luns, 29 de febreiro de 2016

Baby Sign Here with Me

Debido á súa efémera traxectoria, que só abrangueu apenas un lustro, Henry Badowski é un dos compositores e músicos da new wave máis esquecidos. E non obstante, o seu único disco editado Life Is a Gand... (1981) contén algúns singles francamente bos que cómpre rescatar das sombras, sobre todo, porque a música de Henry Badowski inspirou a outros músicos do seu tempo. Unha das primeiras cancións que Badowski editou como single antes de que aparecese no seu álbum definitivo foi "Baby Sign Here with Me", que viu a luz en 1979.


Os rapaces de The Damned foron uns pupilos aventaxados de Henry Badowski, con quen tocaron nalgunha xira. Talvez por iso, a influencia deste compositor transmitiuse á canción de The Damned "Edward the Bear", do álbum Phantasmagoria (1985), que garda un parecido sospeitoso con "Baby Sign Here with Me".

venres, 26 de febreiro de 2016

Troglodyte (Cave Man)

Jimmy Castor Bunch non destacou especialmente na escena funk dos setenta, onde a enorme cantidade de grupos e cantantes que se dedicaban a este novo xénero, xeralmente en Estados Unidos, ía en aumento, pero con todo, puido asinar uns cantos singles de gran repercusión do seu momento, como é o caso de "Troglodyte (Cave Man)". Esta canción pertence ó seu segundo álbum, It's Just Begun (1972) e constituíu o seu maior éxito dunha traxectoria que se alongaría ata ben entrada a década dos oitenta. Con este single, Jimmy Castor Bunch acadou os primeiros postos nas listas de R&B estadounidenses, pero o maior triunfo de "Troglodyte (Cave Man)" foi o de ser unha das cancións favoritas dos músicos de hip hop e de electrónica, quen coas súas continuas revisións lograron que a canción de Jimmy Castor Bunch non pasase nunca de moda.


Neneh Cherry foi unha das cantantes que recorreu algunha vez a "Troglodyte (Cave Man)". O son da canción de Jimmy Castor Bunch pode atoparse en "Kisses on the Wind", canción pertencente ó álbum de debut desta artista sueca, Raw Like Sushi (1989).


Tamén Christina Aguilera nun dos seus discos máis maduros, Back to Basics (2006), bota man de "Troglodyte (Cave Man)" na canción "Back in the Day".

martes, 23 de febreiro de 2016

Frente a frente

A década dos setenta foi especialmente boa para Jeanette. Tralo seu paso por Pic-Nic, a cantante de orixe inglés impulsou a súa carreira en solitario con temas míticos coma "Soy rebelde" e "Porque te vas". Tras varios EPs e un LP que non contiña ningún trallazo como os singles que editara anteriormente, pero que gozou dun gran éxito en Francia, Jeanette preparou o seu segundo disco de longa duración xunto co reputado compositor e produtor Manuel Alejandro, quen xa lle proporcionara a Jeanette nos seus comezos a canción "Soy rebelde". O resultado desta nova colaboración foi o álbum Corazón de poeta (1981), dez cancións de Manuel Alejandro, quen tamén se encargou da produción do disco. Se ben é verdade que ningunha desas cancións obtivo a mesma repercusión que aqueles singles anteriores da cantante, o corte 4, "Frente a frente", está considerada como unha das grandes cancións na discografía de Jeanette, un tema que Manuel Alejandro escribiu canda a súa dona, que nos créditos figura co nome de Ana Magdalena.


O grupo mexicano Pandora gravou unha das primeiras versións de "Frente a frente", no álbum de homenaxe que lle renderon a Manuel Alejandro En carne viva (2002).


A versión que Bunbury realizou no álbum Las consecuencias (2010) volveu pór de moda a composición de Manuel Alejandro, achegándoa ás novas xeracións. A cantante de Tulsa, Miren Iza, colabora con Bunbury nesta nova versión e no videoclip Jeanette aparece cara ó final.

luns, 22 de febreiro de 2016

Let's Get It On

Marvin Gaye sempre foi un valor seguro dentro da Tamla Motown e o caso é que este gran artista sempre soubo enaltecer á discográfica de Detroit coa súa música. O seu álbum en solitario, Let's Get It On (1973), é un dos traballos máis formidables que Gaye asinou. A canción que titula o disco, ademais de ser o primeiro corte, foi o single de presentación co que apenas un ano despois do seu último traballo, Marvin Gaye volvía cun feixe de cancións, demostrando que se atopaba en estado de graza, pois participou na composición de cada unha das oito cancións que forman parte de Let's Get It On.


