xoves, 28 de febreiro de 2013

Just an Illusion

A comezos dos 80 cando o electropop vivía unha época dourada, un grupo inglés ía rebentar as listas de vendas con unha soa canción que lles ía garantir o estrelato máis aló do momento. Imagination debutaron en 1981 e un ano despois, co segundo traballo discográfico baixo a man, ían arrasar tanto o mercado europeo coma o americano grazas o bombazo que supuxo "Just an Illusion", tema estrela do disco In the Heart of the Night (1982).


Cun ritmo susceptible de ser sampleado sobre todo por cancións hip-hop e por artistas en momentos baixos de creación, Mariah Carey encargouse de estragar "Just an Illusion" no seu álbum The Emancipation of Mimi coa canción "Get Your Number"en 2005. Este disco evidenciaba ás claras que a carreira da cantante de orixe venezolana ía costa abaixo e xa quedaran atrás os anos en que a diva do pop dominaba as listas de vendas. Unha mágoa para unha das mellores voces dos anos 90.


mércores, 27 de febreiro de 2013

Simple Twist of Fate

Despois de editar dous discos coa compañía discográfica Asylum Records, Bob Dylan regresou á que fora a súa casa de toda a vida, Columbia, con Blood on the Tracks, un disco que contén toda a esencia dos primeiros anos de Bob Dylan. Era o seu xeito de entrar en 1975, xa que foi publicado en xaneiro dese ano. Malia a que facía o número quince na andaina de Dylan, Blood on the Tracks está considerado un dos  seus mellores traballos cunhas cancións que engaiolaron tanto a crítica, coma o público e a outros artistas que non dubidaron en facer versións das súas cancións favoritas. Unha das que destaca é "Simple Twist of Fate".


Unha das que destaca é a de Bryan Ferry para un dos tantos tributos que se lle teñen feito a Dylan. A versión de Bryan Ferry pertence concretamente a Dylanesque (2007), un disco con versións de Dylan no que Ferry homenaxea a este sensacional compositor.


Tamén existen versións en castelán. Nacho Vegas adaptouna co título "Un Simple Giro del Destino" en 2011.


Cunha tradución libre, que xa non ten que ver coa letra orixinaria de Dylan, o compositor fenés Roger De Flor titulou a súa versión "Una Desconocida Más" no álbum Canciones de Amor y Retranca (2007).


martes, 26 de febreiro de 2013

What I Like About You

O movemento New Wave de finais dos anos 70 e comezos dos 80 deixounos unha lista de grandes gupos e artistas, cada cal co seu estilo, que contribuíron a que este movemento fose do máis variado. Un deses grupos é The Romantics cuxo maior éxito foi a canción "What I Like About You", incluído no álbum epónimo con que esta banda de Michigan se estreaba cun LPen 1980. Mais "What I Like Abou You" é un compendio das influencias que mellor definiron o son de The Romantics. Para empezar, no retrouso temos a lembranza de dúas cancións: a primeira "Over, Under, Sideways, Down" dos Yardbirds, de 1966.


A segunda é "Dirty Water", de The Standells, un dos maiores éxitos de 1965. 


Mais o caso é que o son de "What I Like About You" lembra moito o riff de guitarra de "Cherry Cherry", de Neil Diamond.


Pois o resultado de mesturar todos estes estilos apréciase en "What I Like About You".


A proba de que "What I Like About You" acadou un son propio diferenciado das cancións que lle dá soporte é "Cuidado con Paloma", unha das cancións máis recoñecibles de Emilio Aragón, que está no seu primeiro disco de pop/ rock Te Huelen los Pies (1991). Cunha letra en clave de humor, converteuse nunha das cancións do verán dese ano e confirmou a Aragón, que nese momento gozaba dunha gran popularidade grazas o seu traballo en televisión, nun dos compositores máis divertidos da música comercial, unha faceta que ía en detrimento doutras cancións excelentes, pero tamén máis maduras e que pola contra, apenas tiveron sona.


luns, 25 de febreiro de 2013

When the Rainbow Comes

Karl Wallinger, un dos membros destacados de The Waterboys, abandonou a banda coa que acadou o éxito para emprender un novo proxecto máis afastado do folk ó que chamou World Party. O momento que elixiu Wallinger para a súa nova aventura tampouco foi doado: a mediados dos anos 80 The Waterboys estaban no seu apoxeo, pero iso non disuadiu nin un chisco ó valente Wallinger, que en 1986 editaba o primeiro disco de World Party Private Revolution cunhas expectativas incertas. Malia que o resultado non rompeu as listas de vendas precisamente, o debut de World Party deixou moi boas sensacións, e catro anos despois aparecía no mercado Goodbye Jumbo (1990), que para algunhas publicacións foi o álbum do ano e mesmo logrou un Grammy ó mellor disco de música alternativa. "When the Rainbow Comes" é un dos trallazos que se atopa no segundo traballo de World Party.
Para moitos críticos, os acordes e a melodía de "When the Rainbow Comes" foi plaxiada na canción de Matchbox 20 "If You're Gone", do álbum Mad Season (2000), o que supuxo que se convertese na canción máis polémica da banda de Rob Thomas, xusto no momento en que se consagraba o prestixio internacional obtido dous anos antes grazas ó anterior álbum Yourself or Someone Like You que contén xoias como "Push" e "3 a.m.).

venres, 22 de febreiro de 2013

It's Raining, It's Pouring

É indudable a contribución que as nanas e as cancións infantís en xeral  teñen feito nalgunha ocasión o mundo do pop e do rock. O caso máis recente puidemos velo hai tan só uns meses coa publicación de "Candy", un tema asinado por Gary Barlow para o seu ex compañeiro de Take That Robbie Williams, cuxo ritmo evoca ós sons propios da música infantil. Por iso, a entrada de hoxe vai dedicada a unha desas nanas que máis presente está nalgunhas das cancións que máis éxito tiveron no seu momento. Trátase de "It's Raining, It's Pouring", unha nana tradicional inglesa que se publicou por primeira vez en 1939.


