xoves, 27 de decembro de 2012

New York Mining Disaster 1941

Habitualmente asociamos a música de Bee Gees cos ritmos discotequeiros dos 70 grazas á sona que colleron ó facer a banda sonora de "Febre do Sábado Noite", mais a banda formada polos irmáns Gibb comezaron a súa andaina a finais da década dos 50 cun pop non carente de frescura seguindo a estela dos Beatles. En 1967 publicaron o seu terceiro disco Bee Gees' 1st que contén este "New York Mining Disaster 1941".


Tan só un ano despois The Zombies editaron no seu álbum Odessey and Oracle "Butcher's Tale (Western From 1914), un dos temas máis impactantes do disco e que conta cos arranxos instrumentais de Pierre Boulez.

mércores, 26 de decembro de 2012

Memphis, Tennessee

A cidade de Memphis sitúase como un dos berces do rock. A importancia simbólica que ten para case tódolos artistas que buscan as súas raíces no blues é incuestionable, de aí que non sexan uns poucos os que se dedicaron a compoñer unhas  letras de homenaxe a este lugar. Un dos primeiros foi o gran Chuck Berry, que en 1959 editou o single "Memphis, Tennessee"".  
 
 
Con referencias á canción de Chuck Berry, os Pixies lanzaron en 1991 a canción "Letter to Memphis", single do álbum Trompe le Monde.
 
 
Tamén de 1991 é outra gran canción que fala de Memphis, e quizais é a que máis popularidade acadou. Trátase do tema de Marc Cohn "Walking in Memphis", do álbum epónimo deste compositor estadounidense, e que tamén tivo unha versión moi famosa na voz de Cher.
 
 
 

venres, 21 de decembro de 2012

Lady Jane

As composicións de Mick Jagger e Keith Richards son a esencia que conforman o estilo dos Rolling Stones, a banda máis lonxeva que aínda se mantén en activo. Co gallo da celebración dos seus cincuenta anos nos escenarios, os Stones volven sorprendernos cunha nova xira e novas cancións, aínda que nos imos quedar hoxe cun dos temas do álbum Aftermath (1966), o cuarto traballo dos ingleses. "Lady Jane" é unha balada que os Stones non interpretaban en directo dende o falecemento de Brian Jones en 1969 e que recuperaron recentemente para a última xira.

http://www.goear.com/listen/e239e1d/lady-jane-rolling-stones

Neil Young empregou a mesma melodía de "Lady Jane" no seu tema "Borrowed Tune", que se incluíu en Tonight's the Night (1975).

http://www.goear.com/listen/52875e7/borrowed-tune-neil-young

xoves, 20 de decembro de 2012

Taxman

Revolver, o segundo álbum que os Beatles publicaron en 1966 tras Yesterday and Today ábrese con "Taxman", unha das cancións que escapan do binomio Lennon-McCartney xa que foi composta integramente por George Harrison, quen en moitos momentos viviu á sombra de John e de Paul. E iso que  as cancións de George Harrison nos Beatles están á altura dos seus compositores habituais, pero é que precisamente o feito de que xunto con Ringo fosen todos uns xenios fixeron que The Beatles sexan hoxe considerados os mellores.


The Jam, a banda que catapultou a Paul Weller á fama e unha das referencias do punk máis temperá, así como da New Wave, homenaxeou a George Harrison no tema "Start!", do álbum Sound Affects (1980) ó introducir os riffs de guitarra e de baixo de "Taxman".


mércores, 19 de decembro de 2012

Seek and Destroy

Xa vimos hai uns días que ás veces unha canción se nutre doutras para resultar unha obra diferente que case se distingue das súas fontes orixinarias. Ese proceso pódese apreciar ben na canción de Metallica "Seek and Destroy", do primeiro álbum da banda de San Francisco Kill 'Em All, de 1983. "Seek and Destroy" ten as súas orixes en dúas cancións que imos ver agora mesmo. A primeira é o tema da banda de heavy metal Saxon "Princess of the Night", do álbum de 1981 Denim and Leather cuxos solos dan comezo a "Seek and Destroy".


