martes, 30 de xuño de 2015

Panic Attack

Como temos costume de ver no blog, hai grupos que basean o seu traballo nos samples alleos, facendo así unha sorte de arte da remestura que moita xente critica como unha falta evidente de creatividade, polo que lles resta mérito, mentres que para outros estes grupos rescatan cancións moitas veces esquecidas, á marxe do resultado que obteñan, que ás veces pode ser francamente bo. Hoxe é a quenda de Unkle, un dúo inglés dedicado á música electrónica e o trip hop dende mediados dos noventa. Malia que aínda non deron con esa gran canción decisiva que marque un punto de inflexión na súa traxectoria, James Lavelle e Tim Goldsworthy, os artífices de Unkle, ségueno intentando coas diveras influencias que marcan o seu estilo, algunhas tan boas como Joy Division e Frank Zappa. "Panic Attack" é unha das cancións do seu segundo álbum Never, Never, Land (2003).


A composición de "Panic Attack" xira en torno a dous temas da mesma época. Un é o de Richard Pinhas, "Variations sur le theme de Bene Gesserit", pertencente a Chronolyse (1978).


O outro é a canción de Joy Division "She's Lost Control", do debut Unknown Pleasures (1979).

luns, 29 de xuño de 2015

King of Pain

Sempre na vangarda da new wave, The Police ofrecían en cada álbum a mistura necesaria de frescura e talento que lle daba á banda de Sting, Stewart Copeland e Andy Summers os seus signos de identidade. Co quinto disco, Synchronicity (1983), non ía ser diferente e este traballo e non defraudou as expectativas que se crearon. As once cancións que o compoñen son dun extremado nivel, que fan de Synchronicity un dos álbums máis aclamados de The Police. Unha das excelentes cancións do disco é "King of Pain", un tema de Sting, cuarto e último single que se editou do disco.

https://youtu.be/0mgSCKXSp9M

Como moitos temas de The Police, "King of Pain" tamén conta con versións doutros artistas e unha das máis coñecidas é a acústica de Alanis Morissette, no seu MTV Umplugged (2000).

https://youtu.be/EzJTH67cv8E

venres, 26 de xuño de 2015

Radio (3)

Nova entrega da monografía dedicado á radio. Comezamos coa canción de Cheap Trick "On the Radio", do álbum Heaven Tonight (1978).


E do pop rock de Cheap Trick pasamos a unha das cancións máis emblemáticas da new wave. O tema de The Buggles, "Video Killed the Radio Star", pertencente a The Age of Plastic (1980) describía unha nova realidade tecnolóxica que parecía asentarse a pasos acelerados a finais dos setenta, isto é, a implantación dos videoclips e o poder da imaxe, que ameazaba o dominio que a radio tivera ata o momento como medio de transmitir música. Afortunadamente o panorama non foi tan pésimo como predecía a canción e Trevorn Horn convertiuse nun dos produtores do momento. 


Outras cancións que se escribiron sobre a radio son as seguintes: a de Nelly Furtado "On the Radio (Remember the Days)" no debut da canadense Whoa, Nelly! (2000).


Robbie Williams incluíu un tema co título de "Radio" no compilatorio de grandes éxitos que publicou en 2004.


Como vimos ó longo destas entregas, o título de "On the Radio" é bastante recorrente. The Concretes gravaron unha canción con ese título no álbum In Colour (2006).


Do mesmo xeito que Regina Spektor ten unha canción titulada así no álbum Begin to Hope (2006).

xoves, 25 de xuño de 2015

Since I've Been Loving You

Un ano despois da publicación do segundo álbum, Led Zeppelin volvían á carga con novo material. Igual que nos traballos anteriores, a banda formada por Jimmy Page, Robert Plant, John Paul Jones e John Bonham non se complicaron a vida na procura dun título rechamante e bautizárono como Led Zeppelin III (1970), onde se seguía afondando na mestura do folk e o blues co son máis duro do rock progresivo. Un dos mellores exemplos de rock blues do álbum é "Since I've Been Loving You", unha canción que asinan tódolos integrantes de Led Zeppelin, agás John Bonham, e que non adoitaba faltar en ningún dos concertos.


