mércores, 11 de marzo de 2015

Gold Dust Woman

A nova etapa que se abrira en Fleetwood Mac coa chegada de Lindsey Buckingham, Christine McVie e Stevie Nicks non tiña volta de folla. Instalados nun son máis preto do pop e co blues esquecido, as cousas non lle ían mal comercialmente, algo que se confirmou con Rumours (1977), un dos discos máis vendidos da banda. Este xiro radical de estilo débese sobre todo ás dúas mozas, responsables da composición de case tódalos novos temas. Cada unha delas soubo reflectir en cadansúa canción a súa personalidade. "Gold Dust Woman" é un dos temas de Stevie Nicks de Rumours que recolle moitos dos motivos que logo se haberían de reproducir noutras das súas cancións. 


É ben sabido a admiración que as composicións de Stevie Nicks, espertan desde sempre en Courtney Love. No banda sonora de  The Crow: City of Angels (1996) Hole versiona"Gold Dust Woman".

martes, 10 de marzo de 2015

Faithfully

Posiblemente na actualidade a música de Journey non resulte das máis coñecidas de entre as numerosas bandas de hard rock dos setenta e dos oitenta, pero como lles ten pasado a outros rockeiros antes, a súa maior herdanza é unha balada, desas que perviven durante décadas. No caso de Journey, o mérito débese a "Faithfully", unha das cancións de Frontiers (1983), o oitavo álbum da banda de San Francisco. Descontando o número de versións que se realizaron, que son unhas cantas, "Faithfully" está detrás das orixes de dúas grandes baladas rock desa mesma década, pero a diferenza do que adoita ser habitual por norma xeral, os dous autores deses temas eran conscientes da influencia que exercía a canción de Journey e, posiblemente por iso, esas dúas cancións non se acaban parecendo gran cousa a "Faithfully" e de feito entre elas, como imos ver, nin sequera gardan ningún tipo de semellanza. En realidade o único que teñen en común as tres é que son unhas excelentes baladas de comezos dos oitenta.


Cando Journey se embarcou na xira de presentación de Frontiers levaron de teloneiro a un novísimo Bryan Adams, que daquela aínda non acadara a sona da que gozaría uns anos máis tarde. Precisamente a popularidade de Adams disparouse coa balada "Heaven", composta durante a xira de Journey, e o canadense sempre indicou que "Faithfully" lle serviu de inspiración. Steve Smith, o batería de Journey, participou na gravación. "Heaven" formou parte da banda sonora de A Night in Heaven (1984) antes de incluírse no álbum de Bryan Adams Reckless (1984).


Da mesma época é a gran canción de Prince "Purple Rain", que lledá título á película e o disco do artista de Minneapolis de 1984. Despois de gravala, Prince non estaba moi convencido e telefoneou a Jonathan Cain, membro de Journey e autor de "Faithfully", para preguntarlle se escoitara "Purple Rain" e se notaba moitas semellanzas coa canción de Journey. Cain tranquilizouno e díxolle que non había risco de plaxio. A pregunta é por que Prince non volveu ter en conta as posibles coincidencias das súas composicións posteriores con outras alleas, xa que iso lle aforraría algún desgusto como o que tivo con "The Most Beautiful Girl in the World".

luns, 9 de marzo de 2015

Evil Woman

Jeff Lynne sempre tivo moi claro que a súa banda  tiña que transitar polos sons do rock pouco explorados, a poder ser, na procura dun punto no que converxese coa música clásica, que en principio parecía afastada dabondo dos novos estilos populares. E con todo, Lynne soubo achegarse coma ninguén, conferíndolle a Electric Light Orchestra un selo de distinción respecto ás demais bandas de rock progresivo. Coa ELO, o termo rock sinfónico acada todo o seu significado e ía asentándose con cada álbum da banda e xa era a banda máis importante deste subxénero cando editaron Face the Music (1975), o quinto disco, que contén unha marabilla como "Evil Woman".


Unha parte importante de "Evil Woman" serve de base para a canción de The Pussycat Dolls "Beep", canción pertencente a PCD (2005), e na que tamén participa Will.i.am, a voz principal de The Black Eyed Peas, como autor, produtor e intérprete.

venres, 6 de marzo de 2015

Get Down on It

Non son moitos os grupos que se saben adaptar á perfección ós gustos do momento e moito menos os que adoitan manterse en primeira liña sen sufrir un desgaste que os leve o retiro. Un bo exemplo é Kool & the Gang que comezaron nos sesenta como un grupo de soul e jazz, pero tiveron os seus maiores éxitos entre finais dos setenta e comezos dos oitenta grazas á reconversión do seu son en funk, disco e R&B, sendo un dos grupos estrela de calquera pista de baile. Unha das súas cancións máis recordadas é "Get Down on It", pertencente a Something Special (1981), o álbum número trece na discografía do grupo de Nova Jersey, que lonxe de pensar na xubilación, aínda seguen sacando discos novos cada pouco.


Hai unha chea de versións de "Get Down on It" que apenas achegan algunha novidade destacable que a diferencie da orixinal. Imos quedar entón cunha das máis esquecidas, a de Peter André no álbum Natural (1996), que tamén foi unha das primeiras en gravarse.


