mércores, 6 de maio de 2015

Héroe de leyenda

A mediados dos anos oitenta comezou a xestarse en España unha das bandas máis importantes do rock español, xa que cos anos habería de conseguir unha gran popularidade en Latinoamérica e en parte de Europa. Non obstante, Héroes del Silencio comezaba a súa andaina dun xeito máis ben tímido, editando un EP de tres cancións máis a versión maxi dunha delas, co título da banda, en 1987. "Héroe de leyenda" era a canción principal, a única que contaba cunha versión maxi e tamén a que haberían recuperar para o primeiro álbum da banda, El mar no cesa (1988). Nesa canción a voz de Bunbury combina a lírica coa épica no que se convertería nunha das marcas máis representativas na música da banda zaragozana.


Con motivo de Hechizo: tributo a Héroes del Silencio y Bunbury (2010), o álbum co que distintas bandas e artistas homenaxeaban ós zaragozanos, a banda mexicana Zoé fixo unha sensacional versión de "Héroe de leyenda".

martes, 5 de maio de 2015

My Little Red Book

"My Little Red Book" é un éxito menor dentro da extensa andaina de Burt Bacharach e Hal David como compositores de grandes artistas. Cando as bandas británicas de pop e rock revolucionaron o panorama musical dos sesenta, este dúo considerou a posibilidade de colaborar tamén cos grupos emerxentes e un dos afortuandos foi Manfred Mann, que en 1965 recibiu a canción e gravouna para a banda sonora da película What's New Pussycat?, da que Bacharach e David se encargaban. De feito, os compositores serían candidatos ós Oscar pola canción que lle dá título a película e que interpetou Tom Jones. Non obstante, "My Little Red Book" tería unha nova vida na voz de Arthur Lee e da súa banda, Love, un ano despois.


Meses antes da publicación do sensacional álbum Da Capo (1966) Love debutaba cun primeiro disco epónimo onde ademais das composicións de Arthur Lee, predominaban a doutros autores, como a versión de "My Little Red Book" firmada pola prestixiosa parella formada por Burt Bacharach e Hal David.


Pink Floyd deformou o riff de guitarra da versión de Love ata case volvelo irrecoñecible nunha das partes de "Interstellar Overdrive", un dos temas da ópera prima da banda The Piper at the Gates of Dawn (1967).

luns, 4 de maio de 2015

Heimcomputer

Durante a década dos setenta Kraftwerk desenvolveu o son techno conferíndolle unha nova dimensión, a dun xénero en alza, que malia non gozar dunha fervente popularidade como outros estilos asentados, cada vez ía gañando máis adeptos. Cando o grupo alemán publicou o seu oitavo álbum, Computerwelt (1981), sempre mantendo esa visión futurista onde predominan as máquinas e os robots, para a crítica especializada Kraftwerk era para o techno o mesmo que os Beatles o foran para o pop e o rock vinte anos antes. Computerwelt é un dos discos máis relevantes dentro da discografía de Kraftwerk, con algunhas das cancións máis coñecidas do grupo, como "Heimcomputer".


Como referencia indiscutible que supón Kraftwerk para calquera tipo de música electrónica, especialmente a máis experimental, resulta ata natural que os novos grupos máis vangardistas acudan as súas creacións de vez en cando, aínda que só sexa para mostrarlle agradecemento ós alemáns. LCD Soundsystem así o entendeu con "Disco Infiltrator", tema do álbum epónimo da banda publicado en 2005, que recrea partes de "Heimcomputer".

xoves, 30 de abril de 2015

Fire Brigade

As orixes da Electric Light Orchestra ciméntanse sobre unha banda anterior pola que pasaron algúns dos seus máis ilustres membros. Trátase de The Move, na actualidade case relegada ó esquecemento a pesar dos intentos dos últimos anos de volver a pola en funcionamento. En calquera caso, The Move deixou para o recordo unha canción que habería de inspirar algunha que outra hoxe considerada mítica na historia do rock. Esa canción en concreto é "Fire Brigade" que se atopa no álbum epónimo con que esta banda de Birmingham se deu a coñecer en 1968.


Un dos primeiros en fixarse no engado de "Fire Brigade" foi Paul Stanley, líder de Kiss, que tomou da canción de The Move algunhas ideas para o retrouso e algúns efectos sonoros que habería de reflectir en "Firehouse", unha das primeiras cancións de Kiss, pertencente ó álbum epónimo da banda de 1974 co que a a banda facía o seu debut.