Robert Plant reelaborou algúns elementos de "Since I've Been Loving You" na canción do seu álbum en solitario Now and Zen (1988) "White, Clean and Neat".


En 1994 Plant e Page editaron un álbum en directo con algunhas das cancións de Led Zeppelin titulado No Quarter e "Since I've Been Loving You" non podía faltar, iso si, esta vez cun tratamento acústico respecto da orixinal.

mércores, 24 de xuño de 2015

Very Ape

Nirvana aínda non dixerira de todo o inmenso éxito que acadara Nevermind (1991) cando a banda de Kurt Kobain publicou In Utero (1993), unha continuación do son grunge que Nirvana levaba desenvolvendo desde as súas orixes e que tan bo resultado lle dera. A diferenza de Nevermind, In Utero non contén un trallazo tan claro como era o caso de "Smells Like a Teen Spirit", capaz de xustificar por si só todo un álbum, pero por outra parte gaña en consistencia e equilibrio, posto que non hai unha canción que destaque por riba das outras. Seica a banda non quedou moi contenta co traballo do produtor Steve Albini, que fora o elixido para ese álbum en detrimento de Butch Vig, e Nirvana tivo que recorrer ó produtor habitual de REM, Scott Litt,  para que fixese algunhas lixeiras modificacións no son dos singles. "Very Ape" é unha das cancións do álbum.


The Prodigy baseouse en "Very Ape" para os acordes de "Voodoo People", canción incluída no álbum Music for the Jilted Generation (1994)

martes, 23 de xuño de 2015

Tie Your Mother Down

O quinto álbum de Queen, A Day at the Races (1976), comeza con "Tie Your Mother Down", un tema de Brian May que escribiu mentres pasaba unha tempada en Tenerife mentres traballaba como astrónomo, e foi o segundo single do álbum tralo espectacular "Somebody to Love", de Freddie Mercury. "Tie Your Mother Down", que non é dos temas máis recordados de Queen, é unha excelente mostra de hard rock, onde predomina a forza das guitarras eléctricas en toda a composición, xa sen rastro da guitarra española coa que May debuxou os acordes. O propio Brian May deixou constancia en varias ocasións de que se inspirara nos riffs de dúas cancións rock para a elaboración dos trazos máis significativos de "Tie Your Mother Down".


Unha das cancións que influíron directamente en "Tie Your Mother Down" é a de Taste "Morning Sun", unha canción pertencente ó segundo álbum da banda irlandesa, titulado On the Boards (1970)


Cara ó final de "Tie Your Mother Down", os acordes aproxímanse á canción é a de T. Rex "Funky London Childhood", tema do álbum Prince of Players (The Alternate Dandy in the Underworld) (1976), que saíra en xaneiro, case un ano antes da publicación do disco de Queen.

https://youtu.be/higKU0UuN0Y

Por outra banda, a concepción de A Day at the Races é claramente cíclica, é dicir, a derradeira canción do álbum, "Teo Torriatte", remata cos mesmos acordes cos que comeza a primeira, que neste caso é "Tie Your Mother Down".

https://youtu.be/RSetfycYLFo

luns, 22 de xuño de 2015

History Repeating

A banda sonora das películas de James Bond consagrou a traxectoria musical de Shirley Bassey, que desde que a elixiran para o tema central de Goldfinger (1964) foi unha voz recorrente para as cancións das películas protagonizadas polo famoso espía. O dúo de música electrónica Propellerheads estivo moi atinado cando compuxo un tema ó estilo dos de Bond e llo ofreceu a Shirley Bassey porque era a cantante ideal para "History Repeating", a canción estrela de Decksandrumsandrockandroll (1998), o único álbum de estudio de Propellerheads. Apenas un ano antes da publicación do álbum, os rapaces de Propellerheads traballaran no tributo á música de James Bond Shaken and Stirred: The David Arnold James Bond  Project remesturando a canción de John Barry "On Her Majesty's Secret Service".


