venres, 28 de xuño de 2013

Everybody Dance

A música de Chic volve estar de moda grazas sobre todo ó novo disco de Daft Punk, que conta coa participación de Nile Rodgers nalgún tema, malia que na súa totalidade semella unha homenaxe encuberta a Chic. Mais non só Daft Punk toman como espello a Chic, senón como temos visto outras veces outros artistas e bandas levan fixándose na música de Rodgers e Edwards dende hai bastante tempo. Xa no primeiro álbum de Chic (1978), algunhas das cancións estaban destinadas a perseverar co paso dos anos. "Everybody Dance", o segundo single, é unha boa mostra.


No ano 2000 os británicos Steps lanzaron o seu terceiro disco Buzz, onde a canción estrela é "Stomp", que reproduce de maneira evidente a melodía da canción de Chic.


Xa afastados do son disco, tamén podemos atopar certos ecos da canción de Chic nun dos últimos éxitos de Manic Street Preachers. A canción que presentaba o último disco dos galeses "(It's Not War) Just the End of Love", pertencente a Postcards From a Young Man (2010), parece conter un sample de "Everybody Dance".



xoves, 27 de xuño de 2013

Inní mér syngur vitleysingur

A finais da década dos 90, a aparición de Sigur Rós no panorama internacional deulle unha nova perspectiva ó rock . Dez anos máis tarde, a aposta da banda chegada de Islandia era unha realidade que moitos outros proxectos musicais estaban dispostos a imitar. A voz anxelical de Jónsi Birgisson marca o estilo identificativo de Sigur Rós como nunca no quinto traballo Meô suô í eyrum viô spilum endalaust (2008) onde o segundo single escollido "Inní mér syngur vitleysingur" é dos máis alegres que nos ofrecen os islandeses. Unha auténtica marabilla.


A influencia de Sigur Rós foise incrementando con cada traballo que publicaban. Para Crystal Castles, considerado na actualidade como un dos prinicipais grupos de música electrónica experimental, as voces de Jónsi na canción anterior foron fundamentais para o seu tema "Year of Silence", que aparece no segundo disco do dúo composto por Ethan Kath e Alice Glass Crystal Castles II (2010).

mércores, 26 de xuño de 2013

The Girl Can't Help It

Little Richard é un dos rockeiros máis lonxevos de todos os tempos. Desde que comezou a súa andaina na música nos últimos anos da década dos 40, o músico americano converteuse en todo un referente, tanto polo seu estilo como polas súas actuacións en directo, onde cun ritmo frenético facía soar o piano, o que facía que moitas veces o instrumento acabase moi mal parado. Considerado un mestre por moitos dos grandes coma Otis Redding, James Brown, Tina Turner, John Fogerty e Michael Jackson, por citar só uns poucos exemplos, as composicións de Little Richard son case todas auténticos clásicos do rock e do soul. Un deles é "The Girl Can't Help It", single de 1956.


Versionada nunhas cantas ocasións, a influencia de "The Girl Can't Help It" pode apreciarse facilmente no estilo doutras cancións posteriores. Por exemplo, na canción de Emerson, Lake & Palmer "Are You Ready, Eddy?", do álbum Tarkus, de 1971.


Cun salto de varias décadas, The Fratellis tamén se basean na canción de Little Richard para crear "Stragglers Moon", no álbum Here We Stand (2008), malia que xa non estamos diante dun tema de rock and roll propio dos anos 50.


Tampouco falta o seu uso como sample, aínda que o resultado sexa bastante descorazonador. Fergie, a cantante de The Black Eyed Peas, sampleouna no tema "Clumsy" no seu primeiro traballo en solitario The Dutchess (2006). Unha mágoa.

martes, 25 de xuño de 2013

La Ciudad Perdida

No panorama pop español máis achegado ó mainstream predominan sobre todo os artistas solistas, que cunha boa promoción da súa casa discográfica, o apoio dos fans e nalgúns casos, unhas boas cancións, acadan pronto o estatus de estrelas. David Demaría é un deses artistas, que conta ademais co mérito de compór as súas propias cancións, algunhas delas certamente moi boas. Quizais "La Ciudad Perdida", que aperece no seu álbum Barcos de Papel (2004) sexa a máis fermosa de todas.


