mércores, 31 de xullo de 2013

Love Buzz

A finais dos anos 60 cando o flowerpower estaba no seu máximo apoxeo e a psicodelia dominaba o rock, os neerlandeses Shocking Blue colaron as súas cancións nas listas de vendas internacionais, marcadas sobre todo por grupos e artistas británicos e estadounidenses. Pero a súa maneira de facer música, unido á voz envolvente de Mariska Veres e ás letras de Robbie van Leeuwen situáronos nun lugar privilexiado que lles gardaría un lugar na historia. Con "Love Buzz", unha das primeiras cancións que sacaron e que pertence ó disco At Home (1969) conseguiron á entrada ó Olimpo da música.


Esta canción está ligada de forma especial ós comezos dunha das bandas míticas dos anos 90. Como non, falamos de Nirvana. En 1988, cando a banda de Seattle liderada por Kurt Cobain sacaron o seu primeiro disco Bleach, incluíron unha versión espectacular da canción de Shocking Blue, que ademais foi lanzada como single de presentación.


Pero a historia de "Love Buzz" chega á primeira década deste século XX. En 2004 The Prodigy emprega un sample para a canción "Phoenix", do álbum Always Outnumbered, Never Outgunned.


The Prodigy non haberían de ser os últimos en empregar "Love Buzz" para as súas cancións. Lil' Kim recorre á canción de Shocking Blue no seu "Kitty Box", do álbum The Naked Truth (2005).

martes, 30 de xullo de 2013

Someone to Call My Lover

Imos ver hoxe outra canción que bebe das fontes doutras melodías e que converxen nun novo tema. Esta vez a nosa protagonista é Janet Jackson, que se valeu dos samples de dúas cancións para crear "Someone to Call My Lover", o terceiro single que se extraeu do sétimo álbum da irmá pequena da familia Jackson All for You (2001). Tanto na autoría coma na produción, Janet contou coa axuda de Terry Lewis e Jimmy Jam. Así lles quedou "Someone to Call My Lover".


Calquera que coñeza un pouco a música dos primeiros anos 70 recoñecería sen dificultade o sample da canción de America "Ventura Highway", pertencente o disco Homecoming (1972). A canción composta por Dewey Bunnell é tan evidente que obrigatoriamente, o seu nome figura nos créditos do traballo de Janet Jackson.


Mais o certo é que tamén "Someone to Call My Lover" tamén recupera a peza clásica para piano que o compositor francés Erik Satie creou en 1888 baixo o título "Gymnopédie Nº 1", que iniciaba unha serie de composicións que lle haberían de aumentar o prestixio de Satie nos círculos musicais do momento. Malia que non é tan visible como no tema de America, hai anacos na canción de Janet nos que se aprecia moi ben.



luns, 29 de xullo de 2013

Smoke on the Water

Un dos riffs de guitarra máis famosos de toda a historia é o da canción de Deep Purple "Smoke on the Water". Pódese dicir que non hai estudante de guitarra que algunha vez non pulise a súa técnica practicando as primeiras notas do tema que a banda británica elevou ós altares do heavy, cando este xénero do rock comezaba a consolidarse nos primeiros anos 70. Convertida hoxe en himno, seguro que non hai persoa que sen ser afeccionada ó rock non a coñeza. Está recollida no álbum Machine Head (1972), un dos máis importantes de Deep Purple, e non só polo impacto que tivo "Smoke on the Water", xa que o resto de cancións non desmerecen un traballo discográfico que anunciaba a importancia que o hard rock ía ter nas décadas posteriores.

http://youtu.be/zUwEIt9ez7M

Non obstante, a moitos lles sorprendería saber que a secuencia de notas que reproducen o famoso riff está tomado da bossa nova "Maria Quiet", da brasileira Astrud Gilberto que aparece no álbum Look to the Rainbow (1966).

http://youtu.be/rvXxlXg_V-k

As prinicipais bandas de rock teñen versionado nalgunha ocasión a canción de Deep Purple, pero Rolf Harris, un músico australiano, animouse a trasladar este tema rock ó jazz sen quedarlle nada mal no álbum Rolf Rules OK. (1993).


