martes, 30 de abril de 2013

Fingertips

Apenas acababa de comeza-la súa andaina na música cando o pequeno Stevie Wonder se animou a publicar un álbum en directo cun feixe de novas cancións para maior gloria do selo Motown. Todo un reto de Wonder do que saíu plenamente airoso. Era o ano 1963 e editouse co título Recorded Live: The 12 Year Old Genius facendo referencia á curta idade de Stevie Wonder, así como a categoría de xenio, toda unha realidade que se foi confirmando cos anos. O primeiro single "Fingertips" e unha demostración da forza que Stevie tiña nos escenarios, un mestre do ritmo que non se deixou impresionar ante o público que agardaba o seu talento.


E como referencia indiscutible do R&B, Stevie Wonder inspirou mesmo os máis grandes que viñeron detrás del. Prince acordouse deste temperán éxito de Stevie para compoñer "I Feel for You" no álbum epónimo de 1979, malia que a popularidade desta canción acadouse na voz de Chaka Kahn no disco homónimo de 1984.


"Fingertips" tamén serviu de sample nalgún tema de hip hop. Un dos primeiros é o de Le Juan Love na canción "Everybody Say Yeah" en 1988. A harmónica de Stevie Wonder é inconfundible.

luns, 29 de abril de 2013

Say It Ain't So, Joe

O musical Xesucristo Superstar foi dos máis importantes dos anos 70 e deu a coñecer a moitos dos actores que participaban nel e mesmo contribuiu a aumentar a fama que estes xa tiñan (pensemos o que pasou en España con Camilo Sesto, protagonista da versión española). No Reino Unido, Murray Head puido seguir cunha carreira musical en certa medida envexable, xa que acadou algúns éxitos internacionais cos discos que foi publicando. No seu segundo traballo discográfico Say It Ain't So, Joe (1975), a canción que lle dá título e das máis famosas.


"Say It' Ain't So, Joe" conta cunha espléndida versión en castelán a cargo dos navarros Tahúres Zurdos. A banda dos irmáns Beltrán, coa voz de Aurora ó frente, verteron a canción de Murray Head no álbum Básico Tak (1998) con dúas versións. Esta é a que pecha o disco.


A primeira versión, coa que se abre o álbum conta coa colaboración do propio Murray Head.

venres, 26 de abril de 2013

Walk of Life

O quinto álbum de Dire Straits Brothers in Arms publicado en 1985 foi posiblemente o disco da banda de Mark Knopfler que conquistou a máis seguidores. Contén nove cancións e todas mostran o enorme talento de Knopfler e compañía. Nese álbum hai dende cancións melancólicas como a que abre o disco, "So Far Away" e baladóns como a que lle dá título ó disco, ata cancións cheas de optimismo coma "Walk of Life", das máis alegres da banda.


E seguramente a mesma musa que inspirou a Knopfler para compór "Walk of Life" o acompañou para compór "Cannibals", unha das cancións que aparecía no primeiro disco en solitario do líder de Dire Straits Golden Heart (1996). A mesma frescura e o mesmo ritmo estival, fai que "Cannibals" sexa case unha irmá xemelga de "Walk o Lilfe".

xoves, 25 de abril de 2013

Danse des Petits Cygnes

Un dos compositores clásicos máis renovadores do século XIX é o ruso Pyotr Chaikovski que destacou especialmente no eido dos ballets, xa que a el se deben algunhas das composicións máis recoñecidas por todos os públicos coma "O Crebanoces" e "O Lago dos Cisnes". Hoxe presentámosvos un extracto deste último, a parte coñecida com a "Danza dos Cisnes Pequenos", de 1895 e que, como veremos, serviu de inspiración para algúns músicos do século XX, que en principio, non se dedicaron á composición clásica. A interpretación corre a cargo do xaponés Yoshiro Kimura.