O son celta que David Demaría introduce en "La Ciudad Perdida" é un distintivo desta canción con respecto a outras do compositor, un toque que a achega ó estilo de Celtas Cortos. Curiosamente, cando a banda de Valladolid presentou o disco 40 de abril en 2008 co single "Retales de una vida", a moitos lembroulles a melodía da canción do malagueño Demaría.


venres, 21 de xuño de 2013

Everybody Needs Love

Un dos innumerables artistas que a discográfica Tamla Motown elevou ós ceos do éxito é Edwin Starr. Este cantante de Nashville deixaría para a historia un temazo como é "War" convertido en todo un símbolo contra a guerra de Vietnam, pero non foi unicamente esta canción pola que Edwin Starr debe ser recordado, xa que a súa carreira está plagada de moi boas cancións soul que o converten en todo un referente. "Everybody  Needs Love", que saíu en 1970, é un dos mellores exemplos.


Sería Norman Cook, quen nos anos 90 volvería a pór de moda esta canción de Edwin Starr mediante un sample co que deu a coñecer o seu novo proxecto Fatboy Slim tras triunfar cos Housemartins e Freak Power. A nova canción  era "Everybody Needs a 303", single elixido para presentar o disco Better Living Through Chemistry (1996).

xoves, 20 de xuño de 2013

Give It Up

A samba, a música brasileira por excelencia, sempre exerceu un atractivo especial para os dj's de house que vían no ritmo un incentivo para crear novos sons. A comezos dos anos 90 os neerlandeses Zki & Dobre, tamén coñecidos como The Good Men publicaron un single que faría bailar a toda Europa. "Give It Up" converteuse en todo un hit que remitía a Brasil; algo nada raro, xa que os produtores neerlandeses introduciran samples dalgunhas das cancións de Sérgio Mendes, un dos grandes autores brasileiros e máis recoñecidos internacionalmente, aínda que The Good Men non utilizaron o maior éxito de Sérgio Mendes, o famoso "Máis que Nada". Pero antes de revisar as cancións orixinais, vexamos como lle quedou a canción a Zki & Dobre en 1993.


As cancións de Sérgio Mendes que empregaron foron, "Magdalenha" e "Fanfarra", interpretadas as dúas xunto con Carlinhos Brown. En primeiro lugar, "Magdalenha".


E agora, "Fanfarra".


Ademais das cancións de Sérgio Mendes, The Good Men tamén as mesturou no seu éxito cun tema de Sinnamon, "I Need You Now".


O resultado destas mesturas é "Give It Up", que tivo tal éxito, que non lle pasou desapercibido a Mick Hucknall, e en 1995 Simply Red presentaba o seu álbum máis exitoso Life con "Fairground".


As batucadas estaban tan de moda á mediados dos 90, que mesmo Pet Shop Boys non se resistiron a elas. En 1996 o segundo single do álbum Bilingual era "Se a vida é (That's the Way Life Is)", que nos volvían recordar a paisaxe brasileira.




mércores, 19 de xuño de 2013

Don't Bring Me Down

Co álbum Discovery publicado en 1979 a Electric Light Orchestra aupouse nos primeiros postos das listas de vendas de Reino Unido e atopou o seu lugar como unha das mellores bandas de rock da música. O éxito dese disco débese a unhas cancións escritas con delicadeza e cunha enerxia desbordante que se transmite en cada nota. Discovery péchase con "Don't Bring Me Down", unha das mellores creacións de Jeff Lynne e unha das que mellor representa o son da Electric Light Orchestra.


Unha das cancións máis versionadas da ELO ó longo do tempo, tamén atopou acomodo no hip hop en forma de sample. Jungle Brothers recorre a ela no seu debut Straight out the Jungle en 1988.


Recentemente, The Hives recuperou os riff de "Don't Bring Me Down" para a súa canción "Go Right Ahead", o single co que presentaban o seu último disco Lex Hives (2012).

martes, 18 de xuño de 2013

(I Just) Died in Your Arms

Cutting Crew é unha de tantas bandas que acadou ó éxito grazas a unha soa canción e que acabou eclipsando os seguintes traballos da banda. Se por riba, esa canción é coa que se debuta, é fácil entender que a esixencia ás demais cancións por estar á altura dese éxito temperán sexa aínda meirande. Cutting Crew naceu en 1985 da man de Nick Van Eede. Ó ano seguinte publicaron o seu primeiro disco Broadcast  cun primeiro single que lanzou a Cutting Crew ó estrelato. Ese single era "(I Just) Died in Your Arms", todo un trallazo que se colou nos primeiros postos das listas de vendas de medio mundo.


E como todo éxito que se precie, non tardaron en chegar as versións e os samples. Facemos un pequeno repaso á pegada de "(I Just) Died in Your Arms"), xa que a lista é bastante ampla. Amerie inspirouse nesta canción para o tema "I Just Died", que se inclúe no seu debut All I Have (2002).


En 2006 Mika tamén a aproveitou no seu disco de debut Life in Cartoon Motion na canción "Relax, Take It Easy", xa que comeza do mesmo xeito.


Tamén no debut de Pixie Lott atopamos a canción de Cutting Crew sampleada. Concretamente en "Coming Home", que canta xunto con Jason Derülo. O disco no que aparece é Turn It Up (2009).


E para acabar co repaso, unha das últimas máis coñecidas. A canción de Britney Spears "Hold It Against Me" do disco Femme Fatale (2011).


luns, 17 de xuño de 2013

Rock the Casbah

The Clash vivía o seu mellor momento a comezos dos anos 80 cando o a banda acadara un estilo propio que comezaba a deixar pegada noutros grupos que admiraban a contundencia das letras de Joe Strummer e compañía, así como o seu son que combinaba o mellor punk cos sons de New Wave máis actual do momento. O quinto disco Combat Rock (1982) móstranos un dos traballos fundamentais de The Clash, con cancións convertidas case en himnos por unha xeración, como é "Rock the Casbah", un dos mellores temas dese álbum, xunto co gran "Should I Stay or Should I Go".


A influencia de The Clash foi notoria en gruupos da época como os granadinos 911, co que Joe Strummer colaborou ( e recentemente lle acaban de dedicar unha rúa en Granada) e Pistones, que debutaron en 1983 co disco Persecución e que contén unha das cancións máis importantes da historia do pop rock español, "El Pistolero", onde a presenza do son de The Clash se deixa ver en cada nota.

venres, 14 de xuño de 2013

The Lemon Song

O paso de Jimmy Page por The Yardbirds non foi en balde. Cando pouco despois, Page formou a súa nova banda Led Zeppelin xunto con Robert Plant, John Bonham e John Paul Jones xa tiña decidido as liñas mestras polas que ía transitar o son do grupo. Un rock potente a base de guitarras, pero sen renunciar ás raíces do blues que tanto marcaran a Jimmy Page. De modo que en tódolos traballos de Led Zeppelin hai sempre uns trazos do blues máis clásico, que Led Zeppelin adoitaba versionar tanto no estudio coma nos concertos, e que para os detractores da banda é unha mostra de que eran uns copións, mentres que para a maioría, Led Zeppelin perpetuaba unha música e unhas cancións que nunca deberían caer no esquecemento. No segundo disco Led Zeppelin II está a canción "The Lemon Song", inspirada nuns cantos éxitos de blues. Un deles do principal bluesman de todos os tempos, Robert Johnson. "Travelling Riverside Blues", de 1937,  inspirou a letra.


Outra é "Crosscut Saw" gravada por primeira vez en 1941 por Tommy McClean en1941, aínda que ese mesmo ano tamén a gravou Tony Hollins.


Aínda que din que a que a canción que máis influíu en "The Lemon Song" é "Killing Floor", de Howlin' Wolf, de 1964 e cuxos compás son máis evidentes na canción de Led Zeppelin.


Seica a mestura sutil destas fabulosas cancións de blues deron como resultado "The Lemon Song", terceiro corte de Led Zeppelin II (1969).

xoves, 13 de xuño de 2013

Bend Me, Shape Me

Larry Weiss e Scott English son dous dos compositores máis recoñecidos dos anos 60, xa que moitas das súas creacións acadaban os postos altos das listas de vendas sen demasiada dificultade, sempre nas voces de grupos e artistas que sabían que traballar con eles era un aval á fama. A banda de Ohio The Outsiders foron dos primeiros afortunados en contar coa súa colaboración, aínda que finalmente, a súa andaina como banda non tivo un recorrido moi extenso. No álbum The Outsiders In (1967) inclúen "Bend Me, Shape Me", un dos éxitos coa sinatura de English e Weiss.


E seguramente debido a que The Outsiders non chegaron a consolidarse como banda, a versión orixinal de "Bend Me, Shape Me" quedou un pouco no esquecemento, xa que en decembro de 1967 The American Breed debutaban cunha nova versión de "Bend Me, Shape Me", que foi a que triunfou. The American Breed elixírona coma canción estrela do seu disco de debut ó titulalo Bend Me Shape Me.


Varias décadas despois, moitos críticos sinalaron que o retrouso de "Bend Me, Shape Me" semellaba estar presente no éxito de Garbage "I Think I'm Paranoid", segundo single do disco Version 2.0 (1998).

http://www.goear.com/listen/b829515/i-think-im-paranoid-garbage

E xa bastante máis afastados pero cuns toques que tamén lembran á canción de The Outsiders, Savage Garden incluíron no seu debut "Break Me Shake Me" en 1997.

http://youtu.be/pTWk867U6j0

mércores, 12 de xuño de 2013

Hot Fun in the Summertime

Despois de catro discos publicados con notable éxito, en 1970 chegou ás tendas de música o primeiro recompilatorio de grandes éxitos de Sly and the Stone Family, que reunía as mellores razóns polas que esta banda era unha das mellores do momento. Por se fose pouco, o recompilatorio non se limitaba só a recoller o melloriño de Sly e o resto da familia Stone co engado duns cantos temas novos de recheo para facer máis atractiva á venda, senón que as tres cancións inéditas reincidían na calidade e o talento de Sly and the Stone Family para crear melodías e temas influentes. "Hot Fun in the Summertime" foi escollido como o single que presentaba o disco, unha decisión sumamente acertada.


Non pasaran nin dez anos cando a sona de "Hot Fun in the Summertime" comezou a dar os seus froitos. Fixémonos no comezo da canción de Toto "Hold the Line". O piano está inspirado no da canción de Sly and the Stone Family, como ben teñen recoñecido David Paich e Jeff Porcaro nas entrevistas cando lles preguntaron ó respecto, así como a admiración que senten pola música deste grupo. "Hold the Line" foi o primeiro éxito de Toto e aparece no álbum epónimo co que se deron a coñecer en 1978.


Tamén, aínda que en menor medida, "Hot Fun in the Summertime" está detrás da inspiración dunha canción doutra gran banda. "Misunderstanding", de Genesis, recollida no álbum Duke (1980), lembra levemente ó estilo de Sly Stone. Phil Collins dixo nalgunha ocasión que se inspiraran nela. 

martes, 11 de xuño de 2013

She Comes in Colors

Ninguén dubida de que Da Capo é o mellor disco no repetorio de Love. Publicado en 1966, boa parte dos seus temas evitaron que o tempo relegase á banda californiana ó máis absoluto esquecemento. Unha das xoias de Da Capo é "She's a Rainbow", unha fermosa canción asinada por Arthur Lee e das máis influentes de Love.


Non tanto pola melodía, senón pola letra, o sexto disco dos Rolling Stones Their Satanic Majesties Request (1967) contén unha das cancións máis sorprendentes do repertorio da banda inglesa, que foi comparada coa canción de Love. "She's a Rainbow" revelouse co paso do tempo como unha especie de rareza dos Stones, polo emprego do melotrón e do piano, instrumentos non moi habituais nos seus temas, así como a suave melodía de "She's a Rainbow". Unha marabilla máis asinada por Mick Jagger e Keith Richards.


A versión máis importante de "She Comes in Colors" é a que fixo The Hooters en 1985 no disco Nervous Night cun toque inconfundible que fai que pareza unha canción de The Doors.


Pero "She Comes in Colors" tamén serviu para inspirar outra cancións en forma de sample, malia perder a súa maxia inicial. "Beautiful Stranger", da banda sonora de Austin Powers, e cantada por Madonna, de 1999.


Aínda que para versións de "Beautiful Stranger", ningunha mellor que a de Sidonie en 2000 no EP Dragonfly.






luns, 10 de xuño de 2013

Freedom

Como ben se encargou de expresar no título dun dos seus libros, Scott Fitgerarld, tan de actualidade estes días polo estreno dunha nova versión cinematográfica sobre a súa principal obra, o jazz era a banda sonora dos felices anos 20. Nesa década naceu en Arizona un dos grandes artistas que fixo do jazz a súa bandeira. Trátase nin máis nin menos que de Charles Mingus, que tivo unha carreira prolífica dende os anos 40, e malia que o jazz xa non ocupaba o lugar privilexiado que tivera anteriormente, grazas a Mingus e a Billie Holliday entre outros, sempre estivo presente mesmo cando o rock se converteu no xénero rei. Unha das creacións máis importantes de Charles Mingus é "Freedom".


A influencia de Charles Mingus aínda se segue notando mesmo neste novo século e non só en Estados Unidos. Os cataláns 12Twelve reviven dalgún xeito o son de Mingus no seu último disco L'Univers (2006) que se pecha co tema que lle dá título e que, curiosamente, non figura nos créditos do álbum. Un tema instrumental que nos devolve o interese polo jazz.

venres, 7 de xuño de 2013

Highwire

Linda Carr comezou a súa carreira a mediados dos anos 60, pero non acadaría certo recoñecemento ata unha década máis tarde, cando coa súa banda Linda Carr & The Love Squad gravou o álbum Cherry Pie Guy (1975) que contén algunhas das cancións polas que este grupo non caeu no esquecemento máis absoluto. Producido por Kenny Nolan, que colaborara na composición de éxitos doutras bandas como Labelle, a canción que máis triunfou do álbum Cherry Pie Guy nas listas de vendas é "Highwire" e tamén, posiblemente, o maior éxito de Linda Carr & The Love Squad.


Algunha reminiscencia de "Highwire" pódese atopar no retrouso da canción de M People "One Night in Heaven" que aparece no álbum Elegant Slumming (1993). Sen dúbida a voz de Heather Small ten o potencial da de Linda Carr e iso aprézase ben nun dos singles máis lembrados de M People.

xoves, 6 de xuño de 2013

Gloria

A canción romántica italiana viviu unha época de esplendou dende os anos 60 con grandes baladistas que non só triunfaron en Italia, senón en case tódolos países bañados polo Mediterráneo e en media Europa. Por se fose pouco, este xénero vivía a súa festa particular en torno ó festival da canción de San Remo, que cada ano daba a coñecer  novas promesas que garantían a continuidade desta modalidade que case era un elemento máis da identidade do pobo italiano. Entre os cantantes que saían deste festival e os que acadaban o éxito sen pasar por el, hoxe temos unha lista de cantantes imprescindibles para falar de canción romántica. Un deles é Umberto Tozzi, compositor de Torino que tivo os seus maiores éxitos na década de 1970. Cunha base dance, "Gloria" é hoxe todo un clásico. Editada en 1979, dálle título ó seu cuarto álbum.


Se ben é verdade que tódolos artistas italianos adoitaban sacar versións dos seus éxitos en castelán e en francés, que lles aseguraban os primeiros postos das listas de vendas internacionais, non ocorría o mesmo co inglés e, quizais por iso, nos países anglosaxóns este estilo non era tan aprezado. Para arranxar isto dalgún xeito, Laura Braningan adaptou unhas cantas cancións ó inglés que lle axudaron a ter un enorme éxito da década de 1980. A adaptación de "Gloria" no seu debut Branigan en 1982 foi o principio dunha carreira chea de éxitos.


E as bases de guitarra da versión de Laura Branigan foron aproveitadas por Pulp para facer "Disco 2000", o quinto disco da banda de Jarvis Cocker e co que acadaron o recoñecemento internacional que tanto merecía Pulp. Different Cass foi publicado en 1995.