luns, 7 de xullo de 2014

Recuerdos de la Alhambra

A música clásica española viviu un período de gloria durante o século XIX. Toda unha pléiade de grandes compositores e músicos proporcionoulle o mundo algunhas das mellores pezas musicais que aínda hoxe están vixentes no repertorio das orquestras sinfónicas de tódolos países. Nomes coma Joaquín Rodrigo, Isaac Albéniz e Enrique Granados e outros coma os de Manuel de Falla,  Manuel Quiroga Losada, Francisco Tárrega, Pablo Sarasate e tantos outros lémbrannos que ata daquela nunca a guitarra e o violín cobraron tanta importancia nas composicións musicais. Hoxe imos quedar coa peza de Francisco Tárrega "Recuerdos de la Alhambra" (1896), unha das máis importantes deste guitarrista valenciano coñecido coma o Sarasate da guitarra. Inspirada nos relatos de Washington Irving sobre a  Alhambra, "Recuerdos de la Alhambra" é unha peza memorable pertencente a unha xeración de compositores única.


Mike Oldfield encargouse da banda sonora da película The Killing Fields (1984), coma xa fixera anteriormente para outros filmes. Neste caso, o tema principal é "Étude", unha peza instrumental que revisa a maxistral composición de Francisco Tárrega.

venres, 4 de xullo de 2014

Brand New You're Retro

Maxinquaye (1995), que supuxo o debut discográfico de Tricky, resultou ser un dos discos do ano, pois a proposta de Tricky, que combinaba o son do hip hop coa electrónica, o soul e o rock, convenceu á crítica, que vía neste novo artista unha das novas promesas que abandeiraba a música de vangarda, seguindo o camiño que non moito tempo atrás marcara Massive Attack, cos que Tricky xa colaborara. Con todo, en moitos aspectos pode apreciarse que Maxinquaye é ante todo o álbum dun debutante cun gran talento pero que non quere mostrar tódalas súas cartas na primeira xogada. As cancións están ateigadas de samples e das doce que compoñen o álbum só tres son totalmente orixinais, coma se con elas Tricky quixese mostrar que tamén sabía facer cousas sen un soporte anterior, algo que se foi vendo a medida que Tricky ía ampliando a súa discografía, cada vez máis con música propia. Das cancións de Maxinquaye, "Brand New You're Retro" non é nin moito menos a mellor, pero nos escasos tres minutos que dura, condensa dúas cancións, concretamente a dun artista e a dun grupo de hip hop, polos que Tricky sente gran admiración.


A primeira é a gran canción de Michael Jackson "Bad", que titulaba o álbum de 1987 do rei do pop.


A outra é a de Public Enemy "Mind Terrorist", do álbum It Takes a Nation of Millions to Hold Us Back (1988).

xoves, 3 de xullo de 2014

Uprising

Muse levantara moita expectación despois do éxito acadado con Black Holes and Revelations (2006) e a espera de novo material trala pílula do álbum en directo HAARP (2008) fíxose algo máis longa para os milleiros de fans que Muse ían sumando ano tras ano. Mais un ano despois, Muse anunciaba que xa terminaran o novo álbum, The Resistance (2009), un traballo cunha importante carga épica que se mostraba nos acordes sinfónicos cos que están construídas boa parte das cancións do disco e no título dalgunha delas coma "Resistance" e "Uprising". Precisamente esta última foi escollida como single oficial de presentación e ademais de ser unha excelente mostra da capacidade de Matt Bellamy para compór e producir, ofrece retazos das influencias que inspiraron a Bellamy, proceso que por outra parte é bastante habitual atopar nunhas cantas cancións da discografía de Muse. "Uprising" garda na súa estrutura o gusto de Matt Bellamy pola música de Blondie e polo de Black Sabbath, dúas correntes en principio moi diferentes que converxen indirectamente de forma maxistral na creación de "Uprising", sen que ningunha delas se utilizase explicitamente.


A crítica móstrase bastante unánime ó considerar que na elaboración de "Uprising" interveñen, por un lado a canción de Black Sabbath "Children on the Grave", e por outro "Call Me" de Blondie. A primeira pertence ó álbum Master of Reality (1971), o terceiro da banda de Ozzy Osbourne.


