martes, 23 de xullo de 2013

Quen puidera namorala

Entre os anos 60 e 70 o folk tivo un predominio destacado dentro da música contemporánea. Os cantautores non só compuñan novas cancións, senón que en moitos casos recuperaban cantos tradicionais e púñanlle música ós seus poemas favoritos. Esta tendencia universal non foi allea á poesía galega, que grazas a cantautores coma Amancio Prada e Luís Emilio Batallán, entre outros, musicalizaron os mellores poetas galegos. Os poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, etc. quedaron ligados así a unha melodía propia, un son que os emparentaba coa poesía medieval que se cultivou nestas terras, coma se fose imposible que un poema carecese aquí da súa propia música. Un dos exemplos máis coñecidos e versionados é o poema de Cunqueiro "No niño novo do vento", pertencente á obra neotrobadorista do autor de Mondoñedo Cantiga nova que se chama riveira (1933). Luís Emilio Batallán, no disco Ahí vén o Maio (1975), rebautizouna como "Quen poidera namorala" (Cunqueiro escribíraa así, "poidera"), o verso principal do retrouso. A fermosura é tal que mesmo chegou a servir de banda sonora dalgunha película como "Pradolongo".


Astarot pechaba o seu álbum O Sentir dunha Terra (2008), cunha estupenda versión do poema de Cunqueiro, no primeiro disco que a banda de Cangas do Morrazo lle dedicou a cancións tradicionais galegas.


Outro músico galego como Xoel López tamén gravou unha versión que se debe ter en conta.


E por último, rematamos cunha das actuacións que Rosa Cedrón ( ex intérprete de Luar na Lubre) e Cristina Pato realizaron xunto con Laura Amado no Festival de Ortigueira desta canción. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario