luns, 12 de xaneiro de 2015

Here Without You

En plena voráxine da Invasión Británica formáronse uns cantos grupos estadounidenses que ó abeiro dos novos sons, ían moverse entre o folk e a psicodelia. Un dos máis representativos foi The Byrds, con Gene Clark e David Crosby á cabeza, que se presentaron en 1965 con Mr. Tambourine Man, un álbum de doce cancións onde algunhas eran versións de temas de Bob Dylan, como a que lle dá título ó disco; xa daquela o bardo do folk era unha referencia indiscutible no seu país e os novos adoitaban fixarse nas súas cancións, que normalmente garantían un éxito doado. Pero ademais diso, The Byrds presentaban composicións propias  como "Here Without You", o corte cinco, escrito por Gene Clark, que se habería converter nunha das cancións máis importantes de The Byrds.


Ó ano seguinte da publicación de Mr. Tambourine Man e de Turn! Turn! Turn!, a continuación do debut, The Byrds publicaron Fifth Dimension (1966), onde avanzaban na súa proposta de combinar folk e rock psicodélico. Unha das cancións máis emblemáticas dese disco é "Eight Miles High" e algúns críticos sinalan que os primeiros acordes do comezo son unha revisión dos de "Here Without You".

venres, 9 de xaneiro de 2015

Shake Your Moneymaker

O outro día fixámonos na influencia que a versión de "Shake Your Moneymaker" de Paul Butterfield tivo na canción de The Doors "Break On Through (On the Other Side)" e quedaramos en volver sobre este blues que pertence á lista das cincocentas cancións que formaron ó rock. A versión orixinal de "Shake Your Moneymaker" é de Elmore James, que a compuxo meses antes de gravala en 1961. Desde entón, moitos foron os artistas que fixeron versións dela, xa fose nun estudio de gravación ou nuns concertos, e algúns coma  a do citado Paul Butterfield tiveron unha gran aceptación. Pero a canción de Elmore James é o resultado da variación doutros blues anteriores, que converxeron harmoniosamente en "Shake Your Moneymaker", algo por outra parte é bastante habitual no xénero do blues.


Quizais a influencia máis clara proceda do tema de Mississippi John Hurt "Got the Blues, Can't Be Satisfied" (1928), que parece ser fundamental na melodía de "Shake Your Moneymaker".


Outras voces apuntan que de xeito non tan evidente coma a canción de Mississippi John Hurt, outros temas tamén tiveron moito que ver na elaboración de "Shake Your Moneymaker". Un deles é o de Charlie Patton "Shake It and Break It" (1929).


Tamén se sinala que o de Bukka White "Shake 'Em on Down" (1937) é outro deles.


Cunha temática similar, "Roll Your Moneymaker" (1958) de Shakey Jake Harris é a última canción que puido inspirar a Elmore James para o seu tema. De feito, ata pode dicirse que son versións dunha mesma canción. No de Shakey Jake Harris participa Willie Dixon á guitarra.


Das versións de "Shake Your Moneymaker" non podemos esquecernos da que Fleetwood Mac incluíu no seu debut Fleetwood Mac (1967) cando Peter Green aínda formaba parte da banda e os derroteiros do grupo transitaban polo blues.

xoves, 8 de xaneiro de 2015

Break On Through (To the Other Side)

O ano 1967 comezaba cunha agradable sorpresa musical. Acababa de irrumpir unha banda procedente de Los Angeles, que contraatacaban a invansión británica dos anos anteriores cun rock psicodélico que facía tremer. Respondían o nome de The Doors, un cuarteto composto polo batería John Densmore, o teclista Ray Manzarek, o guitarrista Robby Krieger e un cantante cun enorme poder de atracción coma Jim Morrison. En xaneiro presentaron o debut, The Doors (1967), hoxe todo un clásico polo inmenso nivel das once cancións que o forman, onde só dúas son versións, algo resaltable nun álbum de debut daquela, o que serve perfectamente para mostrar a seguridade coa que se presentaban The Doors. A canción que abre o álbum e que tamén foi o primeiro single, "Break On Through (To the Other Side)", é un tema orixinal pero que contén algunhas influencias que non se lles escaparon ós críticos.


Por exemplo, recorda moito nalgúns intres ó comezo do tema de Ray Charles "What'd I Say", do álbum do mesmo título que se publicou en 1959. De todas formas, cómpre lembrar que esta canción de Ray Charles é unha das máis influentes de todos os tempos e unha das favoritas de moitos artistas, só que The Doors souberon inspirarse nela dun xeito sibilino e ó mesmo tempo, claro.


Tamén se sinala que a versión que Paul Butterfield fixo de "Shake Your Moneymaker" dous anos antes no álbum The Paul Butterfiel Blues Band (1965) inspirou a Robby Krieger para os acorde de "Break On Through (To the Other Side)". En calquera caso, "Shake Your Moneymaker" ten a súa propia miga, que veremos proximamente.


Recentemente, The Raveonettes no álbum Pe'ahi (2014) empregaron parte da canción de The Doors, concretamente en "Endless Sleeper".

mércores, 7 de xaneiro de 2015

Hoppípolla

Cunha posición cada vez máis influente, Sigur Rós publicaron o cuarto traballo da súa andaina Takk (2005) sabedores do impacto que haberían ter. O estilo suave das composicións do grupo islandés e a voz sedante de Jónsi fan que a música de Sigur Rós sexa moi atractiva para o sector audiovisual, especialmente para a publicidade, que ve nela un filón con inmensas posibilidades, de tal xeito que de vez en cando ata esquecen pedir permiso ós autores. Sen defraudar ás expectativas, Takk é dos mellores discos dos irlandeses e non supuxo ningunha sorpresa que a crítica o aclamase, así como que os singles que se escolleron para promocionalo, acadasen os postos máis altos das listas de Gran Bretaña e de Estados Unidos. "Hoppípolla" foi o terceiro single e pronto se converteu nunha das cancións favoritas dos seguidores de Sigur Rós.


Chicane fixo unha versión instrumental de "Hoppípolla" chamada "Poppiholla" no recompilatorio The Best of Chicane: 1996-2008 (2009) e que despois tamén aparecería no seguinte álbum de estudio deste produtor, Giants (2010).

luns, 5 de xaneiro de 2015

Off the Wall

Malia que foi eclipsado polos traballos posteriores de Michael Jackson, Off the Wall (1979) marca un punto de inflexión na andaina do rei do pop, pois a partir de da súa publicación trázase xa definitivamente a diferenza entre a súa etapa nos Jacksons e o futuro que se abría como solista cunha carreira prometedora. Nese senso, Off the Wall xorde coma unha ópera prima rompedora, elaborada cuns obxectivos moi ambiciosos disposta a ser a pedra angular da carreira en solitario dun artista aínda novo, pero con moita experiencia e coñecedor do mundo en que se move. Sen ser o primeiro disco de Michael que se editaba en solitario, a implicación del en tódolos aspectos da xestación do álbum, a elección de Quincy Jones como produtor e tras rodearse de compositores coma Paul McCartney e Steve Wonder deixaban claro que aquilo non era simplemente un disco da voz principal dos Jacksons mentres os irmáns non preparaban novo material, senón que era un sinal inequívoco de que Michael Jackson preparaba coidadosamente unha nova etapa en solitario. "Off the Wall", canción que lle dá título ó álbum, é o quinto corte.


"Off the Wall" non é das cancións máis versionadas de Michael Jackson, pero aínda así Mariah Carey colleu un anaco dela para darlle lustre a "I'm That Chick", unha das cancións de E=MC2 (2008).

martes, 30 de decembro de 2014

Amsterdam (2)

E como xa comentamos na entrada anterior sobre as cancións dedicadas á capital neerlandesa, nas últimas dúas décadas incrementáronse de forma notoria os temas sobre "Amsterdam", especialmente en grupos e artistas que nin sequera son orixinarios dos Países Baixos. No entanto, algo deberon de atoparlle os músicos a esta cidade para falar dela nas súas composicións, ou canto menos, para bautizala  cun título tan suxestivo como o dunha das cidades máis fermosas de Europa. A lista é bastante ampla, así que para non aburrirvos demasiado, escollemos nesta quenda tan só oito, que amosan á perfección ese gusto por Amsterdam. A primeira, a de Coldplay, que pecha o segundo álbum dos británicos, A Rush of Blood to the Head (2002).


Cambiando de estilo e de continente, a banda procedente de Boston, Guster, cantáballe a Amsterdam no álbum Keep It Together (2003).


