xoves, 5 de novembro de 2015

Hurting Each Other

O maior éxito na carreira de Jimmy Clanton é a canción "Just A Dream", que obtivo nos seus comezos, pero o resto da súa produción discográfica tamén se compón de bos temas, algún tan recordados como "Venus in Blue Jeans", pero así e todo, a maioría deles fican bastante esquecidos. Seguramente, moi pouca xente poida afirmar que a coñecida canción de The Carpenters, "Huring Each Other", gravouna el por primeira vez, dándoa a coñecer como un single solto, sen concretarse nun álbum. Sen chegar a romper as listas de vendas, "Hurting Each Other" acadou unha grande popularidade entre outros músicos que non tardaron nada en versionala con máis fortuna, o que con toda probabilidade motivou que resultase máis complicado identificala con Jimmy Clanton como primeiro intérprete.


Unha das primeirísimas versións que se fixeron de "Hurting Each Other" foi a de The Guess Who cando aínda se chamaban Chad Allan & The Expressions no álbum Hey Ho (What You Do to Me!) (1965). Apenas había uns meses que se publicara a orixinal, pero a banda canadense adoptouna sen variar demasiado o estilo que Jimmy Clanton empregara.


Ademais da versión de The Guess Who, houbo outras como a de The Walker Brothers e a de Ruby and the Romantics, pero en realidade "Hurting Each Other" logrou triunfar coa versión de The Carpenters, que aparece no álbum A Song for You (1972). Desde logo, o ton da canción acae como unha luva no xeito de cantar dos irmáns Carpenter, de tal maneira que moita xente identifica esta canción como propia deles.

mércores, 4 de novembro de 2015

Aubrey

A banda californiana Bread non tivo moito recorrido, pero a súa música, mestura de pop e rock sen grandes pretensións, acompañou os últimos anos da década dos sesenta e boa parte dos setenta condensados en seis álbums e outros tantos compilatorios. Unha das cancións que máis se recordan de Bread é "Aubrey", un dos singles de Guitar Man (1972), o penúltimo disco que a banda editou antes de disolverse. Seica a canción se lle ocorreu ó líder David Gates tras ver a película Breakfast at Tiffany's onde Audrey Hepburn fai unha soberbia interpretación. Pero para que o motivo de inspiración do tema non fose tan obvio, Gates titulouno "Aubrey", que dá máis xogo á ambigüidade. O resultado é unha bonita composición melancólica que se presta para un tempo outonal.


Na canción de Vampire Weekend "Step", pertencente a Modern Vampires of the City (2013), resoan ecos que remiten á melodía de "Aubrey", aínda que cun ritmo moito máis acelerado, o que escurece a achega de Bread.

martes, 3 de novembro de 2015

Fire and Rain

O estilo co que James Taylor interpreta as súas composicións, especialmente as baladas, creou escola noutros cantautores. O ton da súa voz, exquisitamente suave, o son da guitarra e o resto do acompañamento musical lembran por veces ás nanas, coma se fosen cancións co obxecto de combater noites de insomnio, e un exceso de melancolía son as razóns que alegan os detractores da súa música, aínda que iso non impide que boa parte da crítica o considere un dos cantautores folk cunha grande sensibilidade. "Fire and Rain", pertencente a Sweet Baby James (1970), o seu segundo álbum, é unha das máis típicas de Taylor, pero desta volta, o sentimento de tristura que inspira está máis que xustificado, xa que Taylor compúxoa tralo pasamento dunha amiga da infancia por culpa das drogas. 


Bruce Springsteen seguiu o estilo particular de James Taylor, concretamente a que inspira "Fire and Rain", na canción "Nebraska", que lle dá título ó album que o boss editou en 1982.


E pode considerarse un remedo de "Nebraska" a canción "The New Timer", unha das cancións do álbum The Ghost of Tom Joad (1995), coma se Springsteen reciclase a súa antiga canción cunha nova letra, pero cunha melodía similar.

venres, 30 de outubro de 2015

Some Kind of Wonderful

A traxectoria de Soul Brothers Six e mais concretamente do seu líder John Ellison sempre estará vinculada ó single que publicaron en 1967 "Some Kind of Wonderful", unha marabillosa canción soul cun ritmo bailable que xa parecía preconizar os novos tempos en que o funk ía vivir unha espléndida etapa. No entanto, ter asinado esta gran canción non fixo que a carreira de Soul Brothers Six despegara e apenas estiveron dez anos máis en activo sen conseguir obter un éxito semellante. Nin sequera cando "Some Kind of Wonderful" comezou a ser versionada con regularidade e a ser máis coñecida serviu para que puidesen coller impulso.


Grand Funk Railroad recuperou "Some Kind of Wonderful" nunha nova versión algo máis afastada do soul e moi próxima ó blues rock e o funk no álbum All the Girls in the World Beware !!! (1974). A partir desta última versión a popularidade de "Some Kind of Wonderful" foi moito maior.


Das moitas versións que se fixeron de "Some Kind of Wonderful", sobresae especialmente a de Joss Stone no seu álbum de debut The Soul Sessions (2003) devolvéndolle o estilo soul inicial e os aires funk que xa axitaban a versión orixinal.


