martes, 3 de decembro de 2013

Diamonds and Rust

É certo que boa parte da discografía de moitas cantautoras do anos 60 e 70 está composta de versións, pero non é menos certo dicir que as cancións orixinais que saíron da man de Marianne Faithfull, Judy Collins e Joan Baez, por citar só tres nomes, son tamén grandes composicións. No caso de Joan Baez destaca especialmente a canción que lle dá título ó album de 1975 Diamonds & Rust, unha dos temas máis persoais da compositora de Nova York. Inspirada na figura do seu bo amigo Bob Dylan, "Diamonds & Rust" conseguiu á vez, ser das cancións máis versionadas de Joan Baez e non só por cantautores, senón que esta canción chegou mesmo á órbita do heavy metal.


Pois si. Algo terá "Diamonds & Rust" para que un dos grupos máis importantes do heavy como Judas Priest se animase a facer unha versión no álbum Sin After Sin  (1977).


E desde logo, tampouco pasou desapercibida para os artistas de hip hop. Busdriver comeza cun sample de "Diamonds and Rust" a canción "Happiness" e que repite no retrouso.


A mesma fórmula repítea André Nickatina en "Upgrade Call".


Pero sen recorrer ó hip hop, podemos atopa-la influencia da canción de Joan Baez en "Foolish Games", un dos éxitos de Jewel pertencente ó álbum Pieces of You (1995) e que tamén se incluiría na banda sonora da película de Batman e Robin.

luns, 2 de decembro de 2013

Original Sin

Debido ó exito que Chic tiña nos anos 80, Nile Rodgers era un produtor moi demandado daquela. Todo o mundo quería traballar con el, pois parecía posuír as claves para triunfar nun lugar tan competitivo como o da música. Os australianos INXS foron dos afortunados en contar con Rodgers no cuarto disco The Swing (1984). O primeiro single extraído foi "Original Sin", escrito por Michael Hutchence e Andrew Farris. A contribución de Rodgers nel é bastante visible, pois algúns dos acordes lembran moito ó son de Chic. Como curiosidade, nos coros do retrouso, INXS contou coa colaboración de Daryll Hall, unha proposta do mesmo Nile Rodgers.

http://www.goear.com/listen/901dce8/original-sin-inxs

Durante os anos 80 INXS foi gañando adeptos en todo o mundo ata converterse nunha das bandas máis importantes de rock do momento. A ascensión de INXS foi moi meritoria ó procederen os seus membros de Australia e facerse un oco nas listas de vendas de Estados Unidos e de Europa, apostando por un son herdeiro do glam cando esta maneira de facer rock quedara relegada a ós últimos anos dos 70. O sétimo disco X (1990), cando INXS xa era unha banda consagrada, ábrese con "Suicide Blonde", un tema en que recollen os acordes de "Original Sin".

http://www.goear.com/listen/978ac7f/suicide-blonde-inxs

venres, 29 de novembro de 2013

You'll Never Walk Alone

Se hai unha canción que sobresaíu por riba de todas as do musical Carousel esa foi "You'll Never Walk Alone". Moitos artistas decidiron gravar unha versión, pero onde realmente "You'll Never Walk Alonde" se converteu en todo un himno foi nas bancadas dos campos de fútbol do Reino Unido. Os siareiros do Liverpool foron os primeiros en incorporala  ós cantos de ánimo ós seus xogadores en Anfield xa nos anos 60 e pronto outras afeccións seguirían o seu exemplo coma o Celtic de Glasgow, ata facer que hoxe a canción composta por Richard Rodgers e Oscar Hammerstein estea máis asociado ó mundo do fútbol ca o dos musicais. Christine Johnson, a actriz de que daba vida a Nettie Fowler en Carousel, foi a primeira en interpretala, en 1945.

http://youtu.be/wlsUfOjVhrM

A pesar que conta cunha infinidade de versións, as máis emotivas sempre proceden das bancadas dos campos de fútbol, especialmente as de Anfield. Isto entendérono moi ben David Gilmour e Roger Waters, que non resistiron a tentación de engadir ese son único na canción "Fearless", do álbum Meddle (1971).

http://youtu.be/TeyHPAdxuy0

"You´ll Never Walk Alone" tamén está detrás da creación dalgúns éxitos de Queen. Seica tras un concerto, os fans puxéronse a cantala e iso lles deu a idea a Freddie Mercury e compañía de facer algunha canción co mesmo espíritu. De aí naceron dúas cancións tamén moi "futbolísticas" coma "We Will Rock You" e sobre todo, "We Are the Champions". Esta última aparece no disco News of the World (1977).

