martes, 14 de xaneiro de 2014

Don't Dream, It's Over

Unha das cousas boas da década dos 80 foi que a escena musical mundial tornou os seus ollos cara Australia e Nova Zelanda. Se no rock, AC/DC demostraran que non facía falta ir ós Estados Unidos e a Reino Unido para ser grandes, uns anos máis tarde toda unha fornada de bandas de pop/rock deses países lanzábanse a conquista-lo mundo e abofé que o lograron: INXS, Midnight Oil e tamén Crowded House deixaron ben claro que nos antípodas de Europa tamén se sabía facer moi boa música. A banda dos irmáns Finn, Crowded House, foi das que pronto se fixeron cun oco do corazón de milleiros de persoas, ó pouco de publicar o seu primeiro disco Crowded House (1986). Nel inclúese un dos grandes temas asinados por Neil Finn "Don't Dream, It's Over", que aínda hoxe é frecuente atopar nas radiofórmulas.


Hai excelentes versións de "Don't Dream, It's Over" en inglés e é difícil quedar con unha soa, porque de moitas mesmo se pode dicir que están a un nivel similar que a orixinal. Así que para variar pomos unha das primeiras versións que se fixeron noutro idioma, concretamente en italiano en 1991 na voz de Antonello Venditti no álbum Benvenuti in Paradiso. Cunha letra renovada que non garda relación coa da versión orixinal, "Alta Marea" chegou ós primeiros postos das listas italianas.


O rapeiro Classified acordouse da canción de Crowded House para incorporala ó seu tema "It Ain't Over" no álbum While You Were Sleeping (2007).


Pero se hai unha versión diferente en inglés é a dos irlandeses Dove, que en clave R&B, danlle un aire totalmente diferente.

luns, 13 de xaneiro de 2014

Only When I Sleep

Se no debut de The Corrs en 1995 predominaban os ritmos celtas por riba dos estilos máis comerciais, a tendencia que haberían de seguir os irmáns irlandeses tralo segundo disco pasaba por ir dándolle maior protagonismo ó pop sen renunciar ó son folk que os encumbrara ó alto das listas de vendas. Quizais por iso a presentación de Talk on Corners (1997) producíase co single "Only When I Sleep", aínda musicalmente moi apegado ós violíns e ás frautas, co que o éxito quedaba garantido trala primeira escoita, algo que ten en común cos demais singles dese disco, cuns cortes moi semellantes, pero coa melodía e a produción precisa que todo single de lanzamento debe ter.


Por cousas desas que tanto adoitan pasar no mundo da música, a finais dos anos 90 The Cult participou na banda sonora da película Gone in 60 Seconds (2000), protagonizada por Angelina Jolie e Nicolas Cage. A banda de Ian Astbury, que quince anos antes saboreara o mel das boas críticas con "She Sells Sanctuary", achegaba nesta incursión no cinema unha canción escrita por Diane Warren chamada "Painted in My Heart", pero nalgún momento da composición musical ou da produción, acabou por parecerse á de The Corrs. Misterio.

venres, 10 de xaneiro de 2014

Another Saturday Night

En 1963 editábase o single de Sam Cooke "Another Saturday Night", adianto do álbum Ain't That Good News, que se publicaría nos primeiros meses de 1964. O título do álbum é un bo indicador do estado de ánimo de Cooke trala perda do seu fillo, pero o que tampouco podería adiviñar ninguén e que ese ía ser o derradeiro traballo musical que Sam Cooke publicaba en vida. Sen dúbida, un dos seus mellores discos, co anticipo de "Another Saturday Night" xa se intuía que a pesar dos problemas persoais que atravesaba, Sam Cooke estaba nun gran momento compositivo. Hoxe é un dos seus temas máis versionados.


Unha das primeiras versións que tamén acadou os primeiros postos nas listas de vendas foi a que gravou Cat Stevens en 1974 e que pechaba o primeiro recompilatorio de grandes éxitos do cantautor británico. The Greatest Hits de Cat Stevens publicouse en 1975 tivo unha gran acollida precedida polo éxito da versión do tema de Sam Cooke.


