venres, 31 de xullo de 2015

Money (2)

Hai que ver a de boas cancións que quedaron fóra do primeiro monográfico dedicado ó diñeiro e, xa que logo, vai sendo hora de retomar unha segunda parte, constituíndo unha nova serie con novas entregas, en canto reunindo máis cancións sobre o mesmo contido que dean para novas entradas. Esperamos que as de hoxe vos deixen con bo sabor de boca. Comezamos con Patti Smith e a súa canción "Free Money", do álbum Horses (1975).

https://youtu.be/-3V1rNEmbRo

Seguimos coa Steve Miller Band e "Take the Money and Run", que titula ó álbum de 1976 da banda de San Francisco

https://youtu.be/Y7KjQrUVJ10

A finais dese mesmo ano, ABBA publicaba o álbum Arrival (1976) onde unha das canción estrelas é "Money Money Money".

https://youtu.be/uP0sC_s5EfE

Do mesmo título que a canción de ABBA, "Money Money Money", é a canción de Kevin Ayers, pertencente ó álbum Tha's What You Get Babe (1980).

https://youtu.be/etPFGcoR0Aw

Unha das cancións máis coñecidas de Donna Summer é a que titula ó álbum de 1983 She Works Hard for the Money. Un tema que mostra a realidade de moitas persoas, especialmente as mulleres, que teñen que traballar moi duro para poder chegar a fin de mes.

https://youtu.be/09ZSKE38lTU

xoves, 30 de xullo de 2015

Back to Life

No debut de Soul II Soul, Club Classsics Vol. One (1989), hai cancións tan imperecedeiras coma "Back to Life", un dos singles que levou ó estrelato a este grupo inglés, herdeiro do son que Chic iniciara varios anos antes. Xa o primeiro single do álbum "Keep on Moving" conseguira fixar a atención de crítica e público en Soul II Soul, pero o retrouso de "Back to Life" co verso "However Do You Want Me?", que lle serve de subtítulo, fixo todo o demais. "Back to Life" conquistou os primeiros postos das listas de vendas e está considerada unha das grandes cancións de R&B dos oitenta. Ó igual que en "Keep on Moving", Caron Wheeler ponlle a voz a este gran tema.


O impacto de "Back to Life" foi inmediato e o seu son non tardou moito en ser adoptado por outros artistas, especialmente do mundo do hip hop, pero tamén do ámbito do pop rock. The Beautiful South rematan a súa canción "My Book", do álbum Choke (1990) co famoso retrouso de "Back to Life".


Tamén dese mesmo ano é a canción de Enigma "Sadeness (Part I)", do álbum MCMXC a.D. (1990), que reproduce parte do son do tema de Soul II Soul .

mércores, 29 de xullo de 2015

Hey, Soul Sister

Desde os seus primeiros traballos Train conta entre os seus fans máis ilustres con Bruce Springsteen, pero nin sequera ese apoio explícito lle serviu á banda comandada por Pat Monahan para chegar ó gran público, tendo no seu haber cancións tan espectaculares coma "Drops of Jupiter" e "Calling All Angels". Houbo que esperar ó quinto álbum, Save Me San Francisco (2009), para que por fin Train dese o gran salto á primeira liña e fose unha banda recoñecida en todo o mundo. Boa culpa do éxito do disco, co que Train homenaxeaba a súa cidade, San Francisco, débese a un refrescante primeiro single, que meses despois, no verán de 2010 sería unha das cancións estivais favoritas de locais e radiofórmulas. Falamos naturalmente de "Hey, Soul Sister", un tema escrito por Monahan e os compositores suecos Amund Bjorklund e Espen Lind, que tamén participan noutras cancións. 


A canción máis exitosa do cuarto álbum de Simple Plan, Get Your Heart On! (2011) é "Summer Paradise", cantada no álbum xunto con K'Naan e na edición single, con Sean Paul. A moitos críticos non se lles escapa que esta canción de Simple Plan ten un certo aire de similitude coa de Train.

martes, 28 de xullo de 2015

I Want to Tell You

Das catorce cancións do álbum Revolver (1966) dos Beatles, só tres levan a firma de George Harrison. Unha delas é "I Want to Tell You", que Harrison compuxo unha vez na que non era capaz de transformar en palabras os seus pensamentos. Desa situación que todos vivimos de vez en cando, xurdiu unha canción que reforza o sentimento de frustación con notas disonantes que escurecen a melodía, pero que non impediu que "I Want to Tell You" gozase dunha gran popularidade, especialmente entre os músicos doutras bandas.


The Monkees baseáronse no riff de guitarra de "I Want to Tell You" para compór "Pleasant Valley Sunday", single que editaron en 1967.