O electropop tivo o seu momento de apoxeo a finais dos anos 70 e foi o estilo predominante nos 80, mais xa dende os anos 60 algúns músicos empezaron a experimentar con sons electrónicos na música. É o caso de Perrey e Kingsley, dous músicos americanos que dende moi novos formaron un duo cuxa música estaba baseada nos sons electrónicos combinados cos psicodélicos que predominaban a mediados da década de 1960. En 1966 editaron o seu primeiro disco The In Sound from Way Out! cuxa canción máis popular é "Swan's Splashdown", que curiosamente recolle parte do sons da composición de Chaikovski.


En 1997 Smash Mouth retomou a parte moderna  de "Swan's Splashdown" para crear "Walkin' on the Sun", primeiro single do álbum de debut dos californianos Fush Yu Mang. 

mércores, 24 de abril de 2013

Games People Play

Despois de traballar como enxeñeiro de son para grupos e artistas da categoría dos Beatles e de Pink Floyd, Alan Parsons decidiu montar a súa propia banda xunto con Eric Woolfson á que bautizou The Alan Parsons Project a mediados dos 70. En 1980 xa tiñan publicado catro discos e ese mesmo ano saíu á luz o quinto, The Turn of a Friendly Card que afondaba no rock progresivo polo que se decantaran dende as orixes do proxecto. Un dos temas destacados dese álbum é "Games People Play", que conta con ese son tan característico da banda, que fai que calquera canción de The Alan Parsons Project sexa unha marabilla.


"Games People Play" conta cunha curiosa versión en castelán que respecta á perfección a orixinal. Os asturianos Cuélebre, unha desas bandas que nos anos 80 máis fixeron por achegar á música electrónica que se estaba facendo no resto do mundo ó panorama musical español, adaptaron a canción de The Alan Parsons Project baixo o título "Juegos de la Gente" que aparece no seu segundo disco Ave Fénix, publicado en 1983.


Xa no novo século, "Games People Play" sampleouse nalgunha canción, coma na de Soul DuJour "Here We Go Again", unha canción dance cun estilo que lembra moito a Daft Punk en 2001.



martes, 23 de abril de 2013

Everybody Needs Somebody

Xunto con Jerry Wexler e Bert Berns, Solomon Burke escribiu unha das mellores cancións soul que se coñecen: "Everybody Needs Somebody". Cun ritmo moi bailable e optimista, non tardou moito en ser versionada por algúns dos principais artistas do momento. Era o ano 1964 e Solomon Burke xa colleitara uns cantos éxitos como cantante de gospel aínda que a fama chegoulle tras fichar pola discográfica Atlantic, coa que editou numerosos singles desde o comezo dos 60, mais "Everybody Needs Somebody"  é talvez o máis recordado.


A lista de versións é moi ampla e destacan de maneira significativa a dos Stones, así como a de Wilson Pickett e a de Dusty Springfield, pero imos quedar cunha canción baseada en "Everybody Needs Somebody". Trátase dun dos primeiros éxitos de Small Faces, "Watcha Gonna Do About It", tema co que se deron a coñecer en 1965 e que pertence ó disco epónimo da banda pola que pasaron Rod Stewart e Ronnie Wood.

luns, 22 de abril de 2013

Bombay Calling

O fervedoiro musical que era a cidade de San Francisco a finais dos anos 60 repercutiu nunha cantidade enorme de bandas dedicadas ó rock, e moitas delas fixeron que a psicodelia, máis ca unha moda, tivese un sitio privilexiado dentro das correntes rock daqueles anos. Unha desas bandas que nos deixaron os 60 procedentes de San Francisco é It's a Beautiful Day, que se caracterizou por mesturar a formación clásica dos seus componentes cos ritmos folk e rock do momento. O seu primeiro álbum de longa duración It's a Beautifu Day (1969) contén o tema instrumental "Bombay Calling", un dos máis influentes.


