martes, 30 de decembro de 2014

Amsterdam (2)

E como xa comentamos na entrada anterior sobre as cancións dedicadas á capital neerlandesa, nas últimas dúas décadas incrementáronse de forma notoria os temas sobre "Amsterdam", especialmente en grupos e artistas que nin sequera son orixinarios dos Países Baixos. No entanto, algo deberon de atoparlle os músicos a esta cidade para falar dela nas súas composicións, ou canto menos, para bautizala  cun título tan suxestivo como o dunha das cidades máis fermosas de Europa. A lista é bastante ampla, así que para non aburrirvos demasiado, escollemos nesta quenda tan só oito, que amosan á perfección ese gusto por Amsterdam. A primeira, a de Coldplay, que pecha o segundo álbum dos británicos, A Rush of Blood to the Head (2002).


Cambiando de estilo e de continente, a banda procedente de Boston, Guster, cantáballe a Amsterdam no álbum Keep It Together (2003).


En agosto de 2006 publicábase cadanseu álbum de dúas das bandas suecas indies máis emerxentes do momento, Mando Diao e Peter, Bjorn and John. Nos dous hai senllas cancións sobre Ámsterdam. O disco de Mando Diao é Ode to Ochrasy (2006).


Peter, Bjorn and John, que se fixeron moi famosos por outro tema do mesmo álbum, "Young Folks", tamén lle cantaron á capital neerlandesa en Writer's Block (2006).


Pero o interese por Ámsterdam non só embriagou a bandas da escena indie, senón que bandas consagradas coma Crowded House e músicos coma Paul Weller caeron rendidos ó seu encanto. Este último titulou a súa canción, "In Amsterdam", no álbum Wake Up the Nation (2010).

http://youtu.be/MraGyjvh4Ds

Ese mesmo ano publicábase o último disco ata o momento da banda de Neil Finn, Crowded House, Intriguer (2010), que tamén contén a súa particular "Amsterdam".

http://youtu.be/73BUuICE6LE

Imagine Dragons é outra das bandas que non pode faltar neste repaso. O marabilloso Night Visions (2012) tamén ten unha canción sobre Ámsterdam.

http://youtu.be/TKtPXO5iEnA

Rematamos esta entrada co "Amsterdam" de Daughter, unha das mellores cancións que contén o debut desta banda inglesa, If You Leave (2013).

http://youtu.be/Y0VaZ5A2QyU

luns, 29 de decembro de 2014

Rock and Roll Star

Sabino Méndez e José María Sanz, máis coñecido como Loquillo, crearon un tándem que daría vida a unha das bandas de rock máis importantes de España desde os anos oitenta, Loquillo y los Trogloditas. A banda xurdiu tralos intentos anteriores dos dous de crear un grupo consolidado, logo de formar primeiro Teddy Loquillo y sus Amigos, no que tamén estaba Carlos Segarra, líder anos despois de Los Rebeldes, e Loquillo y los Intocables. Pero á terceira foi a vencida e o novo grupo empezou pronto a gañar popularidade, especialmente grazas á personalidade e carisma de Loquillo e as composicións de Sabino, letras que xa forman parte da historia musical española. Un dos primeiros singles que a banda editou foi "Rock and Roll Star" (1981), que trata sobre a vida típica que lle toca a unha estrela do rock.


No EP Mamá quiero ser una estrella del rock 'n' roll (2009) Pereza recollía unha versión do tema de Loquillo y los Trogloditas, malia que "Rock and Roll Star" non é das máis versionadas. Como moitos sinalan, a versión de Pereza non lle fai xustiza á orixinal, pero agradécese que os madrileños a recuperasen. Ademais, por unha vez, quen a interpreta é Rubén e non Leiva, que era a voz habitual de Pereza.

venres, 26 de decembro de 2014

Hunting High and Low

Os noruegueses A-ha tiveron un debut espectacular co álbum Hunting High and Low (1985). O lanzamento do primeiro single, "Take On Me", que arrasou nas listas de singles, xustificaba o éxito dun disco que tamén contiña outras grandes cancións que no seu momento quedaron algo escurecidas polo fervor que espertou "Take On Me". Unha delas é a canción que titula ó álbum e que saíu como quinto e último single, pero non por iso das máis descoñecidas. De feito, "Hunting High and Low" está considerada unha das grandes cancións de A-ha e proba disto é que conta con numerosas versións e incluso chegou a inspirar algúns outros temas, como veremos a continuación. Como boa parte do repertorio de A-ha, está asinada por Pal Waaktaar.

