Jackie DeShannon incluíu no seu álbum New Arrangement (1975) unha canción dedicada ós ollos da actriz Bette Davis, que escribiu xunto con outra afamada cantautora, Donna Weiss. Ó igual que as restantes cancións que compoñen o disco, "Bette Davis Eyes" é unha composición country con algúns elementos de folk e tampouco é das máis relevantes que levan a sinatura de DeShannon, que xa daquela parecía entrar no ocaso da súa carreira. De feito, o único single que se extraeu de New Arrangement "Let the Sailors Dance" non chamou especialmente a atención. Pero si habería dúas cancións do álbum que outros artistas versionaron, unha delas, "Boat to Sail" polos Carpenters coa colaboración de Brian Wilson, e a outra, a que nos ocupa hoxe, "Bette Davis Eyes", por Kim Carnes.
Con toda a seguridade, "Bette Davis Eyes" non chegaría a acadar tanta popularidade de non ser pola versión que Kim Carnes realizou no seu álbum Mistaken Identity (1981) transformándoa nunha das cancións máis recoñecidas da new wave, grazas ó seu son renovado, que a distingue sobremaneira da versión orixinal.