xoves, 31 de maio de 2012

Telephone Line

A comezos dos anos 70 o rock evolucionou cara un son máis épico e fastuoso e deu lugar ó chamado rock sinfónico. Bandas como Yes, Pink Floyd e Genesis foron verdadeiros estandartes deste movemento no que tamén hai que incluír a Electric Light Orcuestra, tamén coñecida como ELO,que comezou a súa andaina en 1971. Cinco anos despois a banda de Birmingham xa era toda unha icona en Europa e coa publicación do seu sexto disco A New World Record (1976) mesmo conquistou o mercado americano, grazas sobre todo ó single "Telephone Line".


O proceso evolutivo que sufriu a carreira de Green Day dende as súas orixes mostra perfectamente a madurez que acadou a banda de Billy Joe Armstrong co paso dos anos. De ser o típico grupo punk para adolescentes, transformáronse nunha banda de rock comprometida cos problemas sociais e políticos dos tempos que corren,  algo que se viu en American Idiot (2004); aínda que, iso si, a bagaxe dos primeiros tempos fai que a actitude de Armstrong pareza algo inxenua, á parte de que lembre demasiado a un falso intelectualismo. En calquera caso, musicalmente o último álbum publicado por Green Day 21st Century Breakdown (2009) é o mellor da banda californiana, cunha coidada produción a cargo de Butch Vig, que lle deu profundidade o son de Green Day. Un dos temas máis destacados é "21 Guns", cunha melodía semellante por momentos á da canción da ELO.

mércores, 30 de maio de 2012

Los Amantes

Un dos discos máis relevantes da música española nos anos 80 é o quinto álbum de Mecano Descanso Dominical (1988), un traballo moi esperado despois do éxito internacional que supuxo Entre el Cielo y el Suelo (1986) e que converteu o trío composto por Ana Torroja e os irmáns Cano na banda de pop máis importante do país cunhas vendas nunca vistas ata daquela en España. Por primeira vez, un grupo formado en España ateigaba estadios de fútbol e marcaba a toda unha xeración. Amados e odiados a partes iguais, o  regreso de Ana, Jose e Nacho neste novo século é dos máis esperados. Mentres, lembramos "Los Amantes", un tema asinado por Nacho Cano, cuarto corte de Descanso Dominical.


"Los Amantes" non é dos temas máis recoñecidos de Mecano, que contan na súa longa traxectoria con cancións que son case un himno. Por iso non deixa de sorprender o curioso parecido que garda co tema de Pulp "Common People", recentemente declarada mellor canción dos 90 por NME, e que aparece no disco Different Class (1995), o traballo máis aclamado da banda de Jarvis Cocker.

 http://www.goear.com/listen/06f9ec3/common-people-pulp

E volvendo a España, a canción de We Are Standard "Supermarket" do álbum 3000 V  40000 W (2006) ten un ritmo moi parecido á canción de Pulp.

http://www.goear.com/listen/28a9f0b/supermarket-standard




martes, 29 de maio de 2012

Train in Vain

Trala eclosión do punk nos anos 70 en Reino Unido coa irrupción dos revolucionarios Sex Pistols, outras bandas británicas promoveron tamén a consolidación deste fenómeno en principio marxinal dentro do rock. Xunto a mencionada banda de Johnny Rotten e Sid Vicious e Jam, a banda de Paul Weller, destaca The Clash, liderados por Mick Jones, que en 1979 publicaban o seu terceiro traballo discográfico London Calling, que contén "Train in Vain", unha xoia ó final do álbum que non aparece no tracklist. Non por iso deixa de ser un dos temas máis importante e recoñecidos da banda británica, moi influente na historia do rock.


Versionada un número considerable de veces por artistas que recoñecen a influencia de The Clash no seu son, unha das máis destacadas é a que fixo Annie Lennox no seu disco de versións  Medusa (1995) dándolle un toque soul.


Como sample aparece na canción de Garbage "Stupid Girl" do seu debut Garbage (1995). A banda do produtor Butch Vig e Shirley Manson empregaron como base o ritmo da batería de "Train in Vain".


