martes, 31 de decembro de 2013

Africa

Toto irrumpía na escena musical en 1978 cun temazo como "Hold the Line", o suficientemente bo e co éxito dabondo para grava-lo seu nome na posteridade. Con todo, posiblemente o mellor disco de Toto sexa o cuarto Toto IV (1982), xa que nel están tamén algunhas das mellores cancións escritas pola banda. "Africa" é un deses temas inesquecibles que marcan unha xeración e tamén é unha das máis fermosas que se fixeron sobre o continente africano. David Paich e Jeff Porcaro, os autores, sinalan que se sentiron conmovidos tras ver un documental sobre África e deses sentimentos, naceu esta canción tan especial.

http://youtu.be/FTQbiNvZqaY

Como non podía ser doutro xeito, "Africa" converteuse nunha das cancións favoritas dos artistas de hip hop para incorporala ás súas propias creacións. O significativo é que a presenza de "Africa" nas cancións hip hop colle relevancia nas dúas últimas décadas, onde é bastante frecuente atopala case sen propoñelo, como se dalgunha maneira iso confirmase esa falta de orixinalidade da que adoece o mundo da música actual e que tanto denuncia a crítica. Tampouco fai falta dicir que ningún dos temas baseados na canción de Toto supera á orixinal e mesmo na maioría dos casos, acaban por estragala. Ofrecémosvos, pois, dous exemplos da utilización de "Africa", que na nosa opinión aínda teñen certo pase. O primeiro, "Anything", de Jojo, do álbum The High Road (2006).

http://youtu.be/leY8eLSkvSk

O outro é "Fight for You", de Jason Derülo, pertencente ó disco Future History (2011).

http://youtu.be/aBR5CDqZBpY

luns, 30 de decembro de 2013

Big Jim Salter

Das bandas que entre os anos 60 e 70 contribuíron á renovación do rock cara un son máis duro sen deixar de lado o pouso do blues e que quedaron polo camiño, merece un pequeno tributo Stone the Crows. Formada en Glasgow  por Leslie Harvey, Colin Allen, James Deward, John McGinnis e a vocalista Maggie Bell, todo parecía indicar que era unha banda con gran futuro, pois ademais de facer boas cancións, Stone the Crows contaba co apoio do mánager de Led Zeppelin Peter Grant e de Mark London, no entanto os continuos cambios na formación e finalmente, a morte de Harvey en 1972, a alma máter da banda, acabaron por finiquitar un proxecto que prometía un longo recorrido. En apenas tres anos, Stone the Crows deixaron catro discos, no terceiro, Teenage Licks (1971), encontráse este sensacional "Big Jim Salter".


Tan só tres anos despois da publicación de Teenage Licks, Deep Purple ían encargarse de inmortalizar o riff de guitarra de "Big Jim Salter" na canción "Might Just Take Your Life", do álbum Burn (1974).

venres, 27 de decembro de 2013

We Care a Lot

En 1985 debutaba na escena alternativa americana unha das bandas destinadas a labrarse un nome cos sons de vangarda. Falamos de Faith No More, formada uns cantos anos antes por Billy Gould e Mike Bordin en San Francisco. O primeiro disco foi We Care a Lot, dez cancións nas que destacaba precisamente a que lle dá título ó album e que foi elixida como single de lanzamento. A mestura de hardcore co mellor estilo do funk e unhas pingas de algo que lembra moito o hip hop auparon a Faith No More como unha desas bandas cuxa traxectoria non se debe perder de vista, e como así foi, dende ese temperán lanzamento, os traballos de Faith No More son tidos moi en conta tanto polos seus numerosos fans coma por outros artistas.


E é que de "We Care a Lot" podemos atopar versións nos discos das principais bandas de rock e métal, e incluso un dos grandes mestres coma Nick Cave non se resistiron a interpretala algunha vez. Metallica, Soundgarden, Pearl Jam, Judas Priest e Stone Temple Pilots son algúns dos exemplos. Pero tamén debido á repercusión de "We Care a Lot" non se librou de ser sampleada. O exemplo máis coñecido é un dos éxitos de MC Hammer "Pray", que aparece no álbum Please Hammer, Don't Hurt 'Em (1990).


