martes, 31 de maio de 2011

The Banjo Song

En 1962, o cantautor de Greenwich Village Tim Rose formou xunto coa cantante de The Mamas & The Papas Cass Elliot e John Brown o trío folk The Triunvirate. Cando John Brown abandonou a formación pouco despois e substituíuno Jim Hendricks, pasouse a chamar The Big Three. O novo grupo só gravou dous álbums, The Big Three (1963) e The Big Three Live at the Recording Studio un ano despois. No primeiro álbum estaba incluída a canción "The Banjo Song", que, ó igual que The Big Three, non pasou a posterioridade precisamente. Ou talvez si?


En 1969, o grupo holandés Shocking Blue editaba o seu segundo álbum At Home cuxo último corte da cara B, a canción "Venus", se ía converter no seu maior éxito.

 http://www.goear.com/listen/4e31ee5/venus-shocking-blue

Pero, o que son as cousas. Para as xeracións posteriores, "Venus" é unha canción dun grupo pop procedente de Londres chamado Bananarama, que se incluía no disco de 1986 True Confessions. Claro, para entón The Big 3 xa  parecía pertencer á Idade de Pedra...

  http://www.goear.com/listen/a322eff/venus-bananarama

mércores, 25 de maio de 2011

The Air That I Breathe

O xibraltareño Albert Hammond, un dos autores de maior éxito dende os 60, compuxo xunto o seu colaborador habitual Mike Hazlewood, "The Air That I Breath", unha balada que aparecería no seu primeiro álbum en solitario It Never Rains in Southern California (1973).


Un ano despois, a banda de pop-rock orixinaria de Manchester The Hollies gravou unha versión que se convertería no seu maior éxito.


E a partir de aí, a historia de sempre. Como o cover de The Hollies tivo moito éxito, empezaron a xurdir novas versións nas voces doutros artistas dende ese momento; Olivia Newton-John, Julio Iglesias, Semisonic e Simply Red, entre outros, cantárona nalgunha ocasión para os seus propios traballos, así como o chileno Jorge González, que a gravou en español como "Necesito poder respirar", partindo da versión nese idioma do mesmo Albert Hammond.

Pero a polémica chegou en 1992, co debut da banda inglesa liderada por Thom Yorke, Radiohead, cuxo single de lanzamento tiña demasiadas semellanzas coa canción de Hammond. "Creep", que se acabaría convertendo nun himno para os seguidores de Radiohead, apareceu tamén no primeiro álbum de Radiohead  Pablo Honey, en 1993.


Non deixa de ser curioso que os comezos deste grupo estivesen marcados pola sombra dun plaxio que podería afectar á súa traxectoria posterior; no entanto, Radiohead converteuse nunha banda de culto e unha referencia innegable para centos de bandas de todo o mundo. En España, Piratas e Vetusta Morla son quizais os que máis lle deben a Thom Yorke e compañía. Mesmo hai quen lle critica á banda de Tres Cantos que se inspiran demasiado nas melodías de Radiohead, pero hoxe está fóra de toda dúbida de que Vetusta Morla, máis por méritos propios que por intervención do espírito de Radiohead, é unha das mellores bandas do panorama nacional e vai camiño de marcar unha época, do mesmo xeito que a banda de Iván Ferreiro é xa un mito no rock alternativo español.

xoves, 5 de maio de 2011

D'yer Mak'er

Led Zeppelin é unha das bandas que axudou a consolidar a corrente do heavy dentro do rock e na actualidade, o grupo de Jimmy Page e Robert Plant é todo un referente. Malia o prestixio do seu nome, a traxectoria de Led Zeppelin viuse ensombrecida polos supostos plaxios dos que se abasteceron as súas grandes cancións. Outro día trataremos o seu exemplo máis fragrante: "Stairway to Heaven", quizais a obra mestra de Led Zeppelin, composta por retais de varias cancións doutros grupos como a peza instrumental "Taurus" de Spirit.

