martes, 14 de abril de 2015

(At Your Best) You Are Love

De tódalas cancións que se fixeron dedicadas ás nais, a de The Isley Brothers "(At Your Best) You Are Love" é sen dúbida, das máis sentidas. Pertence ó album número catorce do grupo de soul e funk Harvest for the World (1976) e malia que na actualidade é unha das cancións máis coñecidas da discografía de The Isley Brothers, no momento da publicación do álbum non se considerou escollela como single, talvez debido a que se trata dun tema lento, que non encaixaba moi ben cos outros temas bailables do disco, que tiñan máis posibilidades de triunfar.


Posiblemente a versión de Aaliyah no seu álbum de debut Age Ain't Nothing but a Number (1994) é a máis coñecida, e case vinte anos despois da publicación da orixinal, axudou a que "(At Your Best) You Are Love" seguise sendo coñecida para os novos seguidores do R&B e do soul.


Drake foi sempre un namorado da música de The Isley Brothers, como demostra algunha das reinterpretacións que fixo dos temas do grupo, pero para "Unforgettable", pertencente a Thank Me Later (2010), o álbum do seu debut, serviuse da versión de Aaliyah de "(At Your Best) You Are Love" para as primeiras notas.

luns, 13 de abril de 2015

Fisherman's Blues

Para o cuarto álbum de The Waterboys, Fisherman's Blues (1988), Mike Scott decidiu darlle unha volta ó son da banda. Cara a finais dos oitenta, o folk irlandés parecía renacer no pop rock do momento; Simple Minds introducía nalgunha das súas cancións un toque celta e o éxito que estaba colleitando The Pogues deixaba ás claras a nova tendencia, así que The Waterboys tamén decidiron contribuír á moda. De aí que no novo álbum se afondase máis nese compoñente folk, que a dicir verdade sempre estivo latente na música de The Waterboys. Con algunha versión de Van Morrison e a musicalización dun poema de Yeats, Fisherman's Blues é un dos discos máis representativos de The Waterboys e a canción que lle dá título é unha boa mostra da arte da banda.

http://assets.parlophone.co.uk/thewaterboys/fishermansblues/images/bandimage.jpghttps://youtu.be/_VKouBHarIo

A música de The Waterboys é unha das grandes referencias do son de Celtas Cortos. No álbum de versións que os de Valladolid fixeron chamado Introversiones (2010) non podía faltar un tema de The Waterboys, e neste caso o elixido foi "Fisherman's Blues", que ademais abre o disco. Adaptada ó castelán, "Blues del Pescador" é unha das cancións máis coñecidas do disco.

http://www.motociclismo.es/media/cache/original/upload/images/imagegallery/6692/imagenes/0712-pinguinos-celtas-cortos.jpghttps://youtu.be/isEYYOiMtCU

venres, 10 de abril de 2015

Sun

Retomamos de novo os posts monográficos. O de hoxe vai dedicado ó Sol, que coa súa luz anuncia a chegada do bo tempo, algo que metaforicamente sempre se asociou a un período de felicidade. As seis cancións que eliximos para esta entrada son unha pequena mostra dunha amplísima variedade de cancións que levan no título a palabra "sol", así que non descartamos que haxa unha segunda parte desta entrega noutra ocasión. Acéptanse propostas.

A primeira delas é a canción dos Beatles "Here Comes the Sun", escrita por George Harrison, que se incluíu en Abbey Road (1969).É sen dúbida unha das mellores cancións do álbum e evoca os beneficiosos efectos do sol.

https://youtu.be/C5E_zXbmrlM

Janis Joplin tamén lle escribiu unha canción ó sol co espíritu do flower power. O resultado foi "Flower in the Sun", un single póstumo que se publicou en 1972.

https://youtu.be/2vNczrinFRo

No álbum de 1987 The Uplift Mofo Party Plan Red Hot Chili Peppers incluían a canción "Behind the Sun", que haberían de sacar como single cinco anos despois.

https://youtu.be/gsC9KwiknTs

Con reminiscencias cara ó final da canción dos Beatles "Here Comes the Sun", Soda Stereo asinou no álbum Canción animal (1990) a fantástica "Cae el sol", unha das mellores composicións de Gustavo Cerati e Daniel Melero.

https://youtu.be/7pxzYVc_lNQ

A seguinte canción que vén a continuación foi publicada en 1997. Pertence ó album de Supergrass In It for the Money (1997) e trátase de "Sun Hits the Sky", single que se publicou na primavera, aproveitando a chegada do sol e as altas temperaturas.

https://youtu.be/OJ8TYNpJdLg

E xa para rematar por hoxe, quedamos coa sensacional "Sun" de Two Door Cinema Club, que aparece no álbum Beacon (2012).

https://youtu.be/sKyK1Mme9Sc

xoves, 9 de abril de 2015

(I'm Not Your) Steppin' Stone

Sempre coa idea de deixar unha pegada no rock, tódolos grupos buscan alomenos unha soa canción que lles abra tódalas portas. Paul Revere & The Raiders conseguírono con algunhas cancións como "(I'm Not Your) Steppin' Stone", pertencente ó quinto disco Midnight Ride (1966). Se temos en conta que precisamente neses anos non era doado facerse cun sitio na puxante escena rock, Paul Revere & The Revere tiveron o seu premio sobre todo con esta canción que leva a sinatura de Tommy Boyce e de Bobby Hart, quen tamén se encargaron de producila.


Tamén nese álbum atópase a outra gran canción de Paul Revere and The Raiders "Kicks".


Xa ese mesmo ano de 1966 "(I'm Not Your) Steppin' Stone") contou coa súa primeira versión, desta volta da banda de ficción The Monkees, que a acabaron popularizando, ó igual que fixeron con "Kicks".


E moi influenciados polas principais cancións de  Paul Revere & The Raiders, The Hives achegaban o son desta banda ós seus seguidores en "Two-Timing Touch and Broken Bones", unha das cancións de Tyrannosaurus Hives (2004).


mércores, 8 de abril de 2015

Blue Light, Red Light

Poida que o xénero do swing e as big bands vivisen o seu mellor momento durante a década dos corenta, pero a irrupción de novos estilos desde entón non os defenestrou en absoluto e sorprendentemente, de vez en cando algún que outro disco de swing consegue ser supervendas en plena voráxine pop-rock. Harry Connick Jr. foi dos poucos que se encargou de lembrarnos que o swing aínda non formaba parte do pasado musical cando en 1991 conseguiu un inesperado éxito co álbum Blue Light, Red Light, o seu oitavo traballo discográfico co que logrou varias candidaturas ós premios Grammy. A canción que lle dá título é a que abre o disco e por outra parte, é das máis representativas deste músico e actor.

http://youtu.be/DOYp185BwgQ

Recentemente, o imprevisible Jack White gravou unha excelente versión da canción "Blue Light, Red Light" na cara B do single "That Black Bat Licorice", último single do álbum Lazaretto (2014).

http://cdn3.pitchfork.com/blog/606/c739ed95.jpghttps://youtu.be/L6iKa_Jsq-U

martes, 7 de abril de 2015

Question

The Moody Blues é outra das bandas que durante os sesenta e os setenta se decantaron polo rock máis experimental do momento. As súas cancións transitan entre o rock psicodélico e o sinfónico, nas que destaca especialmente a fermosa balada rock "Nights in White Satin", pola que na actualidade aínda son coñecidos. Pero achegarse ó repertorio desta banda de Birmingham serve para descubrir que está composto de grandes temas en cada un dos discos que publicaron até o de agora. A Question of Balance (1970), o sexto álbum de The Moody Blues, ábrese cun sensacional tema sobre Vietnam, "Question", encadrado no momento político máis importante daqueles anos, e ó igual que outros músicos, The Moody Blues non se mostraron alleos á preocupación social sobre aquela guerra. "Question" é a  súa resposta.


Con ecos evidentes de "Question", Heart creou unha das composicións máis famosas da súa discografía "Crazy On You", pertencente ó álbum Dreamboat Annie (1975).


Algúns anacos de "Crazy On You" conforman o retrouso do tema de Eminem "Crazy in Love", incluído en Encore (2004).

luns, 6 de abril de 2015

Radioactive

A ninguén se lle escapa que a ópera prima de Imagine Dragons Night Visions (2012) foi un dos mellores debuts dos últimos anos. Xa antes de que deran o salto definitivo probaran sorte lanzando algún EP con algunhas das cancións que despois haberían de formar parte de Night Visions. Desde logo, non lles cabeu dúbida de que unha das que tiña que estar presente no álbum de longa duración co que se ían dar coñecer ó mundo era "Radioactive". Esta canción funciona tan ben que a escolleron como segundo single, co convencemento de que aqueles que aínda non caeran rendidos con "It's Time" faríano agora con "Radioactive" e xa de paso, descubrirían o debut dunha banda con moitas cousas que ofrecer.


Tras colaborar durante certo tempo coa radio belga Q-music facendo versións dos éxitos actuais, como o de Gotye que xa vimos, Within Temptation publicou un álbum de versións titulado The Q-music Sessions (2013). A de "Radioactive" é unha das máis sorprendentes.

mércores, 1 de abril de 2015

Bleeding Heart

Aínda cando o rock and roll lograra situarse como un xénero musical de primeira orde nos sesenta, as novas composicións de blues seguían a ser fonte de inspiración para os rockeiros, que se seguían fixando sobre todo nesa arte de tocar a guitarra que todos os músicos de blues parecían posuír. Nese contexto, Elmore James, digno herdeiro de Robert Johnson, era unha especie de mestre para as novas xeracións rock, pois cada single que sacaba tiña case o mesmo eco que calquera outro cos novos sons. Na ampla discografía deste músico de Chicago brilla con luz propia "Bleeding Heart" (1965), single póstumo de Elmore James, que o gravara dous anos antes do seu pasamento. Tiveron que pasar outros dous anos para que se publicase, pero a influencia de Elmore James seguía moi viva entre os seus admiradores.


E un deses admiradores tan devotos de Elmore James foi o gran Jimi Hendrix, que adoitaba interpretar algunha das súas composición nos concertos, co que a sona de James medrou considerablemente. No álbum póstumo de Hendrix Valleys of Neptune (2010) recóllese unha versión de "Bleeding Heart" que xa aparecera no compilatorio Blues (1994).