A música de It's a Beautiful Day marcou ós membros de Deep Purple, que tan só un ano despois, no álbum Deep Purple in Rock (1970) incluían a canción "Child in Time", da que Ian Gillan recoñeceu en varias ocasións que estaba baseada en "Bombay Calling".



venres, 19 de abril de 2013

You're Not Stubborn

No ano 2010 os norirlandeses Two Door Cinema Club dábanse a coñecer cun disco que recuperaba os sons da New Wave, coma se de súpeto esta banda volvese dunha viaxe no tempo. Malia ese componente revival Tourist History tivo unha boa aceptación por parte dos críticos, que agradecían a frescura que esta nova banda lle imprimía a un estilo bastante trillado na súa época de esplendor e de feito, o disco que sacaron o ano pasado Beacon confirmou as expectativas de que Two Door Cinema Club é unha banda que hai que ter moi en conta. Tourist History péchase con "You're Not Stubborn", unha canción representativa do son New Wave.


E por cousas da vida, en 2011 produciuse acontecemento esperado por moitos: a volta á actualidade de The Cars, que despois de máis de vinte anos de silencio, publicaron un novo disco Move Like This con cancións totalmente novas, nada de recompilatorio de grandes éxitos con algún tema inédito. O primeiro single que se editou dese álbum é "Sad Song", que polo ritmo que ten, non é para nada unha canción triste. As reaccións a esta canción foron máis ben de escepticismo, xa que moitos críticos vírona coma unha canción máis do repertorio de The Cars e por suposto, moi semellante a outras do mesmo grupo. Mais para outros, a pregunta que máis lle rondaba na cabeza era se o incipiente éxito de Two Door Cinema Club non tería algo que ver con este regreso...

xoves, 18 de abril de 2013

Albatross

A primeira etapa de Fleetwood Mac está marcada por un maior apego da banda ó blues e ó rock, coa guitarra de Peter Green como protagonista indiscutible de case tódalas composicións. A súa forma de tocar serviulle de modelo a moitos guitarristas que non dubidaron en imitar a Peter Green. Deses primeiros anos da formación, destaca "Albatross", unha canción instrumental asinada polo propio Green, que viu a luz en 1968 como single independente que sería recompilado un ano máis tarde no disco English Rose (1969), o primeiro álbum de "grandes éxitos" da banda que ata o momento, só publicara dous discos de longa duración, os dous editados un ano antes.


A popularidade que acadou "Albatross" no ano 1968 conquistou tanto a John Lennon coma a Paul McCartney, que se inspiraron no son desta canción para compór "Sun King", un dos temas de Abbey Road (1969).



mércores, 17 de abril de 2013

Kashmir

Ás bandas de rock progresivo sempre lles gustou gravar cancións longas de máis de cinco minutos, xusto cando o formato que se impoñía era o de cancións algo máis curtas para que soasen nas radios, polo que as discográficas se vían na obriga de sacar unha edición especial. Pero en ningún momento iso supuxo un problema para os músicos, pioneiros do que logo habería ser o maxi-single que tanto triunfou nos 80. Unha desas bandas que tanto gozaban creando longas cancións é Led Zeppelin. Igual que o mítico "Starways to Heaven", nos discos de Led Zeppelin atopamos outras cancións como "Kashmir", de máis de oito minutos, cun son envolvente onde os haxa, e que tamén é un dos grandes temas de Jimmy Page e compañía. Pertence a Physical Graffiti, o álbum de 1975.


Unha das principais cancións inspirada en "Kashmir" é "Heaven Tonight", de Cheap Trick, onde a banda de Rick Nielsen tentou buscar un son envolvente parecido ó de Led Zeppelin nesa canción. "Heaven Tonight" editouse por primeira vez no álbum do mesmo título que apareceu no mercado en 1978, pero logo tamén aparecería na cara B dalgúns singles posteriores de Cheap Trick.

martes, 16 de abril de 2013

Man in Black

En 1970 Johnny Cash xa era un artista consagrado nos Estados Unidos cunha trintena de discos as súas costas, mais toda esa sona non volveu compracente ó artista country, que seguía comprometido coas causas sociais que se desenvolvían daquela e tampouco era alleo ós grandes problemas como a guerra de Vietnam, que ameazaba a estabilidade do país. Concienzado coa época convulsa na que se atopaba, en 1971 editou Man in Black, un dos traballos máis reivindicativos de Cash. A canción que lle dá título ó álbum é hoxe unha das cancións protesta máis recoñecibles desa década.