A ex Spice Girl Geri Halliwell comezou a súa carreira en solitario coa canción "Look at Me", onde a influencia de "History Repeating" é máis que evidente. Con esa canción estreábase o álbum Schizophonic (1999).

venres, 19 de xuño de 2015

Hollywood

Malia que o topónimo Hollywood é bastante frecuente en Estados Unidos, todo o mundo pensa na meca do cine cando alguén menciona ese nome. E de feito, precisamente debido á que a industria cinematográfica está establecida alí, Hollywood é un sinónimo de fábrica de soños, un lugar onde calquera pode triunfar, unha meta. Polo tanto, non estraña que moitos artistas leven facendo desde hai décadas cancións dedicadas a este lugar tan especial e nós, pola nosa parte, imos dedicar dúas entradas monográficas a algunhas cancións tituladas "Hollywood", como a de Labelle no álbum Pressure Cookin' (1973), cuxo título completo da canción é "(Can I Speak Before You Go To) Hollywood".

https://youtu.be/TnMqpAT0ubE

No ano 1977 apareceron varias cancións tituladas "Hollywood" aínda que pertencentes a estilos moi diferentes. A primeira foi a de The Runaways no álbum Queens of Noise, editado en xaneiro de 1977.

https://youtu.be/-g0PTluScRo

En abril de 1977 publicouse o álbum de Rufus Ask Rufus cunha canción "Hollywood" interpretada xunto con Chaka Khan.

https://youtu.be/_5XQ0lD8_lU

 "Hollywood (Down on Your Luck)" foi un dos single do álbum de Thin Lizzy Renegade (1981).

https://youtu.be/QcVS4Kpdn0E

Red Hot Chili Peppers teñen a canción "Hollywood (Africa)", no álbum Freaky Styley (1985), que tamén foi single.

https://youtu.be/_dmIhjDf9Ns

E The Cranberries tamén teñen unha canción "Hollywood" no álbum To the Faithful Departed (1996).

https://youtu.be/GuCGmyF5te4

xoves, 18 de xuño de 2015

Betcha by Golly, Wow

No debut epónimo de The Stylistics atopamos dúas grandes cancións, coma "Stop, Look, Listen (To Your Heart)" e "Betcha by Golly, Wood", do que nos ocupamos hoxe. Ó igual que a meirande parte das cancións do álbum, "Betcha by Golly Wood" compúxoa o produtor do álbum Thom Bell e a compositora Linda Creed, os cales formaron un magnífico equipo do que saíron importantes cancións de soul da época e un dos grupos máis beneficiados por eles foron The Stylistics. Porén,  Bell e Creed ofrecéronlle primeiro esta canción a Connie Stevens, quen a gravou en 1970 co título "Keep Growing Strong" sen demasiado éxito.


Un ano despois, en 1971, mentres The Stylistics preparaban o álbum co que ían debutar, o produtor ofrecéullela cun novo título, "Betcha by Golly, Wow", e sería nas voces deste grupo de Filadelfía como a canción triunfaría e o título orixinal caeu no esquecemento, pois tódalas versións posteriores que se gravaron partiron da The Stylistics.


O tema tivo unha segunda xuventude na voz de Prince décadas máis tarde. Pertence ó album Emancipation (1996) e é a versión máis famosa de "Betcha by Golly, Wow".


