venres, 15 de xuño de 2012

Today

Agora que The Smashing Pumpinks están a punto de publicar un novo álbum Oceania que promete estar á altura do sensacional Mellon Collie and the Infinite Sadness (1995), o mellor traballo da banda de Billy Corgan, non estaría de máis volver á vista a un dos discos que marcaron o camiño dese traballo e facían ver que The Smashing Pumpkins ían ser unha banda que sobreviviría á era do grunge. Siamese Dream (1993) volveuse co tempo nun disco imprescindible na carreira de Corgan, que contiñan cancións tan boas como "Today".


As principais versións que se fixeron desta canción son de grupos que as gravaron para os distintos tributos que se lle renderon a The Smashing Pumpkins, como por exemplo a de Armor for Sleep para The Killer in You: A Tribute to Smashing Pumpkins. 


Tamén destaca a versión de Solomon Burke Jr. que a envolveu co estilo soul propio da súa familia e cun aire que parece extraído da Motown. Pero The Smashing Pumpkins tamén se converteron nun grupo de referencia para Dragon Ash, unha banda xaponesa de hip-hop, que sampleou "Today" no seu tema "Grateful Days" no seu disco Viva La Revolución (1999).

  http://youtu.be/aWiNbA8HJVc




xoves, 14 de xuño de 2012

Walk and Talk

En 1970 cando The Velvet Underground xa era un grupo consolidado, publicaron o seu cuarto disco Loaded, o último no que participaría Lou Reed antes de voar en solitario e que a diferenza dos anteriores, situábase nunha liña máis comercial sen deixar de lado o espíritu subversivo co que naceran. De feito, en Loaded está incluída a canción máis coñecida de The Velvet Underground "Sweet Jane". Na edición de 1970 o disco apareceu no mercado con dez cortes tras descartar un bo feixe de cancións que se barallaban para ese traballo. Habería que esperar a 1997 para que se publicase unha edición especial con todas esas caras B e demos que quedaron gardadas nunha gabeta. Unha delas é a demo de "Walk and Talk", tema que Lou Reed adoitaba interpretar nos seus concertos.


E coma calquera canción de The Velvet Underground non habería de pasar desapercibida para outros músicos. Peter Doherty, un dos intérpretes máis brillantes de Gran Bretaña nos últimos anos malia ter unha vida privada bastante convulsa, confesou nunha entrevista a influencia desta canción nun dos temas da súa banda Babyshambles. "You Talk" está  en Shotter's  Nation (2007), segundo álbum deste breve proxecto de Doherty que non conseguiu esquecer a The Libertines, a banda coa que se deu a coñecer.

mércores, 13 de xuño de 2012

Hooked on a Feeling

B. J. Thomas, un dos cantantes de country cunha dilatada traxectoria ás súas costas, comezou a súa andaina en 1966 e  colleitou un auténtico éxito de vendas co seu debut. Dous anos despois, en 1968 publicou On My Way, un traballo máis inclinado cara ó pop que contén "Hooked on a Feeling", unha canción escrita por Mark James e que se convertiu na máis importante da carreira de Thomas.


A primeira versión coñecida é a do cantautor Jonathan King, que en 1971 lanzouna como single.


Pero a versión de King, moi personal debido ós coros que introduciu, enseguida quedou envolta na polémica porque seica se parecía moito ó tema de Johnny Preston "Running Bear", de 1959.


Con todo, a versión máis popular do "Hook on a Feeling" débese ós suecos Blue Swede, de 1974, do seu álbum que titularon precisamente Hook on a Feeling, baseada na de King e que aínda hoxe é frecuente escoita nalgunhas radiofórmulas.


Nos anos 90, tamén cobraría forza a versión de Vonda Shepard para a serie de televisión Ally McBeal.


Os famosos coros tamén se haberían de empregar noutras cancións, como "Special Delivery" de The Offspring no seu disco Conspiracy of One (2000).



martes, 12 de xuño de 2012

Running Up that Hill

Kate Bush é unha das grandes damas do rock desde o seu debut en 1978 con The Kick Inside que contiña "Wuthering Heights", unha canción baseada na famosa novela de Emily Brontë, e que lle abriría as portas da fama a Kate Bush, aínda que é inxusto considerar que The Kick Inside é un gran disco só por esa canción, xa que non hai que desmerecer os demais cortes do álbum, tamén grandes cancións como "Strange Phenomena" e  "Them Heavy People", que quedaron eclipsadas por "Wuthering Heights". En calquera caso, Kate Bush seguiunos ofrecendo excelentes traballos cargados de boa música e grandes cancións, o último o pasado ano cun disco moi orixinal sobre o Nadal 50 Words for Snow, máis que recomendable. Hoxe en cambio imos quedar cun dos seus grandes temas "Running Up that Hill" do seu quinto traballo Hounds of Love (1985), que orixinariamente se ía chamar "A Deal with God", pero á súa discográfica non lle gustou o título e finalmente quedou como "Running Up that Hill", que Kate Bush tamén ten cantado con David Gilmour nalgunha ocasión.


En 2003 gravouse unha das versións máis importantes desta canción a cargo da banda de rock sinfónico Within Temptation, aínda que finalmente non a incluiron en ningún disco, malia que filmaron un videoclip.