"Train in Vain" tamén foi adaptada ó portugués pola banda de rock brasileira Ira!, que a gravaron para un concerto acústico de MTV Brasil en 2004. Titulárona "Pra Ficar Comigo".




luns, 28 de maio de 2012

Quiero beber hasta perder el control

Parafraseando ó cantante de Iguana Tango, Enrique Urquijo soubo elevar á categoría de arte a tristeza a través das súas letras e a melancolía converteuse nunha constante na música de Los Secretos, que por outra parte, combinaban de vez en cando con algúns temas algo máis optimistas. "Quiero beber hasta perder el control" do EP de 1986 El primer cruce e logo como extra no seguinte disco Continuará (1987) pode considerarse unha canción típica da banda madrileña e fala dese sentimento de afogar as penas en alcol tras un fracaso sentimental. 


Esta canción conta con algunhas versións. Unha delas é a de Revólver en directo homenaxeando a Enrique Urquijo.


Pero a máis coñecida é a de Fito y Fitipaldis, que a gravaron para o seu álbum de debut  A puerta cerrada (1998). Neste disco aínda se nota a influencia que exercía en Fito Cabrales a súa anterior banda de rock Platero y Tú e unha boa proba é esta versión  dun tema meláncolico, tanto, que ata a historia parece alegre.

venres, 25 de maio de 2012

Soup for One

Chic soubo sobreporse ó éxito acadado nos seus primeiros anos de andaina a finais dos anos 70 e comezou a nova década como unha banda consolidada e referente da música disco, así que non sorprendeu demasiado que en 1982 se encargase da banda sonora da comedia romántica Soup for One. O resultado foi un EP que contén toda a esencia da banda de Nile Rodgers.


Os anos 90 confirmaron que Francia era un dos países onde se facía a mellor música electrónica que soaba no planeta. Tralo pioneiro Jean Michel Jarre nos 80 habería que engadir á lista o bo facer de bandas como Daft Punk e Air e, mesmo recentemente, téñense sumado Justice, que continúan cun labor que xa empeza a ser unha tradición no país galo. Pero agora mesmo imos quedar con Modjo, un dúo composto polos produtores Romain Tranchart e Yann Destagnol, que cunha traxectoria bastante breve, deixaron un moi bo resaibo co único álbum que lanzaron ó mercado, o homónimo Modjo (2000). Nel estaba a canción  que os habería de perpetuar no tempo "Lady (Hear Me Tonight)".

xoves, 24 de maio de 2012

New York, New York

A canción de Jay Z "Empire State of Mind" que viamos na entrada anterior está dedicada a Nova York, posiblemente a cidade máis cosmopolita do mundo, pero nin moito menos é a única canción que se escribiu sobre a cidade dos rañaceos, xa que esta inspirou dende moi cedo a músicos e compositores; así que imos  repasar algunhas destas cancións que homenaxean a Nova York.

A primeira delas é o todo un himno por excelencia e tamén a banda sonora cando se fala desa fantástica cidade. Un clásico con maiúsculas a cargo de Frank Sinatra. "New York, New York" aparecía na película do mesmo nome de Martin Scorsesse de 1977 cantada por Liza Minelli, pero gañou fama coa versión de Sinatra de 1980 Trilogy: Past Present Future.

 http://www.goear.com/listen/f749705/new-york-new-york-frank-sinatra

A seguinte que vos presentamos é a de Ryan Adams. O compositor canadense tamén titulou así a un tema que aparecía no seu segundo traballo Gold (2001).

 http://www.goear.com/listen/9fba2d9/new-york-new-york-ryan-adams

Como non podía ser menos, o neoiorquino Moby tamén lle rendía tributo á súa cidade no disco recompilatorio Go. The Very Best of Moby (2006) acompañado doutra célebre veciña de Nova York, Debbie Harry.

 http://www.goear.com/listen/0498e30/new-york-new-york-moby

A británica Paloma Faith tamén facía o seu debut cunha homenaxe a Nova York con "New York" en Do You Want the Truth or Something Beautiful? (2009) cun sensacional coro gospel.

 http://www.goear.com/listen/bcfb4e5/new-york-paloma-faith

Outras canción, no entanto, ambientan as súas historias en Nova York dándolle total protagonismo á cidade. Por exemplo, o tema de Sting "Englishman in New York", un tema moi sampleado posteriormente e que está no seu segundo álbum en solitario ...Nothing Like the Sun (1987).