http://www.80smusiclyrics.com/images/aha.jpehttp://youtu.be/s6VaeFCxta8

Non parece o caso de que Linkin Park teñan como especial referencia a música de A-ha, pero o caso é que moitos críticos apuntan que o comezo de "What I've Done", o tema de Minutes to Midnight (2007) e que logo se recolleu na banda sonora de Transformers, ten certos ecos de "Hunting High and Low" debido a melodía do piano.

http://www.lpassociation.com/gallery/d/25492-2/linkin-park-official-2007-011.jpghttp://youtu.be/8sgycukafqQ

O último en facerlle un aceno a "Hunting High and Low" foi o francés Sébastien Tellier na canción "Pépito bleu", canción que abre o disco conceptual My God Is Blue (2012). O son está baseado na melodía de A-ha.

mércores, 24 de decembro de 2014

Walking on the Milky Way

O último gran álbum que OMD publicou antes dun longo parón de máis de dez anos foi Universal (1996). A banda inglesa seguía demostrando a mediados dos noventa que seguía tan fresca e cun son aínda actual, o suficiente para que fose un dos discos daquel ano. Sempre fieis a si mesmos, para a ocasión os rapaces de Orchestral Manoeuvres in the Dark mesmo contaron coa colaboración nalgunha canción de Karl Bartos, un dos insignes compoñentes de Kraftwerk, que participou na elaboración de "The Moon and the Sun". Pero o single de presentación do álbum foi o corte 2, "Walking on the Milky Way", que casaba á perfección coas cálidas noites de agosto, o mes en que se editou. Está escrita a tres bandas; por Andy McCluskey, que levou o peso compositivo e de produción de case todo o álbum, e Nigel Ipinson e Keith Small.


Certa influencia, moi velada, de "Walking on the Milky Way", ou tamén pode deberse a unha simple casualidade, está presente na canción de OneRepublic "All the Rights Moves", single de adianto do segundo álbum da banda de Ryan Tedder Waking Up (2009), tralo exitoso debut con Dreaming Out Loud (2007).

martes, 23 de decembro de 2014

Amsterdam

Unha das cidades máis fermosas de Europa é sen dúbida Ámsterdam. A famosa cidade neerlandesa pode compararse coa estadounidense Nova York na enorme cantidade de grupos e de artistas que se inspiraron nas súas rúas, e neste caso nas súas canles, como para dedicarlle algunha composición. Chama especialmente a atención a manchea delas que nos últimos anos levan o título da capital dos Países Baixos, pero se volvemos a vista atrás, ás derradeiras décadas do pasado século, podemos ver que tamén hai unhas cantas cancións chamadas "Amsterdam", así que esta é a primeira entrega dos temas sobre "Amsterdam". Unha das que non poden faltar é "Aan de Amsterdamse grachten" (Polas canles de Amsterdam), unha composición de Dick Schallies sobre un poema de Pieter Goemans de 1949 que interpretou Wim Sonneveld.

http://youtu.be/TxgcEgzOnnQ

Tamén lle dedicou unha canción o francés Jacques Brel en 1964, unha bela composición en francés que logo habería de ter versións en distintas linguas nas voces doutros artistas.

http://youtu.be/ZkZ_ihsn404

Unha das versións máis coñecidas do tema de Jacques Brel é o que gravou en inglés David Bowie na cara B de "Sorrow", single de 1973 baseada na versión de Scott Walker. A versión de Bowie tamén se coñece como "Port of Amsterdam".

http://www.rmx.com.mx/wp-content/uploads/2013/10/bowie.jpghttp://youtu.be/l_LdJX-xga8

John Lennon e Yoko Ono haberían ser os seguintes no disco experimental Wedding Album (1969), unha peza de vinte e cinco minutos, nin máis nin menos, que ocupa a cara B. A duración é lixeiramente superior a "John & Yoko", a composición da cara A.

http://youtu.be/dmz4SOZ773c

Naturalmente, tamén houbo outros músicos e cantantes neerlandeses cantaron as marabillas de Amsterdam. Maggie MacNeal atopou a plataforma ideal para promocionar a cidade dos tulipáns e das canles en Eurovisión, no ano 1980.

http://youtu.be/x8d6UmW_wRE

Joan Baez tamén gravou unha canción sobre Amsterdam no álbum Play Me Backwards (1992), malia que por unha vez non a compuxo ela, senón a cantautora Janis Ian.