Mariah Carey tomou varios elementos da canción para o seu tema "Stay the Night", do álbum The Emancipation of Mimi (2005).

mércores, 17 de xuño de 2015

Empty Heart

O ano 1964 foi frénetico para os Rolling Stones. Poucos días despois de comezar xaneiro a banda debutaba cun EP que sería o primeiro dunha serie discos, entre EP's e LP's, cos que Jagger, Richards, Jones, Watts, Wyman e Stewart daban inicio a unha aventura que cincuenta anos máis tarde segue vixente e levantando as mesmas paixóns. Tras estrear en abril o primeiro álbum conseguindo unha moi boa acollida tanto en Gran Bretaña como en Estados Unidos, en agosto dese ano saía o segundo EP, Five by Five, con varias cancións que logo integrarían o segundo LP, que se editaría en outubro co título 12 X 5. Unha desas cancións é "Empty Heart".


No terceiro álbum de The Pretenders, Learning to Crawl (1984), a canción escollida como single de promoción e na actualidade unha das máis coñecidas da banda de Chrissie Hynde, "Middle of the Road", garda certo parecido con "Empty Heart".

martes, 16 de xuño de 2015

Candy

Hai cancións que están pensadas especialmente para duetos, preferiblemente para unha voz masculina e outra feminina e non hai xénero musical que non conte cuns cantos exemplos. No rock, unha das máis significativas é a que uniu a Kate Pierson, de The B-52's, con Iggy Pop na canción deste último, "Candy", do álbum Brick by Brick (1990). Durante esa época fíxose habitual a colaboración de Pierson con diversos artistas e grupos, e o maior éxito logrouno con REM en "Shiny Happy People" en 1991, o que lle proporcionou un extra de publicidade para o seu grupo, que conseguiu chegar a un público máis amplo que aínda non se aproximara a música de The B-52's. A súa presenza na canción de Iggy Pop, a que máis éxito tivo de Brick by Brick, foi a primeira coa que se confirmaba que Kate Pierson, ademais de ser unha gran cantante, atraía a sorte para aquelas cancións alleas nas que participaba.


"Candy" conta cun bo predicamento entre os fans de Iggy Pop, sobre todo en España, onde conta con dúas versións. Os primeiros en versionala foron The Killer Barbies coa colaboración de Bela B. no papel de Iggy Pop, mentres que Silvia Superstar, a cantante de The Killer Barbies, tomaba o de Kate Pierson. Fixeron dúas versións, unha en inglés e outra en castelán, adaptando a letra bastante fielmente á orixinal en inglés. Finalmente ningunha desas versións apareceu no álbum daquel ano de The Killer Barbies, Sin Is In (2002), aínda que si incluíron un remix.


Asemade a versión en castelán quedoulles así: https://youtu.be/ZV2vCDLpBPo

Malia a versión en castelán de The Killer Barbies, Loquillo volveu adaptar a letra de "Candy" para a súa propia versión que incluiría no compilatorio Rock n' Roll Star: 30 años, 1980-2010 (2009). Tratando tamén de manterse fiel á letra orixinal de Iggy Pop, a de Loquillo resulta diferente da de The Killer Barbies. Contou coa colaboración de Aurora Beltrán, líder de Tahúres Zurdos.

luns, 15 de xuño de 2015

Liechtensteiner Polka

Will Glahé é unha das figuras clave na renovación da música popular alemá do pasado século. Armado co seu acordeón, o seu momento de apoxeo chegou cando editou "Liechtensteiner Polka" (1957), unha composición asinada por Edmund Kotscher e Rudi Lindt, que se paseou con notable éxito polo Billboard estadounidense. Como moitas das cancións de Glahé, a "Liechtensteiner Polka" é unha invitación á troula, pero sen deixar de lado un aire clásico e popular, todo impregnado da mellor tradición baviera.