O cantautor francés Claude François mantiña unha boa amizade con Stevens tras adaptar ó francés "Wild World" e decidiu facer o mesmo con "Another Saturday Night", que así se transformou en "La vie d'un homme" en 1975.



xoves, 9 de xaneiro de 2014

Theme from the Planets

A andaina de Dexter Wansel é hoxe máis lembrada polo seu labor de produtor, ó traballar con grandes figuras do funk e do R&B coma Patti LaBelle e The Jackson 5, pero o certo é que Wansel tamén se dedicou a traballar nas súas propias creacións. O primeiro froito foi o álbum conceptual Life On Mars (1976), que reproducía como ningún a querenza e a afección que había nos anos 70 polas historias de ciencia ficción e que se manisfestou de forma evidente no cinema coa saga de George Lucas "a Guerra das Galaxias". Nese ambiente, Dexter Wansel adáptase ofrecendo ó público unha excelente colección de cancións con títulos tan suxerentes coma "Rings of Saturn" e "Theme from the Planets" acompasados cunha combinación de ritmos de jazz, de soul e de funk que fan do álbum Life On Mars un dos máis interesantes do seu xénero. "Theme from the Planets" é unha das cancións máis recoñecidas, tanto por outros artistas coma polo público.


Case o menos que se podería esperar é que a batería de "Theme from the Planets" ía recuperarse nunha das cancións pop máis populares dos últimos anos. En 1999 a cantante irlandesa Dido debutaba co álbum No Angel, onde está incluída "Thank You", unha canción que ó ano seguinte ía ter un enorme éxito.


Un dos primeiros que se namorou desta canción ó escoitala foi o rapeiro Eminem, que dediciu tomar prestado o retrouso para incorporalo ó seu tema "Stan", do álbum The Marshall Matters LP (2000). O éxito apabullante que tivo "Stan" fixo que decontado aumentase o interese por Dido, e "Thank You" volveu ás listas de singles máis vendidos, polo que poucas veces se ve unha colaboración entre dous artistas con estilos tan distintos cunha rendibilidade semellante.


A simbiose entre a canción de Dido e a de Eminem plasmouse perfectamente no tema de The Game "My Life", no álbum LAX (2008). Non obstante, é unha mágoa que o son da canción de Dexter Wansel se fose perdendo polo camiño, aínda que ben pensado, ata é unha sorte.


O caso é que moito antes do éxito mundial de "Thank You", as mexicanas Flans fixeron unha versión en castelán co nome de "Gracias", que aparece no disco Hadas (1999).

mércores, 8 de xaneiro de 2014

All the Way

Como unha das bandas de referencia dos anos 80, New Order era un proxecto máis que consolidado cando publicaron o quinto disco Technique (1989), un traballo que a diferenza dos antecesores, afondaba nos sons dance que ían marcar a década seguinte, sen renunciar á personalidade que New Order se fora forzando dende as súas orixes. Deste modo, Technique converteuse no álbum máis exitoso na carreira de New Order, que aínda logrou rabuñar uns feixes de novos fans. "All the Way", o segundo corte dese disco, non foi elixido como single e nin sequera se pode dicir que sexa das mellores cancións, mais o seu son é un resume perfecto do son dos anos 80, alegre e sofisticada a un tempo.


Moitos sinalan o gran parecido que existe entre esta canción de New Order e a de The Cure "Friday I'm  in Love", sobre todo no son do baixo. Pertencente a Wish (1992), o noveno disco da banda de Robert Smith, "Friday I'm in Love" é das cancións máis luminosas da carreira de The Cure.

martes, 7 de xaneiro de 2014

Song to the Siren

Ás veces na música danse casos curiosos da relación entre compositores e cantantes. A finais dos anos 60 Tim Buckley gañábase a vida escribindo cancións e interpretándoas, como tantos outros cantautores que nese momento contribuían a que o folk vivise unha época dourada. Xunto con Larry Beckett escribiu unha das súas canción máis lembradas, "Song to the Siren". No entanto, por un capricho do destino acabou nas mans de Pat Boone que non dubidou en gravala para o álbum Departure (1969), cuxa publicación apareceu no mercado antes de que Tim Buckley preparase a súa versión.

http://youtu.be/3gH3Z6BOCco

Con todo, Tim Burckley non renunciou a gravala e sorprendentemente, tivo aínda máis éxito que a de Pat Boone, e iso que o estilo é moi semellante. Burckley incluíuna no álbum Starsailor (1970).

http://youtu.be/b49YfsjXw5E

Non tardaron en aflorar as versións de "Song to the Siren", pero a máis espectacular que se fixo foi a de This Mortal Coil, que co seu son gótico, elevou a canción de Burkley a unhas esferas ás que ninguén se podería imaxinar alá a finais dos 60. Aparece no álbum It'll End in Tears (1984).

http://youtu.be/vkb9T2Ll8-Q

E sería a versión de This Mortal Coil á que tomarían como referencia The Chemical Brothers para crear a súa propia canción da serea. Sendo un dos grandes temas do debut dos Chemical Brothers, Exit Planet Dust (1992), publicado cando aínda se facían coñecer coma The Dust Brothers, esta nova "Song to the Siren" contén un sample da versión de This Mortal Coil que a enraíza coa orixinal.