E xa máis recentemente, atopamos o sample da batería nunha das cancións do último disco de Muse The 2nd Law (2013), concretamente en "Panic Station", onde a banda de Matt Bellamy reinventa o son de Inxs.

xoves, 26 de decembro de 2013

The Eyes of Truth

Michael Cretu, o artífice de Enigma, demostrou que sabía crear auténticos cócteles musicais mesturando as máis variadas tendencias e estilos de xeito arriscado, pero cun resultado perfectamente coherente que se convertiu no selo inconfundible de Enigma. Iso de empregar cantos gregorianos con sons propios das discotecas chegou a escandalizar no seu momento, mais a ninguén se lle escapa hoxe que a contribución de Cretu é máis que positiva. "The Eyes of Truth", canción do álbum The Cross of Changes (1994), resume moi ben o labor de Enigma, ese estilo peculiar de crear algo novo a partir do xa existente. En "The Eyes of Truth" conflúen unha variedade de samples dos máis diversos estilos que a converten nunha amálgama única, e todo concentrado en apenas algo máis de cinco minutos.


Un dos samples que Cretu empregou pertence ó tema de Vangelis "Mare Tranquilitatis", do álbum  Albedo 0.39 (1976). Unha forma de homenaxear a un dos pioneiros da música electrónica e experimental do que Cretu tanto aprendeu.


Mais as influencias que inspiran o tema de Enigma son  practicamente coétaneas do álbum The Cross of Changes e pertencen a cancións que se editaran pouco tempo antes. O disco de Anne Dudley e Jaz Coleman  Songs from the Victorious City (1991) foi decisivo para a composición de "The Eyes of Truth", como ben reflicte "Endless Festival".


Por outra parte, cómpre sinala-la influencia dos últimos traballos de  Genesis e de Peter Gabriel nesta canción . En "Eyes of Truth" atopamos un rastro directo do tema de Genesis "Dreaming  While You Sleep", do álbum We Can't Dance (1991).


Tamén resulta curioso o leve parecido da canción de Peter Gabriel "Kiss That Frog" do álbum Us (1992) co tema anterior dos seus ex compañeiros de Genesis, e de certa maneira, Cretu soubo aproveitalo.


E tamén de xeito moi directo está presente U2 con"Ultraviolet (Light My Way)", pertencente ó gran álbum Achtung Baby (1991). Ese traballo foi o mellor dese ano, e tendo en conta a cantidade de temas que Cretu emprega do ano 1991, resultaría raro que se lle pasase desapercibido a Cretu.


E dando unha volta máis, "Ultraviolet (Light My Way)" lembra moitísimo no retrouso á canción de The Rolling Stones "Out of Time", pertencente a  Aftermath (1966). Seguro que Cretu non recorreu a ningún tema dos Stones precisamente porque xa se atopaban ecos dun deles na canción de U2.



luns, 23 de decembro de 2013

Gloria in Excelsis Deo

Vanse achegando unhas datas sinaladas no calendario coma é o tempo de Nadal. Dende tempos pretéritos é unha gran festa onde a música é un dos elementos que non poden faltar nesta celebración. Na tradición, contamos coas panxoliñas, de corte popular, e tamén con himnos e cantos gregorianos, de corte máis culto, que normalmente estaban reservados para a liturxia relixiosa que conmemora o nacemento de Xesús. Algunhas pezas coma o "Gloria in Excelsis Deo", un dos máis antigos, intérpretase de maneira continuada en Nadal e por tanto, é dos máis coñecidos. Conta cun sinfín de versións que van desde os coros ata a elaboración de orquestras sinfónicas. Con el, aproveitamos para desexarvos un Feliz Nadal.


