xoves, 31 de outubro de 2013

Where Did Our Love Go

O grupo feminino vocal que máis sobresaía na Tamla Motown foi The Supremes. A formación liderada por Diana Ross era unha fonte de ganancias para o selo de Detroit e cos anos, acentuouse o seu prestixo. Os xefes da Motown, sabedores do valor que tiñan, trataron de coidar ó máximo ó que para moitos era o gran tesouro da discográfica, beneficiando a The Supremes por diante doutros grupos similares que pertencían ó mesmo selo. Deste xeito producíase unha simbiose perfecta: os produtores rodeábanse dos mellores compositores e músicos para ofrecerlle ás Supremes un material moi traballado e elas devolvíanlles o favor pondo as súas privilexiadas voces e unha interpretación chamada a crear escola. "Where Did Our Love Go", do álbum do mesmo título, publicado en 1964 é un deses temas que fixeron grandes a The Supremes.


Un ano despois, outra formación vocal, pero esta vez masculina e tamén pertencente á Tamla Motown, sacaban unha canción cunha melodía que recorda moito á do tema das Supremes. Falamos de Four Tops e o tema "I Can't Help Myself (Sugar Pie Honey Bunch)", pertencente ó disco Four Tops' Second Album (1965). En realidade, nada estraño, xa que ámbalas cancións están asinadas polos mesmos autores e foron producidas polos mesmos produtores. 

http://youtu.be/s3bksUSPB4c

Tamén se pode considerar unha brincadeira por parte de Four Tops a canción "It's the Same Old Song" do mesmo álbum, onde reproducen a mesma melodía de "I Can't Help Myself".http://youtu.be/2wYoLQc-x5g

E habería que esperar á última década do pasado século para que alguén volvese recuperar o son destas dúas cancións para transformalos nun só. Ace of Base, o grupo sueco que revolucionara as discotecas desa década coa súa música, inclúe no álbum Flowers (1998) "Always Have, Always Will" inspirándose no son Motown. Non é o mesmo, pero sempre podería ser peor.

mércores, 30 de outubro de 2013

In High Places

Malia os anos que Mike Oldfield levaba de traxectoria, cun brillante debut na discográfica Virgin con Tubular Bells, a sona que acadou o músico e compositor inglés con "Moonlight Shadow" situaban a Oldfield no punto de vista de practicamente todo o universo musical. Así que dende o exitoso lanzamento dese single, as demais cancións do álbum Crises (1983) foron analizadas en función do que deparara "Moonlight Shadow". Se ben é verdade que os seguintes singles, así coma o primeiro, "Mistake", non lle fixeron sombra á popularidade da canción estrela, hai que recoñecer que en canto á calidade, estaban á mesma altura, cando non a superaban claramente. Unha das xoias dese disco é "In High Places".

http://youtu.be/oIWZ4dqKmJs

Kanye West tomou prestada á canción para ensamblar "Dark Fantasy", unha das mellores cancións que atopamos no seu excelente traballo My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010).

http://youtu.be/A5e3ZL5IEcg

martes, 29 de outubro de 2013

Bennie and the Jets

Elton John e Bernie Taupin formaron un dúo de compositores que lle reportou ó primeiro deles un feixe de alegrías en forma de cancións, que hoxe son imprescindibles no repertorio de Elton John.Unha delas é sen dúbida "Bennie and the Jets", que aparece no disco Goodbye Yellow Brick Road (1974), un dobre álbum que recolle algunhas das cancións máis coñecidas de Elton John. Facía a conta número sete na traxectoria do músico británico.


O primeiro sample que atopamos de "Bennie and the Jets" é no tema de Mary J. Blige "Deep Inside". A cantante de R&B recorre á música de Elton John na canción do álbum  Mary (1999).


Tampouco se resistiu á tentación de "Bennie and the Jets" Ashanti, que a sampleou en "Good Good", un dos seus singles extraídos do álbum The Declaration (2008).



Pero na estrutura de "Good Good" non só atopamos a "Bennie and the Jets", xa que hai outra famosa canción que contribúe co seu son a facer de "Good Good" unha das mellores cancións de Astani. Trátase de "The Girl is Mine", interpretada por Michael Jackson e Paul McCartney. A colaboración destes dous xenios forma parte do mítico Thriller (1982) e a canción  tampouco escapou da polémica no seu momento. Robert Smith sinalou que lembraba moito ó estilo dalgúns temas de The Cure, pero Fred Sanford acusou a Michael Jackson por plaxia-la súa canción "Please Love Me Now". (Gustaríanos ofrecervos algunha ligazón á canción de Sanford para que puidésedes comparar e sacar as vosas propias conclusións, pero non nos foi posible atopalo, así que vos pedimos desculpas.)

luns, 28 de outubro de 2013

Misery

The Dynamics, un grupo vocal de R&B procedente de Detroit, non tivo un recorrido excesivamente longo no mundo da música. A súa traxectoria abarcou a década de 1960 e parte dos anos 70, pero tan só nos deixaron varios singles e tres discos de longa duración. No entanto, esta banda que tiña como manáger a Ted White e que se caracterizou por un son que algúns definen coma "protofunk" deixou un recordo cun dos seus primeiros singles, editado en 1963. "Misery", que sería un título constante en ducias de cancións posteriores, apenas tivo transecendencia cando se publicou, pero ó ano seguinte un grupo de debutantes se ían encargar de inmortalizala.


Esa nova banda viña de Reino Unido e facíanse chamar The High Numbers, malia que non tardarían en cambialo polo de The Who. A súa andaina discográfica comezou en 1964 coa publicación dun single "Zoot Suite", que ten a mesma melodía cá de The Dynamics. A cara B, como xa vimos noutra ocasión, "I'm the Face" tampouco ten unha música orixinal. Quen ía dicir nese momento que a banda composta por Pete Townshend ía chegar a ser o que é hoxe?

venres, 25 de outubro de 2013

My Forbbiden Lover

Chic era un dos grupos do momento a finais da década de 1970 e acadaron a consagración definitiva co terceiro disco Risqué (1979) cuxo single de lanzamento está considerado xa un clásico "Good Times". Pero o resto de cancións que compoñen o disco tamén están moi presentes nos compositores e nos artistas que teñen a Bernard Edwards e a Nile Rodgers como verdadeiros referentes. Se "Good Times" (como xa vimos) inspirou un feixe de novas cancións, o single que a seguiu "My Forbbiden Lover" non quedou atrás, malia que a repercusión deses novos temas non foi tan grande coma a de "Good Times".


A particular resurrección de "My Forbbiden Lover" en forma de samples comezou a xurdir hai algo máis de dez anos. Os primeiros foron os suecos Alcazar no seu debut Casino (2000). Nel, a canción "Sexual Guarantee" recorre ó tema de Chic.


Seguiu a Alcazar, Luther Vandross. No seu recompilatorio póstumo editado en 2006 The Ultimate Luther Vandross e segunda parte do que publicara en 2001, a canción estrela é "Shine", que tamén recupera "My Forbidden Lover".


Outra canción disco que tampouco consegue prescindir de Chic é a de Darryl Pandy "Sunshine & Happiness".


E a última é a de The Black Eyed Peas, "Fashion Beats" no álbum The Beginning (2010).

xoves, 24 de outubro de 2013

Self Esteem

Ás veces os artistas e os grupos teñen que ver publicado o seu terceiro disco para consagrarse definitivamente. Iso foi o que lle ocorreu a The Offspring, unha das banda punk máis recoñecidas dos anos 90. En 1994, editaron Smash, un dos grandes traballos dese ano tan bo para o estilo punk, xa que xunto co álbum de Green Day Dookie, o disco de The Offspring acadou unhas cifras de vendas altisímas para o que era costume nas bandas punk. A canción que ía producir este pequeno milagro non era outro que "Self Esteem", que nin sequera foi o single de lanzamento do álbum, pero foi o elixido en segundo lugar para promociona-lo disco. Dende aquela, a banda de Dexter Holland acadou unha popularidade que chega ata hoxe.

http://youtu.be/eeWjzBHUdsI

E non se sabe moi ben se foi casualidade ou non, pero ese mesmo ano no mes de decembro debutaba a banda londinense Bush co disco Sixteen Stone cun son que nalgunhas cancións lembraba moito ó de The Offspring. O máis significativo é "Little Things", cuns riffs de guitarra que remiten a "Self Esteem".

http://youtu.be/mWJ1RlWH4Qw

O estilo que comezou The Offspring e continuou con Bush, chegou mesmo ós países eslavos. Baseado no de Bush, os búlgaros D2 obtiveron un dos seus maiores éxitos con "Ne Moga Da Spra Da Te Obicham", cuxa tradución vén sendo algo así como "non podo deixar de amarte" e coa que debutaban en 1999.

http://youtu.be/NF0qfKk7eG4

Pero volvamos a "Self Esteem". Conta con boas versións nas voces doutros artistas e tampouco se librou de ser sampleada. Charles Hamilton encargouse de que a voz de Dexter Holland no gran éxito de The Offspring lle salvase a súa canción "Rockstar Girl", que nin moito menos é a mellor canción no repertorio deste rapeiro. Pertence ó álbum Outside Looking 82008).

http://youtu.be/F2A-uovms-w

mércores, 23 de outubro de 2013

Blind Alley

The Emotions foi outro dos grupos de soul e R&B formado por mulleres que había nos anos 60. Cando o interese  por estes grupos vocais femininos comezaba a decaer cara a finais da década, The Emotions xurdiu coma unha aposta forte do selo Stax, xa que a importancia que estaba cobrando o R&B achegándose ós sons disco e derivando cara o funk parecía ser unha boa circunstancia para que o estilo de The Emotions callase entre o público. Sen acadar os mesmos niveis ós que chegaron outras formacións vocais coma The Supremes, The Ronnettes e The Shangri-Las, por citar algúns exemplos, The Emotions conseguiron marcar unha estela o suficientemente longa para que non  caesen no esquecemento. "Blind Alley" pertence ó disco Songs of Innocence and Experience (1972), o terceiro na conta de The Emotions.


E unha das artistas máis empeñadas en evitar que a música de The Emotions se borrase da memoria colectiva é Mariah Carey, alomenos nos comezos da súa carreira. Se o seu single "Emotions" collía algúns elementos de "Best of My Love" sen consultar cos autores (como xa veremos algún día), Mariah Carey repetía xogada con "Dreamlover", o single que promocionaba o terceiro disco da artista de orixe venezolana Music Box (1993). Nesa ocasión, decantouse por "Blind Alley" e desa volta, xa contaba co permiso necesario.



martes, 22 de outubro de 2013

Boadicea

En 1986 a BBC preparou unha serie documental sobre os celtas. A encargada de pórlle banda sonora á produción The Celts recaeu nunha compositora irlandesa que inauguraba con ese traballo unha fulgurante carreira marcada por un estilo único que foi acollido con entusiasmo pola xeración new age. Foi dese xeito como Enya irrumpiu na escena musical do momento. En The Celts ofrécenos quince cancións con son celta. Das que perviven na memoria colectiva dese disco, destaca "Boadicea", malia non ser talvez a mellor canción. A súa melodía calla facilmente no oínte, coma un besbexo, o que seguramente fai que "Boadicea" teña ese encanto peculiar por riba das demais.


Tan envolvente resulta "Boadicea" que a melodía se prestaba doadamente como trampolín para novas cancións. Os primeiros en fixa-la súa antención nela os rapaces de Fugees que a partir de "Boadicea" crearon "Ready or Not", un dos singles de máis éxito do seu debut The Score (1996). Non lle pediron permiso a Enya, o que anoxou bastante á cantante irlandesa.

http://youtu.be/bA1PAkKD3Q4

Xa nos últimos tempos, Mario Winans recuperou a "Bodicea" no seu tema "I Don't Wanna Know", no álbum Hurt No More (2004).

http://youtu.be/frvg9hfJYBo

A canción de Mario Winans tamén contén un sample da canción "You're a Customer", de EPMD, que está incluída no disco Strickly Business (1988).

luns, 21 de outubro de 2013

Such Great Heights

Nos últimos anos é moi habitual que os líderes dunhas determinadas bandas con certa sona decidan emprender novos proxectos paralelos que lles permitan adentrarse en experimentos que nos grupos orixinais serían moi difíciles de levar a cabo. Vímolo xa con Animal Collective e Panda Bear, así que hoxe traemos outro exemplo semellante. Ben Gibbard, que levou ó máis alto do rock alternativo a Death Cab for Cutie desde finais dos anos 90, animouse a probar sorte no electropop xunto con outros músicos doutras bandas. O resultado foi The Postal Service, unha especie de supergrupo como o os que xurdían habitualmente nos anos 70. Así cun son totalmente diferente ó de Death Cab for Cutie, The Postal Service debutaban en 2003 co álbum Give Up, cuxo primeiro single "Such Great Heights" é tan bo como calquera das cancións que Ben Gibbard nos ofrece con Death Cab for Cutie.


Para ter editado tan só un disco, The Postal Service convertiuse nun dos novos paladíns do electropop da última década, como ben proba as boas críticas que colleitou, así como que moitos artistas non dubiden de vez en cando en facer algunha versión dese traballo. E non só iso, Owl City, que nos últimos anos se convertiu nun referente da música electrónica, tamén se deixou engaiolar pola calidade de Give Up e esa influencia é notable na canción "Shooting Star", pertencente ó album The Midsummer Station (2012).




venres, 18 de outubro de 2013

Needles and Pins

Unha das primeiras mulleres que se dedicaron ó rock foi Jackie DeShannon. A finais dos anos 50, cando a maioría das cantautoras facían temas soul, DeShannon lanzouse na procura dun son que estaba facendo furor en bandas compostas principalmente por mozos. Comezou sacando singles ata que en 1963 saíu o seu primeiro LP Jackie DeShannon, pero sería ó ano seguinte cando Jackie DeShannon acadaría maior sona, grazas sobre todo ó single "Needles and Pins", composta por Jack Nitzsche e Sonny Bono, e que finalmente aparecería no LP Breakin' It Up on The Beatles (1964). Ese mesmo ano Jackie DeShannon colaboraba nun programa de radio dedicado exclusivamente ós Beatles, o que lle serviu para coñecer ós catro de Liverpool, pero para entón "Needles and Pins" xa contaba con algunha versión de importancia.

http://youtu.be/SSbM_Zmx9kA

A principal versión que se fixo de "Needles and Pins" e que chegou ós primeiros postos nas listas de vendas foi a de The Searches tamén en 1964. A nova versión tivo tanta repercusión co son beat que serviu de base a novas cancións.

http://youtu.be/ypv1lZlW1WY

A primeira desas cancións apareceu un ano despois do éxito de "Needles and Pins" da man de The Byrds. O single "I'll Feel a Whole Lot Better", que se inclúe no álbum Mr. Tambourine Man (1965) contén o seu riff de guitarra.

http://youtu.be/GaYqfI_tCkM

Pero antes de ir coa outra canción, unha curiosidade. O tema de The Byrds tamén conta cunha boa dose de versións, aínda que quizais a máis orixinal sexa a do arxentino Charly García, cunha letra adapatada ó español titulada "Me siento mucho mejor", do álbum Filosofía Barata y Zapatos de Goma (1990).

http://youtu.be/5oInx4_FkGE

Volvamos pois á versión de "Needles and Pins" de The Searchers. Esta reprodúcese ó comezo da canción de Megadeth "Use the Man", do álbum Cryptic Writings (1997).

http://youtu.be/gpW9MvgGXoU

xoves, 17 de outubro de 2013

Jimi Thing

Jimi Hendrix deixounos moi pronto, pero o seu descomunal talento coa guitarra foi o suficientemente notable para que transcendese máis aló da súa curta vida. A influencia de Hendrix foi tal que é raro que non haxa artistas e bandas de rock que non o citen como un dos seus referentes. Mesmo algúns non se conforman só con homenaxealo versionando algúns dos seus temas, senón que compoñen novas cancións que teñen moi presente o espíritu de Jimi Hendrix. Un exemplo témolo con Los Suaves e a canción "Hendrix", cos riffs  de "Foxy Lady" (verémolo proximamente). Outro tamén moi chamativo e ó que hoxe lle dedicamos a entrada é o de Dave Matthews Band e a canción "Jimi Thing", do álbum Under the Table and Dreaming (1994), onde cos elementos de dúas canción de Hendrix, Dave Matthews consegue co seu toque persoal mostra-la admiración que sente por este guitarrista de lenda.


As cancións que serviron de referencia para "Jimi Thing" son "Spanish Castle Magic", do álbum de finais de 1967 Axis: Bold as Love.


A segunda canción é a mítica "The Wind Cries Mary", do primeiro álbum de Jimi Hendrix Are You Experienced. Foi o primeiro longa duración que se editou do guitarrista ese ano.


E curiosamente, os acordes de "Jimi Thing" atoparon acomodo na canción de John Mayer "Why Georgia", do álbum Room for Squares (2001), co que Mayer debutou no panorama musical. Vese ás claras que Dave Matthews Band é un dos seus referentes e en "Why Georgia" apréciase significativamente.


mércores, 16 de outubro de 2013

Aces High

As bandas de heavy metal caracterízanse ante todo pola súa lonxevidade e con elas a famosa sentenza que di que os vellos rockeiros nunca morren cobra todo o seu sentido. Iron Maiden, que foi unha das primeiras en levar o heavy ó máis alto, segue dando guerra cuns concertos cheos de enerxía, que para si quixeran grupos máis novos. Polo tanto, non está nada mal recuperar algún dos seus grandes clásicos, como "Aces High", un dos singles do álbum Powerslave (1984). Sen dúbida, "Aces High" é unha das mellores creacións compostas por Steve Harris e tamén, unha das  cancións máis recoñecibles de Iron Maiden para aquel público que non está familiarizado co heavy.


E unha das bandas cuxo son máis lle debe a Iron Maiden é My Chemical Romance. A banda de Gerard Way, malia que non se dedique ó heavy máis puro, ten como referente a Iron Maiden en moitas das súas cancións. En "Helena", unha das principais cancións do álbum Three Cheers for Sweet Revenge (2004), percíbese a herdanza que recibe sobre todo de "Aces High".

martes, 15 de outubro de 2013

Back in Black

A perda do vocalista e líder dunha banda adoita traer consecuencias nefastas para esta, a non ser que os demais membros posúan a capacidade suficiente para reinventa-lo grupo sen perde-las señas de identidade. Nesa tesitura atopábase AC/DC en 1980 despois do pasamento de Bon Scott, pero os irmáns Young recorreron a Brian Johnson para evitar poñerlle o punto final a unha das bandas de hard rock que xa era todo un referente neste xénero do rock. Así que a nova etapa de AC/DC estreouse cun novo disco chamado Back in Black (1980) que chegou ó mercado tan só uns meses despois do falecemento de Bon Scott. A canción que lle dá título é unha das máis importantes na discografía de AC/DC e, como non, está dedicada a Bon Scott.


Cuns riffs totalmente recoñecibles, "Back in Black" deixou o seu rastro noutras cancións. Os Beastie Boys empregárona no seu tema "Rock Hard", single de 1984. Toda unha homenaxe a AC/DC.


A influencia desta canción de AC/DC é tal que tamén os grupos de pop para adolescentes teñen botado man dela para ilustrar algunha das súas creacións. No álbum Kingsize que Five publicou en 2001 está "Lay All Your Lovin' on Me", con samples de "Back in Black".

luns, 14 de outubro de 2013

Spanish Grease

Nos máxicos anos 60 cando a música popular chegou o seu máximo apoxeo, os países anglosaxóns souberon exportar como ninguén os seus estilos de facer música, de tal xeito que estes enseguida callaron noutros lugares onde os son autóctonos se mesturaron cos novos estilos, enriquecendo as variedades musicais. Por outra parte, a repercusión que ían collendo os artistas chegados doutros países fomentou o intercambio de influencias entre os distintos estilos musicais. Willie Bobo, un importante músico de jazz de orixe portorriqueña, caracterizouse porfusiona-los ritmos latinos co jazz, universalizando así ámbolos estilos. "Spanish Grease", que lle dá título ó álbum de 1965 de Willie Bobo, é unha das súas creacións máis coñecidas.

http://youtu.be/JPSq_Tla1FY

Un dos músicos que mellor contribuiu á mestizaxe musical dende os anos 60 xunto con Willie Bobo foi o guitarrista mexicano Carlos Santana. Soubo populariza-los ritmos latinoamericanos nos países anglosaxóns ó darlles un toque rock, que o conveteu nun estandarte do que se habería de coñecer coma rock latino. A influencia de Santana tivo así dúas direccións ben marcadas: era un referente para os músicos que facían rock, pero tamén para os músicos que se dedicaban a outros xéneros coma a salsa, o jazz e mesmo a cumbia. No entanto, en "No One to Depend On", canción do álbum Santana III (1971), Santana recorreu á música de Willie Bobo calcando a mesma melodía, o que deixaba ver que para el tamén era importante a influencia que recibía dos artistas latinos máis importantes dese momento.

http://youtu.be/mYc-zH0Ak6Q


venres, 11 de outubro de 2013

Life Goes On

O punk dos anos 70 reflectía como ningún outro subxénero do rock que a música ante todo era actitude. Na fornada de grupos punk que se formaron en Reino Unido nesa época seguindo a estela dos Sex Pistols, The Damned demostrou que tiña as ideas moi claras. Foi a primeira banda punk en facer unha xira polos Estados Unidos, en 1977, e ese mesmo ano telonearon a T. Rex nos que serían os derradeiros concertos da banda de Marc Bolan. E por se iso fose pouco, The Damned elixiu a Syd Barret como produtor do seu segundo disco, algo do que finalmente terían que desistir, xa que daquela o antigo líder de Pink Floyd aínda seguía cos mesmos problemas de saúde que o apartaran de Pink Floyd e do mundo da música. "Life Goes On", do álbum Strawberries (1982) é unha das cancións máis recordadas.


Killing Joke, unha banda coetánea de The Damned, baseouse no riff de guitarra de "Life Goes On" para crear "Eighties", canción que pechaba o álbum Night Time (1985) e que saíu como single.

http://youtu.be/B0uxOn1K8uc

E ese famoso riff volve aparcer nunha das grandes cancións de Nirvana "Come As You Are", pertencente ó mítico disco Nevermind (1991).

http://youtu.be/vabnZ9-ex7o

xoves, 10 de outubro de 2013

Jeepster

O sexto disco de T. Rex Electric Warrior (1971) consagrou ó glam como un dos subxéneros do rock destinado a marca-lo son de toda unha década. A partir del, David Bowie, Roxy Music, Sweet e moitos outros apostaron por esta maneira de facer rock seguindo sempre os pasos marcados por Marc Bolan. En Electric Warrior está incluído o arquicoñecido "Get It On", símbolo indiscutible do glam e que sempre se asociará a T. Rex, pero as demais cancións non quedan atrás. Unha das mellores cancións dese álbum é sen dúbida "Jeepster", que bebe da fonte doutras dúas grandes cancións, como veremos. Tamén lle hai que recoñece-lo mérito a Tony Visconti, o produtor, que logo se encargaría dos principais traballos de Bowie, de situar o glam nun lugar privilexiado dentro do rock.


A primeira canción en que se inspira "Jeepster" é "You're My Baby", unha sensacional composición de Johnny Cash que lle cedeu a Roy Orbison para o seu álbum de debut Roy Orbison at the Rock House (1961).


A segunda canción pertence a unha das voces máis influentes do rock. Falamos nin máis nin menos que do gran cantante de blues Howlin' Wolf. En 1962 publicou o seu segundo disco Howlin' Wolf no que aparece "You'll Be Mine", unha canción composta por Willie Dixon, que asina a meirande parte dos temas do álbum.