Seguindo a canción de The Monkees, The Rembrandts compuxeron "I'll Be There For You", a famosísima banda sonora da serie Friends e que tamén se incluíu no álbum do dúo LP (1995). Sen ningún xénero de dúbidas, "I'll Be There For You" remite a "Pleasant Valley Sunday" no seu comezo e mesmo hai quen afirma que tamén ten un pouco de "I Feel Fine", canción dos Beatles de 1965 que non deixa de ter o seu aquel, e que por tanto, deixamos para outra ocasión. O que si se pode concluír é a enorme influencia do pop rock dos sesenta na canción de The Rembrandts.

luns, 27 de xullo de 2015

Fool for Your Loving

 O terceiro álbum de Whitesnake, Ready an' Willing (1980) anunciaba que a escena hard rock de finais dos setenta contaba cunha nova banda que ía escribir unha das mellores páxinas do rock dos oitenta. Se os primeiros traballos de Whitesnake tiveron unha acollida máis ben morna, Ready an' Willing supuxo o doce despertar destes ingleses, que dende entón non baixarían dos postos máis altos das listas de vendas. O gancho deste terceiro disco é a primeira canción que atopa o oínte e que tamén foi o single de lanzamento do álbum. Trátase de "Fool for Your Loving", que lle abriu as portas do éxito a Whitesnake.


Hai certos ecos do riff de "Fool for Your Loving" na canción de Slade "Lock Up Your Daughters", pertencente ó álbum Till Deaf Do Us Part (1981). Casualidade ou non, o feito de que unha banda veterana como Slade gravase un tema que recorda un pouco ó de Whitesnake, que case acabaran de chegar, mostra o potencial da banda de David Coverdale.

venres, 24 de xullo de 2015

All Around the World

Certo é que "All Around the World" non é o título máis orixinal para unha canción, polo que nos dá para facer un monográfico con cancións que se chaman así, cancións que fan xirar todo arredor do mundo. Comezamos coa de Little Richard, que apareceu na cara B de "The Girl Can't Help It" (1956).

https://youtu.be/5PurMspDDJA

The Jam tamén editou un single no verán de 1977 con ese título, que é unha boa mostra de punk.

https://youtu.be/GPktB0NHwDY

Unha das cancións máis fermosas das que se titulan "All Around the World" é a de Lisa Stansfield, no álbum Affection (1989).

https://youtu.be/xbEkjsGevss

Hai que dicir en descargo dos irmáns Gallagher, con sona dabondo de "apropiarse" e remodelar melodías alleas, que o seu "All Around the World", pertencente a Be Here Now (1997), é unha composición totalmente orixinal. Incluso para a crítica é unha das mellores cancións de Oasis e a única homenaxe que se lle pode achacar está no videoclip, inspirado no "Yellow Submarine" dos Beatles. 

https://youtu.be/bdT8ixdxPX4

Pero ás veces pasan cousas raras, sobre todo cando un artista consagrado se xunta con produtores especializados en remixes. Que llo pregunten a Lionel Richie cando se puxo en mans de Bob Sinclair para remesturar o seu "All Around the World", pertencente a Coming Home (2006), que só serviu para acentuar as críticas negativas a esta canción.

https://youtu.be/AxZww3SjdoY

Por certo, esta é a orixinal de Lionel Richie.

https://youtu.be/lm5NcvSDZig

xoves, 23 de xullo de 2015

Love Missile F1-11

Outra banda que naceu ó abeiro da febre da new wave dos oitenta foi Sigue Sigue Sputnik. Esta banda británica de estética imposible conseguiu lograr un son propio coa influencia do post punk, o glam rock e o electropop máis en boga do momento. Debutaron co álbum Flaunt It (1986) e o primeiro single foi "Love Missile F1-11", que co paso dos anos sería a única canción pola que os rapaces de Sigue Sigue Sputnik aínda son recordados na actualidade, e iso que o seguinte single, "21st Century Boy" tamén apuntaba alto, xa que reproduce o mesmo patrón compositivo de "Love Missile F1-11". Por outra banda, o gran éxito de Sigue Sigue Sputnik ten unha débeda con outras cancións do xénero.


A elaboración de "Love Missile F1-11" sostense no son de dúas cancións precedentes, que están na orixe da new wave. Unha delas é "Rocket USA", do álbum epónimo de Suicide (1977), que lle proporcionou á canción de Sigue Sigue Sputnik a súa base.


