venres, 23 de maio de 2014

My Name Is Prince

Arredor de 1992, Prince debeu de pensar que non era un músico o suficientemente coñecido, e iso que foi nesa época cando lle empezou a lideira de andar cambiando sistematicamente de nome, que se Prince, que se The Symbol, que se The Artist Formely Known As Prince... Polo tanto era normal que todos aqueles seguidores que non fosen acérrimos del se perdesen un pouco. Pero a finais dese ano, xunto co seu grupo The New Power Generation, o artista nado en Minneapolis sorprendía cun novo álbum titulado Love Symbol (1992) co que se reivindicaba cunha canción que deixaba ben ás claras a súa identidade. Cun contudente "My Name Is Prince", en algo máis de seis minutos e medio, facía un orixinal repaso pola discografía comprimindo tres das súas primeiras cancións e tamén menos coñecidas, nunha nova que combina hip hop e funk a partes iguais.


A primeira delas procede do segundo disco, de título epónimo, que viu a luz en 1979. Trátase da canción "I Wanna Be Your Lover".


 A segunda, do terceiro disco, Dirty Mind (1980), é "Partyup".


E finalmente, a terceira canción que Prince escolleu para engadir a "My Name Is Prince" é "Controversy", que lle daba nome ó cuarto álbum, editado en 1981. Como se pode apreciar, as tres son cancións funk que se reflicten ben en "My Name Is Prince", cuxo estilo é o que mellor define ó gran Prince.


xoves, 22 de maio de 2014

The Four Horsemen

Na actualidade Vangelis e Demis Roussos son dous reputados músicos gregos que souberon levar o país helénico a un sitio destacado dentro do panorama musical internacional, mais ámbolos dous músicos, xunto con Loukas Sideras e Anargyros Koulouris tiveron unha orixe común: Aphrodite's Child, sen dúbida unha das bandas máis influíntes desde finais dos anos 60. E non obstante, Aphrodite's Child non tivo unha traxectoria moi longa, porque os membros pronto decidiron seguir facendo música por separado, e tan só  en cinco anos a andaina de Aphrodite's Child rematou con tres discos para a posteridade. No último, o dobre álbum 666 (1972) co que se despedían, atópase "The Four Horsemen", unha das cancións máis recordadas da breve pero intensa carreira de Aphrodite's Child.

http://youtu.be/QVExlaxaweo

A influencia concreta de "The Four Horsemen" deixou pegada en dúas dúas cancións das últimas décadas. Para a banda de Richard Ashcroft, The Verve, a canción "The Rolling People", que aparece no exitoso Urban Hymns (1997) dos británicos, debe boa parte da inspiración á de Aphrodite's Child.

http://youtu.be/8p7jMXnLewY

O mesmo se pode comentar do tema de Beck "Chemtrails", do álbum Modern Guilt (2008) cuxo son remite de maneira clara á canción dos gregos.

mércores, 21 de maio de 2014

Machine Gun

Lograron situarse nunha posición privilexiada na música de corte experimental con só dous discos, así que Beth Gibbons, Geoff Barrow e Adrian Utley, os integrantes de Portishead, estaban decididos a manterse coma unha referencia no ámbito musical que mellor dominaban e, posiblemente, esa presión foi a causante de que tardaran algo máis de dez anos en sacar o terceiro álbum, ó que por outra parte, tampouco romperon a cabeza buscándolle título. En 2008, por fin rematou a espera e Portishead ofrecía ós seus seguidores o ansiado Third (2008), sen que os retallos de xenialidade que amosaban nos primeiros discos se visen diminuídos. A canción elixida como single de presentación foi "Machine Gun", unha aposta segura coa que Portishead volvía dar un paso adiante.