A segunda é outro tema dunha banda de heavy metal, Diamond Head, que contribuíron ó tema de Metallica coa influencia da canción "Dead Reckoning", do álbum Borrowed Time (1982).


E este é o resultado dos debutantes Metallica, "Seek and Destroy", un dos primeiros temas que deron forma a unha das mellores bandas de heavy metal de todos os tempos.

martes, 18 de decembro de 2012

Space Oddity

En 1969 o panorama musical asistía ó nacemento dun xenio que habería de crear o seu propio estilo dentro do rock: o glam. Falamos como non, do gran David Bowie, que cun disco homónimo, asentaba as liñas mestras que haberían de asentar a súa traxectoria. Unha das cancións principais é a que abre ó álbum "Space Oddity", unha balada inspirada na famosa película de Stanley Kubrick.


E cun son moi semellante, que lembra moito "Space Oddity", Elton John gravou en 1972 "Rocket Man", do álbum Honky Château, o quinto álbum do cantante inglés.


De "Rocket Man" fixéronse unhas cantas versións realmente notables, coma a de Kate Bush no álbum tributo a Elton John e ó seu compositor Bernie Taupin Two Rooms: Celebrating the Songs of Elton John & Bernie Taupin (1991).


Tampouco queda atrás a de My Morning Jacket en 2004 no álbum Early Recordings.


Ou a de David Fonseca en 2007 no álbum Dreams in Colour. O cantante portugués dálle o seu particular toque a este clásico. Curiosamente, os artistas prefiren decantarse polo tema de Elton John antes que polo de Bowie.

luns, 17 de decembro de 2012

I Won't Hold You Back

En 1978 facían o seu debut os estadounidenses Toto cun trallazo que os catapultou á fama en todo o mundo: "Hold the Line". A banda de Joseph Williams, David Paich, Steve Porcaro, Steve Lukather e Simon Phillips soubo reporse despois dun par de discos sen moito aquel e en 1982 editaron Toto IV, talvez o álbum máis celebrado tralo debut. Nel contén algunha das cancións máis importantes de Toto coma "Rosanna" e "Africa", así como este excepcional "I Won't Hold You Back".

http://www.goear.com/listen/ed55c70/i-wont-hold-you-back-toto

Esta balada transformouse en 2001 nun rompepistas house da man de Roger Sánchez, que a rebautizou como "Another Chance", no álbum First Contact.

http://www.goear.com/listen/acb9406/another-chance-roger-sanchez

venres, 14 de decembro de 2012

Ocean of Noise

O ano que vén preséntase con interesantes novidades. Unha delas o próximo disco de Arcade Fire, que tralo triunfal The Suburbs de 2010, espérase que os rapaces de Quebec continúen na mesma liña á que nos teñen acostumados, con eses sensacionais arranxos de cordas en cancións épicas. Mentres, quedamos cunha das súas cancións do segundo traballo de Arcade Fire Neon Bible, de 2007, "Ocean of Noise".


A canción que vos presentamos a continuación non ten moito que ver con "Ocean of Noise", mais si o grupo e por iso, tomámonos a licenza que traer por aquí a Fanfarlo, un grupo inglés formado en 2006 polo sueco Simon Balthazar e Giles J Davis. O estilo de Fanfarlo lembra moitísimo a Arcade Fire e os críticos non dubidan en comparalos cos canadenses e, se ben tódalas comparacións son odiosas, moitos chegamos a coñecer a Fanfarlo precisamente cando nos advertiron que o seu son estaba na liña de Arcade Fire. "I'm a Pilot" abre o álbum de debut de Fanfarlo Reservoir (2009).

É un feito que Arcade Fire están creando tendencia e oxalá aparezan máis grupos como eles e Fanfarlo. De momento os de Quebec xa contan con algunha banda tributo como Hervelle Fire.