luns, 10 de marzo de 2014

Diddley Daddy

O rock and roll empezou a distinguirse como un xénero diferente do blues no momento en que uns cantos músicos lograron desenvolver uns sons novidosos que ían cambia-lo concepto musical en torno a década dos 50. Unha das figuras imprescindibles para entender ese proceso creativo foi Ellas Otha Bates, máis coñecido polo seu nome artístico Bo Diddley e creador dun son que co tempo leva o seu nome. Influente coma poucos, Bo Diddley comezou a súa carreira a finais dos anos 40 e traballou cos músicos máis importantes do momento coma Willie Dixon e Billy Boy Arnold, entre outros. Precisamente en xuño de 1955 Bo Diddley editou o single "Diddley Daddy" que primeiro se ía chamar "Diddy Diddy Dum Dum", escrita en principio coa colaboración de Billy Boy Arnold.


Ó parecer, Leonard Chess, produtor da discográfica de Diddley, pedira expresamente que a canción que nun primeiro momento era de Billy Boy Arnold, a gravara Bo Diddley, algo que non lle fixo demasiada graza a Arnold, que acudiu a unha discográfica rival da de Chess, e tras uns arranxos na letra e uns retoques insignificantes na música, gravou a súa propia versión titulada "I Wish You Would", que tamén se acabou editando no mes de xuño de 1955, ó igual que o single de Bo Diddley.



venres, 7 de marzo de 2014

What Is Love

Nos anos 90 o mundo das discotecas recibiron numerosas cancións que haberían deixar un importante pouso pasados os anos e que, coa distancia que dá o tempo, chegarían a ser verdadeiros clásicos do house, o dance e outras tendencias electrónicas que viviron a súa época dourada neses anos que pechaban a derradeira década do século XX. Unha delas é "What Is Love", do artista alemán Haddaway, que revolucionou tódalas listas mainstream en 1993. Como tantas veces no mundo da música, o éxito fulgurante dun primeiro single que servía de debut acabou por eclipsar a totalidade da carreira dun artista. "What Is Love" apareceu no mercado uns meses antes do verán e non tardou en converterse nunha das cancións máis radiadas en tódolos lugares, co que medraba o interese polo álbum completo de Haddaway. No entanto, cando por fin chegou as tendas Haddaway viuse que ningunha das restantes cancións, agás "Life", que foi o seguinte single, ía repetir o logrado con "What Is Love". Haddaway seguiu publicando discos de house, pero nunca volveu a ter un éxito semellante.

http://youtu.be/K5G1FmU-ldg

Pero o pouso do que falabamos antes apréciase sobre todo nas distintas versións que se teñen feito de "What Is Love", moitas delas moi afastadas do estilo disco da orixinal. Vexamos algunhas, como a dos finlandeses Leningrad Cowboys no álbum Zombies Paradise (2006) en clave hard rock.

http://youtu.be/2SxlTUFWnnQ

Moito máis modosa é a versión dos suecos E.M.D. que a converteron nunha balada no álbum Rewind (2010).

http://youtu.be/abOYezyMlIQ

E como non, non podía faltar a súa recoversión ó universo hip hop, desta vez, da man de Eminem, que a reescribiu como "No Love", unha das cancións do álbum Recovery (2010).

http://youtu.be/DV2uMKFsQNI

xoves, 6 de marzo de 2014

It's All Over Now, Baby Blue

Co quinto disco Bringing It All Back Home (1965), Bob Dylan afianzábase como un paladín do folk ó que non era doado facerlle sombra. O nivel compositivo e poético de Dylan chegara a un punto en que case calquera canción saída da súa man estaba á altura da poesía que se publicaba nese momento e a súas letras lograban emocionar a unha sociedade que sentía que os tempos estaban cambiando. A canción que pecha o disco, "It's All Over Now, Baby Blue", non tardou en ser versionada, como ben sucedía coa meirande parte das cancións de Dylan, e moitos teóricos atoparon un bo pasatempo conxecturando sobre a identidade dese Baby Blue á quen está dedicada a canción. Non obstante, Bob Dylan nunca se pronunciou sobre o particular, polo que o misterio aínda continúa hoxe.

http://youtu.be/Uz9BAE1FZGM

Sería difícil facer unha lista pormenorizada de tódalas versións que se gravaron de "It's All Over Now, Baby Blue", debido as excelentes interpretacións que hai, pero quizais haxa que quedar coa de Them, xa que a versión que a antiga banda de Van Morrison no álbum Them Again (1966) é das máis orixinais e deu lugar a novas versións da canción a partir desta.

http://youtu.be/OQiMxD4fvhw

E da de Them non só se derivaron novas versións, senón que tamén deu lugar a novas cancións totalemente novas, que xa pouco teñen que ver coa orixinal de Bob Dylan. A máis coñecida é a de Beck "Jack-Ass", pertencente ó álbum Odelay (1996).

http://youtu.be/2HMhfdfxR98

A outra tamén coñecida é a do grupo de hip hop Insane Clown Posse "Another Love Song", single tomado do álbum The Amazing Jeckel Brothers (1999) e que toma elementos da canción de Beck sen perder a referencia da de Bob Dylan.

http://youtu.be/YfxDhNysSpg

luns, 3 de marzo de 2014

Git Up, Git Out

En 1994 debutaban na escena hip hop de Atlanta OutKast, o dúo formado polos rapeiros André 3000 e Big Boi, que unha década máis tarde acadarían un éxito mundial co single "Hey Ya". Sen renunciar o legado que lles proporcionaba o funk e o soul, os rapaces de OutKast contruíron un disco con cancións frescas que escapaban dos clixés típicos do hip hop, e preconizaba unha longa carreira que culminaría finalmente en 2003. E todo iso tendo en conta que quizais o título elixido para ese disco de debut non parecía en principio o máis adecuado. Southernplayalisticadillacmuzik, que tamén é o nome dunha das cancións do álbum, e que semella remitir a palabra máxica de Mary Poppins, finalmente non supuxo un impedimento e ata se pode considerar que lles trouxo boa sorte. "Git Up, Git Out", posiblemente non sexa a mellor canción do álbum, pero foi escollida como terceiro single e nela colabora Goodie Mob, unha das primeiras bandas de Cee-Lo Green, e o seu son espertou o interese dos produtores de Macy Gray.

http://youtu.be/CssC-DY4lO8

O certo é que sen ser das mellores cancións dese disco, "Git Up, Git Out" está na base dun dos grandes temas do primeiro disco de Macy Gray On How Life Is (1999). "Do Something" foi ademais o single de promoción dunha das voces máis importantes do soul que apareceron nos últimos tempos. E cousa rara, non é habitual que os arranxos musicais dunha canción que parten de samples doutras fagan mellor esa nova canción que as precedentes en que se basea. "Do Something" supera en calidade tanto á de OuKast coma á de Nice & Smooth, as dúas das que deriva.

http://youtu.be/2OHPY3MyUlI

Por certo, a canción de Nice & Smooth que tamén serve de base a "Do Something" é "Funky for You", do álbum epónimo co que debutaban en 1989, e que, para variar, á vez está baseada en cancións anteriores. E como veremos, estes rapaces demostraron nesta canción ter un gusto exquisito á hora de seleccionar as cancións que comporían "Funky for You".

http://youtu.be/I_1nE4Fmjdg

A primeira a da banda de soul de Roy C, The Honey Drippers (non confundir coa de rock de Robert Plant The Honeydrippers), "Impeach the President", un tema de 1973 moi querido por moitos artistas de hip hop.

http://youtu.be/wqbEsS5kFb8

A segunda, é a de War "Heartbeat", que aparece no álbum Why Can Be We Friends? (1975).

http://youtu.be/y1WWPF--D4A

E por último, está a da banda funk Parliament  "Do That Stuff", pertencente ó álbum The Clones of Dr. Funkenstein (1976), que por outro lado, remite ó son dunha canción anterior.

http://youtu.be/eVo2N9nnpI4

A canción da que falabamos antes é a de Funkadelic "You Can't Miss What You Can't Measure", do álbum Cosmic Slop (1973). Se temos en conta que ámbalas formacións están unidas, os continuos trasvases de sons dunha a outra non debe sorprender, porque está mesma canción ten ecos doutra de Parliament.

http://youtu.be/6AvmgYHguWk

E a de Parliament é "Heart Trouble", single de 1965.

http://youtu.be/UBgabzr25Kw

E xa para rematar (que lío de entrada nos está quedando hoxe!) volvamos ó tema de Parliament "Do That Stuff", que recentemente lles serviu ós noruegueses Röyksopp para crear "Happy Up Here", tema que abre o álbum Junior (2009).

http://youtu.be/XV6yiMKAzp4


Mystify

Co  éxito acadado en Estados Unidos co álbum Listen Like Thielves (1985), a carreira de INXS despegou en todo o mundo co seguinte traballo discográfico dos australianos. Kick, que veu a luz dous anos despois, era o primeiro disco da banda de Michael Hutchance que se editaba tamén en Europa e por tanto, as expectativas esixían polo menos unha boa parte de cancións capaces de emocionar a unha crítica, que de pronto, vira fixada a súa atención naquel grupo que recordaba vagamente no seu estilo a T-Rex. E INXS non defradou. Entregaban en 1987 o seu mellor disco ata o momento cunha colección de cancións que hoxe non faltan en calquera recompilatorio sobre a banda australiana. Das cancións máis tranquilas de Kick, "Mystify" foi o último single extraído do álbum.