http://youtu.be/bvXV1iIkYHM

Por outra parte, The Chemical Brothers tamén incorporaron á súa canción a voz de Dead Can Dance na canción "Song to Sophia", do álbum The Serpent's Egg (1988).

http://youtu.be/Xk5hZsXd9cE

venres, 3 de xaneiro de 2014

Don't Go

Tras deixar Depeche Mode e antes de formar Erasure, Vince Clarke tivo un fulgurante éxito con Yazoo, o proxecto musical de electropop que levou a cabo xunto con Alison Moyet. O primeiro single, o coñecido medio tempo "Only You", logrou unha fama instantánea que non habería abandonar a Yazoo na súa corta traxectoria. Mais o disco de debut, Upstairs at Eric's (1982), ten tamén outra canción que fixo perpetuar o son que a efímera andaina do duo non conseguiu borrar. Trátase de "Don't Go", o single que se editou despois de "Only You" e que contiña a importante misión de manterse á altura do predecesor, cousa que acadou sen moito esforzo.

http://youtu.be/VML1u8KJjEo

Yazoo deixou unha pegada imborrable no electropop e o son de "Don't Go" pode atoparse en toda unha serie de temas trance e house que pouco achegan á música en xeral. "Don't Go" tamén conta con versións coma a de Atrocity, cun estilo tan antagónico ó electropop como é o heavy. Aparece no álbum da banda xermana Werk 80 (1997).

http://youtu.be/JcXZu4rg5RA

Falabamos antes das cancións de trance que se apropiaron do son de "Don't Go", pero tamén hai que indicar a influencia que exerceu Yazoo con esta canción nos éxitos doutros grupos dance, pero dun xeito moito máis sutil e non tan acusado como é o caso dos belgas Paradisio, que acadaron a fama con "Bailando" en 1996, e onde o parecido con "Don't Go" apenas se percibe.

http://youtu.be/xiWtqVtd1Oo

E polas voltas que dá a música, "Bailando" tamén se converteu nun tema moi versionado. A mellor desas versións, no entanto, é a dos barceloneses  Astrud, que lle puliron o son dance para darlle un aire pop que lle senta moi ben no seu primeiro disco Mi Fracaso Personal (1999).

http://youtu.be/fSJBgcsOWkA

xoves, 2 de xaneiro de 2014

The Dean and I

A mediados dos anos 70 o pop máis comercial e o estilo doo-wop, así coma o rock and roll máis clásico das dúas décadas anteriores considerábanse xa tan afastados dos novos sons que dominaban a música do momento que había artistas que non dubidaban en facer algún tipo de parodia, que no fondo agochaban un sentido respecto e admiración polas vellas tendencias musicais. É así como Graham Gouldman, gran coñecedor da música dos 60 e autor de moitos dos seus éxitos lembraba o estilo máis lúdico de grupos coma os Beach Boys no tema "The Dean and I", unha das cancións do primeiro disco de 10cc, o proxecto que montou xunto con Eric Stewart, Kevin Godley e Lol Creme, e que debutaban en 1973 cun álbum epónimo. "The Dean and I" tamén está inspirado nunha canción de Jerry Lee Lewis.

http://youtu.be/GJWnNmXiL8M

A canción de Jerry Lee Lewis que inspirou este tema dos 10cc é o single editado en 1958 "High School Confidential", un das mostras de rock and roll que ían marcar a toda unha xeración.

http://youtu.be/qNzEM-XwuiE

"The Dean and I" tamén fai unha referencia máis ou menos velada á versión que os Beach Boys fixeron da canción "Then He Kissed Me", canción escrita por Ellie Greenwich, Jeff Barry e o gran Phil Spector para The Crystals. A versión dos Beach Boys é de 1965 e aparece no álbum Summer Days (And Summer Nights!!), pero contén unha notable diferenza coa letra orixinal. A canción conta o momento en que un mozo bica a unha moza e está narrado dende o punto de vista dela. Non obstante, na versión dos Beach Boys a voz narrativa é a do mozo e por iso xa o título é diferente. Se a versión orixinal das Crystals se titula "Then He Kissed Me", a dos Beach Boys leva o título de "Then I Kissed Her", a mesma historia contada coa voz do outro personaxe protagonista.

http://youtu.be/z5aZeU0w9lM

E para que non quede atrás, a versión orixinal gravada por The Crystals en 1963, "Then He Kissed Me".

http://youtu.be/cE_jOD2Fxvs