Os irmáns Van Halen, de orixe neerlandesa, tamén tiveron un detalle con esta cidade e no álbum Balance (1995) a banda dedicoulle unha canción. Proximamente continuaremos cun repaso por algunhas das cancións máis actuais sobre Ámsterdam.

luns, 22 de decembro de 2014

Picture Book

Na intensa voráxine que as bandas de rock dos sesenta vivían os singles e os discos sucedíanse continuamente. The Kinks, unha das bandas punteiras do momento, publicaban en 1968 o sexto disco The Kinks Are the Village Green Preservation Society, unha selección de quince cancións que volvía mostrar o talento de Ray Davies para compór en pouco tempo uns temas polos que toleaba toda unha xeración de mozos. O nivel de esixencia para seguir estando nun primeiro plano era cada vez máis alto, xa que a oferta musical no rock era moi variada e outras bandas como The Who, os Stones, The Animals, etc estaban tamén nun fantástico momento, por non falar das novas propostas que ían xurdindo cada ano e tanto prometían, pero The Kinks non defraudaron. Malia que non saíu como single, "Picture Book" é unha das cancións máis lembradas dese álbum.


A influencia de The Kinks chega ós nosos días, como imos comprobando de vez en cando. Só hai que fixarse no riff de "Warning", a canción que lle dá título o sexto disco de Green Day, editado no ano 2000, para comprobalo.

venres, 19 de decembro de 2014

Gimme! Gimme! Gimme!

Poucos grupos como ABBA levantan tantas paixóns como para que varias décadas despois de publicar o último álbum con material inédito, sigan vendendo discos e enchendo concertos coma se nunca abandonasen na primeira liña da actualidade. O cuarteto sueco ten ese privilexio pero non é o único, pois ademais de encandilar a varias xeracións de fans, a música que fan conta cunha mantenta de versións para tódolos gustos, que van dende grupos prefabricados de adolescentes que tratan de abrirse paso, ata as bandas de heavy metal, ás que se lles supón que en principio, non teñen moita simpatía polo estilo de ABBA. Certo é que a crítica especializada denosta profundamente a totalidade das cancións, agás honrosas excepcións, pero non se pode ter todo nesta vida. Con motivo do segundo recompilatorio que o grupo publicou cando aínda estaba en activo, Greatest Hits Vol. 2 (1979), ABBA incluíu un tema novo, "Gimme! Gimme! Gimme! (A Man After Midnight)".

http://youtu.be/p6-M63HVR2g

Unha das primeiras versións que se fixeron deste tema de ABBA foi a de Erasure na cara B de "Oh, L'Amour", single de 1986. A banda de Vince Clark foi das primeiras en reivindicar a música de ABBA ó gravar un EP de versións dos suecos uns anos despois.

http://youtu.be/5b_i8AMrOYA

Desde que The Sisters of Mercy a comezaron a inerpretar nalgúns concertos, moitos heavys animáronse a versionala. A de Mägo de Oz na cara B de "Que el viento sople a tu favor" en 2010 quedou así de ben.


E ata Madonna non escapou do encanto desta canción. Iso si, a ambición roxa en lugar de versionala, fixo algo que ata daquela ninguén, salvo Fugees con outra canción, se lle ocorrera facer cos temas de ABBA: samplealos. Con "Hung Up", reproducindo as bases de fondo de "Gimme! Gimme! Gimme!" Madonna presentaba Confessions on a Dance Floor (2005). Contou co permiso de Benny Andersson e de Björn Ulvaeus.

xoves, 18 de decembro de 2014

Karmacoma

Indiscutibles paladíns do trip-hop, Massive Attack era xa unha banda máis que consagrada cando apareceu no mercado o terceiro álbum, Protection (1994). Unha das cancións máis emblemáticas dese disco é, sen dúbida, "Karmacoma", onde o rap se entremestura co chill out e co reggae nunha harmoniosa composición. Para a súa interpretación, Massive Attack contou con Tricky, daquela un cantante pouco coñecido que en apenas un ano ía presentarse en sociedade con Maxinquaye (1995), un dos mellores discos daquel ano. "Karmacoma", como moitas outras cancións de Massive Attack, amosa unha amálgama de elementos doutros temas que lle dan forma definitiva. 


No retrouso, Massive Attack emprega a famosa melodía de "Prince Igor", a ópera de Alexander Borodin, que logo outros moitos artistas de hip hop se animarían a utilizar tamén.


Outra canción que está na base de "Karmacoma" é a de Serge Gainsbourg, "Melody", pertencente a Histoire de Melody Nelson (1971).