 http://www.goear.com/listen/c08baa7/englishman-in-new-york-sting

En España, Los Rebeldes gravaron "Un Español en Nueva York" no seu álbum Más Allá del Bien y del Mal (1988).

 http://www.goear.com/listen/855eb19/un-espaaol-en-nueva-york-los-rebeldes

Ese mesmo ano, Mecano publicaba Descanso Dominical onde unha das súas cancións máis aclamadas é "No Hay Marcha en Nueva York", unha hilarante historia asinada por José María Cano.

 http://www.goear.com/listen/c32bb59/no-hay-marcha-en-nueva-york-mecano

 Pet Shop Boys  tamén homenaxearon a esta cidade con "New York City Boy" do álbum de 1999 Nightlife.

 http://www.goear.com/listen/8976c60/new-york-city-boy-pet-shop-boys

E xa para rematar, deixámosvos co tema de REM "Leaving New York" do álbum Around the Sun (2004).

 http://www.goear.com/listen/d4b51b1/leaving-new-york-rem

mércores, 23 de maio de 2012

Love on a Two-Way Street

Sylvia Robinson e Bert Keyes compuxeron en 1968 unha das baladas soul máis recoñecidas de todos os tempos "Love on a Two-Way Street". Sylvia era co-propietaria da discográfica All Platinum e ofreceulle esta canción a unha das súass artistas, Lezli Valentine, que foi a primeira en gravala.


Pero a fama viría coa versión que fixeron The Moments, tamén coñecidos comoRay, Goodman & Brown, un grupo de R&B que a publicou en 1970 no seu disco Not on the Outside, But on the Inside, Strong!


Outras dúas versións destacadas son a de Stacy Lattisaw en 1981 e a de Gloria Estefan en 1994, mais imos quedar con algunhas cancións que a empregaron como sample. A primeira delas é a do canadense Caribou no seu tema "Subotnik" do álbum The Milk of Human Kindness (2005).


No entanto, a canción que máis repercusión tivo nos últimos anos é a do rapeiro Jay-Z que, en colaboración con Alicia Keys, creou "Empire State of Mind", toda unha homenaxe á cidade de Nova York, no álbum The Blueprint 3 (2009).

martes, 22 de maio de 2012

Lucy in the Sky with Diamonds

É moi complicado quedar só cunha canción do excelente Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, o disco antolóxico dos Beatles de 1967 e que supuxo a culminación dun proceso que se vislumbraba dende Revolver e que converteu ós de Liverpool en algo máis que outra banda de pop rock británica á cabeza das listas de éxito en todo o mundo. "Lucy in the Sky with Diamonds", o terceiro corte do álbum, compúxoa John Lennon despois de ver un debuxo do seu fillo Julian que mostraba á súa amiga Lucy entre diamantes. Con todo, ó publicaren ó disco en plena efervescencia da psicodelia, moitos malpensados creron que as iniciais do título da canción facía referencia ó LSD e polo tanto era unha apoloxía das drogas; unha lenda máis que envolve todo o relacionado con The Beatles.


A maioría das versións que se fixeron deste tema aparecen en recompilatorios dedicados a The Beatles, pero  un dos primeiros que se animou a gravar "Lucy in the Sky with Diamonds" foi Elton John en 1974.


Mesmo Pink Floyd fixo unha referencia a esta canción de The Beatles no single "Let There Be More Light" do álbum A Saucerful of Secrets (1968).

http://www.goear.com/listen/43cff04/let-there-be-more-light-pink-floyd

E antes de seguir con "Lucy in the Sky with Diamonds", cómpre indicar que a canción de Pink Floyd sentou a base para un dos éxitos de Placebo. Concretamente, "Taste in Men", do álbum Black Market Music (2000).

http://www.goear.com/listen/1765b36/taste-in-men-placebo

"Lucy in the Sky with Diamonds" tamén está na base doutras cancións que irremediablemente lembran a orixinal. É o caso de Hyde, cantante xaponés que en 2003 publicou o seu segundo álbum 666 onde está incluído "Horizon".