venres, 10 de febreiro de 2012

La Chica de Ayer

A Movida supuxo toda unha revolución na música española entre finais da década de 1970 e o comezo dos 80. Dende entón, empezaron a aparecer en España novos artistas e grupos que apostaban polas últimas tendencias que se estaban desenvolvendo en Europa e en Estados Unidos, nun momento de gran innovación musical cunha diversificación de estilos coma o punk, o electropop, o ska... Por iso, non deixa de resultar curioso que entre toda a variedade que houbo nese breve periodo de tempo, a canción máis emblemática da movida sexa "La Chica de Ayer", unha canción pop perfecta, de medio tempo, cun punto de melancolía, pero dunha beleza extraordinaria que deixaba entrever todo o potencial como compositor de Antonio Vega, un dos letristas máis aprezados pola crítica e o público e cunha sensibilidade que marcaría o pop nas seguintes décadas. "La Chica de Ayer" está incluída no primeiro álbum de Nacha Pop, o grupo que Antonio Vega formou xunto co seu curmán Nacho García Vega, publicado en 1980 e co mesmo título da banda.


E como canción emblemática que é, non podían faltar as sucesivas versións que se foron producindo ó longo dos anos, como a de Germán Coppini no álbum tributo a Antonio Vega, a de Undershakers e mesmo a de Enrique Iglesias, da que é mellor non acordarse. Pero quizais a máis sorprendente é a da banda americana Gigoló Aunts, que en 2001 gravaron unha versión en inglés titulada "The Girl From Yesterday", que en España foi coñecida sobre todo a que apareceu nun anuncio publicitario.

 http://www.goear.com/listen/a657f24/the-girl-from-yesterday-la-chica-de-ayer-gigolo-aunts-

Pero con todo, esta canción non se libra da controversia. En 1976 o cantautor arxentino de orixe italiana Piero de Benedectis gravou "La Caza del Bisonte", unha adaptación da italiana "La Caccia al Bionte", de Ivano Fossati e Oscar Prudente, interpretada por Gianni Morandi en1976. Está incluida no seu noveno álbum Y Mi Gente Dónde Va, e para moitos hai un parecido máis que evidente con algúns fragmentos da canción de Antonio Vega que a escribiu un ano despois mentres cumpría o Servizo Militar en Valencia, o que converte a "La Chica de Ayer" como sospeitosa dun posible plaxio. As explicacións que se deron para tentar comprender esa semellanza centráronse en que a versión de Piero de Bendectis soou en España en 1980 e que o produtor de Nacha Pop, o inefable Teddy Bautista, aproveitou algúns dos arranxos dese tema para aplicalos a "La Chica de Ayer". Isto descubriuse en setembro de 2009 catro meses despois do pasamento de Antonio Vega.

 http://www.goear.com/listen/1e37304/la-caza-del-bisonte-piero

Por certo, pómosvos tamén a versión orixinal de Gianni Morandi do álbum Il Mondo di Frutta Candita (1975)

 http://youtu.be/IWZrlb_Hyts

Ningún comentario:

Publicar un comentario