E co son de "Machine Gun" facía o seu debut o cantante de R&B The Weekend, que no seu primeiro disco Kiss Land (2013), inclúe a canción "Belong to the World".

martes, 20 de maio de 2014

No Ordinary Love

Sade soubo conquistar á crítica e tamén o gran público dende a aparición do primeiro disco, Diamond Life (1984), que contén o fabuloso "Smooth Operator" e que aínda hoxe sempre se cita como a principal canción de Sade. En cada disco que publica, todos con cancións dun gran nivel, sempre hai unha que destaca por riba das demais; se no primeiro é "Smooth Operator", no segundo recae en "The Sweetest Taboo", no terceiro é  "Paradise", e no cuarto está "No Ordinary Love", que é o que imos ver hoxe. Cando Sade editou Love Deluxe (1992) era xa unha artista máis que consagrada que levaba case unha década deleitando os oídos de medio planeta cunha voz suave combinada co elegantes sons da súa música. Iso rubricouse especialmente en "No Ordinary Love", que sen dúbida é a gran canción de Sade tras "Smooth Operator".

http://youtu.be/w6DQavhJUrk

"No Ordinary Love" conta con boas versións, pero ningunha tan rechamante coma a que Deftones incluíron no álbum de versións B- Sides & Rarities (2005), que por ser unha banda de rock experimental, transladaron ó seu estilo a canción de Sade sen perderlle a esencia que a fai máxica.

http://youtu.be/MuNZGijfaZA

E tampouco hai que sorprenderse de que o mundo do hip hop fagocitase a canción. Lee Majors e The Jacka son bo  un exemplo coa canción "Ordinary Drog", do álbum The Gobots 2: D-Boy Era (2010).

http://youtu.be/6Ogv6Hu0pk8

luns, 19 de maio de 2014

Sepheryn

O tirón que tiveron parellas de cantautores como Simon & Garfunkel nos anos 60 e en xeral, o fenómeno folk desa época propiciado por Bob Dylan, Joan Baez e Peter, Paul & Mary, entre tantos outros, fixo que en tódolos sitios xurdisen cantautores que ás veces se asociaban para crear dúos que en certa medida emulaban ós autores de "The Sounds of Silence". Dese xeito foi como os ingleses Dave Curtiss e Clive Maldoon formaron Curtiss Maldoon a finais dos 60, mais non tiveron unha traxectoria moi longa xuntos. En 1971 publicaron o primeiro dos dous discos que haberían de constituír toda a discografía deste dúo. Co título Curtis Maldoon (1971), nel aparecen as cancións que máis éxito obtiveron no seu momento, malia que a sona de "Sepheryn" se habería de producir vinte e sete anos despois.


"Sepheryn" volveu á actualidade a finais dos 90 porque Madonna e William Orbit, que si coñecían o traballo de Curtiss Maldoon, inspiráronse nela á hora de compór "Ray of Light", a canción que lle daba título ó álbum que a polémica artista editou en 1998. Con lixeiras variantes no ritmo que por momentos logran distorsionar os acordes primixenios, "Ray of Light" non logra agochar de todo o son de "Sepheryn", que non sempre é fácil identificar á primeira escoita da canción de Madonna.

venres, 16 de maio de 2014

Boogie Oogie Oogie

Posiblemente hoxe o nome de A Taste of Honey non lles diga moito ás novas xeracións que teñen a música disco case nun altar, pero este grupo americano funk dos 70 deixou para a posteridade un tema dos que non pasan inadvertidos. Trátase de "Boogie Oogie Oogie", que abría o álbum epónimo co que A Taste of Honey debutaba en 1978. A canción asimila os patróns clásicos do funk dos 70, pero non obstante, conseguiu facerse un oco en temas posteriores, especialmente nos anos 90, onde foi moi empregado como base, nunhas cancións que non chegan a superar a calidade de "Boogie Oogie Oogie", que segue mantendo o nome de A Taste of Honey fóra do total esquecemento.

http://youtu.be/90-5fpLdb-c

A proba de que o funk era un estilo constante nesa época demóstrao a canción da Manfred Mann's Earth Band "Drowning on Dry Land/Fish Soup". No mesmo ano en que A Taste of Honey debutaba, a nova formación de Manfred Mann publicaba Watch, o álbum no que se inclúe "Drowning on Dry Land/Fish Soup". A última parte do tema é totalmente instrumental, pero está moi influenciada polo son funk, ata mesmo recordar un tema como "Boogie Oogie Oogie", que vería a luz uns meses máis tarde.

http://youtu.be/BYZhMDxusqQ

Volvamos a "Boogie Oogie Oogie" e ó que falabamos máis arriba. Nos anos 90 produciuse un redescubrimento desa canción, porque algúns artistas deciron darlle unha nova vida. Por exemplo, Pure Sugar neste aborrecible "Delicious", de 1998.