Johnny Cash é un referente para moitos artistas que adoptaron o seu estilo. En España un dos alumnos aventaxados de Cash é José María Sanz. En 1993 Loquillo y Los Trogloditas publicaron Mientras Respiremos, que contén unha fermosa versión de "Man in Black" en castelán chamada "El Hombre de Negro".


Posto que é unha das cancións favoritas de Loquillo, este volveu a ofrecer ós seus seguidores unha nova versión de "El Hombre de Negro" en Hermanos de Sangre (2006) que, ademais de contar cun son renovado, están presentes as voces doutros tres grandes intérpretes: Bunbury, Jaime Urrutia e Andrés Calamaro. Poucas cancións reúnen a tantos mestres.




luns, 15 de abril de 2013

Bedtime Story

A comezos dos anos 90 a repercusión que a música de Björk acadou en medio mundo non deixou indiferente a ninguén, nin tan sequera para a mesma Madonna, que cun olfacto privilexiado para atopar o éxito, decidiu contar coa colaboración da islandesa no álbum Bedtime Stories (1995). Xa no anterior disco de Madonna, Erotica (1992), a raíña do pop xa se reinventara probando cuns sons moito máis electrónicos sen renunciar ó seu estilo provocativo, que xa era formaba parte da posta en escena de Madonna. Para Bedtime Stories, Madonna conseguiu que Björk lle escribise un tema, o envolvente "Bedtime Story".

http://www.goear.com/listen/9576091/bedtime-story-madonna-

E moi pronto, a influencia deste tema de Madonna se fixo notar. En menos dun ano, Garbage gravaban "Number One Crush", unha canción para a banda sonora da película "Romeo e Xulieta", que xa aparecera nas caras B dalgúns singles que Garbage editaran. Algúns dos produtores desta canción son os mesmos que traballaron con Madonna e non dubidaron en engadir algún sample de "Bedtime Story" á canción de Garbage. Publicouse a finais de 1996 na banda sonora da película.

http://www.goear.com/listen/4b623dc/number-1-crush-garbage

venres, 12 de abril de 2013

Enjoy the Silence

Agora que Depeche Mode volveu á actualidade cun novo disco, imos lembrar "Enjoy the Silence", unha das cancións que incluíron en Violator (1990), o sétimo álbum da banda de Dave Gahan e Martin Gore, que fixo as delicias dos seus seguidores de sempre e conquistou milleiros de adeptos en todo o mundo, os que ata ese momento o son destes ingleses non acababa de convencer. De feito, ese disco, e máis en concreto "Enjoy the Silence" demostrou que Depeche Mode era algo máis que unha banda especializada na música oitenteira por excelencia e que o seu estilo inconfundible se habería de perpetuar no tempo, dándolle a Depeche Mode o estatus dun dos mellores grupos destas últimas décadas.


"Enjoy the Silence", convertida xa en referente, serviulle de base a Saint Etienne para crear "Duke Duvet", un tema instrumental, que aparecía na cara B do single "You're in a Bad Way", pertencente ó álbum So Tough (1993).

xoves, 11 de abril de 2013

Leningrad

Hoxe imos volver ver outro exemplo da influencia da música clásica na música contemporánea máis innovadora. É evidente que as obras clásicas non se caracterizan precisamente por ter títulos orixinais que as diferencien doutras obras e por "Sétima Sinfonía" podemos atopar a moitos compositores. Mais neste caso, referímonos á "Sétima Sinfonía" tamén coñecida como "Leningrad", de Dmitri Shostakovich, un dos compositores rusos que máis repercusión tivo no século XX. O seguinte fragmento pertence o cuarto movemento. A Sétima Sinfonía foi composta en 1941 e está concebida como un símbolo de resistencia ante o nacismo.


Precisamente, o cuarto movemento desta sinfonía empregouno Peter Fox na canción "Alles Neu" do álbum Stadtaffe (2008), nun dos mellores traballos de hip hop feitos en alemán.


