mércores, 2 de decembro de 2015

Head On

Unha das mellores cancións de The Jesus and Mary Chain atópase no terceiro álbum da banda escocesa, Automatic (1989). Foi o segundo single que se elixiu para promocionalo e trátase de "Head On", que nos seus catro minutos e once segundos de duración encerra unha mistura de estilos que vai desde o rock dos anos cincuenta ata o son da new wave que marcou os comezos dos oitenta. De feito, é innegable que a esencia de "Head On" se asenta sobre todo no traballo de Joy Division, coma se a banda do malogrado Ian Curtis estendese a súa sombra sobre a música de The Jesus and Mary Chain. A canción lanzouse en diferentes formatos e, malia a non ter unha ampla acollida en Gran Bretaña, triunfou de longo nas listas de Estados Unidos.


Os Pixies fixeron unha estupenda versión de "Head On", máis guitarreira que a orixinal, no álbum Trompe le Monde (1991).

martes, 1 de decembro de 2015

Walk This Way

Non era moi habitual no hard rock dos setenta mesturar o son con outros estilos máis afastados das guitarras como puidese ser o funk ou a electrónica, mais Aerosmith deu ese paso en "Walk This Way", canción pertencente a Toys in the Attic (1975), o que viña sendo o terceiro disco dos de Boston. Steven Tyler atrévese co rap nunha canción que combina á perfección o rock na súa vertente máis dura cos sons do funk, algo que anos máis tarde se volvería a ver na música de Aerosmith.


Pero a versión orixinal que aparece en Toys in the Attic quedou case no esquecemento cando o grupo de hip hop Run DMC fixo unha nova no seu álbum Raising Hell (1986) que se converteu no seu maior éxito. Coa produción dun Rick Rubin no seu mellor momento, na versión de Run DMC colabora o propio Steven Tyler, rapeando de igual forma que na versión primixenia. Run DMC demostrou que non facía falta que as bandas de hip hop inundasen as súas propias creacións con anacos de cancións alleas para triunfar, só cómpre facer unha boa versión para chegar ó máis alto, aínda que, todo hai que dicilo, o estilo de "Walk This Way" llo puxese moi doado.


Aerosmith retomou o riff de "Walk This Way" no comezo da canción "Eat the Reach", no álbum Get a Grip (1993).

luns, 30 de novembro de 2015

Minstrel in the Gallery

O folk e o rock progresivo uníronse maxistralmente na música das principais bandas de rock dos setenta. Unha delas, Jethro Tull, conxugou á perfección o estilo tradicional cos sons modernos que se estaban desenvolvendo no rock. A extensa discografía da banda británica culminouse co espectacular Aqualung (1971), o seu cuarto álbum, toda unha obra mestra que tería continuidade cos sucesivos discos. Catro anos despois, Ian Anderson e os seus compañeiros editaban Minstrel in the Gallery (1975), o oitavo álbum xa na andaina da banda, cuxa canción que lle dá título tamén foi o primeiro single.


O riff de "Minstrel in the Gallery" inspirou a James Young para crear a canción de Styx "Miss America", pertencente ó ´álbum The Grand Illusion (1977).

venres, 27 de novembro de 2015

And the Beat Goes On

Levaban xa oito discos publicados cando The Whispers deron con esa canción que abre as portas da inmotalidade musical. Curiosamente o noveno álbum na que a incluíron era o primeiro co título da banda, The Whispers (1980), como se decidisen comezar de cero. E vaia se o fixeron, porque "And the Beat Goes On" tivo un éxito que ningunha ds cancións que gravaran antes puido lograr. E iso que as outras non son especialmente malas, pero desde logo non estiveron marcadas pola sorte. "And the Beat Goes On" conta con varias versións e outras tantas cancións beneficiáronse do seu son.


Monie Love foi unha das primeiras en sacarlle proveito a "And the Beat Goes On". Foi coa canción "I Can Do This", single do seu primeiro álbum Down to Earth (1990)


Tamén C.J. Lewis colleu as bases de "And the Beats Goes On" para a canción "R to the A" co que presentaba o álbum Rough 'N' Smooth (1995).

xoves, 26 de novembro de 2015

Apache

Jerry Lordan deixounos importantes composicións instrumentais que executaron numerosos artistas, como é o caso de The Shadows, que levaron ó máis alto algunhas das súas pezas como "Wonderful Land" e "Apache", canción que hoxe vos presentamos. Non obstante, o primeiro en gravar esta peza, unha das que evoca a vida dos indios americanos, foi o guitarrista Bert Weedon, referencia musical para os propios Shadows. 


Malia que Bert Weedon conseguiu que "Apache" entrase nas listas de vendas británicas no ano 1960, serían The Shadows os que ese mesmo ano lograsen que a súa versión de "Apache" acadase unha popularidade desbordande ó colocala no primeiro posto da lista de vendas de Reino Unido durante cinco semanas e levala ó top 10 da estadounidense, á vez que propiciaba que moitos outros grupos instrumentais, como en España Los Pekenikes, fixesen a súa propia versión.


No entanto, a banda de funk Incredible Bongo Band faría unha versión revolucionaria de "Apache" no seu primeiro disco Bongo Rock (1973), que habería de sentar as bases para futuras versións, ademais de proporcionar samples para novas creacións.


A enorme influencia da versión de Incredible Bongo Band déixase sentir na canción de Amy Winehouse "In My Bed", pertencente ó seu álbum de debut Frank (2003).