E o caso é que este himno inspirou un dos temas do segundo disco de Small Faces From the Beginning (1967). "My Mind's Eye" foi un dos singles que editaron meses antes da saída do álbum, concretamente en novembro de 1966, semanas antes do Nadal, e iso que daquela aínda non existía esa teima tan forte que lles dá agora ós artistas de obsequiar os seus fans con cancións sobre o Nadal.

venres, 20 de decembro de 2013

Ask Any Girl

En teoría, as cancións que aparecen nas caras B dos singles son composicións menores e que se aparecen nos discos de longa duración só é para enche-la minutaxe, pero o mundo da música tennos demostrado en centos de ocasións que as cancións das caras B poden superar ás que aparecen nas caras A. "Ask Any Girl", sen ser a mellor canción de The Supremes, non se pode considerar ás primeiras de cambio como unha simple canción máis das tantas que ten escrito o equipo da Motown Holland-Dozier-Holland, aínda que esa era a idea principal da discográfica. Primeiro editouse na cara B do single "Baby Love" e logo no álbum Where Did Our Love Go (1964) aparece como a última canción da cara B. Pero a historia ía ser algo máis amable con esta canción de The Supremes.


Tan só un ano despois, aparecía no mercado o single de Len Barry "1-2-3" e que se incluiría nun álbum co mesmo nome. "1-2-3" non tardaría unha enorme sona e, de feito, está considerada a gran canción de Len Barry. Editado por Decca Records, os da Tamla Motown enseguida levaron as mans á cabeza e manifestaron que "1-2-3" non era máis ca un remedo de "Ask Any Girl", aquela canción de pouca importancia que gravaran The Supremes apenas un ano antes.


O caso é que a suposta acusación que levaron a cabo dende a Tamla Motown non ensombreceu en absoluto o éxito de "1-2-3", que mesmo é unha canción moi versionada. Incluso Edwyn Collins escolleuna para o son de batería do seu gran éxito "A Girl Like You", o temazo do álbum Gorgeous George (1994).

xoves, 19 de decembro de 2013

Adiós ríos, adiós fontes

Neste ano que xa remata conmemorouse o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a obra máis significativa de Rosalía de Castro, e tendo en conta que Rosalía é das autoras máis musicalizadas, ben merece que se lle dedique unha entrada a un dos poemas máis célebres de Cantares, "Adiós ríos, adiós fontes". Un dos primeiros en adapta-la obra rosaliana á música foi o cantautor do Bierzo Amancio Prada. En 1975, editou o segundo disco da súa carreira, Rosalía de Castro, dedicado exclusivamente á poetisa de Padrón, e pode dicirse que con el inauguraba unha discografía sobre a poesía en lingua galega que vai dende as cantigas de Afonso X e dos trobadores medievais ata cancións baseadas nos poemas de Álvaro Cunqueiro e nos de Federico García Lorca. Nin que dicir ten que Amancio Prada creou escola.


Animados pola boa acollida que tiña Amancio Prada e polo bo momento que vivía na música folk a adaptación de poemas tanto tradicionais coma de autores coñecidos, o dúo Keltia fixo unha versión en 1978 e que aparece no seu único álbum publicado Choca esos cinco.


Xa máis recente é a versión de Astarot, que lle infundiu a "Adiós ríos, adiós fontes" o seu toque rock. Pertence ó último disco, Séptimo Pecado, que viu á luz este mesmo ano 2013.

http://youtu.be/4A84pSjqcls

E a viguesa Aid fixo unha versión en clave hip hop, ó igual que con outras composicións de Rosalía. O resultado é espectacular e quedoulle así de ben.

http://youtu.be/E_NvDXB_qH8

E xa para rematar, a versión coa que Joan Baez sorprendeu ós asistentes ó concerto que celebrou en Vigo, confirmando unha vez máis a universalidade da poesía de Rosalía.

mércores, 18 de decembro de 2013

Golden Brown

The Stranglers era xa máis que unha banda consagrada cando en 1981 sacaron o seu sexto disco La Folie, posiblemente o seu mellor álbum. E por sorpresas desas coas que ás veces nos sorprende a música, nese traballo atópase a gran canción coa que aínda hoxe moitos recordan á banda composta por Jet Black, "Golden Brown". Outra curiosidade é a harmonía e o son. Se a andaina de The Stranglers os caracteriza como unha banda de punk rock, que o tema máis lembrado sexa esta fermosa balada, totalmente afastada do son habitual, non deixa de ser unha brincadeira do destino coa que de vez en cando tropezan os grupos co son máis duro.

