martes, 17 de novembro de 2015

Things We Said Today

O terceiro álbum sempre marca definitivamente a traxectoria de calquera banda; conságrase ou comeza unha etapa de decadencia que se pode reconducir cun novo álbum, pero sempre é un momento transcendente. No caso de The Beatles non é diferente e en A Hard Day's Night (1964) os de Liverpool xa deixaban ás claras que estaban chamados a facer cousas grandes. Por primeira vez non se inclúe ningunha versión, e as trece cancións que compoñen o disco levan a sinatura de John, Paul e George. Posiblemente, a decisión de que todas as cancións sexan orixinais dos Beatles teña que ver co feito de que A Hard Day's Night estea concebido como a banda sonora da película do mesmo nome que o grupo protagonizou e onde se recollían as vicisitudes dos Beatles en torno ó fenómeno fan que xa provocaban. "Things We Said Today" é unha das cancións do álbum, malia non ser das máis recordadas.


Jackie DeShannon colocou nas listas de Estados Unidos unha versión de "Things We Said Today" en 1978, que acadou tanta popularidade como a orixinal.


Moitos críticos sinalan que a canción que Graham Gouldman compuxo para The Hollies, "Bus Stop", e que foi un dos maiores éxitos da banda en 1966, ten un parecido máis que razoable coa canción dos Beatles.

luns, 16 de novembro de 2015

Sorprendente

O hard rock en España comezouno a escribir unha serie de bandas a finais dos setenta, que baixo a denominación xeral de rock urbano, introduciron unha corrente que ata aquel momento, parecía resisitirse a entrar con forza nunha sociedade afeita a outros gustos musicais. No entanto, atopou un público fiel que o colocou como unha das tendencias principais no medio doutros xéneros máis asentados no panorama musical. Así, lonxe de ser un movemento underground, hoxe moitas desas bandas e artistas que o levantaron a cabo gozan dun prestixio gañado a base de ofrecer un traballo honesto sen renunciar as súas crenzas. Nomes como Obús, Barón Rojo, Coz, Asfalto, Ñu, Barricada, Los Suaves e Leño son algúns que ilustran esta historia. Precisamente velaquí tendes unha canción de  Leño, con Rosendo Mercado ó frente; "Sorprendente" pertence ó derradeiro álbum de estudio da banda, Corre, corre (1982)


Outra gran banda é Los Suaves, que no terceiro álbum, Ese día piensa en mí (1988) incluíu unha das súas cancións míticas, "Dolores se llamaba Lola", que no comezo parece compartir algún riff coa canción de Leño.


venres, 13 de novembro de 2015

Long Train Runnin'

A pesar de que levan desde os seus comezos publicando álbums de xeito bastante regular, o certo é que os Doobie Brothers son coñecidos sobre todo por "Long Train Running'", single do terceiro álbum da banda, The Captain and Me (1973). De feito, The Doobie Brothers, caracterizados sempre por facer rock, introduciron en "Long Train Runnin'" unha innegable influencia funk que a converte nunha das cancións máis especiais da década, entrelazando así os dous xéneros musicais predominantes daquela época. A canción ten o sobrenome de "Without Love", pola de veces que se repite na parte máis importante do retrouso.

https://youtu.be/tnD0eVdHJfI

Quizais a versión máis curiosa que se ten feito de "Long Train Runnin'" é a de Bananarama no álbum Pop Life (1991). Ó estilo bailable que o trío lle imprimía a tódalas cancións que versionaban, engadiuse para a ocasión o son da guitarra flamenca dos Gipsy Kings.

https://youtu.be/eewNjN92h0M

Un ano despois, La Unión adaptaba á canción dos Dubbie Brothers ó castelán co título "Tren de largo recorrido", que tamén lle daba nome ó álbum en directo da banda madrileña.

https://youtu.be/8Zfb7Vu19cw

xoves, 12 de novembro de 2015

Closer to the Heart

Rush é unha das bandas de rock canadenses máis importantes dos anos setenta. O grupo composto por Geddy Lee, Alex Lifeson, Neil Peart, John Rutsey e Jeff Jones irradiou dende Toronto cancións cargadas de rock progresivo que chegaron a callar no imaxinario da época e que xa forman parte da historia do rock. Desde o seu debut cun álbum epónimo, Rush deu mostras de ser unha das bandas máis prolíficas do panorama musical ó sacar unha media de dous discos por ano sen que o seu nivel se resentise. A Farewell to Kings (1977) é o quinto álbum de Rush e velaquí unhas das súas cancións, "Closer to the  Heart", cuxa influencia indirecta parece que repercutiu nalgunhas cancións de décadas posteriores.

https://youtu.be/quBCjo2rUZg

A gran canción de The La's, "There She Goes", de 1988 e que logo aparecería no único álbum da banda que se editou dous anos despois, ten un lixeiro aire no comezo á "Closer to the Heart", malia que logo as dúas cancións se diferencien en tódolos aspectos.

https://youtu.be/eu2iv-vMKT8

E tamén se pode dicir, aínda que con moitas reservas, que hai algún eco da canción de Rush no maior éxito doutro canadense, Tal Bachman, ó igual que sucede coa de The La's; "She's So High" deulle sona o seu álbum epónimo de debut, que se publicou en 1999.

https://youtu.be/_ElORM9O-0U

Pero se hai unha canción que se pode considerar unha sombra de "Closer to the Heart" é a de Landon Pigg "Falling in Love at a Coffe Shop", single de 2007.