http://youtu.be/9rOe6Cttji0

A sona de "Boogie Oogie Oogie" continuou uns anos máis. Wounded Buffalo recorreu a "Boogie Oogie Oogie" para remesturar o tema de Jamiroquai "Little L", do álbum A Funk Odissey (2001).

http://youtu.be/Zi2YnqmhpXg

Un ano despois, a xaponesa Double tamén habería de botar man da canción de A Taste of Honey no tema "Driving All Night", do álbum Vision (2002).


xoves, 15 de maio de 2014

Float On

O rock alternativo nos Estados Unidos nunca estivo tan vivo dende que nos anos 90 unha fornada de bandas novas ía volver instauralo nun período de esplendor que chega ata a actualidade. Un deses novos grupos que se formaron daquela e acadaron unha total plenitude na pasada década é Modest Mouse. Fundado por Isaac Brock, Jeremiah Green e Eric Judy en 1993, apenas tardaron un ano en sacar un primeiro EP e en 1996 xa aparecía o primeiro álbum de longa duración co que debutaban de forma oficial. No entanto, habería que esperar á publicación do cuarto disco, Good News for People Who Love Bad News (2004), para que Modest Mouse se fixese unha banda indie coñecida en todo o mundo. Boa parte do éxito do álbum débese o single "Float On", a primeira canción que situou a Modest Mouse no panorama internacional.


A repercusión foi tal que a melodía, cun ritmo máis acelerado, podémola atopar seis anos despois no tema de Lupe Fiasco "The Show Goes On", pertencente ó álbum Lasers (2010).


Tamén se pode apreciar unha pequena porción nalgún riff de guitarra na canción de P!nk "Blow Me (One Last Kiss)", do álbum The Truth About Love (2012).

mércores, 14 de maio de 2014

Howlin' for My Baby

Son moitas as cancións que escribiu Willie Dixon e que triunfaron nas voces doutros cantantes. Muddy Waters e Howlin' Wolf foron algúns que lle souberon sacar todo o partido ás cancións que Dixon lles cedía. Particularmente, é significativo o disco éponimo de Howlin' Wolf, que sacou en 1962. A meirande parte da ducia de cancións que o compoñen están asinadas por Willie Dixon. Nel aparecen verdadeiros clásicos coma "The Red Rooster" e "Spoonful", que fixeron as delicias de músicos coma Eric Clapton. No entanto, hoxe imos quedar cunha das cancións con menos trascendencia do álbum, pero non menos espectacular có resto. "Howlin' for My Baby" é un blues que tamén soubo deixar pegada.

http://youtu.be/f_empiaStHE

En 1979 a banda londiniense Madness comezaba a súa andaina cun álbum que combinaba pop e ska, e que se habería de converter nunha das máis importantes do momento. One Step Beyond... (1979) foi un dos mellores discos de debut dese ano e nel Madness dedícalle un tema a Prince Buster, o músico xamaicano que tanto influíu no son da banda, baseado en "Howlin' for My Baby". O título da canción non podía ser outro que "The Prince".

martes, 13 de maio de 2014

Baba O' Riley

O éxito da ópera rock Tommy (1969) foi tal que Pete Townshend empezou a traballar nunha nova enseguida. Así que ó pouco xa tiña ideado o que sería Lifehouse, unha ópera rock con temática futurista, pero cando xa estaba bastante avanzado o proxecto, as dúbidas iniciais incrementáronse e ante a posibilidade de que Lifehouse fracasase, The Who decantouse por gravar un disco máis convencional que contiña algunhas das cancións que ían formar parte de Lifehouse. Iso supuxo a aparición de Who's Next (1971), quinto álbum dos londinienses, que haberían volver á senda das óperas rock co seguinte disco, Quadrophenia (1973). Entre tanto, en Who's Next, The Who incluía cancións tan significativas no seu repertorio coma "Baba O' Riley", co que arrancaba o álbum.

http://youtu.be/gY5rztWa1TM

Un dos músicos que máis admiración sentiu pola música de The Who foi o canadense Randy Bachman, que mesmo bautizou a unha das súas primeiras bandas coma The Guess Who, en clara homenaxe á banda de Pete Townshend. O gusto de Randy Bachman por The Who volveuse plasmar nunha das cancións da súa banda Bachman-Turner Overdrive, onde hai certas reminiscencias do son de "Baba O' Riley". A canción é "You Ain't Seen Nothin' Yet", pertencente ó álbum Not Fragile (1974).