Por último, para a composición de "Karmacoma", Massive Attack botou man do tema "The Dream Time in Lake Jackson" de The KLF, do álbum Chill Out (1990).


O caso é que a Tricky gustoulle especialmente "Karmacoma" e decidiu incorporar a súa propia versión en Maxinquaye (1995), o álbum co que debutou en solitario. A versión de Tricky leva o título de "Overcome".


En 1995 tamén se publicou o álbum The Help Album, un recompilatorio de varios artistas para axudar ós nenos e ás nenas bosnios que sufriron a guerra dos Balcáns. Massive Attack contribuíu cunha nova versión de "Karmacoma", prescindindo nesta ocasión de Tricky.

mércores, 17 de decembro de 2014

Maldita dulzura

Era complicado acadar o punto subliminal que Vetusta Morla lograra con Un día en el mundo (2009), primeiro álbum dos de Tres Cantos, pero o resultado do esperadísimo Mapas (2011) tampouco foi decepcionante precisamente. Grandes cancións como as que nos tiñan acostumados e que os fans xa tiveran ocasión de escoitar nos concertos previos á presentación do disco. Unha das que non podía faltar era "Maldita dulzura", unha preciosa balada que Vetusta Morla adoitaba interpretar en acústico, pero que na versión do álbum é algo máis eléctrica. En calquera caso, a melodía e a intensidade da letra fan que sexa unha das favoritas da discografía dos madrileños e tamén é unha das que mellor funcionan, mesmo en Hispanoamérica; de feito moitos apuntaban que quedaría moi ben nun dueto con Julieta Venegas. Non obstante, si a gravaron con Carla Morrison.


Hai un días os estudios de Radio 3 acolleron unha versión de "Maldita dulzura", interpretada polo gran Bunbury, xunto con Disco Pantera e Muni. Malia que a versión non se achega á orixinal, é certamente moi boa e non deixa de ser noticia que un artista consagrado coma Bunbury se anime cun tema dunha das bandas efervescentes do pop rock nacional. Xa por iso hai que aplaudir a Radio 3 e que esas "versiones imposibles", que parecen seguir o modelo da Radio 1 da BBC británica, continúen durante moito tempo.

martes, 16 de decembro de 2014

Caramel

Os experimentos que as bandas de rock progresivo coma Pink Floyd e Electric Light Orchestra facían arredor dos anos setenta parecían moi afastados do que se levaba vinte anos despois. Pero cando a febre do britpop comezaba a esgotarse e os rebeldes grupos buscaban un son máis maduro, Damon Albarn atopou a inspiración nas vellas bandas británicas. Así que cando Blur publicou 13 (1999) sorprendía escoitar algunha canción de máis de cinco minutos de duración que evocaba aqueles tempos do rock progresivo. É o caso de "Caramel", unha fantástica mostra de rock experimental, máis achegada ó traballo de Radiohead, que non era frecuente achar no repertorio de Blur. O último minuto da canción está composto por dúas partes instrumentais; a primeira parte lembra moito o son de "Optigan 1", a canción que pecha o disco, polo que semella un anticipo desa canción. A segunda parte, xa máis rockeira, está máis en consonancia co que Blur adoitaba ofrecer.


A primeira parte instrumental de "Caramel" apenas dura uns poucos segundos, os suficientes para identificalos ó comezo de "Optigan 1", que parece unha simple extensión, xa que non deixa de ser un tema instrumental de dous minutos e medio.


Sempre se dixo que o espello de Kaiser Chiefs era Blur, que o estilo da banda de Leeds era case un calco do de Damon Albarn e compañía, pero posiblemente onde mellor se mostra esa influencia sexa no tema "Saturday Night", do álbum de debut Employment (2005). Para moitos, supostamente o son desta canción está inspirada na última parte de "Caramel".

luns, 15 de decembro de 2014

Where Angels Plays

The Stone Roses non tiveron unha traxectoria moi ampla, pero a súa aparición na sempre efervescente escena británica foi desas que se pode cualificar de míticas. O seu son serviu de semente para o que logo habería de ser o britpop, e xunto con The Smiths, procedentes tamén de Manchester, crearon o subxénero Madchester, dos máis influentes no mundo indie dos oitenta. Durante o tempo que se mantiveron en activo publicaron dous discos deliciosos, The Stone Roses (1989) e Second Coming (1994), con cancións coma "I Wanna Be Adored" e "Love Spreads", por citar dúas das mellores de cada álbum, que agrandaron a lenda. Con todo, fíxose habitual que de vez en cando se editasen recompilatorios da banda, incluso mentres o grupo aínda non se separara, e logo reedicións dos discos de estudio e en cada un deles sempre había algunha sorpresa, ora cun tema inédito, ora con versións estendidas das xa coñecidas. Con motivo do décimo aniversario da publicación de The Stone Roses, saíu unha reedición que contiña algunha canción nova como "Where Angels Plays", que despois tamén se incluiría no recompilatorio que celebraba o vixésimo aniversario 20th Anniversary of The Stone Roses (2009).