No entanto, hoxe imos dedicarnos a unha das súas composicións orixinais e que foi motivo de valiosos covers como "D'yer Mak'er", do álbum Houses of the Holy (1973). O título da canción é unha clara alusión a Xamaica, xa que a pronunciación do título é case idéntica ao do país caribeño.

 http://www.goear.com/listen/bbf6e49/dyer-maker-led-zeppelin

A primeira versión deste tema correu a cargo do cantante xamaicano Eek-A-Mouse en 1991, pero o cover máis famoso de "D'yer Mak'er" aparecía en 1995 no álbum de tributo a Led Zeppelin Encomium: A Tribute to Led Zeppelin na voz da compositora Sheryl Crow.

 http://youtu.be/2XwoyFzbHNY

mércores, 13 de abril de 2011

Fanfare for the Common Man

Aaron Copland é, posiblemente xunto con George Gershwin, o compositor norteamericano do século XX que máis influíu na música rock. Proba disto é a Fanfarra para o Home Común, unha peza que Copland compuxo en 1942 para a Orquesta Sinfónica de Cincinnati por encargo do seu director Eugene Goossens. A fanfarra está inspirada nun discurso político do vicepresidente dos Estados Unidos Henry Wallace, que defendía a importancia do home corrente fronte a ola de euforía que se desatou nalgúns medios de comunicación polo papel hexemónico que ían exercer os Estados Unidos no mundo trala Segunda Guerra Mundial.


 A primeira banda que se animou a incorporar esta peza ó seu repertorio rock foi Styx en 1972 no seu álbum homónimo que incluía unha interpretación libre da fanfarra á que denominaron "Movement For The Common Man".

http://youtu.be/DLUdv8QyROc


Os seguintes que se atreveron coa fanfarra foron Emerson, Lake & Palmer, no seu traballo (nunca mellor dito) de 1977 Works, Vol1. cunha excelente interpretación.

 http://www.goear.com/listen/bf0a660/fanfare-for-the-common-man-emerson-lake-and-palmer

A peza de Aaron Copland ten moito éxito nos concertos, xa que moitos artistas teñen abeto o espectáculo das súas xiras coa Fanfarra, como os Rolling Stones, na xira de presentación do álbum Black and Blue (1976); Asia, que tiña como membro destacado a Carl Palmer, integrante anteriormente de Emerson, Lake & Palmer; e tamén Bob Dylan.

Quen mellor entendeu a combinación da fanfarra cos grandes espectáculos en estadios foi a banda de Freddie Mercury, Queen. Brian May empregou as bases da fanfarra para compoñer o tema mítico "We Will Rock You", que aparecería no álbum de 1978 News of the World, e que se convertería nunha canción imprescindible en calquera estadio.

 http://www.goear.com/listen/62ae33a/we-will-rock-you-queen

martes, 12 de abril de 2011

Luka

Suzanne Vega é unha das cantautoras americanas máis recoñecidas da década dos 80 grazas entre outros, a temas como "Tom's diner" e o seguinte que vos presentamos: "Luka", que conta a historia dun neno que recibe malos tratos na casa. A canción pertence o álbum Solitude Standing (1987).


A propia cantautora tamén gravou a canción en español: http://www.goear.com/listen/7b5807f/luka-spanish-version-suzanne-vega

O primeiro cover  apareceu dous anos despois da publicación do orixinal de Suzanne Vega e correu a cargo da banda de Boston The Lemonheads para o seu álbum Lick (1989).


Pero posiblemente, a versión máis arriscada é a que levaron a cabo os xaponeses The Indigo, que transformaron un tema de estilo pop nunha peculiar e coidada bossanova no seu álbum My Fair Melodies2 (2004).


A última versión de "Luka" que coñecimos foi a que levou a cabo a banda liderada polo actor Luís Tosar The Ellas, que verteu a canción de Suzanne Vega ó galego, aínda que tamén adoita cantala en castelán. Deixamósvos á ligazón a YouTube do concerto que deu en Cans en 2010.

 http://youtu.be/lFRmHcLHkcc


xoves, 7 de abril de 2011

Tainted Love

Se se preguntase de quen é a canción "Tainted Love", moitos responderían que é dun grupo da New Wave chamado Soft Cell, e que este é o seu maior éxito; pero o certo é que a primeira gravación de "Tainted Love" é de 1964, levada a cabo pola cantante Gloria Jones. A canción escribiuna Edd Cobb, integrante do grupo vocal The Four Peps peo o certo é que a súa popularidade débese á versión de Soft Cell. A versión orixinal da cantante de Ohio saíu como single en 1964 e houbo que esperar ata 1976 para velo publicado nun dos seus álbumes: Vixen, producido polo seu mozo Marc Bolan, líder de T-Rex.