http://youtu.be/O71fetlkCZo

Tamén con numerosas versións, destaca a que fixeron en castelán La Unión no disco "Tributo a Queen" (1997).

http://youtu.be/SQedp1GOuP4

xoves, 28 de novembro de 2013

Fast Car

En 1988 facía a súa aparición na escena musical unha cantautora de Cleveland, Ohio, que ía conquista-lo público maila crítica coa dozura da súa voz, un estilo aparentemente sinxelo e unhas letras que contaban historias que non escapaban da realidade. Con estas premisas, Tracy Chapman presentábase cun disco epónimo que contiña algunhas das súas composicións máis recoñecidas. Unha delas é "Fast Car", unha historia sobre  cómo os efectos do alcoholismo poden destruír as relacións persoais. Malia ser o segundo corte do disco, "Fast Car" foi escollido como single de presentación.


Tres anos despois, comezaba a andaina musical doutra gran cantante, neste caso, a británica Gabrielle. Mentres preparaba o seu álbum de debut Find Your Way, que finalmente se publicaría en 1993, Gabrielle gravou unha demo da que habería de ser a gran canción dese álbum. "Dreams" comezaba cun sample de "Fast Car", pero os problemas legais que poderían derivar da utilización do tema de Tracy Champman acabaron por disuadir á discográfica de publicala tal cal, polo que "Dreams" acabou triunfando cun son depurado e sen rastro do sample. Non obstante, no recompilatorio Dreams Can Come True, Greatest Hits Vol. 1 (2001) recuperouse a demo orixinal.


Outras cancións si incluíron un sample de "Fast Car". A máis coñecida é a de Nice & Smooth na canción "Sometimes I Rhyme Slow", no álbum Ain't a Damn Thing Changed (1991).

mércores, 27 de novembro de 2013

The Sultan

Neil Young sempre foi un músico con moitas inquietudes desde moi novo. Nos albores da súa carreira , coma calquera mozo que comeza, experimentou con tódolos estilos musicais na procura daquel que mellor lle acaese. Nesa búsqueda incesante que comezara tan cedo, Neil Young formou a banda The Squires xunto con Ken Koblun cando nin sequera fixera vinte anos, e aínda así, xa era o segundo grupo que o canadense formaba. The Squires tivo unha existencia máis ben breve e só deixou rastro cun single cuxa cara A é "The Sultan", cun son que parece sacado dunha película do Oeste e no que o mociño Young xa apuntaba maneiras de xenio.


Serían outros canadenses os que recuperarían solapadamente parte da melodía do único éxito de The Squires. Os fantásticos Arcade Fire homenaxean con esta lembranza a famosa cadeliña Laïka no álbum de debut Funeral (2004). A canción, por suposto, é "Neighborhood 2 (Laïka)".

martes, 26 de novembro de 2013

Simple Gifts

Os himnos relixiosos xogaron moitas veces un importante papel no desenvolvemento da música contemporánea. É o caso que nos ofrece "Simple Gifts", composto en 1848 por Joseph Brackett para a seita dos shakers, comunidade relixiosa á que pertencía a familia de Brackett. Precisamente, esta calidade do himno fixo que tardase anos en ser coñecida fóra do ambiente shaker.


Habería que esperar a 1944 para que a melodía de "Simple Gifts" transcendese máis aló do shakers. E habería de ser grazas a Aaron Copland, que incluiría esa mesma melodía en Appalachian Spring, unha composición para o ballet de Martha Graham.

http://youtu.be/xDRWdNn_nLk

En 1963 apareceu unha das primeiras versións que apostaban por renovar e actualizar o himno tradicional. Nese caso a versión escrita por Sydney Carter cunha nova letra baixo o título "Lord of the Dance" só fixo que o interese polo himno orixinal aumentase.

http://youtu.be/P-LCIMWH0Nc

Xa máis irreverente resulta a canción de Toy Dolls "My Girlfriend's Dad's a Vicar", que reproduce a melodía de "Simple Gifts". Coma unha boa banda de punk, Toy Dolls non podían renunciar a unha das características deste estilo. "My Girlfriend's Dad's a Vicar" pertence ó disco A Far Out Disc (1985).