mércores, 11 de novembro de 2015

Rock and Roll Part 2

Resulta difícil crer que o denostado (e con razón) Gary Glitter, noticia ultimamente polos escándalos sexuais con menores, fose no seu día un reputado músico e presentador de televisión que gozaba do respeto da sociedade. Ó abeiro do glam rock que Marc Bolan e David Bowie postularan pouco antes, Glitter construíu a súa carreira que se estreou coa publicación do seu primeiro álbum, Glitter (1972), onde entre algunhas versións de pioneiros coma Chuck Berry e Ritchie Valens, presentaba varios temas propios. O máis coñecido e que máis fama lle reportou é "Rock and Roll", tema dividido en dúas partes; a primeira é o primeiro corte do álbum e a segunda, o último. A segunda parte é unha peza practicamene instrumental que se reproduce cada pouco tempo en calquera tipo de evento.

https://youtu.be/Nras3c8r45k

Unha das cancións máis populares de The Black Keys é "Gold on the Ceiling", single do exitoso álbum El Camino (2012). Entre as influencias que se recollen  nesta canción, algúns críticos aprecian algún eco da segunda parte de "Rock and Roll".

https://youtu.be/OAdTbE9LAtY

martes, 10 de novembro de 2015

Hello

Liñas melódicas semellantes, riffs sospeitosamente parecidos, elementos reciclados e tratamento similar da  mesma temática son parte intrínseca da historia da música e os exemplos que sementaron polémica son abundantes. A máis recente é a que afecta ó novo single de Adele, "Hello", anticipo do novo álbum 25, que sairá á venda o vindeiro día 20 deste mes de novembro. Como é habitual, a crítica analizou polo miúdo a nova canción dunha das artistas máis importantes dos últimos anos e decontado xurdiron as comparacións con outras cancións, na procura dunha influencia clara que inspirase a Adele. E unha vez acadado o obxectivo, aínda que sexa moi circunstancial e traído polos pelos, comeza un ruxe- ruxe que, en teoría, prexudica a nova canción, malia que en realidade é unha poderosa arma promocional que só fai espertar máis interese. Non sería raro que mesmo a propia discográfica sexa quen fomente este tipo de campañas.


A primeira canción  en que pensou a crítica foi nunha do mesmo título, o "Hello" de Lionel Richie, pertencente a Can't Slow Down (1983). Desde logo, ambas coinciden en que son baladas e a voz do narrador saudando a un receptor ó outro do teléfono, pero ata aí as semellanzas. Os dous "Hello" son cancións totalmente distintas.


E nestas, dándolle voltas ó "Hello" de Lionel Richie, a alguén lle véu á memoria á canción de Tom Waits "Martha", do álbum Closing Time (1973) co que debutou. En efecto, esta canción garda máis semellanza co "Hello" de Adele, que esta última coa de Lionel Richie. A temática é a mesma, un personaxe que chama por teléfono a un antigo amor despois de moitos anos, envolta nunha balada moito máis acorde entre si que a de Richie. Se logo engadimos que nas últimas entrevistas Adele ten declarado que a música de Waits foi unha influencia para o seu novo traballo, temos a combinación perfecta. Pero se escoitades ben ambas cancións, decatarédesvos que non coinciden nin na letra nin na melodía para afirmar categoricamente que teñen moito máis en común.

luns, 9 de novembro de 2015

I'm Tore Down

Freddie King é un dos últimos bluesmen que influíu notablemente nunha xeración de músicos que aunaba os sons dos blues coas novas correntes do rock. Comezou a editar singles a mediados dos anos cincuenta pero non sería ata a década seguinte cando por fin apareceu o seu primeiro álbum Freddy King Sings (1961); unha ducia de cancións que contén algunhas pezas memorables que sitúan a King á altura dos grandes mestres. Unha delas é "I'm Tore Down", un tema asinado por Sonny Thompson, veterano músico que daquela se dedicaba sobre todo a compoñer para outros artistas, e con Freddie King escribiu unha morea de cancións que acabaron por formar parte da discografía de King.


Eric Clapton recuperou a vella composición de Sonny Thompson para o seu álbum de versións de blues From the Cradle (1994), onde Man Lenta interpreta dezaseis clásicos do blues.

venres, 6 de novembro de 2015

State of Independence

Nos últimos anos dos anos setenta produciuse un interesante encontro entre o músico grego Vangelis e Jon Anderson, líder de Yes, que se materializou na colaboración dos dous músicos nunha serie de discos ó longo de varios anos. Da estensa produción de ambos, queda na lembranza de todos a gran canción "State of Independence", que coroaba o segundo álbum, The Friends of Mr. Cairo (1981). O son electrónico, combinado con toques de reggae, fixo que a canción acadase bastante popularidade entre diversos sectores musicais como ben confirma a versión de Donna Summer, malia non entrar nas listas de éxitos a orixinal.


O disco epónimo de Donna Summer, editado en 1982, conta cunha das máis famosas versións de "State of Independence". Desde esta versión da raíña das pistas, a canción recibiu unha grande acollida, a pesar de que non serviu para que a orixinal se dese a coñecer mellor.


Coma un tributo a Donna Summer, The Art of Noise inclúen no EP co que debutaron,  Into Battle with the Art of Noise (1983), unha peza titulada "Donna", que reproduce as bases da versión de Summer.


Pero a versión máis orixinal de "State of Indepence" correspóndelle a banda Moodswings, no álbum Moodfood (1992), á que rebautizaron co nome de "Spiritual High" e a alongaron ata os doce minutos. Chrissie Hynde, de The Pretenders, ponlle voz na última parte.