No ano 2010 apareceu no mercado un disco tributo a INXS titulado Original Sin con novas versións das cancións do grupo. En realidade, está feito polos propios integrantes da banda, que contaron coa colaboración doutros artistas que puxeron a voz. Unha das versións máis interesantes é a de "Mystify", un dos temas que xunto con "Never Tear Us Apart", está cantada en francés. No caso de "Mystify", a francesa Loane é a encargada desta nova versión, que ademais contou coa participación de John Mayer á guitarra.

venres, 28 de febreiro de 2014

Hey Hey, My My

Non son moi numerosas as cancións que logran impactar de distintas formas en xeracións diferentes. "Hey Hey, My My" é unha das que pode presumir de acadar unha forma de éxito semellante, e iso que a discografía de Neil Young está chea de cancións das que non é doado pasar por alto. "Hey Hey, My My" aparece no álbum Rust Never Sleeps (1979) dúas veces; a primeira versión, coa que se abre o disco, é acústica, mentres que a versión que pecha Rust Never Sleeps é totalmente eléctrica, cun son potente das guitarras. Para diferencialas, a primeira leva o subtítulo de "Out of the Blue" e a segunda coñécese como "Into the Black" e ámbalas dúas resumen a esencia dun álbum metade acústico, metade eléctrico. Hai que ter en conta que a a elaboración de Rust Never Sleeps supuxo para Neil Young todo un reto, xa que a nova xeración de músicos empezaba a considerar ó rockeiro canadense unha reliquia e con cancións como "Hey Hey, My My", Neil Young rebatou de forma contundente semellante ocorrencia. De feito, "Hey Hey, My My" ten o mérito de influír tanto en grupos do britpop coma nas principais bandas de grunge, como ben recoñeceu Kurt Cobain citándoa na súa nota de suicidio.

http://youtu.be/t4Y1wDdMYH4

E tras escoitar a versión acústica, agora é a quenda de "Hey Hey, My My (Into the Black)".

http://youtu.be/GQhEvfeJocM

Hai unha canción onde o rastro de "Hey Hey, My My (Out of the Blue)", é dicir, a versión acústica, percíbese dende os primeiros acordes. Trátase de "The One I Love", unha das cancións estrela do álbum Document que R.E.M. publicou en 1987, e tal como recoñeceu  Peter Buck, está inspirada na de Neil Young.

http://youtu.be/j7oQEPfe-O8

xoves, 27 de febreiro de 2014

The John B. Sails

No século XIX os estudos de etnografia víronse impulsados polo crecente interese que había en torno á cultura popular dos pobos, que se mantivo aínda moi vivo ben entrado o século XX. En 1916 o poeta  inglés Richard Le Gallienne publicou a letra dunha das cancións tradicionais de Nassau, a coñecida co título de "The John B. Sails", o que a deu a coñecer nos demais lugares da Commonwealth. Once anos despois, o tamén poeta Carl Sandburg incluíuna na colección de cancións tradicionais The American Songbag, o que supuña a primeira gravación da canción. Tras el, non tardaron en gravala Blind Blake en 1930 e Alan Lomax cinco anos despois baixo o título "Histe Up The John B. Sail", pero por desgraza, non atopamos rastro destas primeiras gravacións. Habería que esperar a 1950 para que o John B. volvese navegar polos estudios de gravación. Co título "Wreck of the John B." The Weavers revivían o vello clásico das Bahamas.

http://youtu.be/8CvTloNDFFg

Dous anos despois era a quenda da versión de precisamente un músico das Bahamas, Blake Alphonso Higgs,  chamada "John B. Sails".

http://youtu.be/Kk7I_KWkswQ

En 1958, "The John B. Sails" fíxose aínda se cabe máis popular coa versión de The Kingston Trio, e por primeira vez publicábase co título "Sloop John B.", que sería o máis habitual nas seguintes versións.


No entanto, Johnny Cash decidiu bautizar a súa con "I Want to Go Home", un dos versos do retrouso, talvez para distinguirse da versión de The Kingston Trio, xa que a de Johnny Cash se editou en 1959, tan só
un ano despois da de The Kingston Trio.


Pero quen de verdade ía a levar este canto tradicional das Bahamas ó máis alto, serían The Beach Boys no álbum Pet Sounds (1966). Co mesmo título que a versión de The Kingston Trio, "Sloop John B.", a banda de Brian Wilson completou un proceso de renovación da canción sen perde-la esencia orixinaria.

http://youtu.be/HW5yLvoJMD4

mércores, 26 de febreiro de 2014

Wild Wood

Tras dar por rematada a aventura de The Jam, unha das bandas británicas de cabeceira para boa parte dos grupos de britpop, Paul Weller emprendeu unha nova etapa en que demostraba que aínda lle quedaban moitas cousas que dicir e moito que achegar aínda ó mundo da música. Non obstante, antes de que os discos de Weller fosen asinados exclusivamente co nome do músico, formou unha nova banda, The Style Council, co que experimentar con novos sons e estilos diferentes do que adoitaba facer con The Jam. Con todo e a pesar das boas críticas colleitadas, The Style Council non chegou a ter unha década de vida e despois duns anos intentando emerxer cunha nova banda, Weller empezou unha carreira en solitario un tanto irregular, pero sempre dun altísimo nivel. En 1995 aparecía o segundo disco Wild Wood, e a canción que lle dá título é unha das máis fermosas.


No álbum Always (2007), Gabrielle incluíu unha canción baseada en "Wild Wood". Trátase de "Why" e na que o propio Paul Weller participa nos coros, deixando claro así que a idea non lle parecía mal.