http://youtu.be/8XZWgHNcUeA

En moita menor medida que a canción de Bachman-Turner Overdrive, "Baba O'Riley" tamén semella estar presente na canción de Noah and the Whale " Tonight's the Kind of Night", do álbum Last Night on Earth (2011).

http://youtu.be/W_yvQuWfj2E

Recentemente, os acordes de "Baba O'Riley" tamén se poden escoitar ó comezo da canción de One Direction "Best Song Ever", do álbum Midnight Memories (2013).

http://youtu.be/lcZBhvSxg_8

luns, 12 de maio de 2014

Beatles Forever

The Beatles son a gran referencia para milleiros de grupos, artistas e músicos da máis diversa índole, pero poucos se mostraron tan agradecidos á súa música como para compoñerlles unha canción cun título tan elocuente coma "Beatles Forever". A ocorrencia procede da Electric Light Orchestra, cuxo son e estilo tanto lle debe ós catro fabulosos de Liverpool. A canción, composta por Jeff Lynne, ía incluírse no álbum da ELO Secret Messages (1983), que en principio estaba concibido coma un dobre LP, pero finalmente esa idea descartouse e "Beatles Forever" quedou relegada nun caixón. Non obstante, a pesar de que non apareceu no álbum, "Beatles Forever" circulou en formatos non oficiais, e por iso  chegouse a coñecer xunto o resto de cancións que a Electric Light Orchestra preparara para ese disco.

http://youtu.be/tSEEDeB4zFg

Pero como "Beatles Forever" fora un descarte, Jeff Lynne decidiu aproveitar parte do retrouso para o tema "Video!" que compuxo expresamente para a banda sonora da película Electric Dreams (1984).

http://youtu.be/7mLeo692-kQ

venres, 9 de maio de 2014

Tennis Court

Que sorpresa supuxo o ano pasado a aparición de Lorde no panorama internacional! Esta rapariga de Nova Zelandia deixou coa boca aberta a todos co seu primeiro álbum de longa duración Pure Heroine (2013), que contén unha colección de dez cancións cunha factura maxistral que o situaron como un dos mellores traballos discográficos do pasado ano na voz dunha debutante. Lorde xa anticipara parte do potencial co que nos habería sorprender en Pure Heroine con dous EPs que apareceran meses antes da publicación do álbum, pero non sería ata a aparición deste cando os focos mediáticos se viraron cara ela, demostrando unha vez máis que non é necesario amosar cacha para triunfar no mundo da música, algo que por desgraza, non parecen aprender outras artistas pop. "Tennis Court", canción que abre Pure Heroine e segundo single extraído tras "Royals", está influenciada por dúas cancións segundo os críticos, que agora veremos.

http://youtu.be/D8Ymd-OCucs

A primeira que sinalou a crítica emparéntaa con "The District Sleeps Alone Tonight", unha das cancións que se atopan no único álbum publicado de The Postal Service, o efímero grupo paralelo de Ben Gibbard á marxe de Death Cab for Cutie. Desde logo parece evidente a influencia de The Postal Service, malia que as similitudes entre ámbalas dúas cancións son un tanto subxectivas. Quizais onde máis preto está a canción de Lorde da de The Postal Service sexa na segunda parte desta última, onde o ritmo se acelera, achegándoa ó ritmo da de Lorde.

http://youtu.be/0FqmJy8HzQI

Máis parecido si parece ter coa canción de The XX "Together", que gravaron para a banda sonora da nova película de The Great Gatsby (2013), sobre todo no que respecta na base, pero en calquera caso hai que subliñar que non se trata nada máis que dunha coincidencia, xa que tanto a canción de Lorde coma a de The XX se editaron practicamente nas mesmas datas, con tan só un mes de diferenza

http://youtu.be/yoj2I6ZJLx8

xoves, 8 de maio de 2014

You Showed Me

The Byrds pasou á historia como unha das bandas dos 60 que mellor souberon versionar ós artistas contemporáneos coma Bob Dylan, pero tamén sería inxusto recoñecer que Jim McGuinn e Gene Clark, ademais de excelentes músicos, tamén sabían compór cancións propias cun selo de lonxevidade que triunfaron noutras voces distintas a de The Byrds. É o caso de "You Showed Me", de 1964, que por algún motivo, talvez debido a que The Byrds parecían estar especializados en éxitos alleos, non tivo demasiada repercusión e nin chegou a incluírse nos primeiros discos de longa duración da banda anxelina.