"Call Me" está incluída no álbum de Blondie American Gigoló (1980) e é unha das cancións máis aclamadas da banda de Debbie Harry, quen a escribiu xunto a Giorgio Moroder, produtor do disco. Algúns dos acordes de "Call Me" poden relacionarse mesmo coa canción de Black Sabbath.

mércores, 2 de xullo de 2014

Brick House

Antes da súa fulgurante carreira en solitario, Lionel Richie gozou da popularidade pertencendo ó grupo de disco funk Commodores, que animaron coa súa música as pistas de baile dos anos 70. Commodores naceron auspiciados pola factoría da Tamla Motown, garantía suficiente para saber que tanto a produción musical e os arranxos vocais ían estar perfectamente coidados, algo que se reflicte na súa discografía. No quinto disco, de 1977, que leva o mesmo título do grupo, destaca a canción "Brick House", unha das mellores de toda a  carreira e tamén das máis recordadas. E iso que "Brick House" non se distancia demasiado doutras cancións do mesmo estilo que se facían nesa época. O son leva o selo inconfundible da Motown ó tempo que se emparenta cos traballos de Donna Summer e de James Brown, e anticipaba o traballo discográfico de Chic, que facían da década unha etapa dourada para o funk.


Sen dúbida, no quinto disco de No Doubt, Rock Steady (2001) Gwen Stefani quixo homenaxear aquela época do funk e por iso escribiu xunto co seu compañeiro de banda Tony Kanal e mais con Pharrel Williams e Chad Hugo "Hella Good", cuxo son remite ó son funk dos 70 baseándose sobre todo na canción de Commodores .

martes, 1 de xullo de 2014

Walk on the Wild Side

Hai ocasións en que coinciden varios xenios e o resultado adoita ser un álbum memorable. Pechada definitivamente a etapa con The Velvet Underground, Lou Reed preparaba o segundo disco e a idea era facer que fose totalmente rompedor. Para iso púxose ás ordes de Mick Ronson e de David Bowie na produción. Lou Reed xa tiña compostas as cancións, unhas letras que trataban tódolos temas tabús que ata daquela só apareceran nas cancións doutros artistas de forma velada, pero que Lou Reed decidiu referirse a elas abertamente: drogas, prostitución, transexualidade, etc. é a temática pola que transcorren as cancións de Transformer (1972) e se hai unha canción que mesmo transcendeu a carreira de Lou Reed, esa é o corte 5 do álbum: "Walk on the Wild Side". O título sacouno Reed da novela de Nelson Algren de 1956,  A Walk on the Wild Side que tamén inspirou outras cancións del da mesma época.


A novela de Nelson Algren fora levada ó cine unha década antes e da banda sonora se encargou Mack David na letra e Elmer Bernstein na interpretación. Malia que en clave jazz, algúns apuntan que tamén foi decisiva ó inspirar a Lou Reed.


A canción de Lou Reed acadou tanta popularidade, especialmente coa súa melodía, que serviu para inspirar outras cancións, coma a de Boudewijn de Groot "Jimmy", do álbum Hoe sterk is de eenzame fietser (1973), cuxa parte final parece toda unha homenaxe a Lou Reed.

http://youtu.be/CY7JwcKo-LQ

O mesmo se pode aplicar para a de Rod Stewart "The Killing of Georgie", do álbum A Night on the Town (1976).

http://youtu.be/skoLCUj1SwI

E logo está a canción de Third Eye Blind "Semi-Charmed Life", pertencente ó álbum epónimo da banda publicado en 1997, onde lle dan a volta ó sentido da canción de Lou Reed. En "Semi-Charmed Lilfe" búscase o optimismo que lle falta a de Lou Reed, as luces que están ausentes na canción orixinal.

http://youtu.be/tC1NR7AL_9s

luns, 30 de xuño de 2014

Bloodstains

A banda de punk Agent Orange toma o seu nome do lugar de orixe dos seus membros, Orange County, en California. Formada en 1979 por Mike Palm, Steve Soto e Scott Miller, Agent Orange debutaba cun EP ese mesmo ano que contiña a canción coa que haberían saltar a fama. Dous anos despois, "Bloodstains" incluíase no primeiro longa duración, Living in Darkness (1981) como canción estrela. Pero, que ten de especial "Bloodstains" para que Agent Orange non volvese acadar un éxito semellante con outras das súas cancións? Talvez a aclaración resida no son arábigo que Agent Orange lle imprimiron á guitarra, algo que non era moi habitual atopar nos acordes sinxelos e desprovistos de grandes artificios que utiliza o punk.