"Alles Neu" foi a canción dese álbum que máis transcendencia tivo e de feito Plan B, que a ten versionado nalgunha ocasión, sampleouna en "Ill Manors", unha canción de denuncia social que o cantautor Ben Drew incluiu no álbum homónimo de 2012. Toda unha reviravolta dende a composición de Shostakovich.




mércores, 10 de abril de 2013

Stand by Me

Unha das cancións máis versionadas que ocuparía os primeiros postos nunha lista virtual é sen dúbida "Stand by Me", o trallazo soul de Ben E. King, que lle reportou o éxito perpetuo ó músico de Nova York. Incluído no terceiro disco de King Dont' Play that Song! (1961), en principio Ben E. King pensou en entregarlla a The Drifters, mais finalmente foi el quen a gravou. 


Artistas coma John Lennon, Ry Cooder, Jimi Hendrix e The Searches, entre outros moitos, fixeron a súa propia versión e ata mesmo se pode atopar unha discotequeira a cargo de Gigi D'Agostino, por citar algunhas das máis importantes, xa que algunhas teñen un resultado pouco acertado. Das máis curiosas, destaca a de Adriano Celentano en 1965, que a adaptou á lingua italiana no álbum No mi dir co título "Pregherò".


Pero non só nas versións pervive "Stand by Me" porque ademais inspirou novas cancións e se empregou como sample. Un exemplo claro do primeiro caso é "Time of  Season", un dos maiores éxitos de The Zombies do seu estupendo disco Odessey and Oracle (1968).


Do segundo, contamos co máis recente de man de Sean Kingston, un mozo xamaicano que baseou o seu gran éxito "Beautiful Girls" na canción de Ben E. King. Está incluído no álbum epónimo deste artista co que debutaba en 2007.

martes, 9 de abril de 2013

Radio

A entrada de hoxe vai dedicada á radio, un medio fundamental na difusión da música durante o século XX, que co desenvolvemento da frecuencia modulada, fixo que os acordes se espallasen polas ondas chegando a tódolos lugares e facendo posible que a música se diversificase en novos xéneros e estilos. A importancia da radio tívoa moi en conta moitos artistas que lle dedicaron algunha canción, así que é obrigado repasar algunha desas cancións que lle renden homenaxe. Aquí vai algúns exemplos.

Comezamos con "On the Radio" da fantástica Donna Summer, unha canción de 1979 que aparece no álbum  On the Radio: Greatest Hits Volumes 1 & 2


O músico country tamén lle dedicou unha canción á radio co significativo título "Listen to the Radio", do álbum homónimo de 1982.



Nesta pequena lista non podía faltar "Radio Gaga", a canción de Queen escrita por Roger Taylor no álbum The Works (1984). Seica nunha ocasión Taylor non atopaba nada decente na radio e todo o que emitían parecíalle pouco menos ca lixo e así naceu esta canción.


En 1999 The Corrs gravou un concerto en acústico coas súas mellores cancións onde incluíron "Radio", que logo aparecería no recompilatorio Best of The Corrs.


Por último, rematamos coa canción de Joaquín Sabina "69.G", que malia a non conter a palabra radio no título, é toda unha homenaxe a este medio. Aparece no álbum Dímelo en la Calle (2002).

luns, 8 de abril de 2013

Pienso en aquella tarde

Levaban xa uns cantos anos rodando polos escenarios das principais salas de concertos españolas cando o dúo madrileño Pereza acadou o éxito dun público masivo coa publicación do seu segundo disco Algo para Cantar (2003) que contén a canción que os lanzou definitivamente á fama. "Pienso en aquella tarde" fixo que os medios se empezasen a fixar no traballo de Rubén e de Leiva e mesmo se empregase nalgún anuncio. Unha canción chea de ritmo, dominada polas guitarras, que practicamente deixaba no esquecemento o primeiro disco destes rapaces.