Mesmo Blue Öyster Cult basearon a súa canción "The Marshall Plan" no célebre riff da canción de Deep Purple. Pertence ó álbum Cultösaurus Erectus (1980).

venres, 26 de xullo de 2013

Reflected

Xa vimos nalgunha ocasión como os artistas aproveitan algunha canción propia para reciclala e crear un novo tema, que ben pode considerarse unha versión do primieiro ou noutros casos converterse en algo totalemente diferente con ecos que remiten a esa canción orixinal. Alice Cooper tamén participou deste xogo que parece pór a proba o coñecemento dos seguidores. En 1969 a banda de Vincent Furnier publicaba o disco Pretties for You que contén "Reflected", unha canción das que menos contribuíu ó exito do álbum. Mais Furnier non se conformou co fracaso desta canción...


Alice Cooper decidiulle dar unha nova oportunidade no disco Billion Dollar Babies, de 1972. Para iso, refixo a letra e retocou minimamente a melodía e, baixo o título de "Elected", editouse como un dos singles dun dos discos máis celebrados de Alice Cooper.

mércores, 24 de xullo de 2013

Funky Drummer

Case non hai canción de James Brown que non sexa a nai dunha serie de novos temas inspirados nas notas, nas melodías ou nos riffs saídos da mente do brillante rei do funk. "Funky Drummer" é talvez unha desas cancións que mellor representen ese fenómeno que non adoita acontencer con tódolos artistas do tamaño de James Brown. Editado como single en 1970, habería que esperar a 1986 para velo recollido no recompilatorio In Jungle Groove, "Funky Drummer" está na orixe dalgunhas das cancións que vos ofrecemos hoxe e mesmo se podería dicir que lle saíron netos.


Dúas das últimos cancións que apareceron a raíz do tema de James Brown son os seguintes: "Instrumental nº 2 " de My Bloody Valentine do EP  1988-1990 da banda que sacaron en 2012.


O seguinte é o de Sinéad O'Connor "I Am Stretched on Your Grave" no álbum  I Do Not Want What I Haven't Got que a irlandesa publicou en 1990.


Pero onde de verdade tivo relevancia esta canción de James Brown foi no mundo do hip hop. Concretamente Public Enemy recorreu a el nalgunhas ocasións, pero imos quedar con "Security of the First World" incluída no disco It Takes a Nation of Million to Hold Us Back (1988).


E é que esta canción de Public Enemy está na base dun dos grandes éxitos de Madonna. "Justify My Love", que aparecía no recompilatorio The Immaculate Collection (1990), producido entre outros, por Lenny Kravitz.


E por se fose pouco, a canción de Madonna serviu de sample para outras. A influencia desta canción é significativa no tema de Enigma "Mea Culpa (Part II)" do exitoso disco MCMXC a. D. (1990).


martes, 23 de xullo de 2013

Quen puidera namorala

Entre os anos 60 e 70 o folk tivo un predominio destacado dentro da música contemporánea. Os cantautores non só compuñan novas cancións, senón que en moitos casos recuperaban cantos tradicionais e púñanlle música ós seus poemas favoritos. Esta tendencia universal non foi allea á poesía galega, que grazas a cantautores coma Amancio Prada e Luís Emilio Batallán, entre outros, musicalizaron os mellores poetas galegos. Os poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, etc. quedaron ligados así a unha melodía propia, un son que os emparentaba coa poesía medieval que se cultivou nestas terras, coma se fose imposible que un poema carecese aquí da súa propia música. Un dos exemplos máis coñecidos e versionados é o poema de Cunqueiro "No niño novo do vento", pertencente á obra neotrobadorista do autor de Mondoñedo Cantiga nova que se chama riveira (1933). Luís Emilio Batallán, no disco Ahí vén o Maio (1975), rebautizouna como "Quen poidera namorala" (Cunqueiro escribíraa así, "poidera"), o verso principal do retrouso. A fermosura é tal que mesmo chegou a servir de banda sonora dalgunha película como "Pradolongo".


Astarot pechaba o seu álbum O Sentir dunha Terra (2008), cunha estupenda versión do poema de Cunqueiro, no primeiro disco que a banda de Cangas do Morrazo lle dedicou a cancións tradicionais galegas.


Outro músico galego como Xoel López tamén gravou unha versión que se debe ter en conta.