Moitos trazos procedentes da versión de Grand Funk Railroad pódense apreciar na canción de Red Hot Chili Peppers "Hump de Bump", pertencente a Stadium Arcadium (2006), aínda que non "Some Kind of Wonderful" non é a única inspiración funk que se atopa neste single da banda californiana.


A outra canción que tamén influíu na elaboración de "Hump de Bump" é o tema de The Commodores "(Can I) Get a Witness", do álbum Movin' On (1975).

xoves, 29 de outubro de 2015

Mystery Train

Junior Parker foi un músico de blues cuxo maior éxito foi "Mystery Train", single que editou en 1953 co seu grupo Little Junior's Blue Flames. A letra está tomada dunha famosa canción do grupo de folk tradicional Cartel Family titulada "Worried Man Blues", que á vez baséase nunha antiga balada céltica. Xa pouco antes de editar "Mystery Train" Junior Parker lograra triunfar co anterior single "Feeling Good", pero sería a partir de "Mystery Train", e sobre todo trala versión que Elvis Presley fixo dous anos despois, cando a carreira de Junior Parker empezou a ter maior visibilidade. Outras grandes cancións polas que é recordado son "Next Time You See Me", da súa autoría, e as versións que fixo dalgúns clásicos do blues, que se atopan entre as mellor realizadas.


"Love Me Baby" foi a cara B de "Mystery Train" e tamén tivo un gran recoñecemento.


Elvis Presley gravou unha versión de "Mystery Train" en clave rockabilly en 1955 co que o tema de Junior Parker acadou unha maior notoriedade. Ademais a versión de Elvis Presley incorpora o riff da guitarra de "Love Me Baby", o que lle dá maior presenza á música de Junior Parker.


Outra gran versión das moitas que se teñen feito de "Mystery Train" é a de The Band, incluída no álbum Moondog Matinee (1973). Robbie Robertson engadiulle novos versos á esta nova versión. 


mércores, 28 de outubro de 2015

He's a Bad Boy

Malia que tardou case dez anos en ver publicado o seu primeiro álbum en solitario, Carole King era unha reputada cantautora cuxos singles que ía editando espertaba o interese no colectivo de compositores e, sobre todo no dos outros cantantes que adoitaban gravar as súas letras. Como moitos outros na mesma situación ca ela, as cancións que escribía adoitaban triunfar noutras voces, de aí a tardanza en ver a súa obra nun elepé, que non se produciría ata 1970. Para entón, os numerosos singles que sacara os anos anteriores quedaron espallados na discografía de King, e aínda hoxe non se deron recuperado nun compilatorio completo cos primeiros anos da cantautora, pese que ninguén se esqueceu deles. Un deles é "He's a Bad Boy", de 1964.


Proba de que a obra inicial de Carole King segue presente para a crítica, alomenos cando a súa carreira estaba nunha etapa de apoxeo, é que a canción de Neil Young "Pocahontas", pertencente a Rust Never Sleeps (1979), ten un son semellante a "He's Bad Boy" e moitos críticos en seguida se decataron dese detalle sinalándoo.

martes, 27 de outubro de 2015

Tush

"Tush" é unha das cancións máis coñecidas de ZZ Top. Pertence ó cuarto álbum da banda texana, Fandango! (1975), que continuaba afianzando o blues rock sureño co que ZZ Top se dera a coñecer. Canda a versión de "Jailhouse Rock" que se inclúe no álbum, "Tush" destaca de sobremaneira por riba das restantes cancións, que non deixan de ser tamén magníficas composicións da autoría dos tres membros do grupo: Billy Gibbons, Dusty Hill e Frank Beard. O álbum complétase coa versións de "Mellow Down Easy", tema de Willy Dixon e o "Long Distance Boogie" de John Lee Hooker.


Joan Jett gravou unha versión de "Tush" no álbum The Hit List (1990), nunha das poucas ocasións en que un músico se animou a versionala no estudio.


Na canción de Motörhead "No Class", pertencente ó álbum Overkill (1979), pode apreciarse o mesmo riff que ZZ Top emprega en "Tush". O comezo é tan similar que parece que Motörhead están executando unha versión do tema de ZZ Top.

luns, 26 de outubro de 2015

Shot by Both Sides

Howard Devoto non estaba moi conforme coa liña musical que estaba seguindo a súa banda, Buzzcoks, xa que consideraba que debían arriscar máis co son, así que decidiu formar un novo grupo, Magazine. A nova banda xurdiu a comezos de 1977 e un ano e medio despois xa tiña no mercado o primeiro álbum, Real Life (1978), onde Devoto afíaba un pouco máis todo o son do post punk que non conseguira con Buzzcocks e por riba, situaba a Magazine na porta de saída da new wave, que xa se andaba alimentando dos variados sons dos xéneros máis vangardistas. O primeiro single de Real Life foi "Shot by Both Sides", canción escrita por Devoto e por Pete Shelley, e que é un dos epítomes do post punk.


Vese que a despedida de Devoto non foi doada para Buzzcocks, que un ano despois aínda achaba de menos ó seu guitarrista, sobre todo ó comprobar que lle ía ben con Magazine. Quizais por ese motivo, a canción "Lipstick", que Buzzcoks editou como cara B en 1978, se parece tanto a "Shot by Both Sides", feito que non pasou desapercibido, e polo que Howard Devoto tamén figura como autor.