Aínda que en menor medida, a outra canción é a de Devo "Girl U Want", do álbum Freedom of Choice (1980), para a cal unha boa parte da crítica tamén está detrás doutro trallazo da época, o "My Sharona" de The Knack, que xa pasou anteriormente polo blog.

https://youtu.be/8fgqzJMJBSw

mércores, 22 de xullo de 2015

Glósóli

Na discografía de Sigur Rós, o cuarto traballo discográfico, Takk (2005), é o máis aclamado pola crítica, á vez que con el a carreira da banda islandesa despegou definitivamente en todo o mundo, facendo que a súa música fose recoñecida á primeira escoita. Ese éxito débese a unhas cancións ben construídas e a un sentido da beleza musical que emana de cada un dos acordes das cancións de  "Takk...",  coma "Hoppípolla", "Takk..." e a que hoxe vos presentamos, "Glósoli", que foi o single de presentación do álbum. 


"Glósoli" é unha das poucas cancións de Sigur Rós que conta cunha versión, canto máis, nunha lingua diferente do islandés. Sarah Brightman adaptouna ó inglés no álbum Dreamchaser (2013) deixando o título orixinal.

martes, 21 de xullo de 2015

All Along the Watchtower

Como un dos cantautores máis prolíficos da historia da música, Bob Dylan xa daba mostra dunha enorme creatividade desde os seus comezos. Por se fose pouco, tralo accidente de moto que sufriu no verán de 1966  que o tivo un tempo afastado da escena, Dylan aproveitou para seguir compondo novos temas que logo se concretarían nun álbum de seis cancións, titulado John Wesley Harding (1967), que suporía a volta do cantautor á primeira liña trala longa convalecencia. Ademais con John Wesley Harding, Bob Dylan retomaba o folk dos primeiros traballos, deixando de lado o rock máis eléctrico que caracterizaba os seus últimos discos e que tanta controversia levantara entre os seus seguidores. "All Along the Watchtower" foi o segundo single de John Wesley Harding, unha fabulosa peza folk rock con trazos dos seus últimos discos.


Como practicamente toda a discografía de Bob Dylan, "All Along the Watchtower" é unha canción moi versionada, aínda que a versión máis importante é a que fixo Jimi Hendrix no álbum Electric Ladyland (1968), aínda hoxe insuperable na opinión de moitos críticos.


O rapeiro Devlin fixo unha revisión moi libre da canción de Dylan, levándoa ó seu terreo. Sampleando a de Jimi Hendrix, esta nova versión co nome de "Watchtower" pertence ó álbum A Moving Picture (2013) e esta interpretada canda Ed Sheeran, que colabora con Devlin neste primeiro single do álbum do rapeiro inglés.

luns, 20 de xullo de 2015

Thank You For Talkin' To Me Africa

Como pioneiros do funk cando este comezou a pórse de moda nos anos setenta, Sly and the Stone Family continuaban en plena forma co lanzamento de There's a Riot Goin' On (1971), quinto álbum na andaina da formación de San Francisco. Tras publicar un compilatorio de grandes éxitos que recollía o mellorciño que colleitaran ata o momento, procedente de Stand! (1969), Life (1968), Dance to the Music (1968) e A Whole New Thing (1967), o novo álbum afianzaba a posición que Sly and the Stone Family acada como baluarte do novo estilo funk. Cunha mirada posta en África que recorre todo o álbum, a canción que o pecha resume a súa esencia: "Thank You For Talkin' To Me Africa".


Norman Cook nunca ocultou a súa admiración pola obra de Sly and the Stone Family e ó longo da súa andaina en diferentes proxectos pódese apreciar a sombra dos de San Francisco. Cando puxo en marcha Beats International, "Thank You For Talkin' To Me Africa" serviu de base para a canción "Burundi Blues", do álbum de debut Let Them Eat Bingo (1990).

venres, 17 de xullo de 2015

Summer

E xa está aquí o verán, a estación máis alegre do ano, onde as horas de luz parecen interminables, así que ben merece que fagamos un pequeno repaso por algunhas cancións dedicadas á época estival. Nesta nova entrega non podía faltar a famosa canción de Mungo Jerry, "In the Summertime", do álbum Electronically Tested (1971). "In the Summertime" é a canción que mellor capta o espírito do verán, a canción por excelencia, cun son refrescante que invita a gozar do bo tempo, das vacacións e de todas as posibilidades que se ofrecen no estío. 


Malia que ningunha outra canción representa tan ben o verán como a de Mungo Jerry, na nosa pequena lista tamén é imprescindible "Summer of '69" de Bryan Adams que aperece en Reckless (1984), todo un canto á morriña dos veráns da infancia e a adolescencia, que sempre resultan ser os mellores.


Noutra orde , o guitarrista Joe Satriani dedicoulle ó verán "Summer Song", en The Extremist (1992). Nada mellor que bo ritmo ensamblado cunha guitarra eléctrica para aturar a calor.


Texas ofreceunos en "Summer Son", de The Hush (1999), a cara máis sensual de Sharleen Spiteri, lembrándonos que nesta época do ano a paixón se dispara.