E por último, rematamos cunha das actuacións que Rosa Cedrón ( ex intérprete de Luar na Lubre) e Cristina Pato realizaron xunto con Laura Amado no Festival de Ortigueira desta canción. 

luns, 22 de xullo de 2013

I'm Still Standing

En 1983 Elton John publicaba Too Low for Zero, o seu decimosétimo traballo discográfico, no que contou en todo momento coa colaboración de Bernie Taupin nas letras mentres que Elton John se dedicou a compór a música de case tódolos temas. Seguindo na liña que o dera a coñecer unha década antes, Elton John ofrécelle o público un disco cheo de pop con matices que recollen a frescura do glam, que daquela, xa comezaba a decaer. Isto vese ben nun dos temas máis animados do álbum. "I'm Still Standing".


A colaboración que Elton John lles prestou a Scissor Sister para o seu segundo disco Ta-Dah (2006) quedou reflectida moi ben nalgunhas cancións coma en "She's My Man", que conta con reminiscencias de "I'm Still Standing".

venres, 19 de xullo de 2013

Biko

Sen esquecernos do día dedicado a Nelson Mandela polo seu aniversario, está ben recordar algunhas das cancións que se fixeron para protestar contra a política do apartheid que sufriu Sudáfrica durante tanto tempo. Un dos primeiros músicos en volver a ollada cara Sudáfrica foi Peter Gabriel, que sempre se caracterizou por ter moi presente o continente africano na súa carreira; de feito, a el lle debemos que nos descubrise a Youssou N'Dour. En 1980 no seu disco homónimo Peter Gabriel incluíu unha canción memorable dedicada a un dos maiores activistas que loitou contra o apartheid, Steve Biko. "Biko" converteuse así nun himno a prol dos dereitos civís, unha canción que avoga por erradicar o racismo, non só da sociedade sudafricana, senón en todo o mundo.


Unha das versións máis curiosas que se fixeron de "Biko" débese ó grupo xermano BAP, en 1988. Wolfgang Niedecken, o seu líder, traduciu a letra ó alemán, quedándolle así. Aparece no álbum Da Capo dese mesmo ano.


O espíritu que levou a Peter Gabriel a compór "Biko" inspirou a Steve Van Zandt, un dos componentes da E Street Band e tamén coñecido como Little Steve, para crear "Sun City". Seguindo o modelo que Michael Jackson levou a cabo con "We Are the World" no que numerosos artistas cantaban para recaudar fondos contra a fame en África, Little Steve tamén reuniu unha pléiade de estrelas, entre elas ó propio Peter Gabriel, baixo o nome Artists United Against Apartheid para lembrar a loita contra esa inxustiza. A cousa non acabou nunha soa canción, senón que foron sete cancións que apareceron nun EP co título Sun City. Isto ocorría en 1985.


xoves, 18 de xullo de 2013

Heart of Glass

O terceiro disco de Blondie Parallel Lines (1979) é un bo exemplo do mellor pop-rock de finais dos 70. Non obstante, hai un tema que destaca por riba dos demais e que adentra á banda de Debbie Harry nos sons máis achegados ó son discotequeiro. Ese tema é "Heart of Glass", hoxe convertido nun clásico e nunha das cancións máis emblemáticas de Blondie. Malia que foi das primeiras cancións escritas por Deborah Harry e Chris Stein varios anos antes, houbo que esperar a traballar con Mike Chapman para que se animasen a incluíla no terceiro disco de Blondie. Co tempo confirmouse que foi unha decisión acertada.


Hai versións en case tódolos estilos da canción de Blondie. Destaca a versión punk de Me First and the Gimme Gimmes no álbum Ruin Jonny's Bar Mitzvah (2004).


Algo máis tranquila, en clave jazz e instrumental, é a verisón de The Bad Plus no álbum These are the Vistas (2003).