Os primeiros en facer unha versión de "It's Raining, It's Pouring" foron Peter, Paul and Mary en 1962, que a mesturaron coas melodías doutras cancións.


Mais se a versión de Peter, Paul and Mary mantén aínda ese componente infantil das nanas, as seguintes cancións que nalgún momento fan referencia a esta nana tentan afastarse en certa medida desa esencia de nana, aínda que non en tódolos casos. Por exemplo, en "No More Tears (Enough Is Enough)", a famosa canción que Donna Summer e Barbra Streisand editaron en 1979 só o comezo pode levarnos a engano polo ritmo lento das primeiras notas.


O portorriqueño José Feliciano tamén cantou unha parte desta nana noretrouso do seu tema "Listen to the Falling Rain" en 1969.


En 1978 outro artista como Tom Waits lle dedicou unha parte dunha canción súa a esta nana. Concretamente, "A Sweet Little Bullet From a Pretty Blue Gun", do disco Blue Valentine.


A última gran canción que reproduce o son de "It's Raining, It's Pouring" empregando un coro infantil é "It's Raining Again", de Supetramp, incluída no álbum ...Famous Last Words (1982).



xoves, 21 de febreiro de 2013

Rockin' All Over the World

A separación de Creedence Clearwater Revival non foi doada para John Fogerty, sobre todo tendo en conta que debido a problemas de dereitos de autor coa discográfica da banda californiana, Fogerty tivo que recorrer ós tribunais para poder seguir tocando o repertorio da súa antiga banda, un proceso que se prolongou durante anos. Algo paradoxal, cando o propio John Fogerty é o creador da meirande parte das cancións de Creedence. No entanto, todas estas disputas non impediron que Fogerty comezase unha carreira en solitario que non renunciaba para nada á esencia de Creedence Clearwater Revival. En 1975 publicaba o seu segundo álbum en solitario John Fogerty que se abre cun dos seus maiores éxitos: "Rockin' All Over the World".


Dous anos despois, aparecía a principal versión desta canción da man de Status Quo nun disco que levaba o mesmo nome da canción Rockin' All Over the World (1977). Status Quo (ben se ve que o Latín non era a materia favorita de Francis Rossi e de Alan Lancaster) consegue nesta versión darlle un toque especial que fai que a canción pertenza claramente á banda inglesa. De feito, hai moitos que non saben que o autor é John Fogerty.


A melodía de "Rockin' All Over the World" reprodúcese na última parte da canción de Platero y Tú "Si Tú te Vas", do álbum Burrock 'n' Roll (1991).

mércores, 20 de febreiro de 2013

The Snowdon Song

Entre os anos 60 e 70 era habitual atopar na escena musical grupos de dous ou tres integrantes dedicados ó folk. Recuperaban cantos tradicionais dos seus lugares de orixe que adaptaban ó seu son á vez que engadían o seu repertorio cancións propias co mesmo estilo. Simon & Garfunkel foron os máis representativos,  mais tamén cómpre acordarse de Peter, Paul and Mary, protexidos de Paul McCartney; sen esquecerse doutros grandes solistas que uniron o seu nome a este estilo coma Bob Dylan, Joan Baez e Pete Seeger. Neste ambiente, a comezos dos anos 70 apareceu en Gran Bretaña o trío Tony, Caro and John, cunha traxectoria bastante breve, xa que só nos deixaron un álbum de estudio All on the First Day, publicado en 1972, que contén "The Snowdon Song".


Totalmente esquecidos durante décadas, Tony, Caro and John volveron á actualidade en 2006 por mor da versión de "The Snowdon Song" que fixeron os debutantes Beach House no seu disco epónimo, á que rebautizaron co nome "Lovelier Girl". Ocorre con bastante frecuencia que as novas versións dalgún tema aparezan no mercado con outro nome distinto, dando a entender que se trata dunha canción nova, mais neste caso Beach House non enganaron a ninguén, por máis que Tony, Caro and John non sexa un trío moi recordado. En calquera caso, xa temos visto aquí algún exemplo parecido, e dende logo, este non é o derradeiro.

martes, 19 de febreiro de 2013

Jungleland

O sensacional terceiro disco de Bruce Springsteen Born to Run (1975) situou no panorama musical internacional ó Boss, grazas as oito cancións que o compoñen. Péchase con "Jungleland", un dos temas de Springsteen onde o talento do desaparecido Clarence Clemmons é máis evidente, xa que nesta canción o saxo é un dos instrumentos clave. Posto que é un tema bastante longo, nel aprézase distintas partes rítmicas; un comezo máis lento, para gañar en intensidade no seu desenvolvemento.


Precisamente son os primeiro acordes de "Jugleland" os que máis se semellan ós de "Romeo and Juliet", a canción que os Dire Straits gravaron no álbum de 1981 Making Movies. En calquera caso, son dúas excelentes cancións asinadas por dous grandes do rock: Bruce Springsteen e Mark Knopfler.