En agosto de 2006 publicábase cadanseu álbum de dúas das bandas suecas indies máis emerxentes do momento, Mando Diao e Peter, Bjorn and John. Nos dous hai senllas cancións sobre Ámsterdam. O disco de Mando Diao é Ode to Ochrasy (2006).


Peter, Bjorn and John, que se fixeron moi famosos por outro tema do mesmo álbum, "Young Folks", tamén lle cantaron á capital neerlandesa en Writer's Block (2006).


Pero o interese por Ámsterdam non só embriagou a bandas da escena indie, senón que bandas consagradas coma Crowded House e músicos coma Paul Weller caeron rendidos ó seu encanto. Este último titulou a súa canción, "In Amsterdam", no álbum Wake Up the Nation (2010).

http://youtu.be/MraGyjvh4Ds

Ese mesmo ano publicábase o último disco ata o momento da banda de Neil Finn, Crowded House, Intriguer (2010), que tamén contén a súa particular "Amsterdam".

http://youtu.be/73BUuICE6LE

Imagine Dragons é outra das bandas que non pode faltar neste repaso. O marabilloso Night Visions (2012) tamén ten unha canción sobre Ámsterdam.

http://youtu.be/TKtPXO5iEnA

Rematamos esta entrada co "Amsterdam" de Daughter, unha das mellores cancións que contén o debut desta banda inglesa, If You Leave (2013).

http://youtu.be/Y0VaZ5A2QyU

luns, 29 de decembro de 2014

Rock and Roll Star

Sabino Méndez e José María Sanz, máis coñecido como Loquillo, crearon un tándem que daría vida a unha das bandas de rock máis importantes de España desde os anos oitenta, Loquillo y los Trogloditas. A banda xurdiu tralos intentos anteriores dos dous de crear un grupo consolidado, logo de formar primeiro Teddy Loquillo y sus Amigos, no que tamén estaba Carlos Segarra, líder anos despois de Los Rebeldes, e Loquillo y los Intocables. Pero á terceira foi a vencida e o novo grupo empezou pronto a gañar popularidade, especialmente grazas á personalidade e carisma de Loquillo e as composicións de Sabino, letras que xa forman parte da historia musical española. Un dos primeiros singles que a banda editou foi "Rock and Roll Star" (1981), que trata sobre a vida típica que lle toca a unha estrela do rock.


No EP Mamá quiero ser una estrella del rock 'n' roll (2009) Pereza recollía unha versión do tema de Loquillo y los Trogloditas, malia que "Rock and Roll Star" non é das máis versionadas. Como moitos sinalan, a versión de Pereza non lle fai xustiza á orixinal, pero agradécese que os madrileños a recuperasen. Ademais, por unha vez, quen a interpreta é Rubén e non Leiva, que era a voz habitual de Pereza.

venres, 26 de decembro de 2014

Hunting High and Low

Os noruegueses A-ha tiveron un debut espectacular co álbum Hunting High and Low (1985). O lanzamento do primeiro single, "Take On Me", que arrasou nas listas de singles, xustificaba o éxito dun disco que tamén contiña outras grandes cancións que no seu momento quedaron algo escurecidas polo fervor que espertou "Take On Me". Unha delas é a canción que titula ó álbum e que saíu como quinto e último single, pero non por iso das máis descoñecidas. De feito, "Hunting High and Low" está considerada unha das grandes cancións de A-ha e proba disto é que conta con numerosas versións e incluso chegou a inspirar algúns outros temas, como veremos a continuación. Como boa parte do repertorio de A-ha, está asinada por Pal Waaktaar.

http://www.80smusiclyrics.com/images/aha.jpehttp://youtu.be/s6VaeFCxta8

Non parece o caso de que Linkin Park teñan como especial referencia a música de A-ha, pero o caso é que moitos críticos apuntan que o comezo de "What I've Done", o tema de Minutes to Midnight (2007) e que logo se recolleu na banda sonora de Transformers, ten certos ecos de "Hunting High and Low" debido a melodía do piano.

http://www.lpassociation.com/gallery/d/25492-2/linkin-park-official-2007-011.jpghttp://youtu.be/8sgycukafqQ

O último en facerlle un aceno a "Hunting High and Low" foi o francés Sébastien Tellier na canción "Pépito bleu", canción que abre o disco conceptual My God Is Blue (2012). O son está baseado na melodía de A-ha.