No capítulo de samples, "Heart of Glass" tamén ten unha boa ración. Na que mellor se aprecia é na canción de Natalie Bassingthwaighte "Supersensual", no álbum 1000 Stars (2009).

http://youtu.be/aHCpOnKbPGA

E tamén a "Heart of Glass" débelle moito a canción de Arcade Fire "Sprawl II (Mountains Beyond Mountains)",  do álbum The Suburbs (2010). O estilo co que  Régine Chassagne a canta lembra moito ó de Debbie Harry.

http://youtu.be/rH_7_XRfTMs

mércores, 17 de xullo de 2013

You Still Believe in Me

Con Pet Sounds, o álbum de maio de 1966, os Beach Boys confirmaban que eran algo máis ca unha banda para pórlle banda sonora a cada verán, con letras facilonas e ritmos pegadizos. E é que o grupo de Brian Wilson levaban algún tempo facendo unhas canción innovadoras polo seu son psicodélico, sempre combinado coas melodías vocais dos componentes. "You Still Believe in Me", o segundo corte do álbum, é un fermosa balada de apenas dous minutos e medio, que nos presenta a cara máis romántica dos mozos da praia, afastados desa imaxe característica que relaciona os Beach Boys coas praias californianas e o surf. Leva o selo de Brian Wilson, ó que axudou Tony Asher coas letras.


Na mesma liña e con ecos de "You Still Believe in Me", Small Faces gravaron "Just Passing" na cara B do single "I Can't Make It", que publicaron en 1967. Tamén ten en común coa canción de The Beach Boys a súa brevidade.

martes, 16 de xullo de 2013

Surfin' Bird

Detrás do maior éxito de The Trashmen agóchase o devir dunhas cantas cancións que foron fundamentais para que The Trashmen creasen un dos grandes himnos da música surf, un dos poucos que non están asinados por Brian Wilson ou calquera dos seus compañeiros dos Beach Boys. Imos entón á orixe de todo. A xénese que deriva en "Surfin' Bird" é unha canción do cantante de R&B Red Prysock titulada "What's the World?, Thunderbird", editada en 1957, e que, polo seu estilo, xa se podía intuír que a música, unido ó surf, podía dar grandes resultados. Non atopamos a versión orixinal de Prysock, así que pomos unha versión de Cowboy Barnes & His Drinking Buddies.

http://youtu.be/Yn5J7dL33yU

Os que mellor recolleron o legado que Red Prysock acababa de deixar con "What's the World?, Thunderbird", foron os membros da banda The Rivingtons, que entre 1962 e 1963 estrearon con éxito dous singles similares con reminiscencias á canción de Prysock e que marcarían as bases para a canción de The Trashmen. O primeiro deles é "Papa-Oom-Mow-Mow", que se recollería no álbum Doin' the Bird (1962), todo un clásico do son doo-wop.

http://www.goear.com/listen/7d093a2/papa-om-mow-mow-the-rivingtons

O segundo gran éxito de The Rivingtons foi "The Bird's the Word", editado un ano despois, e que seguía o mesmo proceso que o seu anterior single.

http://youtu.be/i7g79pXqhjY

E así en 1963, ó pouco tempo de editarse "The Bird's the Word" aparecía no mercado "Surfin' Bird", que lle daba título ó álbum de The Trashmen. Escoitando este clásico, parece que sería imposible que exisistise sen as cancións anteriores.

http://www.goear.com/listen/ef3ab66/surfin-bird-the-trashmen

Como todo clásico digno de non caer no esquecemento, "Surfin' Bird" tamén ten a súa boa dose de versións e samples. Das cancións de nova creación baseadas no éxito de The Trashmen, destaca a música electrónica de Orbital, no tema "Tension", que aparece no disco The Altogether (2001).

http://youtu.be/lf6LnlfCFhA

Aínda que o sample é máis evidente na canción da banda hardcorepunk Dwarves "Motherfucker", do álbum Blood Guts & Pussy (1990).

http://youtu.be/cb_TeBGBY2M

luns, 15 de xullo de 2013

Got Love If You Want It

James Moore, máis coñecido nos círculos musicais coma Slim Harpo, foi un dos músicos de blues máis influentes na música rock dos anos 60. Nacido en Louisiana en 1924, Slim Harpo converteuse nunha referencia nos anos 50 grazas a cancións coma "I'm a King Bee" e "Got Love If You Want It", caracterizados polo son da harmónica que Slim Harpo empregaba en cada un dos seus temas e que se reflectía no seu nome artístico. "Got Love If You Want It" foi o seu segundo maior éxito.