Pero tamén se fixaron en "Fire Brigade" os Sex Pistols ó escribiren unha das cancións que xa forman parte da historia. O riff de "God Save the Queen", unha das cancións máis importantes do único álbum publicado pola banda, Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols (1977), está inspirado en "Fire Brigade", tal como Glen Matlock ten admitido algunha vez.

mércores, 29 de abril de 2015

Money's Too Tight to Mention

Outra de tantísimas bandas coñecidas por un só éxito, pero nas voces de outros é o dúo formado polos irmáns John e Billy Valentine, que nun alarde de creatividade  non acorde as súas composicións, presentáronse en sociedade baixo o nome de The Valentine Brothers. A andaina destes mozos de Ohio comezou a fins dos setenta e exitnguiuse unha década máis tarde tras catro discos sen pena nin gloria. A canción de The Valentine Brothers que máis triunfou foi unha incluída no segundo álbum, First Take (1982), titulada "Money's Too Tight to Mention", unha crítica social contra as políticas económicas que Ronald Reagan impulsou en Estados Unidos durante o seu mandato e que nun primeiro momento levou o país a unha recesión. Malia tratar un tema tan delicado como o da economía, a canción apenas pasou do top corenta nas listas estadounidenses.


Con todo, a canción ía converterse en todo un éxito uns anos máis tarde cando Simply Red a gravou para o álbum Picture Book (1985) e ó ser unha das canción estrela do disco, elixiuse como single de promoción, ata o punto de que hoxe moita xente afirma sen dubidar que se trata dunha canción da banda de Mick Hucknall.

martes, 28 de abril de 2015

Jumpin' Jack Flash

O ritmo intrépido con que nos anos sesenta as bandas publicaban os seus traballos discográficos, ás veces máis dun disco por ano, facía que cada pouco tempo saíse ó mercado un compilatorio de grandes éxitos que recollían os últimos trallazos sementados e algunha canción inédita. Por iso non sorprende que no ano 1969 os Rolling Stones fosen xa polo seu segundo grandes éxitos oficial, Through the Past, Darkly (Big Hits Vol. 2) cando apenas levaban unha década revoluncionando o rock. Como adoitaba acontecer con cada álbum dos Stones, este contou con dúas edicións: unha británica e outra estadounidense onde non sempre coinciden as mesmas cancións e a orde das que si aparecen en senllas versións é distinta. Unha das inéditas que está nas dúas versións é  "Jumpin' Jack Flash", outro clásico da banda.


Como xa pasara con "Satisfaction" e Otis Redding, "Jumpin' Jack Flash" tamén foi interpretado por outra lenda do soul, neste caso por Aretha Franklin, quen realizou unha espectacular versión no álbum epónimo de 1986. O produtor da versión non foi outro que Keith Richards.


Unha canción cun riff moi semellante a de "Jumpin' Jack Flash" é a dos Kinks "Catch Me Now I'm Falling", pertencente a Low Budget (1979).

luns, 27 de abril de 2015

Head over Heels

Tears for Fears acadaran unha colleita de boas críticas e de boas sensacións cando debutaron con The Hurting (1983), así que o seguinte álbum non podía defraudar; de feito, Songs from the Big Chair (1985) confirmou que Roland Orzabal e Curt Smith avanzaban na senda correcta. Co paso do tempo, ese segundo álbum é dos máis aclamados do dúo inglés, xa que contén algunhas cancións emblemáticas da discografía de Tears for Fears, coma "Shout" e "Everybody Wants to Rule the World". Outra tamén inesquecible é "Head over Heels", que se colocou nos primeiros postos das listas británicas e das estadounidenses.


Leona Lewis construíu a súa canción "Favourite Scar", pertencente a Glassheart (2012) en torno a "Head over Heels". A de Leona Lewis é unha das cancións que a cantante elaborou xunto co líder de OneRepublic, Ryan Tedder, entre outros, quen tamén se encargou da produción deste tema.

venres, 24 de abril de 2015

Dim All the Lights

Bad Girls (1979) é un dos discos favoritos dos fans de Donna Summer. Contén algunhas das cancións máis destacables na carreira da cantante e o traballo de produción de Giorgio Moroder e de Pete Bellotte é impecable. Nel conflúen distintos estilos no que predomina son disco, pero tamén hai sitio para o soul, o funk e mesmo o rock, estilos que Donna Summer dominaba á perfección, malia que ultimamente a súa memoria está restrinxida case por completo ás pistas de baile, onde demostrou que era a raíña. Nese álbum Summer incluíu a canción "Dim All the Lights", que en principio lla escribira para Rod Stewart, aínda que logo decidiu gravala ela mesma, e hai que dicir que foi un acerto, pois foi un dos singles máis exitosos de Bad Girls.


Malia que non hai moitas versións de "Dim All the Lights", a máis coñecida corresponde á de Laura Branigan no seu compilatorio de grandes éxitos The Best of Branigan (1995). Foi unha das dúas cancións inéditas que Branigan incluíu nese álbum, aínda que en realidade tampouco achega nada novo, xa que a versión orixinal é case insuperable.


Como moitas cancións de Donna Summer, "Dim All the Lights" tamén foi obxecto de "parche" para outras cancións. Neste caso, na de Justice "B.E.A.T.", que é unha especie de revisión do seu gran éxito "D.A.N.C.E" e que aparecía na cara B deste single, canción estrela Cross (2007) co que os franceses debutaron.