luns, 31 de agosto de 2015

All the Fun That We Missed

Dende finais dos oitenta, The Ziggens combinan o punk, o ska e o rockabilly con outros estilos facendo que estes non pasen de moda, malia que o éxito internacional que merecen nunca chegou a ser unha realidade. Con todo, coa súa particual forma de facer música, The Ziggens son unha referencia mesmo para as bandas do seu tempo, que os sinala coma pioneiros en impulsar unha tendecia coma o ska, que logo habería de atopar adeptos en formacións coma Smash Mouth e No Doubt , por citar dous exemplos de bandas que acadaron unha notable popularidade nesa década. O segundo álbum de The Ziggens, Rusty Never Sleeps (1992), péchase con "All the Fun That We Missed",coñecida sobre todo polo protagonismo que acada o son da harmónica.


Sublime, que comezou a súa andaina á vez que The Ziggens e na mesma casa discográfica, é a banda que mellor comprendeu a importancia de The Ziggens no seu eido, ó estar boa parte da súa música influenciada polo son de The Ziggens. Só hai que escoitar "Badfish", un tema que mestura reggae e ska, pertenciente a 40oz. to Freedom (1992), do mesmo ano que o álbum de The Ziggens,  para entendelo

venres, 28 de agosto de 2015

Dream

Os soños tamén son unha constante nos contidos das cancións ó longo do tempo e en tódolos estilos musicais posibles. É raro que na discografía de cada artista e de cada banda non exista un tema relacionado cos soños, así que velaquí vai unha selección monográfica con seis cancións co título "Dreams". Obviamos, iso si, dúas cancións con este título que xa pasaron polo blog, que son a de Fleetwood Mac e a de Gabrielle. Sen máis, arrancamos coa de Uriah Heep que pecha o álbum Wonderworld (1974).


Totalmente diferente é o "Dreams" de Enya pertencente á banda sonora de The Frog Prince (1985), unha tranquila balada da que nos ten acostumados a irlandesa, ideal para un momento de descanso.


E de volta ó rock, esta vez co "Dreams" de Van Halen, que se inclúe no álbum 5150 (1986).


Das máis coñecidas é a canción de The Cranberries que se atopa no debut dos irlandeses Everybody Else Is Doing It, So Why Can't We? (1993) e que tanto éxito lle reportou á banda de Dolores O'Riordan, xunto co single "Linger".


Nótase que os soños están presentes case sempre nos discos cos que as bandas comezan a súa andaina na música. Ó igual que The Cranberries, TV on the Radio acollían no seu debut Desperate Youth, Blood Thristy Babes (2004) unha canción chamada "Dreams".


Pero non só os debutantes viven de soños, os consagrados tamén. A Uriah Heep e a Van Halen, que incluíran as súas respectivas cancións cando xa levaban varios discos ás súas costas, haille que sumar Beck, que este mesmo ano editou un single co nome de "Dreams", do que moitos fans esperan que sexa un anticipo dun próximo álbum do californiano.

xoves, 27 de agosto de 2015

Smalltown Boy

Na convulsa era da new wave cunha manchea de novos grupos irrumpindo na escena, non parecía doado que toda aquela efervescencia musical pervivise trinta anos despois. Mentres que a obra enteira de moitas bandas se consagrou á categoría de clásica dos oitenta, outras teñen a fortuna de ter deixado para a posteridade tan só unha canción, un éxito imperecedeiro que fará que o nome do grupo perviva co paso do tempo. Isto pode aplicarse a Bronski Beat, unha banda de electropop procedente de Londres, que só publicou dous discos antes de volver a intentalo cun terceiro a mediados dos noventa. O que máis éxito tivo foi o primeiro, The Age of Consent (1984), grazas sobre todo a un trallazo como "Smalltown Boy", onde os membros de Bronski Beat reivindican a súa condición homosexual nunha sociedade aínda tremendamente homófoba. Non lograron repetir o éxito de "Smalltown Boy" e pouco despois o vocalista, Jimmy Sommerville, formou The Communards, cos que lle iría algo mellor.


Paradise Lost foi a primeira banda en facer unha versión de "Smalltown Boy" en clave métal. Pechaba o noveno álbum da banda, Symbol of Life (2002).


Outra versión diferente, en clave sinfónica, é a de Sharon Corr no seu primeiro álbum en solitario, Dream of You (2010).