A melodía de "Apache" tamén se pode apreciar na canción de David Bowie "How Does the Grass Grow?", do álbum The Next Day (2013), onde o nome de Jerry Lordan aparece nos créditos.

martes, 24 de novembro de 2015

Amen

Os himnos gospel tradicionais tamén tiveron unha grande acollida na música popular, sobre todo a raíz das gravacións dos cantantes de soul e R&B, que non dubidaban en incluílas nos seus traballos discográficos. Polo tanto, a calquera que lle guste minimamente a música se lle ocorren un par de títulos. Un deles é con toda probabilidade "Amen", que The Impressions e Curtis Mayfield prepararon para a banda sonora da película de Sidney Poitier Lilies of the Field (1963). Malia que non era a primeira vez que se gravaba este himno, xa o fixeran the Wings Over Jordan Choir en 1948, a nova versión puxo en primeira liña a "Amen", grazas ó empuxe do cine, ademais da coidada produción e os arranxos que Jester Hairston fixo para a ocasión.


"Amen" contou con versións de artistas tan importantes coma Otis Redding, pero é a de The Winstons a que acadou maior notoriedade debido a secuencia de batería de G. C. Coleman. Rebautizada co título "Amen Break", editouse en 1969 e desde ese momento, son innumerables a de veces que outros músicos "tomaron prestada" esa secuencia, tanto que hai poucas semanas saíu unha sentenza na que se lle recoñece dereitos de "royalties" a G. C. Coleman polo uso indebido da súa creación. Aínda que se ten que pór no xulgado tódolos casos e acabasen por darlle a razón, faríase de ouro.


Aquí van ó chou algúns exemplos recoñecidos que se aproveitaron en algunnha medida do "Amen Break". Son cancións que saíron no mesmo ano, o que dá idea do tirón da secuencia. A primeira é o "Firestarter" de The Prodigy, do álbum The Fat of the Land (1997).

https://youtu.be/WW6-b5nNb9U

Cando saíu o álbum de The Prodigy a crítica viu un achegamentoa música de Nine Inch Nails, o que non deixa de ser verdade, pois a banda de Liam Howlett ten en común coa de Trent Reznor o mesmo gusto por "Amen Break", como se pode apreciar en "The Perfect Drug", canción da banda sonora da película Lost Highway (1997).

https://youtu.be/c-QnnLudkQA

E como non podía ser doutro modo, Oasis non podían quedar atrás e tomaron algunha parte en "D'You Know What I Mean", single co que os Gallagher presentaban Be Here Now (1997).

https://youtu.be/GjwRIjrC4io

luns, 23 de novembro de 2015

2120 South Michigan Avenue

Hai moitos anos que os Rolling Stones deixaron de gravar temas exclusivamente instrumentais, pero no seus comezos non resultaba raro atopar algunha canción carente de voz e onde simplemente se pode desfrutar da música. Ese é o caso de "2120 South Michigan Avenue", un tema que apareceu por primeira vez no EP Five by Five (1964) e que sería o xermolo do segundo álbum de longa duración dos Stones, 12 X 5 (1964), que viu a luz poucos meses despois do EP. "South Michigan Avenue" é tamén das escasas cancións que levan a sinatura de tódolos membros que compuñan a banda naquel momento, aínda que o fixeron baixo o pseudónimo Nanker Phelge. O título fai referecia á direccción de Chess Records, a discográfica de Chicago especializada en blues, soul e rock and roll.


Sly Stone, antes de montar cos seus parentes Sly and the Stone Family, sacou unha canción chamada "Buttermilk" (1965) que reproduce a música da canción dos Stones. Case se podería dicir que é unha versión con letra de "2120 South Michigan Avenue".

venres, 20 de novembro de 2015

I Want You

A música disco, que arrasaba nos setenta e comezos dos oitenta, tivo unha fonda implantación en Italia, onde probablemente o éxito que Giorgio Moroder tiña como produtor e músico fixo que se establecese unha forma particular de entender este xénero, que finalmente se acabou coñecendo coa etiqueta de italo-disco. O caso é que a comezos dos oitenta, o país que musicalmente exportara ó mundo grandes cantantes melódicos que facían bandeira do romanticismo tamén se sumaba ós estilos máis modernos cunha fornada de novos artistas moldeados á calor das pistas de baile. Un deles foi Gary Low, que debutou co álbum Go On (1983), onde se atopa un dos seus maiores éxitos, "I Want You", un maxi single de oito minutos aproximadamente, onde a primeira metade é toda instrumental.


Na primeira década deste século, moitos artistas de música electrónica atoparon un revulsivo no "I Want You" de Gary Low. Por exemplo, os dj's franceses Miss Kittin & The Hacker empregaron a base da canción de Low no tema "The Beach", pertencente a First Album (2001). En realidade, Miss Kittin & The Hacker o único que se limitan a facer en "The Beach" é reproducir machaconamente o son de "I Want You" e engadir uns cantos versos de colleita propia, o que evita que "The Beach" sexa unha simple versión da canción de Low.


O mesmo procedemento seguiu o produtor JD Davis, na canción "In My Eyes" (2009) do seu proxecto Sinema, pero polo menos, esta nova canción conta con algo máis de elaboración, xa que se preocupou de escribirlle unha letra durante toda a metraxe.


 Outro que tamén aproveitou as bases de "I Want You" é Whashed Out para crear esta vez unha canción moito mái tranquila e relaxante acorde ó estilo deste músico. "Feel It All Around" forma parte do EP Life of Leisure (2009).