Son moitas as versións que se fixeron de "Golden Brown", pero na nosa opinión, ningunha está á altura da orixinal. Tamén se ten empregado de sample, xa que a melodía é inesquecible, e igualmente, ningunha canción supera á de The Stranglers. Unha das máis destacadas é a de Jamelia "No More", que aparece no álbum Walk with Me (2006) e aínda así, é un tema bastante insubstancial onde a base de "Golden Brown" é o único que fai que esta canción teña algún interese.

martes, 17 de decembro de 2013

O Sole Mio

Non poucas veces os xéneros tradicionais de factura clásica logran atopar un amplo eco na música pop cun resultado satisfactorio respecto á adaptación. A canzone napoletana, non obstante, foi sobre todo nos anos 50 e 60 un dos xéneros favoritos dos artistas, que non dubidaron en rescatalas e darlles un certo aire actual, feito que incidía aínda máis no carácter atemporal destas composicións. Unha das máis famosas é "O Sole Mio", con letra de Giovanni Capurro e música de Eduardo di Capua, en 1898. As interpretacións máis célebres de "O Sole Mio" e que a fixeron mundialmente coñecida son as do tenor Enrico Caruso, ó que aínda se lle relaciona con esta canzone.

http://youtu.be/u1QJwHWvgP8

"O Sole Mio" foi a base de dúas cancións pop dos anos 50. Unha delas é "There's No Tomorrow", escrita por Al Hoffman, Leo Corday e Leon Carr, que se converteu nun éxito na voz de Tony Martin en 1950.

http://youtu.be/e3Qmg9vZFdo

A outra, tamén moi coñecida é "It's Now or Never", un dos singles que Elvis Presley editou en 1960. Neste caso, a sinatura da letra corresponde a Wally Gold e a Aaron Schroeder.

http://youtu.be/qmjdxxAnsB4

luns, 16 de decembro de 2013

Steppin' Out

Joe Jackson debutou a finais dos anos 70 cun temazo como é " Is She Really Going Out with Him?" que o catapultou á fama. Aínda hoxe está considerada como a súa mellor canción e segue presente nalgúns músicos coma Jack White, que xa vimos que lle serviu de base para unha das cancións de The Raconteurs. Pero sen que ningunha das cancións posteriores de Joe Jackson acadase o nivel dese primeiro single, o resto da súa produción musical tamén se pode cualificar de moi boa. De feito, no quinto disco, Night and Day (1982), atopamos algunha das cancións máis celebradas de Joe Jackson, como "Steppin' Out", un dos singles que fixo que ese álbum fose dos máis vendidos ese ano.


E para "reivindicar" esa canción, tal como fixeran The Raconteurs con "Is She Really Going Out with Him?", Gabriella Cilmi baseouse en "Steppin' Out" na canción "On a Mission", talvez a mellor canción da australiana tras "Sweet about Me" e que tamén está no disco Ten (20109.

xoves, 12 de decembro de 2013

Cellphone's Dead

Sabemos que Beck é todo un especialista en facer cancións combinando o son e as estruturas doutras moi variadas, así que hoxe imos con outra que se axusta ós parámetros ós que este artista non ten acostumados. Trátase de "Cellphone's Dead", do álbum The Information, publicado en 2006. A novidade neste caso é que "Cellphone's Dead" contén elementos dunha canción anterior de Beck, como veremos máis adiante. Con todo, hai que indicar que os recursos que emprega Beck para facer música, lonxe de restarlle méritos pola pouca orixinalidade que se pode aprezar nos seus traballos, consegue resaltar unha obra cunha personalidade propia que ensalza ó músico, algo que non está ó alcance de calquera, pois moitos outros que intentaron seguir a mesma fórmula acabaron por fracasar.

http://youtu.be/KH6z2ie_6l4

A primeira canción que lle vén á cabeza a calquera que escoite "Cellphone's Dead" cun pouco de atención e de coñecemento é "Chameleon", unha das pezas máis famosas de Herbie Hancock, que aparece no álbum Head Hunters (1973) e que Hancock compuxo coa colaboración de Bennie Maupin, Paul Jackson e Harvey Manson. Dende logo, o comezo de "Cellphone's Dead" ten reminiscencias desta canción de jazz.

