xoves, 22 de xaneiro de 2015

Paint It Black

The Rolling Stones comezaron a diferenciarse do resto das grandes bandas británicas dos sesenta con Aftermath (1966), un álbum que os puña nun nivel superior, case á mesma altura que os fabulosos de Liverpool, e iso non era doado, pois a enorme calidade da música daquelas bandas marcaron a historia do rock. Pero xusto nese fantástico ano de 1966 parecía que Mick Jagger e Keith Richards estivesen tocados por unha variña máxica, ó igual que Brian Jones, cuxos dedos sacaban os mellores sons de calquera instrumento que tocase como o sitar, que non era moi habitual que se empregase no rock. Aínda así, os Stones recorreron a este inusual instrumento en "Paint It Black", unha da melloriñas que o tándem Jagger/Ricahrds compuxo na dilatada carreira da banda. O curioso é que "Paint It Black" só aparecía na edición americana do disco, con moitas menos cancións que a edición británica, que malia iso, careceu das dotes interpretativas de Jones co sitar nesta canción.


As versións de "Paint It Black" apareceron coma setas pouco despois e cada certo tempo é habitual atopar algunha nova. Unha das primeiras e das mellores é a de Eric Burdon & War. O cantante de The Animals gravou esta orixinal versión en clave funk coa banda californiana no álbum The Black Man's Burdon (1971).


Máis achegada ó son orixinal é a versión española que fixeron Los Salvajes poucos anos despois da publicación dos Stones co título "Todo negro".


É unha versión da de Los Salvajes foi a que fixo M-Clan no álbum en directo Sin enchufe (2001).


A última versión máis destacada foi a de Plan B en 2007, unha revisión total titulada "Paint It Blacker".

mércores, 21 de xaneiro de 2015

Don't Let Him Waste Your Time

Pulp gañou unha boa reputación durante o tempo que esta banda estivo en activo, en plena febre do britpop. Por iso, a Jarvis Cocker, o líder e tamén o principal compositor, non lle faltou traballo cando no ano 2003 a banda decidiu tomar un longo período de descanso, e seguiu compondo cancións, aínda que meirande parte delas cedíallas a outros artistas antes de probar sorte en solitario. Unha das afortunadas foi Nancy Sinatra, que no álbum epónimo que publicou en 2004 contou cunha canción de Jarvis Cocker, que ademais tamén participaba como músico encargándose da percusión e da produción. Trátase de "Don't Let Him Waste Your Time" e esta contribución de Cocker brilla nun álbum cheo de cancións de destacados compositores e músicos coma Morrisey, Bono e The Edge de U2, Thurston Moore de Sonic Youth e Steven Van Zandt.


Dous anos despois, aparecía por fin o primeiro disco en solitario de Jarvis Cocker. En Jarvis (2006) o líder de Pulp contou coa colaboración dalgún dos membros da banda coma  Richard Hawley, Steve Mackey e Mark Webber. A canción estrela foi a nova versión de "Don't Let Him Waste Your Time".

martes, 20 de xaneiro de 2015

Get It On

Posiblemente o glam rock non habería de gozar da inmensa popularidade que tivo nos setenta se a Marc Bolan non se lle ocorrese escribir unha canción coma "Get It On". Incluída en Electric Warrior (1971) foi a insignia dun álbum que lle deu  total sentido ó glam. Ata daquela, T. Rex só tivera éxito en Europa, pero "Get It On" ía abrirlle as portas de Estados Unidos. Para a conquista do mercado americano e para ser mellor recoñecidos, a banda abreviara o nome a T. Rex, en vez do longo Tyrannosaurus Rex co que xa publicaran cinco discos. Electric Warrior confirmaba o bo momento que vivía o grupo, en pleno apoxeo e cun Marc Bolan moi inspirado nas composicións.

http://youtu.be/Y5YoyAbE2bU

Non se pode dicir que as versións que se fixeron logo de "Get It On" sexan superiores á orixinal. Unha das primeiras, en clave disco, é a de Witch Queen, rebautizada co título "Bang a Gong" (1979) e desde logo, resulta bastante pesada durante os primeiros seis minutos.


Outra das máis imporantes que se fixeron foi a de The Power Station en clave heavy, no álbum epónimo da banda de 1985.


A influencia do riff de guitarra de "Get It On" pode apreciarse perfectamente na canción de The Cars "Dangerous Type", pertencente a Candy-O (1979), cando a estela da canción de T. Rex empezaba a facerse totalmente visible.


