de Cornell. Neste caso nótase a influencia de "Get on the Snake", unha das cancións do segundo álbum de Soundgarden, Louder Than Love (1989).

http://youtu.be/rX3raWfHpYE

Tamén parece que dalgún xeito a canción de Metallica "Bad Seed", pertencente a ReLoad (1997), influíu na elaboración de "Your Time Has Come", ou polo menos así o cre moita xente. O certo é que non se pode negar un certo parecido entre ambas.

http://youtu.be/VKRMpbv2YM4

luns, 17 de novembro de 2014

Ain't Talkin' 'bout Love

A finais dos setenta o heavy metal xa acadara un grao de madurez considerable e cada vez era máis habitual que as bandas de mozos se inclinasen por este xénero onde as guitarras tomaban todo o protagonismo e as postas en escena durante os concertos eran espectaculares. Así entre a fornada de novas bandas que seguían os pasos de Black Sabbath e Led Zeppelin, entre outros, xurdiu Van Halen, que toma o nome dos dous irmáns, Eddie e Alex, que a puxeron en marcha. Xunto con Michael Anthony, encargado do baixo, e David Lee Roth como vocalista, Van Halen comezaba a súa andaina cun álbum epónimo en 1978, no que destaca unha excelente versión de "You Really Got Me", a canción de The Kinks. Pero nese primeiro disco tamén están algúns dos temas polos que Van Halen pasarían a ser unha das grandes bandas, como "Ain't Talkin' 'bout Love".


Nin que dicir ten que "Ain't Talkin' 'bout Love" é das cancións máis versionadas de Van Halen e tampouco foi allea o interese doutros grupos para sampleala. Neste caso non hai que esquecerse do tema de Apollo 4.40 "Ain't Talkin' 'bout Dub", pertencente a Electro Glide in Blue (1997).

venres, 14 de novembro de 2014

Seven Wonders

Xunto con Rumours (1977) e Tusk (1979), Tango in the Night (1987) é o disco máis coñecido para o gran público de Fleetwood Mac. O éxito debeuse sen dúbida ó repertorio que a banda seleccionou e a unha boa escolla dos singles, pois hai que recoñecer que Stevie Nicks, Christine McVie e Lindsey Buckingham estaban nun gran momento compositivo e saíulles un álbum redondo. O segundo single, "Seven Wonders", é das cancións máis populares de Fleetwood Mac, unha das composicións que Stevie Nicks achegou ó álbum, aínda que o mérito non é todo dela, xa que é unha das escasas cancións que veñen asinadas ademais por algúen que non pertence á banda. Neste caso, Stevie Nicks escribiuna xunto a compositora de Texas Sandy Stewart, que se encargou principalmente da letra e a gravou nunha maqueta para que Stevie Nicks a xulgase e fixese as modificacións pertinentes. 


Parece que as bases de "Seven Wonders" aproveitounas pouco despois Stevie Nicks para unha das cancións do seu disco en solitario The Other Side of the Mirror (1989). O son de "Juliet" está tomado dunha remestura de "Seven Wonders", polo que é difícil indentificar unha canción con outra, á parte da voz de Nicks, naturalmente.


Outra cousa é a canción de Pictureplane "Goth Star", pertencente a Dark Rift (2009) onde toma directamente o son de "Seven Wonders" para darlle entidade ó seu propio tema. 


E igual que fixo Pictureplane, Classixx tamén samplea "Seven Wonders" en "Hanging Gardens", canción que titula o álbum de debut deste dúo de música electrónica que se publicou en 2013.

xoves, 13 de novembro de 2014

The Importance of Being Idle

Acostumados durante toda a súa andaina a reflectir de xeito bastante directo as súas principais influencias, os irmáns Gallagher lograron que as cancións de Oasis se prestasen como xogo para buscarlle as referencias que lles serviron de inspiración. Non hai álbum que non conteña algunha canción que lembre a algunha anterior dalgún ídolo de Noel Gallagher. O sexto disco, Don't Believe the Truth (2005) non é ningunha excepción e atopamos que o segundo single, "The Importance of Being Idle", que interpreta o propio Noel, repite esa fórmula que é un signo de distinción en Oasis. A crítica pronto se decatou que o son xa era familiar, e coma noutras ocasións, Noel admitiu en varias entrevistas esas influencias, que, polo menos en "The Importance of Being Idle" se amosan como tributo.


Noel Gallagher sempre recoñeceu a súa admiración por The Kinks, unha das bandas máis influentes no pop rock británico, e case mundial, desde os anos sesenta. O comezo de "The Importance of Being Idle" neste caso é o mesmo que en "Dead End Street", single que se editou en 1966 e que é unha das composicións máis famosas de Ray Davies.


Posiblemente tamén moi influídos polo son de "Dead End Street", The La's gravou "Clean Prophet", unha das cancións do único álbum que a banda de Liverpool editou en 1990, The La's. Noel comentou que xunto a canción de The Kinks esta de The La's foi fundamental na composición de "The Importance of Being Idle".