Non obstante, "You Showed Me" gravárona The Turtles no álbum The Turtles Present the Battle of the Bands (1968) e a aceptación da nova versión foi máxima por parte do público e da crítica, tanto que está considerada como unha das mellores cancións de The Turtles. E que a diferencia da orixinal, pois? The Turtles ralentizaron o ritmo, déronlle menos revolucións e aí posiblemente estea o segredo que fai que aínda hoxe moita xente prefira a versión de The Turtles á de The Byrds.


A sona que acadou "You Showed Me" tamén lle valeu para estar detrás doutras cancións coma na do grupo de hip hop De La Soul "Transmitting Live From Mars (Interlude)", pertencente ó álbum 3 Feet High and Rising (1989).


Tamén U2 introduciu algúns acordes de "You Showed Me" no tema "The Playboy Mansion", unha das cancións de Pop (1997).


O último en acordarse de "You Showed Me" para compór unha nova canción foi Kanye West, na canción "Gorgeous", no exitoso My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010).

mércores, 7 de maio de 2014

A Lifetime of Loneliness

A parella de compositores formada por Burt Bacharach e Hal David foi das máis prolíficas nos anos 60, de tal xeito que mesmo cantautores que escribían a meirande parte do repertorio dos seus discos, non dubidaban en gravar algunhas das cancións deles con boa fortuna. Jackie DeShannon foi das artistas que máis recorreu a Bacharach e a David, e levou ó máis alto cancións coma "What the World Needs Now is Love" e "A Lifetime of Loneliness", que hoxe vos presentamos. Ámbalas dúas cancións pertencen a This Is Jackie DeShannon (1965), un dos traballos discográficos máis lembrados da compositora de Kentucky.


Un ano despois a melodía de "A Lifetime of Loneliness" reprodúcese nunha das cancións que compoñen o sonado disco de Love Da Capo (1966). "¡Qué Vida!", malia levar título en castelán, está composta en inglés e combina o rock psicodélico do momento coa bossa nova, o que lle dá un toque único nun álbum ateigado de moi boas cancións.

martes, 6 de maio de 2014

Good Night

The White Album (1968) dos Beatles é coñecido por ese nome debido á portada, toda en branco, malia que o título oficial é The Beatles. Trátase dun dobre disco co que os catro grandes de Liverpool se estreaban na súa propia compañía, Apple, así que se requería unha celebración por todo o alto, coa colaboración doutros grandes músicos como Clapton. Por outra parte, tamén era unha homenaxe a Brian Epstein, o manáger que tanto fixera por eles, e que falecera pouco tempo antes. Hoxe imos revisar a canción que pecha ese álbum "Good Night", asinada por Ringo Starr, que se ben, quizais non sexa das máis destacadas, é unha das escasas na que o percusionista da banda, e tamén quizais o máis esquecido, toma todo o protagonismo ó interpretala él mesmo.

http://youtu.be/4nNDcxtR4oI

O estilo orquestral que marca esta tranquila canción dos Beatles tamén deu certo xogo. No ano 2000 Paul McCartney recuperou un anaquiño na canción "Plastic Beetle", do álbum  Liverpool Sound Collage co que o ex-beatle se adentraba unha vez máis na música electrónica, aínda que desta volta prescindindo do nome de The Fireman, co que McCartney levaba editando discos desta tendencia. "Plastic Beetle" é unha canción longa que ronda os oito minutos e no entanto, o fragmento de "Good Night" apenas chega ós dous segundos, ficando agochado na composición. Pódese apreciar a partir do minuto 3:38.