Ben é certo que "Where Angels Plays" nunca tivo moita visibilidade na andaina de The Stone Roses e talvez por iso, Ian Brown, que comezou unha carreira en solitario tras The Stone Roses, volveuna gravar, pero como cara B do single "Time Is My Everything", pertencente a Solarized (2004).

venres, 12 de decembro de 2014

Sunny

Outro deses artistas que sempre serán recordados por unha soa canción é Bobby Hebb, que en 1966 sorprendeu a todos con "Sunny", tema que lle daba título ó álbum deste compositor de Nashville. Ás ordes do produtor Jerry Ross, que tamén sería o encargado doutros trallazos coma "Venus", de Shocking Blue, Bobby Hebb saboreou o mel do éxito inmediato, algo que, por ironías da vida, pode parecer paradoxal tendo en conta as circunstancias en que Hebb compuxo "Sunny", dous días despois do falecemento do seu irmán maior e do asasinato de Kennedy, acontecementos que o afectaron moito. Pero a calidez de "Sunny" impúxose á tristura e pronto se espallaron as versións desta canción soul nos máis variados estilos.


Algúns exemplos de "Sunny" nunha clave distinta do soul tamén gozaron de sona nada máis aparecer, tan só meses despois da publicación da orixinal. É o caso de Cher, no álbum epónimo desta cantante de 1966, que interpreta "Sunny" con estilo funk.


Tamén moi boa é a de Public Enemies, pero esta máis achegada ó rhythm & blues, tamén de 1966.


Pero a máis famosa foi a de Boney M dez anos despois da aparición da orixinal no álbum Take the Heart off Me (1976), seguindo a versión disco que o propio Bobby Hebb fixera un ano antes. A de Boney M acadou tanta popularidade que moita xente aínda cre que é un tema orixinal deles.


Hai tantas versións tan boas de "Sunny" que é difícil escoller a mellor, á parte da orixinal, como non. Incluso os que a teñen interpretado nalgún concerto tenlles quedado ben. É coma esta de Jamiroquai.

xoves, 11 de decembro de 2014

Immigrant Song

A sona de Led Zeppelin como unha das bandas máis afeitas a aproveitar calquera influencia externa está máis que xustificada, pero como sempre comentamos, ás veces máis ca un defecto que lle debemos recriminar a Jimmy Page, principal autor das cancións de Led Zeppelin, case hai que felicitalos por saber aglutinalas cun estilo propio que en moitas ocasións, case nada ten que ver coas orixinais. Outro dos tantísimos exemplos que poboan a discografía desta gran banda do heavy, é "Immigrant Song", que abre o tereceiro disco, Led Zeppelin III (1970). Neste caso non hai que recorrer ás cancións doutros grupos con menos sorte, senón ó cine. E é que parece que detrás desta canción de Led Zeppelin, unha das máis recoñecidas polo riff de guitarra, están o musical South Pacific, por un lado, e a serie de televisión "Get Smart". Comprobemos senón as semellanzas.


Unha das cancións de South Pacific, o musical de 1949 composto por Richard Rodgers e Oscar Hammerstein, que parece que influíron na elaboración de "Immigrant Song" é "Bali Ha'i". Nótase sobre todo na interpretación da voz de Robert Plant.


A banda sonora da serie de televisión dos anos sesenta "Get Smart" na que se parodiaba a figura do axente secreto, tamén tivo algo que ver. O fondo de "Immigrant Song" garda algunha semellanza con ela.


Pero por moi "copións" que resulte Jimmy Page e compañía, o certo é que a influencia de Led Zeppelin é enorme e poucas bandas dedicadas ó rock ou ó heavy non a teñen como unha das maiores referencias. No álbum Utopía (2008) Asfalto faille un aceno evidente á música de Led Zeppelin, e concretamente a "Immigrant Song" coa canción "Lusitania Expréss".