Con un remedo do retrouso da "Liechtensteiner Polka" compuxeron The Pogues "Fiesta", unha das cancións de If I Should Fall from Grace with God (1988), cuxo videoclip gravouse en Almería reproducindo algún dos mellorciños tópicos como as touradas, e como non podía faltar, a xoldra desenfreada.

venres, 12 de xuño de 2015

Money

Volvemos con outro post temático, desta volta sobre unha das fontes de soños e desgrazas máis grandes que hai: os cartos. É que non son poucas as cancións que se fixeron sobre o vil metal e nunca está de máis facer un pequeno repaso sobre algunhas das máis coñecidas. Empezando como non, coa máis emblemática, a que Roger Waters escribiu para Pink Floyd no álbum The Dark Side of the Moon (1973), a famosa "Money", na que se fala do poder do diñeiro, aínda que xa se sabe que este non o pode mercar todo, empezando pola felicidade, e que hai xente tan pobre que só ten cartos... En fin, imos deixar os tópicos de momento e centrarnos na música. Esperamos que as seguintes cancións sexan do voso agrado. A primeira, como xa dixemos, "Money" de Pink Floyd.

https://youtu.be/JkhX5W7JoWI

Mais unha das primeiras cancións que se lle dedicaron os cartos foi a que Clyde McPhatter & The Drifters en 1953. Trátase de "Money Honey".

https://youtu.be/N8oNHMNCSjQ

En 1978 The Brains resumiron perfectamente o que cambian as cousas cando hai diñeiro de por medio en "Money Changes Everything", o único éxito que tivo esta banda.

https://youtu.be/zLWbp3w2eqM

Pero como xa se sabe, ás veces os cartos non son suficiente para o que se quere. Iso tívoo moi claro Mark Knopfler cando escribiu "Money for Nothing" e que aparece no álbum de Dire Straits Brothers in Arms (1985). A canción conta coa participación de Sting nos coros na última parte. Dese mesmo ano é a versión de Simply Red de "Money's Too Tight To Mention", que xa apareceu por aquí hai unhas semanas.

https://youtu.be/wTP2RUD_cL0

En 1988, Psychedelic Furs incluían no álbum All of This and Nothing a canción "All That Money Wants".

https://youtu.be/Gti22zo6sm0

A canción de Babylon Zoo "All the Money's Gone", primeiro single de King Kong Groover (1999), co que tentaba repetir o éxito de "Spaceman" do anterior álbum, tamén fala da tristura que se produce cando os cartos voan. Desafortunadamente, o título desta nova canción pareceu profético porque non se volveu saber nada máis de Babylon Zoo.

https://youtu.be/ZsDecygKK3w

E por último a canción de Chumbawamba "She's Got All the Friends that Money Can Buy", do álbum WYSIWYG (2000) sobre a cantidade de amizades que fan os cartos.

https://youtu.be/Ip04ssomt40

xoves, 11 de xuño de 2015

Last Kiss

Case máis famoso polo seu peiteado ca pola súa traxectoria musical, Wayne Cochran triunfou cunha canción que conseguiría ser un éxito tamén noutras versións. Trátase do single que editou en 1961 "Last Kiss", que relata unha historia melodramática con tráxico final, o que en principio parecía garantir o éxito, xa que desde os cincuenta estaban moi de moda este tipo de relatos. No entanto, o resultado non foi o agardado por Cochran, que disposto a que a súa canción deixase pegada, volveuna gravar dous anos despois cunha nova discográfica. 


A de 1963 é a seguinte:https://youtu.be/3uXKzuJWBy8

A partir desa segunda reedición "Last Kiss" colleu un novo pulo e ó ano seguinte J. Frank Wilson and the Cavaliers fixeron unha versión que acabou titulando o álbum de 1964 do grupo texano. A nova versión tivo incluso máis éxito que a de Wayne Cochran.


A última gran versión que se fixo de "Last Kiss" é a de Pearl Jam no dobre disco compilatorio da banda de Seattle,  Lost Dogs (2003). A idea de versionala foi unha decisión de Eddie Vedder e finalmente elixiuse como single para promocionar o compilatorio, no que se tornou nunha moi boa acollida por parte dos fans.