Quen si soubo recoller a melodía de "Good Night" foi o compositor alemán Ekkehard Ehlers no tema "John Cassavetes, part 2", editado en 2001 no álbum Ekkehard Ehlers Plays.

http://youtu.be/srUXxnl9QVA

luns, 5 de maio de 2014

Funny the Way It Is

O surafricano Dave Matthews atopou no mercado americano o sitio ideal para asentar a música da súa banda, que dende mediados dos anos 90 logrou colocar nos oídos do gran público cancións tan sonadas coma "Jimi Thing" e máis recentemente "The Space Between". Editando discos de maneira regular desde os comezos, Dave Matthews Band xa leva ás costas oito álbums de estudio, outros tantos en directo e uns cantos recompilatorios con excelentes cancións para aqueles que aprecien o rock alternativo das últimas décadas. No penúltimo disco, Big Whiskey & the GrooGrux King (2009) inclúese unha das mellores cancións que Dave Matthews escribiu na súa carreira, a sensacional "Funny the Way It Is", que serviu de presentación a ese traballo.


Outra das bandas americanas de rock alternativo que na actualidade ten revolucionado o panorama musical é Imagine Dragons. Con só un álbum de longa duración, Night Visions (2012), estes rapaces de Las Vegas acapararon a atención da crítica de todo o mundo, pero o certo é que dende que empezaron a funcionar, aló polo 2008, Imagine Dragons foron publicando EPs con algunhas das cancións que finalmente formarían parte de Night Visions. Non foi o caso de "Selene", que aparece en Hell and Silence (2010). Malía que é moi traído polos pelos, algúns sinalan que contén unha lixeirísima reminiscencia de "Funny the Way It Is", pero o que case se pode afirmar con seguridade é que Dave Matthews Band si foi unha referencia no son de Imagine Dragons.


venres, 2 de maio de 2014

Sweet Child o' Mine

En 1987 puñáse en marcha a andaina discográfica dunha das bandas de rock máis importantes das últimas décadas. Desde Los Ángeles, cinco mozos comezaban a aventura da súa vida, acababa de nacer Guns N' Roses. Axl Rose, Slash, Izzy Stradlin, Duff McKagan e Steven Adler tiñan unhas enormes ganas de comer o mundo, de facelo seu e mesmo de desfacelo coa contundencia das guitarras qu dominaban a súa música, e esas intencións xa as deixaban claras no título do debut Appetite for Destruction. Polo demais, ese primeiro disco xa contiña algunhas das cancións que se haberían de converter en imprescindibles en calquera recompilatorio dos Guns N' Roses, como a sempre lembrada "Sweet Child o' Mine", tema que arranca cun dos riffs máis característicos, e que lle valeu a Slash gañar unha merecida sona como un dos mellores guitarristas. E iso que detrás dela hai dúas grandes cancións.

http://youtu.be/bzAGZT_XTAk

A primeira débese ó sensacional tema de Traffic "Dear, Mr. Fantasty" , que lle dá nome ó álbum de debut da banda de Steve Winwood, publicado en 1967.

http://youtu.be/vxVlN-LzIks

A segunda é o tema de Roger Miller "Not in Nottingham", de 1973, que forma parte da banda sonora da película de Disney, Robin Hood, malia que para moitos críticos a contribución deste tema de Miller á de Guns N' Roses é moi sutil e apenas se aprecia.

http://youtu.be/c2dImprgiB8

Volvendo a "Sweet Child O'Mine", a súa influencia desde a súa publicación foi tal, que hai quen asegura que incluso Alice Cooper imitou o son da guitarra en "Poison", tema de Trash (1989).

http://youtu.be/Qq4j1LtCdww

Ese riff que fai recoñecible a "Sweet Child o' Mine" no primeiro acorde, aproveitouno Red Hot Chili Peppers na canción "Punk Rock Classic", que se inclúe no álbum Mother's Milk (1989).

http://youtu.be/hlKIHmwSzjg

Tamén SR-71 o aproveita nunha das cancións do álbum Here We Go Again (2004). En "Axl Rose", SR-71 homenaxean ó vocalista de Guns N' Roses e, desde logo, non podía faltar un aceno a unha das grandes cancións do grupo.

http://youtu.be/F8YIJ47KglU

O debut de Hinder tamén está marcado polo tema de Guns N' Roses. En Extreme Behavior (2005) a canción "Homecoming Queen" parece un tributo encuberto a "Sweet Child o'Mine".

http://youtu.be/wkG56P9uBeU