Unha das cancións máis destacadas do último álbum de Ed Sheeran, X (2014), é "Thinking Out Loud", que lembra moito ó son e a melodía da de Marvin Gaye.

venres, 19 de febreiro de 2016

Native New Yorker

Odyssey debutou en 1977 cun álbum epónimo que habería conter o único gran éxito deste grupo de soul e música  disco, "Native New Yorker". Escrita polos produtores Sandy Linzer e Denny Randell, a canción acadou os primeiros postos das listas de música dance e de soul do Billboard, o que disparou a popularidade de Odyssey. Pero ó igual que lle acontecía a moitos grupos (e segue acontecendo), as demais cancións que este grupo foi sacando foron éxitos menores, agás a canción "Use It Up and Wear It Out", editada tres anos despois, que acadou o primeiro posto nas listas británicas. Polo demais, a andaina de Odyssey aínda continúa, pero sen repetir a boa etapa que tivo nos seus comezos.


Unha das versións máis coñecidas que se fixeron de "Native New Yorker" é a de Frank Vallie en 1977. O ex vocalista de The Four Seasons incluíuna no álbum Lay Put the Light Out.


Kluster, grupo de house e electrónica, reciclou o son de "Native New Yorker" para a produción do single "My Love", que por outra parte, non ten nada de especial.

xoves, 18 de febreiro de 2016

How Can We Hang On to a Dream

Os discos de debut non adoitan ter títulos demasiado orixinais e normalmente cando se trata dun solista, o nome do álbum coincide co del. O debut de Tim Hardin non é unha excepción e chamouse Tim Hardin 1 (1966), pero velaquí temos un bo indicador de que un título bastante simplón non significa que o álbum tamén o sexa. A ducia de cancións en clave folk co que Hardin se presenta en sociedade está á altura dos traballos de Dylan, que xa daquela era o gran bardo da canción de autor. Especial relevancia ten o último corte deste disco, "How Can We Hang On to a Dream", canción que non tardou en ser versionada por outros artistas.


Unha das primeiras versións que se fixeron de "How Can We Hang On to a Dream" é a adapatación ó francés de Johnny Hallyday tan só un ano despois, chamada "Je m'accroche à mon rêve" e que pertence ó seu noveno álbum, Johnny 67 (1967).


Pero se callar, a mellor versión que se ten feito da canción de Tim Hardin sexa a The Nice no álbum Nice (1969) en clave jazz. A antiga banda de Keith Emerson deulle unha completa reviravolta a canción elevándoa a un nivel superior á orixinal co título "Hang On to a Dream".


A influencia da versión de The Nice pode apreciarse significativamente na canción de Emerson, Lake and Palmer "Take a Pebble", do álbum epónimo da banda, editado en 1970. Con trazos relevantes de jazz, "Take a Pebble" contén ecos do "Hang On to a Dream" de The Nice.

mércores, 17 de febreiro de 2016

Everybody Wants Some!!

A Van Halen debénselle algúns dos mellores riffs de guitarra desde que o hard rock se situou como un dos xéneros con máis forza. Desde que a banda californiana debutou en 1978, as cancións foron gañando en intensidade, consolidando un son que identificaría a banda como das máis importantes do seu momento, grazas sobre todo ó dominio de Eddie Van Halen da guitarra. O terceiro disco, Women and Children First (1980), ten unha das cancións que mellor definen o son de Van Halen, desas que se fan imprescindibles para entender a súa traxectoria. É "Everybody Wants Some!!, cando David Lee Roth era o vocalista principal do grupo.

https://youtu.be/fAktV72_nnE

Uns anos máis tarde, para o sexto álbum, 1984 dese mesmo ano, Van Halen escribiu a canción "Panama" na que aproveita algúns trazos que perfilaron "Everybody Wants Some!!", o que tamén fai desta canción unha das máis coñecidas de Van Halen.