A versión de Soft Cell pertence ó seu álbum de debut Non-Stop Erotic Cabaret (1981). A partir dese momento, comezaron a facerse habituais os covers baseados na versión de Soft Cell.


Entre tódalas versións que se fixeron desde a publicación do álbum de Soft Cell, destaca especialmente o cover que Marylin Manson fixo para o seu disco de 2001 Not Another  Teen Movie Soundtrack.

  http://www.goear.com/listen/25a49ea/tainted-love-marilyn-manson

En español tamén hai un cover a cargo da banda madrileña La Unión, incluído no seu álbum de Grandes Éxitos (2000)

  http://www.goear.com/listen/809cec8/falso-amor-la-union

Actualmente, a melodía de "Tainted Love" segue actualizada, grazas a disc-jockeys como David Guetta e rapeiros como Flo Rida, que a samplearon nas súas cancións, o mesmo que a cantante de Barbados Rihanna, que se deu a coñecer con "SOS" no verán de 2006.

 http://www.goear.com/listen/5efb7a8/sos-rihanna

martes, 5 de abril de 2011

One

"One" é unha das mellores cancións da década dos 90, incluída nun dos mellores álbums: Achtung, Baby (1991), que confirmaba á banda irlandesa U2 como a mellor do panorama rock nese momento, algo que xa se percibía cos anteriores traballos de Bono e compañía, como The Joshua Tree (1987) e Rattle and Hum (1988). Por iso non é de estrañar que dez anos despois, este clásico inspirase a outros artistas e grupos. E é que a canción producida por Brian Eno e Daniel Lanois é preciosa.


Case unha década máis tarde, en 2000, atopamos o primeiro cover deste tema nun traballo discográfico (R.E.M. xa tocara "One" en directo en 1993 xunto con Larry Mullen e Adam Clayton): no álbum acústico do formidable cantante country Johnny Cash  American III: Solitary Man.


Ese mesmo ano, Craig David debutaba co álbum Born To Do It, onde está recollida a canción "Walking Away", cuxos primeiros acordes son moi semellantes ó tema de U2.

  http://www.goear.com/listen/7aaffe3/walking-away-craig-david

Un ano despois, Lighthouse Family incorporaría o retrouso de "One" ó final da súa canción "(I Wish I Knew How It Would Feel To Be) Free" no seu álbum Whatever Gets You Through The Day.

 http://www.goear.com/listen/57d1f8d/free-lighthouse-family

En 2005, Mary J. Blige faría un cover de "One" no seu álbum The Breakthrough contando coa insestimable colaboración do propio Bono.

 http://www.goear.com/listen/25329f8/one-mary-j-blige-y-u2-

Para rematar, neste 2011 a última banda en inspirarse neste clásico de U2 é o grupo de Ohio, The National co seu tema "Think You Can Wait", banda sonora da película independente Win Win, que aínda que non é unha versión, conta con certas reminiscencias. Deixámosvos a ligazón a Youtube.

 http://www.youtube.com/watch?v=nVo7MkjReO8


mércores, 30 de marzo de 2011

Wicked Game

"Wicked Game" é, sen ningunha dúbida, a canción máis coñecida do compositor estadounidense Chris Isaak Incluída no álbum de 1989 Heart Shaped World, obtivo tal éxito que moi pronto se convertiu en banda sonora de numerosas películas e telefilms, debido á forte carga melancólica que transmite a canción.


Esta canción é a favorita de Villie Valo, líder e fundador da banda finlandesa HIM, que comentou nalgunha ocasión que era a mellor canción escrita xamais. Evidentemente, HIM incluíu un cover no seu primeiro traballo discográfico, un EP titulado 666 Ways to Love: Prologue, que se editou en 1996 só en Finlandia. Un ano despois, volveríano incluír no seu álbum de longa duración Greatest Love Songs Vol: 666 e, cando gañaron popularidade en Europa, tamén aparecería nas edicións británica e americana do seu segundo álbum Razorblade Romance, de 1999.

  http://www.goear.com/listen/1319d7b/wicked-game-him