A escala arábiga é un recurso que resulta tan excepcional no punk e nos demais subxéneros que habería que esperar quince anos para atopar outra canción que botase man del. No álbum Smash (1994) co que The Offspring lograron recoñecemento internacional, inclúese "Come Out and Play", que tamén emprega a mesma escala. Por suposto, era cuestión de tempo que saltase a polémica e moi pronto  empezaron a aparecer voces que sinalaban un posible plaxio, á vez que outras indicaban que a controversia era absurda. O líder de The Offspring e autor de "Come Out and Play" expresou a súa admiración pola canción de Agent Orange, resaltando a influencia do grupo. No ano 2000 The Offspring fixo unha versión de "Bloodstains" para unha película co fin de facer as paces definitivamente con Agent Orange, mais Mike Palm, que perdera a demanda anos antes, non quedou contento, malia admitir que era unha gran versión.


venres, 27 de xuño de 2014

Last Night a DJ Saved My Life

Indeep é un grupo máis que está na historia da música por lograr un só éxito, unha soa canción capaz de pulveriza-las listas de vendas de medio mundo. Formado en Nova York a finais dos 70 xusto no momento en que o funk era un xénero musical en alza que xa predominaba grazas sobre todo, a fantástica acollida que tiveran os traballos de Chic, de Donna Summer e tantos outros uns aniños antes. Así que cun panorama en principio favorable para triunfar, Indeep presentouse na escena musical con "Last Night a DJ Saved My Life", tema que titulaba o primeiro álbum en 1982. E unha vez máis repetiuse unha historia que afundeu e por desgraza segue afundindo a moitos grupos e artistas: arrasaron de tal xeito con esta canción que ningunha das posteriores que editaron chegou a acadar unha sona semellante, e poucos anos despois Indeep esmorecía na máis absoluta indeferenza. Pero quedaba "Last Night a DJ Saved My Life".


As versións de "Last Night a DJ Saved My Life" foron sucedéndose continuamente e aínda haberá alguén nestres intres versionando o éxito de Indeep nalgún lugar do planeta. Pero ata o momento ningunha delas mellorou a orixinal. A que máis repercusión tivo ultimamente é a de Mariah Carey no repudiado disco Glitter (2001), banda sonora da película do mesmo nome protagonizada pola propia Mariah.


Por outra parte, a boy band Five tomou algúns elementos da canción de Indeep para a súa "If Ya Gettin' Down", do álbum Invincible (1999) co que mostraban a pouca orixinalidade que adoita haber nestas bandas creadas exclusivamente para vender unha imaxe.

xoves, 26 de xuño de 2014

Three Lions

Por dar orixe á popularización do fútbol en todo o mundo, Inglaterra sempre viviu dunha maneira especial os grandes eventos coma Mundiais e Eurocopas nas que participa a súa selección, e non digamos nada se por riba se celebran alí. Se a iso se lle engade a paixón pola música pop e rock coa que os ingleses nos teñen acostumados desde hai tanto tempo, a combinación pode ser explosiva. En plena moda do britpop, Inglaterra organizou a Eurocopa do 96 e tal como correspondía a unha ocasión tan sinalada, os grupos ingleses fixeron cancións relacionadas co fútbol que puxeron a banda sonora ó acontecemento. Mais hai unha que sobresaíu entre todas e que resumía perfectamente o sentir do pobo inglés. "Three Lions", de Lightning Seeds, converteuse en todo un himno futbolístico. O verso "Football's Coming Home", o fútbol volve á casa, expresa como nada as sensacións daquel momento. Ian Broudie logrou crear unha canción que foi máis aló da Eurocopa do 96 para ser considerada unha das grandes cancións sobre fútbol recoñecida tanto por afeccionados ó balompé coma por afeccionados á música. "Three Lions" publicouse no álbum The Beautiful Game - The Official Album of Euro '96.


Co motivo da participación da selección inglesa no mundial de Francia 98, Lightning Seeds gravou unha nova versión acompañados dos presentadores de televisión David Baddiel e Frank Skinner con algunhas variantes na letra que non modifican a esencia da canción.


E como con "Three Lions" o éxito estaba asegurado, para a Eurocopa de 2000 disputaba en Bélxica e nos Países Baixos, Ian Broudie gravou unha nova versión xunto con Baddiel e Skinner outra vez e á que se sumaron Robbie Williams e o actor Russel Brand, baixo o nome de The Squad. A produción correu a cargo de Trevor Horn. Que todo sexa polo maior lucimento da selección inglesa!


Deixando de lado as versións de "Three Lions", tampouco nos vaiamos aburrir dunha excelente canción, The Campesinos! fixeron unha canción totalmente nova, e cando dicimos totalmente nova referímonos tanto á letra coma á música, co mesmo espíritu de "Three Lions". É dicir cunha mínima referencia á canción de Lightning Seeds, "Every Defeat a Divorce (Three Lions)", do álbum Hello Sadness (2011), recolle parte do seu espíritu.