O éxito de vendas foi tal que ese mesmo ano sacaron unha edición especial de Algo para cantar que contiña como principal sorpresa a versión en acústico da súa canción estrela. Reconvertida en balada e contando coa compaña de David Summers, líder de Hombres G, e de Dani Martín, líder de El Canto del Loco, tivo aínda máis popularidade que a versión orixinal.

venres, 5 de abril de 2013

Call Me

Coa chegada dos anos 70 Aretha Franklin estaba disposta a demostrar que o soul e o R&B ían ocupar un lugar destacado na nova década e para iso, nada mellor que a publicación dun novo álbum que Aretha lles proporcionou ós seus milleiros de seguidores co título This Gir's in Love with You (1970) con nove cancións orixinais e a sorpresa da versión de "Let It Be" co que un ano antes os Beatles certificaban a separación do grupo. A penúltima canción dese álbum é "Call Me", unha fermosa balada asinada pola propia Aretha Franklin onde colabora a banda The Swampers.


Como moitas cancións de Aretha, "Call Me" tamén foi aproveitada polos artistas de hip hop para as súas novas creacións, tal como fixo Kanye West para o grupo Slum Village, onde colleu un sample desta canción para "Selfish", unha canción do álbum A Taste of Detroit (2004) no que tamén colabora John Legend.

xoves, 4 de abril de 2013

Sing a Simple Song

O funk débelle a Sly and the Stone Family o seu desenvolvemento como xénero musical á altura dos demais.  Nunha idade temperá para este son, Sly and the Stone Family derónlle a relevancia necesaria tras combinar a psicodelia co soul acadando un estilo que ía marcar a centos de bandas posteriores, tanto de funk coma do movemento hip-hop. Co cuarto disco desta formación Stand!  (1969) confirmaron que as súas intencións  de apostar polo funk ían máis en serio ca nunca. "Sing a Simple Song" é unha das cancións máis versionadas dese álbum e tamén das que deixou unha fonda pegada.


A influencia desta canción non tardou moito en callar noutros artistas, coma no xenial Jimi Hendrix, que en 1970, moi pouco tempo despois da publicación do disco de Sly and the Stone Family, editou "We Gotta Live Together" en compaña de Band of Gypsys, que recolle o melloriño do son de Sly and the Stone Family.


Mais dende Hendrix moitos outros artistas empregaron "Sing a Simple Song" como sample nalgún tema propio.Un dos casos máis significativos e que tivo maior trascendencia é o da banda virtual Gorillaz, comandada por Damon Albarn, que en 2001 se acordaron da batería de "Sing a Simple Song" para ao remix da canción "19-2000", incluída no álbum epónimo co que debutaban.

mércores, 3 de abril de 2013

Wild World

Cat Stevens publicou o seu cuarto álbum Tea for the Tillerman en 1970 e non cabe dúbida que é un dos discos máis influentes deste compositor, pois algunhas das cancións que o compoñen forman hoxe parte da banda sonora de moita xente e foron versionadas por moitos artistas. Xunto con "Father and Son", "Wild World" é desas cancións que de tantas versións que ten, ás veces ata é dificil saber quen é o seu autor orixinal, pero ademais diso, "Wild World" está na base de novas cancións, algunhas envoltas na polémica, como acontece a miúdo coas composicións de Stevens.


Unha canción moi parecida que semella inspirarse en "Wild World" é "Could It Be Magic", de Barry Manilow, que aparecía no disco epónimo deste compositor en 1975.


A canción que desatou a controversia en torno a "Wild World" é "It's a Sin", de Pet Shop Boys. En principio, o estilo e a melodía desta canción do dúo británico, que aparece no álbum Actually (1987) non parece ter nada que ver co traballo de Cat Stevens, pero ese mesmo ano DJ Jonathan King denunciou publicamente que se trataba claramente dun plaxio. A cousa, como era de prever, acabou nos tribunais.


DJ Jonathan King tratou de probar o suposto plaxio cun mash-up.


A  canción máis recente baseada en "Wild World" atopámola no primeiro disco de Lily Allen Alright, Still (2006). Titúlase "Littlest Things".

http://www.goear.com/listen/065bc79/littlest-things-lily-allen

Por último, rematamos cunha versión en portugués de "Wild World" a cargo dos brasileiros Pepê & Nenem, que titularon "Nada me Faz Esquecer", do álbum Tudo Bem (2000).

http://youtu.be/lF5sGfiEBL4