 A-ha volveu despois de moito tempo con  "Summer Moved On",  single de presentación de Minor Earth Major Sky (2000). Unha balada pop ideal para contemplar o crepúsculo cando cae o sol.


E sen ser paxaro de mal agoiro Fuel fálanos dun verán frío "Cold Summer", canción de Puppet Strings (2014).

xoves, 16 de xullo de 2015

It's Only Make Believe

A finais dos anos cincuenta o pop melódico con trazos de rockabilly e country atopou unha forma de canalizarse nas voces de novos solistas que foron labrando un nome e que tivo en Elvis Presley o seu maior exponente. Pero xunto ó rei do rock brillan tamén outros artistas coma Conway Twitty, menos coñecidos para o gran público, pero que no seu momento colleitaron varios éxitos, especialmente en Estados Unidos, nutrida canteira de este tipo de artistas. Conway Twitty presentouse co álbum Conway Twitty Sings (1958), onde se inclúe o medio tempo "It's Only Make Believe".


James Brown, que admiraba o traballo de Conway Twitty, inspirouse no retrouso de "It's Only Make Believe" para compór "Lost Someone", single que editou en 1961, que ten o mesmo estilo có de Twitty.


 Cat Power fixo unha versión de "Lost Someone" no álbum Jukebox (2008). Malia que mantén o mesmo ritmo da orixinal, áchase de menos o poderío vocal que atesoura Brown.

mércores, 15 de xullo de 2015

Amazona

O legado que deixou Bo Diddley co seu característico son deu lugar a cancións dos máis variados estilos. Un bo exemplo é a canción de  Roxy Music "Amazona", que compón o corte 3 de Stranded (1973), terceiro álbum da banda de Bryan Ferry. Malia que non se chegou a editar como single, "Amazona" é un dos temas máis coñecidos do disco e tamén a única ocasión que se atopa en Stranded de apreciar unha composición feita a medias entre Ferry e o guitarrista de Roxy Music, logo produtor de éxito, Phil Manzanera.


Ice-T  baseou parte do son da súa canción "That's How I'm Living", pertencente a Home Invasion (1993), en  "Amazona".

martes, 14 de xullo de 2015

Be My Baby

Phil Spector impulsou nos seus primeiros tempos coma produtor un número importante de grupos femininos vocais coma The Ronettes, que coa canción "Be My Baby", do álbum Presenting the Fabulous Ronettes featuring Veronica (1964), foi dos máis aclamados. Non era para menos, pois xa o comezo de "Be My Baby" non pode ser máis característico, marcado polo ritmo da batería, que fixo que moitos outros artistas o reproducisen nas composicións de seu. Aquí van algúns exemplos.


Unha das primeiras foi a de Billy Joel, "Say Goodbye to Hollywood", tema inédito do álbum en directo Songs in the Attic (1981).


The Alan Parsons Project tamén se achegaron moito con "Don´t Answer Me", de Ammonia Avenue (1984), con claras reminiscencias de "Be My Baby".

https://youtu.be/JLvFbBR4XOg

Un ano despois no álbum Psychocandy (1985), The Jesus and Mary Chain incluían "Just Like Honey", nunha proba de que a canción das Ronettes chegara mesmo ata o pop rock máis moderno e independente.

https://youtu.be/470HnRobKLc

Outro exemplo é The Magnetic Fields con "Candy", pertencente ó álbum The Wayward Bus (1992).


Unha das máis recentes que comeza de igual modo que "Be My Baby" é a canción de Gotye, "Learnalilgivnanlovin", de  Like Drawing Blood (2006).

luns, 13 de xullo de 2015

Wonderful Tonight

Unha das máis fermosas composicións de Eric Clapton é "Wonderful Tonight", un dos singles de Slowhand (1977). Con este quinto álbum en solitario, Clapton ofrece unha colección de cancións na que mostra todo o seu virtuosismo á guitarra, confirmando precisamente o seu alcume de "Man Lenta". Xunto as composicións de J.J. Cale ("Cocaine"), Don Williams ("We're All the Way") e John Martyn, entre outros ("May You Never"), "Wonderful Tonight" é unha das poucas que leva a autoría de Clapton, amosando nesta ocasión a vertente máis romántica do guitarrista. Está dedicada á súa primeira esposa, Pattie Boyd, que anteriormente estivera casada cun bo amigo de Clapton, George Harrison.


Na discografía de Clapton, tamén destaca "Tears in Heaven", unha emotiva balada composta á memoria do seu fillo Conor, que morreu con catro aniños. Incluída no álbum Unplugged (1992) e na banda sonora de Rush dese mesmo ano, a gañadora de tres Grammys "Tears in Heaven" contén algúns ecos de "Wonderful Tonight", que fan de senllas composicións case irmás xemelgas.