martes, 24 de marzo de 2015

Stop, Look, Listen (to Your Heart)

Filadelfia foi berce desde sempre de excelentes grupos de soul, que cativaron ó público coas súas interpretacións vocais. The Stylistics sumou un novo elo ó fundarse a finais dos sesenta. Co apoio do produtor Thom Bell e da compositora Linda Creed lograron debutar cun álbum epónimo en 1971, que incluía algunhas cancións que agora xa forman parte da historia do soul. Unha das máis importantes é a que abre o disco, "Stop, Look, Listen (to Your Heart)", que logo acadaría tamén unha gran popularidade nas voces de Marvin Gaye e de Diana Ross.


Nun deses trucos que ás veces os xefes da Tamla Motown tiñan a man, xuntaron a dúas das súas estrelas máis importantes, Diana Ross e Marvin Gaye para que gravasen un álbum de duetos, titulado como non, Diana & Marvin (1973), no que repasaban algúns éxitos do soul cantados por outras voces. A versión que fixeron do tema de The Stylistics é das máis destacadas.


Aproveitando que é unha fabulosa canción soul, Craig David tomou as bases de "Stop, Look, Listen (to Your Heart) para o tema "All Alone Tonight", pertencente a Signed Sealed Delivered (2010), álbum de versións e revisións da época dourada do soul.

luns, 23 de marzo de 2015

On Time

Antes de que a febre do sábado noite transformase ós Bee Gees en adalides da música disco pop, o grupo dos irmáns Gibb tiveron unha etapa hoxe case esquecida dedicada por completo ó blues e o rock, estilos que marcaron os seus comezos. Tras intentalo en Australia, onde a familia se trasaladara cando eran uns nenos, regresaron a Gran Bretaña en 1966 e o ambiente musical que se respiraba entón na alí callou rapidamente no grupo, que non tardou en relanzar unha carreira musical con algúns éxitos menores, pero cada vez máis importantes a medida que se ían asentando. Unha canción notable que finalmente non incluíron en ningún disco é "On Time", single de 1972, unha das composicións de Maurice Gibb.


Non hai moitos anos, sobre a base de "On Time", Richard Ashcroft, ex líder de The Verve, compuxo "Are You Ready?", unha canción para a banda sonora da película The Adjustment Bureau (2011).

xoves, 19 de marzo de 2015

All Right Now

Outra das bandas das que sempre nos acordamos por unha soa canción é Free. Este grupo de rock, orixinario de Londres, acadaría o seu maior éxito co terceiro disco que publicaron, Fire and Water (1970), unha colección de sete cancións na que destaca a última, o corte 3 da cara B, "All Right Now", que lles abriría as portas da posteridade. O contundente riff de guitarra que marca a canción desde o comezo dálle a entidade necesaria para facer dela un clásico do rock de todos os tempos. De aí que non sorprenda que sexa unha canción moi versionada, especialmente en concertos, nos que outros grupos as poden enlazar con cancións propias, e que nas radiofórmulas que aínda poñen rock nunca se esquecen deste tema de Free. 


The Runaways, a banda coa que se deu a coñecer Joan Jett, gravou nunha maqueta unha versión de "All Right Now", que resultou ser das primeiras que se facían da canción de Free. Data do ano 1975.


E con ese característico riff, Steve Miller Band compuxo "Rock'n Me", unha das cancións do exitoso álbum Fly Like an Eagle (1976).

mércores, 18 de marzo de 2015

Psycho Killer

A new wave comezou a xestarse a finais dos setenta cando unha serie de novos grupos decidiron facer algo diferente aproveitando a gama de novos xéneros que se crearon nesa década. Así que cunhas doses de pop, rock, funk, disco, reggae e punk as novas bandas foron perfilando un estilo ecléctico coñecido como a nova onda, unha maneira de dicir que o tempo futuro chegara. Unha desas bandas foi Talking Heads, que debutaban en 1977 con Talking Heads: 77 e xa aí se deixaba ver que David Byrne, alma máter do grupo, estaba chamado a facer grandes cousas na década seguinte. A gran canción da ópera prima de Talking Heads é, sen dúbida, "Psycho Killer", un tema que aínda hoxe fai as delicias de seguidores e artistas.


Non deixa de ser unha alegría a volta de Blur. Quince anos despois da época dourada da banda, e tras numerosos proxectos de Damon Albarn pola súa conta e uns cantos desencontros con Graham Coxon, a banda londiniense regresa por todo o alto cun novo álbum, The Magic Whip, que verá a luz o vindeiro mes de abril. De momento xa podemos escoitar o adianto, "Go Out", que ten un son que recorda moito a "Psycho Killer".

martes, 17 de marzo de 2015

Bonnie & Clyde

O gran cantautor francés Serge Gainsbourg sempre será recordado pola famosa canción subida de ton "Je t'aime... mon non plus" gravada xunto con Jane Birkin, pero o certo é que existe unha versión anterior aínda máis picante con Brigitte Bardot. Daquela, a finais dos sesenta, Brigitte Bardot xa era  todo un mito erótico e tamén a musa de Gainsbourg, que mesmo lle chegou a dedicar un álbum enteiro, Initials B.B. (1967) no que a actriz prestou a súa voz para a canción "Bonnie and Clyde", un dos mellores temas de Gainsbourg. A historia da famosa parella de gángsteres sempre inspirou a moitos artistas, tanto do cine como da música, pero quizais Gainsbourg foi quen mellor a retratou nunha canción pop. Por fortuna, a obra de Gainsbourg sempre será moito máis que o tema con Jane Birkin.


"Bonnie & Clyde" é dos temas máis versionados de Serge Gainsbourg. Steve Wynn fixo unha versión en inglés xunto coa líder de Concrete Blonde, Johnette Napolitano no álbum Dazzling Display (1992).


Kylie Minogue recreou as bases de "Bonnie and Clyde" na canción "Sensitized", do álbum X (2007).

luns, 16 de marzo de 2015

Heartless

Que o talento de Kanye West é tan grande coma o seu ego é algo que saben os que levan tempo seguindo a traxectoria deste artista, que dotou ó  hip hop dunha estética próxima ó glamour. Antes de que West firmase o seu mellor traballo discográfico en 2010 con My Beautiful Dark Twisted Fantasy, xa deixara constancia de que era un rapeiro feito dunha pasta diferente nos catro anteriores discos. Cada vez máis achegado á perfección, en 808 & Heartbreak (2008) xa se notan algunhas claves que ía extrapolar nos seguintes álbums e que Kanye West se encargaría de ir pulindo entre disco e disco. Unha das cancións máis destacadas de 808 & Heartbreak é "Heartless", unha das poucas totalmente orixinais que non precisou de elementos alleos para a súa composición.


Tampouco deixa de ter o seu aquel que unha das cancións máis orixinais de Kanye West sexa das máis versionadas, sobre todo por grupos e artistas afastados do hip hop. Un dos mellores exemplos é a versión  pop rock de The Fray, que se atopa na reedición do álbum epónimo da banda de Denver, publicado en 2009.

venres, 13 de marzo de 2015

Love Sensation

Loleatta Holloway non tivo grandes éxitos internacionais, pero as poucas cancións que triunfaron na súa voz tiveron a repercusión suficiente para que moitos artistas que viñeron detrás as tivesen en conta á hora de elaborar algunha das súas composicións cando andaban algo faltos de imaxinación creativa. O tema máis paradigmático destes é, non cabe dúbida, "Love Sensation", a última gran canción de Loleatta Holloway, que acadou os primeiros postos das listas estadounidenses de música disco. A canción, que titula o sexto álbum da cantante de Chicago e que se editou en 1980, non tardou en ser unha presa fácil tanto para músicos de hip hop coma para os productores de techno, e aínda hoxe se segue botando man de "Love Sensation" para novas creacións.


É difícil escoller entre a variedade de cancións ás que "Love Sensation" prestou o seu son, pero desta volta imos quedar con dous dos proxectos perfectamente consagrados. O primeiro deles, o de Pet Shop Boys, que na reedición de Behaviour (1990) incluíron a canción "We All Feel Better in the Dark", coas bases do tema de Holloway.


A segunda é o tema de Moby que tamén empregou "Love Sensation". Trátase do single "Move" que se editou en 1993.

xoves, 12 de marzo de 2015

Wipe Out

Hai xa moitas décadas que o rock instrumental carece de forza para situarse en primeiro plano, pero na década dos sesenta gozou do favor do público, que lle dirixía tanta atención como a calquera nova variante do rock con letra. De aí que grupos coma The Tornados, The Trashmen e os que hoxe vos presentamos, The Surfaris, entre outros, que prescindían da voz en moitas das súas composicións tamén triunfasen nas listas de éxitos con temas instrumentais. No caso de The Surfaris, que se especializaron no surf rock, o maior éxito que acadaron foi co single "Wide Out", que o quinteto formado por Bob Berryhill, Ron Wilson, Ken Forssi, Pat Connolly e Jim Fuller editou en 1963.


Unha das versións máis coñecidas de "Wipe Out" é a que fixo o dúo de hip hop The Fat Boys en colaboración coa banda máis representativa do surf rock de tódolos temos, The Beach Boys, no álbum Crushin' (1987) e desta volta, xa con letra.


A sombra de "Wipe Out" tamén se pode notar durante a canción de Foo Fighters "All My Life", pertencente a One by One (2002).