https://youtu.be/qqszqHKIqEk

martes, 16 de febreiro de 2016

(Sittin' On) The Dock of the Bay

En decembro de 1967, un fatal accidente de aviación arrebatábanos a Otis Redding. O digno sucesor do malogrado Sam Cooke tamén nos deixaba prematuramente ficando un fondo baleiro no mundo da música. Apenas uns días antes da traxedia Otis Redding remataba de gravar o que sería o seu álbum póstumo, The Dock of the Bay (1968), que vería a luz en febreiro de 1968. Das once cancións que compoñen o disco, destaca especialmente a que lle dá título, "(Sittin' On) The Dock of the Bay", que Redding escribiu xunto con Steve Cropper, membro de Booker T. & the M.G.'s, a banda de acompañamento de Redding no selo Stax.
"(Sittin' On) The Dock of the Bay" converteuse en todo un himno do soul, sobre todo polo parte asubiada do final e no gran legado de Redding.


Non caberían nunha soa entrada todas as excelentes versións que se fixeron de "(Sitting On) The Dock of the Bay", así que seleccionamos dúas ó azar, que nin moito menos, deben ser consideradas as mellores, posto que iso é algo subxectivo. Pero desde logo non hai que negar que a que Marc Bolan (outro malogrado artista) e Gloria Jones realizaron é moi boa.


Outra é a adaptación que Manolo Tena fixo ó castelán co título "Sentado en el muelle", no álbum Fuego en la piel (2000).

luns, 15 de febreiro de 2016

A Woman Needs Love

O grupo de R&B Raydio tivo unha andaina tan intensa como corta. En tan só catro anos editou outros tantos discos e en todos hai algunha canción inesquecible do R&B dos oitenta. O gran impulsor deste grupo é o compositor e músico Ray Parker Jr., que tras pechar a súa etapa con Raydio, comezou a editar discos en solitario con bastante fortuna e acadou o seu maior éxito coa banda sonora de Ghostbusters en 1984. Pero antes de que Raydio se disolvese, apareceu un último disco A Woman Needs Love (1981) cuxa canción que o titula é unha das grandes composicións de Ray Parker Jr.

https://youtu.be/h2w8nTrIg_o

Ademais de cultivar a súa propia carreira en solitario, Ray Parker Jr. tamén se dedicou a traballar como compositor e produtor doutros artistas. Unha das bandas que impulsou foi a de Bobby Brown, New Edition, á que lle produciu o álbum epónimo de 1984. Para ese disco Ray Parker Jr. reciclou a canción de Raydio "A Woman Needs Love" e cambiándolle a letra, pero conservando toda a melodía, creoulles a New Edition a canción "Mr. Telephone Man".

https://youtu.be/SP9zFehci78

venres, 12 de febreiro de 2016

Show Me Love

Robin S. forma parte desa lista maldita á que moitos músicos e cantantes pertencen ó debutar cun éxito devastador e logo non poden remontar a súa andaina polo peso desmedido da sona. No caso desta moza de Nova York, a canción "Show Me Love", que lle dá nome ó seu álbum de debut do ano 1993, soou continuamente en tódalas pistas de baile de medio mundo, o que co tempo a converteu nun dos clásicos da música disco dos noventa. Pero á vez que a canción trinfaba, o resto da obra de Robin S. quedaba nunha fonda penumbra que pronto se estendeu ó resto de singles do álbum, por non falar das cancións do seu segundo álbum, From Now On (1997), que ó non conter ningún trallazo como o "Show Me Love", asinou precipitadamente o finiquito da súa carreira.


Para algúns críticos, a canción de Robin S. foi unha referencia para Disclosure á hora de compór "White Noise", un dos temas do álbum de debut, Settle (2013). O certo é que "Show Me Love" influenciou unha manchea de artistas nestas últimas décadas, que basearon os seus propios temas nas bases desta canción.

https://youtu.be/FTwCgK-zTEs

Unha das cancións máis evidentes é a de Jason Derülo "Don't Wanna Go Home", un dos singles de Future History (2013), onde se remite claramente a "Show Me Love", facendo da nova canción unha especie de versión cunha letra diferente.

https://youtu.be/SlAxC_axQwc

xoves, 11 de febreiro de 2016

Angi

Davy Graham é un dos máis reputados guitarristas acústicos que contribuíu a enriquecer o folk e o blues desde unha vertente puramente instrumental. Xa no EP co que debutaba, 3/4 AD (1962), Graham incluíu unha peza que lle habería valer o aplauso da comunidade folk e que co tempo converteuse na seu tema máis coñecido. Estamos a falar de "Angi", que namorou a varios cantautores que non tardaron en versionala. O talento de Davy Graham, reflectido especialmente en "Angi", influíu nos guitarristas contemporáneos e na crítica, que sempre estiveron pendentes da obra de Graham, malia a que non volveu asinar outro trallazo como este.


Simon and Garfunkel versionaron "Angi" en Sounds of Silence (1966), pero ademais nese mesmo álbum aproveitaron a melodía da canción de Davy Graham para compoñer os primeiros acordes da canción "Somewhere They Can't Find Me".


Unhas décadas despois, Chumbawamba tamén recorrería a "Angy" para compoñer a canción "Jacob's Ladder", tema do álbum Readymades (2002).

martes, 9 de febreiro de 2016

Lost in Emotion

Hai veces en que á hora de compoñer unha canción o autor toma máis dunha referencia que logo quedan reflectidas na nova composición. Menos habitual é que esas referencias se tomen dunha mesma fonte, ou dito doutro xeito, se busquen na obra do mesmo artista, pero tamén adoita acontecer. Lisa Lisa and Cult Jam foi un grupo que nos oitenta obtivo algún éxito cos novos ritmos urbanos e unha das cancións coa que triunfaron foi "Lost in Emotion", do seu segundo álbum Spanish Fly (1987), na que o recordo da música de Mary Wells envolve cada nota. De feito, tal como recoñeceron os creadores desta canción, "Lost in Emotion" bebe indirectamente de dúas cancións desta artista que comezou a súa carreira na Tamla Motown.

https://youtu.be/tjLS2KVXohc

As cancións de Mary Wells que propiciaron que "Lost in Emotion" se puidese transformar nun tema de Lisa Lisa and Cult Jam pertencen á mesma época, aínda que a discos diferentes. Unha delas é "You Beat Me to the Punch", do seu segundo álbum, The One Who Really Loves You (1962).

https://youtu.be/OCUXSdg6PCc

A outra está no seguinte álbum de Mary Wells, Two Lovers and Other Hits (1963) e é o tema "Two Lovers", que quizais garde máis similitude con "Lost in Emotion".

https://youtu.be/oa4MqpN-A2k

luns, 8 de febreiro de 2016

Sam Stone

Unha das características dos cantautores de folk é o compromiso social que adquiren as letras das súas cancións, na que reflicten realidades que non sempre se abordan desde unha perspectiva lírica. John Prine estreouse cun álbum epónimo en 1971 onde unha das principais cancións é "Sam Stone". Sen falar directamente da guerra de Vietnam como facían outros músicos, Prine céntrase nunha das consecuencias devastadoras deste conflito, o consumo de estupefacientes por parte dos soldados que volveron da guerra. Esta canción, unida a outras como "Paradise" e "Your Flag Decal Won't Get You Into Heaven Anymore", fixo que John Prine fose un cantautor moi respectado entre os demais músicos, entre eles Johnny Cash, Joan Baez e John Fogerty, e moitos deles versionaron as súas cancións.


Outro músico que tamén sente admiración por John Prine é Roger Waters, cuxa canción "The Post War", pertencente ó álbum de Pink Floyd The Final Cut (1983), garda algún parecido.

venres, 5 de febreiro de 2016

Automatic

The Pointer Sisters labraron a súa carreira ó abeiro da escena funk, soul e R&B dos setenta dende moi cedo. Por iso unha década máis tarde o grupo feminino era xa todo un veterano, e as súas cancións cada vez eran mellores. Coa publicación do décimo álbum, Break Out (1983), The Pointer Sisters acadou o seu máximo apoxeo, pois ademais de situarse moi ben nas listas de vendas anglosaxonas e estadounidenses, os distintos singles callaron lle proporcionou ó grupo que fose candidato a varios premios musicais importantes. O segundo single do álbum, "Automatic", é unha das principais cancións de The Pointer Sisters.


Esquecida durante máis dunha década, a canción "Automatic" tomou novos folgos hai varios anos con senllas versións de Ultra Naté e de Hot Leg nos seus respectivos estilos. A de Ultra Naté, pertencente ó álbum Grime, Silk and Thunder (2007), ó ser en clave electrónica non se diferencia gran cousa da orixinal, pero o toque persoal de Ultra Naté queda patente.