http://youtu.be/ejaumVVHAUQ

A outra canción á que se parece "Cellphone's Dead" é a "Hell Yes" do propio Beck, como comentabamos máis arriba. Pertence ó disco anterior de Beck Guero, que aparecera no mercado en 2005, un ano antes de The Information.

http://youtu.be/9BQliE3h0q0

Pero como parte das cancións de Beck, "Hell Yes" está baseada noutra, en concreto, ó igual que no caso de "Cellphone's Dead", é unha canción dos anos 70, neste caso nunha de Ohio Players titulada "Far East Mississippi", do álbum Contradiction (1976).

http://youtu.be/Puks6UTw1EQ

mércores, 11 de decembro de 2013

Bigmouth Strikes Again

Son moitas as cancións escritas por Morrisey e Johnny Marr que serviron para afianzar a The Smiths como unha das grandes bandas dos 80. Por se fose pouco, os dous arttífices deste proxecto tamén participaban activamente na produción dos discos e iso finalmente se notaba no resultado final. The Queen Is Dead, o terceiro disco de The Smiths, publicado en 1985, é posiblemente o mellor da discografía, pois a colección de cancións que forma o álbum e dunha enorme calidade. Pensemos por exemplo en "Bigmouth Strikes Again", capaz de concentrar nos seus escasos tres minutos e medio de duración a esencia de The Smiths. O comezo acústico das primeiras notas deixou pegada noutras bandas que tiñan a The Smiths como unha referencia ineludible.

http://youtu.be/-uZzBJMTnFQ

Vexamos agora un dos exemplos máis claros da influencia que esta canción en concreto produciu nunha gran banda que nos anos 80 empezaba a dar os seus primeiros pasos. Falamos dos zaragozanos Héroes del Silencio, que en 1987 se estreaban cun EP titulado Héroe de Leyenda que contén unha das súas mellores cancións "Mar adentro", e que ó ano seguinte abriría o primeiro disco de longa duración da banda de Bunbury El Mar no Cesa. O principio desta canción lembra moito á de The Smiths.

martes, 10 de decembro de 2013

Kanon und Gigue in D-Dur

Talvez a obra completa de Johann Pachelbel non sexa moi coñecida alén daqueles que coñezan ben a historia da música clásica, mais a importancia deste compositor nacido en Nuremberg en 1653 non se debe infravalorar. Arredor do ano 1680, Pachelbel compuxo a obra que habería de labra-lo seu nome na posteridad "Kanon un Gigue in D-Dur für drei Violinen und Basso Continuo", coñecida de forma abreviada como "Canon en re maior". Malia que a peza está pensada, tal como recolle o título, para tres violíns e un baixo continuo, o certo que a popularidade que acadou co tempo fixo que nalgunhas execucións se acabase incluíndo outros instrumentos, que non desvirtuan en absoluto a maxia que transmite a melodía. Non obstante, a técnica que emprega Pachelbel no Canon transcendeu máis aló das pautas clásicas e arestora non se entenderían algunhas cancións de pop rock sen a súa achega.


Como xa vimos algunha vez, nos anos 60 ponse de moda incorporar obras clásicas populares ós sons contemporáneos, xa sexa facendo versións cos novos instrumentos ou ben engadindo as melodías a cancións actuais. En 1968, a melodía do "Canon" vai dar lugar a dúas cancións que se haberían de colocar nos primeiros postos das listas de vendas dos seus respectivos países. Unha delas é a canción dos españois Pop Tops "Oh Lord!, Why Lord?"

http://youtu.be/9mx1Ah9dTuY

A segunda é "Rain and Tears" dos gregos Aphrodite's Child, o proxecto en común que tiñan Vangelis e Demis Roussos. Con esta canción conquistaron Europa.