http://youtu.be/oJ82ljwlMp8

Pero se hai unha banda que se sentise engaiolada por "Simple Gifts", esa é Weezer. A banda de Rivers Cuomo xa mostrou a súa admiración polo himno shaker nas primeirísimas notas de "Across The Sea", do segundo álbum da banda Pinkerton (1996).

http://youtu.be/JOJYutNUCZY

Non obstante, Weezer ían homenaxear a "Simple Gifts" nunha das grandes cancións da banda, e posiblemente, das mellores que se teñen feito na última década baseada nese himno. Trátase de "The Greatest Man That Ever Lived (Variations on a Shaker Hymn)", que tal como recolle o subtítulo remítese de forma evidente á composición de Brackett. Pertence ó álbum epónimo da banda, tamén coñecido como The Red Album (2008) pola cor predominante da portada.

http://youtu.be/VP2NRvV24E8

Mais nesta última canción de Weezer hai máis influencias que "Simple Gifts". Moitos críticos sinalan que na súa composición tamén influíu de xeito notable a canción da Electric Light Orchestra "Mr. Blue Sky", extraída do álbum Out of Blue (1977).

http://youtu.be/bjPqsDU0j2I

E por dar unha reviravolta, Jeff Lynne inspirouse en dúas cancións dos Beatles para compoñer "Mr. Blue Sky". Unha delas é "A Day in the Life" (que xa vimos un día) e outra, quizais a que máis se nota sexa "Martha My Dear", extraído do álbum epónimo de 1968 e tamén coñecido como The White Album, algo no que se inspiraron os rapaces de Weezer para algunha das portadas dos seus discos.

http://youtu.be/sA7J7TgVbGA

luns, 25 de novembro de 2013

Ma Vie Fout Le Camp

A pesar de non contar cun recoñecemento internacional como o que gozou o seu paisano Adamo, Salvatore Acquaviva é un dos cantantes melódicos máis afamados de Bélxica durante a década dos 70. Autor de numerosas cancións románticas e composicións pop, o seu nome estivo en boca da prensa musical hai uns anos cando a  súa canción "Ma Vie Fout Le Camp", do ano 1979 volveu á actualidade, xa que para o seu autor, acababa de ser plaxiada, nin máis nin menos que por Madonna, no single de presentación do álbum Ray of Light (1998) "Frozen".


E é que á raíña da polémica e da provocación non lle podía faltar no seu expediente algún caso de suposto plaxio. Pouco despois da presentación de "Frozen" saltaba ós medios de comunicación a demanda que Acquaviva presentaba nun xulgado belga contra os autores de "Frozen", é dicir, a propia Madonna e Patrick Leonard. Sete anos despois os tribunais publicaron a sentenza pola que lle daban á razón a Salvatore Acquaviva.

http://youtu.be/XS088Opj9o0

venres, 22 de novembro de 2013

Light My Fire

Innovador coma poucos na súa época, Johann Sebastian Bach é un dos compositores de música clásica de comezos do século XVIII que aínda é imprescindible na música contemporánea. Practicamente non hai obra del que dalgunha maneira non influíse en artistas tan dispares coma Procul Harum, The Doors e Sweet Box, por poñer só tres exemplos dos máis coñecidos. Pensemos por exemplo nas súas "Inventios", concebidas para piano. Son quince composicións curtas pensadas para que os seus pupilos collesen práctica. Aínda que por este motivo se poida pensar que estas pezas son obras menores, para Ray Manzarek, un dos integrantes de The Doors, a segunda e a terceira foron fundamentais para a creación dunha das grandes cancións da banda de Jim Morrison "Light My Fire". Quedemos, entón de momento, coas "Inventios 2 e 3" de Johann Sebastian Bach.


Onde mellor se aprecia a influencia de Bach en "Light My Fire" é o comezo. O órgano, un dos instrumentos máis importantes na canción (pensemos que boa parte do tema é instrumental), bebe directamente das Inventios. "Light My Fire" pertence ó álbum éponimo de The Doors, publicado en 1967.


Ó ano seguinte gravouse unha das versións máis importantes de "Light My Fire". A de José Feliciano constrata coa orixinal por ser case acústica e está desprovista do recargo instrumental e do espíritu psicodélico da versión orixinal. Aparece no álbum Feliciano! (1968).


Máis recente malia que non por iso menos espectacular é a versión de Shirley Bassey. Un single que a gran dama da canción publicou en 1999. Trátase duhna remestura da que Shirley Bassey gravou en 1970 e quedoulle así de xenial.