A música de Slim Harpo estivo moi presente nos comezos de The High Numbers, unha banda formada por Pete Townshed e que non tardaría en cambia-lo nome polo de The Who, co que acadarían dun anaco de gloria nos anais do rock. "I'm the Face", que aparecía na cara B do single co que debutaron en 1964 "Zoot Suit" é unha versión da canción de Slim Harpo coa letra cambiada.

venres, 5 de xullo de 2013

If You Love Somebody Set Them Free

A separación de The Police cando tan só levaban uns poucos anos namorando tanto ó público como á crítica supuxo un desgusto, aínda que non demasiado duradeiro, xa que en 1985 o seu carismático líder Sting debutaba co álbum The Dream of the Blue Turtles que presentaba coa canción "If You Love Somebody Set Them Free", e que foi recibida con alegría por tódolos sectores. Sting non renunciaba á esencia que lle conferira identidade a The Police e nesa primeira canción, así coma no resto do disco, o oínte ía atopar as influencias do jazz e da new wave que xa se apreciaban na banda de Sting.


A importancia que esta canción tivo para Sting, ó igual que para calquera artista que lanza a súa carreira en solitaria ten o seu primeiro single, reflectiuse uns anos despois no álbum ...Nothing Like the Sun (1987) coa canción "We'll Be Together". Nela advírtese algúns fragmentos da canción de debut coa que Sting deixaba atrás a The Police. Como curiosidade, na gravación participou Eric Clapton tocando a guitarra.

xoves, 4 de xullo de 2013

Eye in the Sky

A canción que lle dá título ó sexto álbum de The Alan Parsons Project, de 1982,  é a máis coñecida da banda. Escrita e producida por Alan Parson e por Eric Woolfson, que tamén lle pon á voz, a inspiración véulles cando se deron de conta da cantidade de cámaras de seguridade ocultas que había en tódolos sitios, xa fosen tendas, casinos e sucursais bancarias. Non está moi claro se tamén a novela de George Orwell 1984 influíu na temática da canción, porque o certo é que faltaba pouco para ese ano. En calquera caso, The Alan Parsons Project sumábanse con esta canción a lista de visionarios que agoiraban un futuro dominado por un ollo que todo o ve, malia que quizais non se imaxinaban nin moito menos o que se habería de vivir nas primeiras décadas do século XXI e tan de moda estes días. En fin, que a marxe da letra, "Eye in the Sky" é hoxe un clásico da música.


Antes de repasar algunha melodía inspirada en "Eye in the Sky", rescatamos unha das mellores versións que se fixeron dela. A de Noa, no álbum Now (2002).


Recentemente, moitos sinalan que "Need You Now", de Lady Antebellulm, reproduce a melodía de "Eye in the Sky", deixando de lado os samples que teñen empregado algúns artistas de hip hop. A banda de country pop fíxose mundialmente coñecida por esta canción que lle dá título ó seu segundo disco, que se editou en  2010.



mércores, 3 de xullo de 2013

While My Guitar Gently Weeps

Na intensa traxectoria dos Beatles non só as cancións de Paul e John cambiaron o transcurso da música. As composicións de George Harrison tamén están á altura, mesmo ás veces por riba das da parella que lideraba a mellor banda da historia. A sensibilidade e o talento únense dunha maneira máxica nas composicións de George para engrandecer a lenda dos Beatles. "While My Guitar Gently Weeps", pertencente a The White Album (1968) é unha das catro cancións que George Harrison achega ó noveno traballo discográfico dos de Liverpool, e iso que ó principio non convencía moito nin a John Lennon nin a Paul McCartney. Tras varias sesións no estudio, George convidou a Eric Clapton para que tocase a guitarra e o resultado foi o definitivo.


Unha das versións máis persoais que se fixeron de "While My Guitar Gently Weeps" e que non podemos obviar é a de Peter Frampton no álbum Now (2003).


Aínda que para versións arriscadas, a da banda de jazz The Rippingtons no álbum Brave New World (1996).


E que dicir da versión versión métal de Spineshank no álbum Strictly Diesel de 1998?


Mais o éxito de "While My Guitar Gently Weeps" non só se limita ás versións. Moitos sinalan que a súa influencia é patente na melodía da canción de Cheap Trick "If You Want My Love" que aparece no disco One on One (1982).

http://www.goear.com/listen/fabe696/if-you-want-my-love-cheap-trick

Tamén se pode rastrexar o rastro de "While My Guitar Gently Weeps" no retrouso de "She's Electric", a canción de Oasis que pertence a (What's the Story?) Morning Glory (1995).

http://www.goear.com/listen/78cf532/shes-electric-oasis