Pero esquezámonos un momento da melodía do "Canon" e reparemos na estrutura, que viviu unha época de esplendor nos anos 90, ó ser reproducida nunhas cantas cancións. Vexamos dúas das que máis éxito tiveron. Unha é o single de Green Day "Basket Case", do álbum Dookie (1994).

http://youtu.be/GTwJo0HeNmU

A segunda é "Hook", un tema de Blues Traveler que aparece no álbum dos de Nova Jersey Four (1995).

http://youtu.be/arUpcpRR568

E se alguén pensaba que o "Canon" de Pachelbel non podía ter máis recorrido co cambio de século, hai que dicir que o músico taiwanés JerryC fíxose famoso en 2005 cunha versión rock, co título precisamente de "Canon Rock", o que confirma que o "Canon" soa ben con calquera instrumento. Quen llo ía dicir a Pachelbel!

http://youtu.be/4PjEaHGXhLM




luns, 9 de decembro de 2013

Storytelling

A ascendencia que tivo a traxectoria de Belle and  Sebastian dende os seus comezos foi imparable na música independente e en apenas cinco anos xa eran un gran referente para artistas e grupos dunha chea de países que trataban de atopar un oco na escena indie. Co seu pop doce non exento de calidade, a banda de Glasgow formada en 1996 por Stuart Murdoch e Suart e Stuart David souberon conquistar a un público esixente e a unha crítica cada día máis indiferente ante as distintas fornadas de grupos que van aparecendo. En 2002 publicaban o quinto disco Storytelling cuxa canción que lle dá título é  unha das máis fermosas.

http://youtu.be/_tvnW-Cqr5s

E convertidos en banda de culto, Belle and Sebastian é unha das claras referencias para moitos que tratan de emula-los seus pasos. Las Escarlatinas, un dos proxectos máis interesantes que hai hoxe en España, facían unha versión en castelán de "Storytelling" con título "El diván" no seu álbum de debut A Todo Color (2005), tan só tres anos despois da aparición da orixinal, o que nos serve para comprobar a rápida repercusión da que se fixeron eco Belle and Sebastian.

http://youtu.be/cl6WTpPV60s





xoves, 5 de decembro de 2013

The Weight

Hai veces en que ser músico ó servizo dun solista consagrado parece ensombrecer o propio traballo. O mesmo se podería dicir dos chamados músicos de sesión, xente anónima contratada polas discográficas, pero excelentes profesionais que prestan o seu talento a outros que han de recibir tódolos parabéns (pero tamén críticas feroces se sae mal). Non obstante, o mundo da música ofrécenos exemplos de que se pode chegar a ser protagonista despois dun certo tempo nun papel secundario. En resumidas contas esa é a historia de The Band. O nome xenérico co que se coñece este grupo de músicos xa nolo di todo. E quen formaba The Band? Pois nin máis nin menos que os músicos que acompañaban a Bob Dylan. Houbo un momento en que Robbie Robertson e os seus compañeiros decidiron dar un paso adiante sen a sombra constante de Dylan e comezaron a gravar discos co nome precisamente de The Band. En 1968, cando Dylan aínda non volvera do seu paticular retiro, vía a luz o debut de The Band Music from Big Pink, que con todo, contaba con algunhas cancións asinadas por Bob Dylan, mais habería de ser unha de Robertson, "The Weight", a que se habería de converter das máis coñecidas de The Band.

http://youtu.be/3LAcP_v-j3I

"The Weight" é a canción máis coñecida de The Band tamén debido a enorme cantidade de versións que se fixeron deste tema. Das últimas destaca a do arxentino Charly García en castelán co nome "El Peso" e que respecta bastante ben a letra orixinal en inglés.

http://youtu.be/I5TnFchrH2E

"The Weight" tamén foi clave para Bruce Springsteen cando compuxo "My City of Ruins", pertencente a The Rising (2002), pois a melodía é practicamente a mesma. Por outra parte, nesta canción de Springsteen tamén hai un rastro da canción de The Impressions "People Get Ready", pero esa deixámola para outra ocasión.

http://youtu.be/RnkJa6HdgJw

E a influencia de "The Weight" tamén se deixa sentir nunha das cancións do último disco de Niño y Pistola There's a Man With a Gun Over There (2013) "And Then The Rain Started". A banda de Baiona mostra así unha das súas preferencias musicais decisivas na procura dun son que fan de Niño y Pistola unha das bandas de rock máis interesantes dos últimos anos no panorama nacional.

http://youtu.be/Ckb1rQgM1LE