Claro que distinta é a canción de Snoop Dogg "We Just Wanna Party with You", pertencente á banda sonora de Men In Black (1997) , pero tamén é verdade que sen as bases de "Get Down on It" quedaría en nada.

xoves, 5 de marzo de 2015

Kid

Ata finais dos setenta non era moi habitual ver unha rapariga á fronte dunha banda de rock, pero os exemplos eran cada vez máis abundantes: Joan Jett, Patti Smith, Siouxsie Sioux... Unha das últimas en incorporarse á fila de rockeiras foi Chrissie Hynde, líder de The Pretenders, banda que en 1979 comezou a editar os primeiros singles con moi boa acollida. Cando por fin se publicou o álbum en xaneiro de 1980, Pretenders, a banda xa era coñecida polos tres singles que se editaran, especialmente polo último, "Brass in Pocket", que aínda soa con frecuencia nas radiofórmulas. Hynde soubera canalizar o seu talento compositivo nun proxecto sólido que comezaba a coller forma con ese álbum epónimo. Logo haberían de chegar outras grandes cancións que trazaron o repertorio de The Pretenders, pero esta vez imos quedar con "Kid", o segundo single da ópera prima da banda de Chrissie Hynde.


"Kid" conta cunha gran versión de Everything But the Girl no álbum Love Not Money (1985), dez anos antes de que o dúo inglés fose mundialmente coñecido por "Missing".


Local H réndelle unha sentida homenaxe a The Pretenders e máis en concreto a "Kid" en "The One with Kid" no álbum 12 Angry Months (2008).


mércores, 4 de marzo de 2015

The Scientist

Tras acadar unhas excelentes críticas co álbum de debut Parachutes (2000), Coldplay seguía buscando a perfección con A Rush of Blood to the Head (2002), un disco que para unha parte da crítica superaba con creces a ópera prima. Cunha liña continuista aínda, o novo álbum abonda nas baladas onde a guitarra acústica e o piano son os instrumentos principais e tan só "Clocks" é unha nota discordante coa totalidade do resto das cancións. Unha das máis características de A Rush of Blood to the Head é "The Scientist", o segundo single, que á vez é tamén unha das máis representativas do repertorio de Coldplay, como "In My Place", que foi o primeiro single, e outras do primeiro disco como "Yellow" e "Trouble", que fixeron que a banda de Chris Martin atopase un lugar privilexiado dentro do pop rock de comezos de século.

http://youtu.be/RB-RcX5DS5A

Desde o ascenso que Codplay acadou nos últimos anos como unha das bandas máis importantes das dúas últimas décadas, son moitos os artistas que se fixan no estilo e tratan de imitalo. "The Scientist" é unha das cancións favoritas do fans de Coldplay e pode intuírse a súa pegada en "Haunted", un dos temas de Taylor Swirft incluído en Speak Now (2010).

http://youtu.be/XqKgzIzdygc

martes, 3 de marzo de 2015

The Price of Love

Os irmáns Don e Phil Everly déronse a coñecer a finais dos cincuenta precisamente como The Everly Brothers. A súa andaina ó longo de varias décadas deixou un pouso de moi boas cancións e excelentes versións doutros artistas que habería de facer deles unha das parellas de irmáns máis importantes da música. Case todo o mundo recórdaos agora por "All I Have to Do Is Dream", un tema lento que callou na memoria colectiva e nin sequera ningunha das versións que outros fixeron dela acadou o grao de popularidade da orixinal. No entanto, imos dedicarnos a outra gran canción dos Everly Brothers, neste caso "The Price of Love", que se editou como single en 1965 e que sería unha das grandes bazas do álbum, In Our Image (1966).


Hai unhas cantas versións moi boas de "The Price of Love" como a de Status Quo, cun son moito máis rockeiro. Editouse en 1969 e non se incluíu no álbum que a banda publicou ese ano.


Tamén distinta é a versión que Bryan Ferry gravou no álbum Let's Stick Together (1976), o terceiro en solitario á marxe de Roxy Music. A medida que ían aumentando as versións de "The Price of Love" tamén ía aumenta a duración destas.


A útlima gran versión de "The Price of Love" é a que fixo Marianne Faithfull no álbum Give My Love to London (2014).

luns, 2 de marzo de 2015

Karn Evil 9

Desde finais dos sesenta puxéronse de moda os supergrupos. Case á vez que aparecía Cream, outros tres bos músicos se unían para formar unha gran banda. Non lle deron moitas voltas ó nome, que finalmente estaría composto polos apelidos de cada un dos membros, pero iso non era síntoma de que carecesen de imaxinación na súa música. Emerson, Lake & Palmer é un dos grandes referentes do rock progresivo desa época e, a diferenza da inestabilidade doutros supergrupos, Keith Emerson, Greg Lake e Carl Palmer aguantaron xuntos case dez anos, nos que tiveron tempo de publicar sete discos antes de anunciar o seu regreso nos noventa.Ó cuarto álbum, Brain Salad Surgery (1973) pertence este sensacional "Karn Evil 9".


A banda de harcore Gwar, referente dos fineses Lordi tamén en canto á indumentaria, baseou o seu tema "Zombies March!", de Bloody Pit of Horror (2010) na canción de Emerson, Lake & Palmer.