Tamén está moi presente nos primeiros acordes de "Cigarrettes and Alcohol", unha das cancións dos recorrentes Oasis, que pertence ó primeiro álbum Definitely Maybe (1994).

http://youtu.be/-Oai5QYYnm4

luns, 19 de xaneiro de 2015

Chain of Fools

Lady Soul (1968), o álbum número catorce de Aretha Franklin, define á perfección á figura artística en que se convertera á cantante de Detroit, xa que entón para boa parte da critica Aretha era a raíña absoluta do soul, un posto que quizais só lle podería discutir Nina Simone. Coa produción de Jerry Wexler, que colaborara activamente nalgúns dos éxitos de Otis Redding, Aretha Franklin presentaba dez cancións nas que estaba incluída algunha sorpresa como unha versión de "People Get Ready", un dos maiores éxitos de Curtis Mayfield. Antes da publicación do álbum en xaneiro de 1968, editáronse dous singles; o primeiro foi "(You Make Me Feel Like) a Natural Woman", un tema de Carole King, Gerry Goffin e o propio Jerry Wexler; o segundo foi "Chain of Fools", unha das cancións imprescindibles de Aretha e a que hoxe nos dedicamos. Con ela abrése Lady Soul e conta coa participación de Joe South nas guitarras. O autor é o cantautor Don Covay, que lle cedeu a Aretha unha canción inmortal.


"Chain of Fools" ten un inmenso número de versións francamente boas, pero imos quedar coa adaptación que o ex líder de Golpes Bajos e antigo membro de Siniestro Total, Germán Coppini, fixo no seu segundo  álbum en solitario Flechas negras (1989). Coppini cambioulle totalmente a letra, pero coa melodía de "Chain of Fools" compuxo "Barbazul", un dos temas máis recordados xunto con "Alien divino".

venres, 16 de xaneiro de 2015

Kansas City Blues

Moi poucas cancións conseguen dar orixe a unha manchea de grandes temas derivadas da súa melodía e a súa estrutura. "Kansas City Blues", o blues de Jim Jackson que se publicou en 1927 pode presumir de estar detrás de grandes clásicos do blues e do rock e de inspirar outras cancións de nova factura baseadas na súa letra. Foi a primeira gravación que fixo Jim Jackson e tamén a máis influente de toda a súa carreira.


Dous anos despois a estela de "Kansas City Blues" comezaba a mostrarse no blues de Charley Patton "Going to Move to Alabama" (1929), que como vimos hai uns días tamén tivo o seu protagonismo en "Shake Your Moneymaker".

http://youtu.be/mhKGnLiApis

Habería de pasar máis dunha década para que a melodía de "Kansas City Blues" volvese emerxer, esta vez co ritmo máis acelerado. Hank Williams incorporouna a "Move It On Over" (1947).

http://youtu.be/t681jFKHOs8

Máis achegada a "Move It On Over" pero aínda con ecos dos blues anteriores, Bill Haley & His Comets gravaron en 1954 unha das máis grandes cancións do rock and roll, a incrible "Rock Around the Clock".

http://youtu.be/Ud_JZcC0tHI

Á vez, "Rock Around the Clock" tamén ten algo da composición de Leroy Anderson "The Syncopated Clock" (1947).

http://youtu.be/CrpdQngwk2g

"Rock Around the Clock" ten infinidade de versións, pero imos quedar con dúas en castelán e adaptadas de forma distinto, que tiveron un gran éxito no seu momento nos seus respectivos países. A primeira, de 1956, é de Gloria Ríos, unha artista mexicana que titulou a súa versión co nome de "El relojito".

http://youtu.be/GILybBOmMrc

A outra é a versión española de 1962 a cargo de Miguel Ríos cando aínda se facía chamar Mike Ríos e a gravou co título "Twist del reloj". Non deixa de ser unha coincidencia que tanto Gloria como Miguel teñan o mesmo apelido, así como a querencia polo tema de Bill Haley and His Comets.

http://youtu.be/QS0ydyQS_Qs

Con algunha reminiscencia de "Rock Around the Clock", anos despois Cheap Trick gravou "Clock Strikes Ten" no álbum In Color (1977).

http://youtu.be/x1bzkzUJ92w

Pero volvamos á orixe, ó blues de Jim Jackson, "Kansas City Blues". Como dicíamos tamén inspirou outras cancións apegadas ó blues que nada teñen que ver con "Rock Around the Clock", como é o caso de "Kansas City", tema de Leiber e Stollen que gravou por primeira vez Little Little Littlefield en 1952.

http://youtu.be/kTsfrPsikXc

A última e tamén das máis coñecidas é a de Janis Joplin, "Kansas City Blues", unha versión moi persoal desta artista.

http://youtu.be/PAYUbqnufgI

xoves, 15 de xaneiro de 2015

Cocaine

JJ Cale é un dos músicos, que sen facer demasiado ruído mediático e centrado só na súa música, deixou unha pegada imborrable no rock. Comezou a finais dos anos cincuenta gravando singles ata que en 1972 lanzou o primeiro álbum de longa duración. Para entón  xa era un artista respectado que xa contaba no seu haber con cancións coma "After Midnight", pero o gran público haberíao de coñecer sobre todo, cando a Eric Clapton se lle deu por versionar algunhas das súas cancións, o que fixo que en moitas ocasións servise para centrarse na figura daquel compositor que non renunciara a gravar as súas propias cancións. Sen que a sona se lle subise á cabeza, en 1976 publicou Troubadour, o cuarto disco, que contén unha canción inmortal como é "Cocaine", hoxe considerada unha das máis grandes do rock. 