O supergrupo que o líder de The Darkness, Justin  Hawkins, montou, Hot Leg, tamén versionou "Automatic" no ano 2008, en clave rock.

xoves, 4 de febreiro de 2016

Rain (2)

Segunda entrega do monográfico dedicado ás cancións que levan no título a verba "choiva". Desta volta arrincamos coa famosa canción de George Hamilton IV "Early Morning Rain", pertencente ó álbum Steel Rail Blues (1966). Esta canción tivo un enorme éxito nas voces doutros artistas coma Bob Dylan, Judy Collins e Elvis Presley, entre outros moitos, o que lle acabou quitando protagonismo á versión orixinal de George Hamilton IV.

https://youtu.be/nP6W8wEC4KI

Albert Hammond deleitounos coa canción "It Never Rain in Southern California", que lle daba título ó album de 1972. Co tempo, volveuse unha das composicións máis recoñecidas deste artista.

https://youtu.be/-pyC7WnvLT4

Outra canción que fala por excelencia da choiva é a de Led Zeppelin "The Rain Song" no álbum Houses of Holy (1973).


Cambiando de terzo, o debut de Terence Trent D'Arby Introducing the Hardline according to Terence Trent D'Arby (1987) tamén contén unha canción titulada "Rain".

https://youtu.be/ro8ys2Px_8g

Os incombustibles Rolling Stones tamén lle compuxeron á choiva en "Rain Fall Down", canción dun dos últimos discos da banda, A Bigger Bang (2005).

https://youtu.be/2mHHq7zcim8

E por hoxe, non podiamos rematar sen outra gran canción sobre a choiva, a marabillosa "Singing in the Rain", que lle daba título ó musical de Gene Kelly. Se xa a canción roza a excelencia por si soa, a escena na que Kelly pasea baixo a choiva bailando co paraugas fica a imaxe da canción como unha das máis significativas, facendo que a molestia que supón a chuvia para andar polas rúas resulte ata agradable.

https://youtu.be/w40ushYAaYA

mércores, 3 de febreiro de 2016

Don't Stop the Music

Non adoita ser moi orixinal titular unha canción co título "Don't Stop the Music", (hai moreas delas e ata lle poderiamos dedicar un monográfico calquera día), pero o maior éxito de Yarbrough and Peoples chámase así e con esa canción deron comezo a súa andaina musical, que non sería moi longa, pois a mediados dos oitenta o dúo centrouse na produción e composición para outros artistas, deixando de lado a primeira liña da escena. O single "Don't Stop the Music", que se colocou nos primeiros postos das listas de vendas, decontado se fixo moi popular entre os ambientes de hip hop, que non tardaron en adoptala como súa, sampleándoa decote.


Unha desas cancións na que o "Don't Stop the Music" de Yarbrough and Peoples se agocha é a de TLC "Let's Do It Again", do famoso CrazySexyCool (1994).

martes, 2 de febreiro de 2016

You Don't Miss Your Water

O debut de William Bell no mundo da música soul non puido comezar con mellor pé. Certo que "You Don't Miss Your Water", o single co que seu a coñecer e que foi o principal valedor do álbum The Soul of a Bell (1961), non acadou unhas posicións moi altas nas listas de vendas, pero o encanto que agromaba das súas notas conquistou a músicos de distinta índole que a levaron ós seus respectivos terreos ó faceren novas versións. O primeiro foi o gran Otis Redding, colega de William Bell no selo Stax, quen no álbum Otis Blue (1965) se encargou de espallala ata aqueles lugares ós que a versión orixinal non chegara. A partir de aí, as versións que se fixeron de "You Don't Miss Your Water" foron constantes.

https://youtu.be/tcI5cheyff4

Trala versión de Otis Redding, a canción "You Don't Miss Your Water" saltou a outros eidos fóra do soul e adentrouse no rock da man de grupos como The Byrds, que a incluíron no álbum Sweetheart of the Rodeo (1968).

https://youtu.be/PjnYibBHMzk

Un grande do rock and roll coma Jerry Lee Lewis fixo unha versión en clave blues no álbum The Killer Rocks On (1972).

https://youtu.be/5nF52tbH2tM

A versión orixinal de William Bell deixou algún trazo de inspiración na canción de Bruce Hornsby and the Range "Mandolin Rain", pertencente ó álbum The Way It Is (1986).