Tampouco debe pasar desapercibida a versión que Placebo fixo para a edición especial do seu álbum Sleeping with Ghosts, que relanzaron en 2007, catro anos despois da primeira publicación.


Tamén se ten sinalado a influencia desta canción no tema de Coldplay "Speed of Sound", primeiro single do seu terceiro disco X&Y (2005).

 http://www.goear.com/listen/f903e2f/speed-of-sound-cold-play

E xa menos evidente talvez a melodía, a canción de Efecto Mariposa "Otra historia", do álbum Complejidad (2005) parece ter ecos que remiten o tema de Kate Bush.

http://youtu.be/pHtK7ESq3OU

luns, 11 de xuño de 2012

Old Man

Unha das bandas americanas pioneiras da psicodelia foi Love. Xurdida a mediados dos anos 60, moi pronto este grupo procedente de California escribiría o seu nome dentro dos novos xéneros do rock que a comezos dos anos 70 se empezaban a espallar. Nese senso, o estilo de Love abarca diversos estilos, desde o rock máis clásico e o R&B pasando pola psicodelia, o folk rock e o garage. O seu terceiro disco Forever Changes (1967) é dos máis importantes da súa traxectoria, con cancións tan sensacionais como "Old Man", escrita por Bryan MacLean.


A pesar da súa xuventude, Emilio José ten tras de si unha carreira certamente prolífica. Comezou moi novo no grupo experimental Ápeiron e tamén participa no proxecto Pescando em Copacabana sobre música brasileira, onde é indispensable a samba e a bossa nova, así coma calquera cousa que teña que ver con Brasil. Non contento con iso só, este mozo de Quins, do concello ourensán de Melón, comezou unha interesante carreira en solitario en 2009 coa publicación de Chorando Apréndese, un álbum que bebe das influencias máis variadas. En "Wifi no Casal", é notoria a presenza de Love.

venres, 8 de xuño de 2012

The Killing Moon

Echo & the Bunnymen é unha das bandas británicas que pertencen á xeración que se formou a finais dos 70 en Reino Unido trala eclosión do punk. Cun estilo moi persoal debido ante todo ó seu líder Ian McCulloch e as contribucións dos demais membros como o guitarrista Les Pattinson e o batería Pete de Freitas, en 1984, coa publicación do seu cuarto disco Ocean Rain, quedaba máis que demostrado que esta banda de Liverpool era unha das máis interesantes do panorama dos 80.


O estilo de Echo & the Bunnymen podémolo rastrexar en moitas bandas posteriores, como por exemplo Arcade Fire. No seu álbum de debut Funeral (2004) é onde mellor se aprecia esa posible influencia, concretamente no tema "Crown of Love".

xoves, 7 de xuño de 2012

Everybody's Got to Learn Sometime

Como acontece con moitos grupos e artistas, The Korgis fica na memoria colectiva da xente por unha soa canción que perpetuou  á banda de James Warren na historia musical do pop. Pero que canción! "Everybody's Got to Learn Sometime", do segundo álbum da banda británica Dumb Waiters (1980) é das baladas máis espectaculares da década dos 80.


Unha das versións máis interesantes é a que fixo Beck para a a banda sonora da película Eternal Sunshine of the Spotless Man en 2004.


Dese ano tamén destaca a versión que fixo Zucchero con Vanessa Carlton, e en 2008 apareceron novas versións a cargo de Krezip, Daniël Lohues, Laidback  Luke, Robyn Loau e Glasvegas e  en 2009 destaca a dos suecos The Field, do álbum Yesterday and Today; pero imos quedar agora coa de Sharon Corr de 2010 do seu álbum en solitario Dream of You.

mércores, 6 de xuño de 2012

Dime que me quieres

A mediados dos anos 70, antes de que o fenómeno da Movida madrileña convulsionase o panorama pop-rock español, as listas de vendas españolas enchéronse de frescura coa aparición dunha banda hispano-arxentina, Tequila. A súa proposta dun rock divertido e dinámico pronto calou nos adolescentes da época e Tequila pasou a ser unha desas bandas imprescindibles en calquera festa. Co tempo, os seus compoñentes máis carismáticos seguirían apegados ó mundo da música; Alejo Stível,  o cantante, é  un importante produtor que está detrás dos comezos de moitos grupos que hoxe gozan dun importante éxito como La Oreja de Van Gogh e M-Clan; e Ariel Rot, o guitarrista, continuou cunha brillante carreira tanto en Los Rodríguez, onde coincidiu con Andrés Calamaro, como en solitario. "Dime que Me Quieres", unha das cancións máis importante de Tequila, pechaba o terceiro disco da banda Viva Tequila! (1980).


Unha das versións máis importantes desta canción foi a de Los Piratas, que en 1995 a incluíron no seu álbum Poligamia. A nova versión serviu para recuperar a música de Tequila e volver pór de actualidade unha das súas cancións máis representativas.


Pero a reivindicación de Tequila como parte fundamental na música pop-rock española  chegaría en 1997 cun disco de homenaxe onde unha galería de artistas e grupos versionan boa parte do repertorio de Tequila. En Mucho Tequila destaca a versión de "Dime que me Quieres" que fixeron Los Lunes, un grupo melódico, que lle deron a volta á canción. Dun tema rock pasamos a unha balada. O resultado admite todo tipo de conclusións.