Mestre para boa parte dos músicos dos anos 60 e 70, posiblemente foi Eric Clapton quen mellor soubo renderlle tributo a JJ Cale coas súas versións. A de "Cocaine" foi das que máis éxito tivo. Pertence a Slowhand (1977), polo que é unha das versións temperás de "Cocaine" e co tempo a popularidade que acadou chegou a superar á orixinal.


Gretchen Wilson débelle parte do éxito da súa canción "Work Hard, Play Harder", de I Got Your Country Right Here (2010) ó parecido que ten con "Cocaine", mais tamén debido a que os irmáns Robinson, de The Black Crowes, pensan que a canción de Gretchen Wilson ten parte da estrutura de "Jealous Again", tema do álbum Shake Your Money Maker (1989).


E para que non nos quede atrás, velaquí a canción de The Black Crowes pertencente ó debut da banda dos irmáns Robinson, que curiosamente, a pesar do título, non incluíron ningunha versión da canción de Elmore James que vimos hai uns días.

mércores, 14 de xaneiro de 2015

Don't You Want Me

The Human League redefiniron o seu son co terceiro disco Dare (1981) cara a un pop máis comercial. A fórmula saíulles ben, xa que lograron ter moita máis visibilidade nunhas listas de vendas onde predominaban os grupos da new wave, sen que o seu estilo sufrise unha transformación radical que afectase gravemente á credibilidade do grupo de Sheffield. Dare tivo numerosos singles, pero o máis recordado de todos despois de tantos anos é "Don't You Want Me", quizais tamén a canción máis coñecida de The Human League. Ademais, as constantes versións que se levan facendo da canción desde practicamente a súa publicación fan que sexa máis complicado que caia no esquecemento, polo que "Don't You Want Me" seguirá sendo por moito tempo unha das cancións máis representativas da new wave británica dos anos oitenta.


Como comentabamos antes, "Don't You Want Me" é un tema moi versionado, pero nesta ocasión imos quedar coa única que atopamos que non está en inglés. É a adaptación ó castelán que Tino Casal fixo no seu quinto e derradeiro disco, Histeria (1989), co título "No fuimos héroes".

martes, 13 de xaneiro de 2015

Blue

En xuño de 1971 Joni Mitchell publicaba Blue, cuarto disco da compositora canadense, que pronto se ía converter nun dos favoritos dos fans de Mitchell. Nel están algunhas das cancións máis coñecidas e que fixeron dela unha das cantautoras máis reputadas dos anos setenta. Por unha vez, non contén ningunha versión e tódolos temas asínaos ela. Con todo, as letras das súas cancións, ó igual que lle ocorría a outras cantautoras do momento, eran motivo dunha estensa análise por parte da crítica, que cría ver nesas composicións anacos da vida das autoras e axiña afirmaba que tal canción estaba dedicada a tal mozo co que supostamente a artista tiña un romance. "Blue", a canción que lle dá título ó álbum, tampouco se librou e a pesar das constantes negativas de Joni Mitchell, moitos sosteñen que vai dirixida a alguén moi concreto, un autor polo que Mitchell estaría interesada.

http://youtu.be/w5782PQO5is

"Blue" conta con dúas fantásticas versións. A primeira é a de Sarah McLachlan no recompilatorio Rarities, B-Sides and Other Stuff (1996).

http://youtu.be/STRGKm7T72M

 A outra é a que Catpower gravou no álbum de versións Jukebox (2008).

http://youtu.be/lmRcrsP_Pzk

Pero á parte das versións, "Blue" tamén serviu de base para outras cancións, coma a de A.R. Kane en "Catch My Drift" (1989), aínda que dunha forma tan distorsionada que case non se recoñece. Non conseguimos unha ligazón coa canción soa, así que vos temos que ofrecer unha que aparece nesta remestura de varios temas de A. R. Kane.

http://youtu.be/dhGK2iTL1xg

Blue e Exile empregaron a mesma fórmula na canción "My World Is..." no álbum Below the Heavens (2007). Como se pode apreciar, o resultado dista moito da sensibilidade coa que Joni Mitchell comuxo "Blue".

http://youtu.be/jjTyrfmO_Mw