martes, 30 de xullo de 2013

Someone to Call My Lover

Imos ver hoxe outra canción que bebe das fontes doutras melodías e que converxen nun novo tema. Esta vez a nosa protagonista é Janet Jackson, que se valeu dos samples de dúas cancións para crear "Someone to Call My Lover", o terceiro single que se extraeu do sétimo álbum da irmá pequena da familia Jackson All for You (2001). Tanto na autoría coma na produción, Janet contou coa axuda de Terry Lewis e Jimmy Jam. Así lles quedou "Someone to Call My Lover".


Calquera que coñeza un pouco a música dos primeiros anos 70 recoñecería sen dificultade o sample da canción de America "Ventura Highway", pertencente o disco Homecoming (1972). A canción composta por Dewey Bunnell é tan evidente que obrigatoriamente, o seu nome figura nos créditos do traballo de Janet Jackson.


Mais o certo é que tamén "Someone to Call My Lover" tamén recupera a peza clásica para piano que o compositor francés Erik Satie creou en 1888 baixo o título "Gymnopédie Nº 1", que iniciaba unha serie de composicións que lle haberían de aumentar o prestixio de Satie nos círculos musicais do momento. Malia que non é tan visible como no tema de America, hai anacos na canción de Janet nos que se aprecia moi ben.



Ningún comentario:

Publicar un comentario