No último álbum en solitario de Brandon Flowers, The Desired Effect (2015), atópase a canción "I Can Change" baseada na de Bronski Beat.

mércores, 26 de agosto de 2015

Give a Little Bit

No quinto álbum de Supertramp, Even in the Quitest Moments... (1977), atópanse algunhas das composicións máis memorables da banda de Rick Davies e Roger Hodgson, mantendo dese modo o nivel que xa mostraran nos seus anteriores traballos. Xunto con "Fool's Overture", "Lover Boy" e "Downstream", por citar só unhas poucas, brilla de maneira notable "Give a Little Bit", primeira canción do álbum e single de promoción que se situou nos primeiros postos das listas internacionais. A vixencia de "Give a Little Bit" segue aínda intacta case corenta anos máis tarde, pois é un reclamo habitual no mundo do cine e da publicidade, o que permite que Supertramp siga sendo unha das bandas dos setenta máis recoñecidas da actualidade e os seus membros sigan ofrecendo concertos por todo o planeta.


O álbum de Goo Goo Dolls Let Love In (2006) conta cunha versión de "Give a Little Bit", posiblemente a máis famosa que se fixo desta canción de Supertramp. Que é unha das favoritas de Goo Goo Dolls ninguén o cuestiona, pois xa incluíran unha versión no álbum en concerto Live in Buffalo: July 4th, 2004.

martes, 25 de agosto de 2015

Uptown Funk

A comezos deste mesmo ano de 2015 Mark Ronson, quen saltara á fama por ser o produtor de Amy Winehouse, editou un álbum de música funk onde colaboran algúns dos artistas máis destacados do ramo, como son o gran Stevie Wonder e a última sensación do momento, Bruno Mars. A canción con este último, "Uptown Funk", foi a que se escolleu como single de presentación e decontado se desatou a polémica a medida que o éxito da "Uptown Funk" ía medrando. Pois coma tantas veces adoita acontecer co funk e sobre todo nos últimos anos, moita xente comezou a atoparlle parecido con cancións anteriores ata o extremo de falar abertamente de plaxio máis que de simples influencias. Iso alomenos é o que alegan os membros de The Gap Band e Viktorija, posibles perxudicados polo éxito de "Uptown Funk".


A canción á que se refire The Gap Band é "Oops Upside Your Head", do seu cuarto álbum, The Gap Band II (1979). Esta canción, que foi sampleada varias veces, sobre todo por artistas de hip hop, é, segundo The Gap Band, o alicerce non que se asenta "Uptown Funk", polo que Mark Ronson debería de terlles pedido permiso para empregala na súa canción como fixeron outros cantantes. O certo é que as similitudes son innegables.


A última en sumarse á polémica é a serbia Viktorija, quen sostén que "Uptown Funk" contén unha meirande parte do seu "Ulice Mracne Nisu Za Devojke", tema de 1984. 

luns, 24 de agosto de 2015

Standing in the Way of Control

Co terceiro álbum de estudio, Standing in the Way of Control (2006), Gossip pasou a ser unha banda coñecida alén da escena indie na que se movía. Algunhas cancións como a que lle dá título ó álbum e  sobre todo o single, "Listen Up!" chamaron poderosamente a atención de publicistas e de creativos de series de televisión, que viron un importante potencial na voz de Beth Ditto e no estilo do resto da banda, cuxo son volvía pór sobre a mesa un garage rock renovado coas doses precisas de electrónicas. "Standing in the Way of Control", o segundo single, contén unha importante carga de compromiso social, pois Ditto denuncia nela as leis homófobas que prohíben o matrimonio gay.


O son de "Standing in the Way of Control" está detrás da canción de Sugababes "Denial", pertencente ó quinto álbum destas tres mozas, Change (2007).

venres, 21 de agosto de 2015

Holiday (2)

Segunda entrega do monográfico dedicado ás cancións que falan do marabilloso período de vacacións e comezamos cunha dos temas pop máis coñecidos dos anos oitenta, o "Holiday" de Madonna, pertencente ó álbum epónimo co que debutaba a ambición roxa en 1983, e terceiro single que se extraeu tras "Everybody" e "Burning Up".


Outro "Holiday", pero en clave "madchester" é o de Happy Mondays no seu terceiro álbum Pills 'n' Thrills and Bellyaches (1990), álbum onde se incluía tamén unha das cancións máis famosas do grupo, "Kinky Afro".


No debut de Weezer, o coñecido coma The Blue Album (1994), tamén se inclúe unha canción co título "Holiday", unha estupenda peza de rock alternativo asinada por Rivers Cuomo.


Máis coñecida que as dúas últimas cancións é o "Holiday" de Green Day, terceiro single de American Idiot (2004), co que a banda de Billie Joe Armstrong se adentraba polo carreiro do compromiso social.


Os australianos Jet ofrecíannos tamén a súa visión das vacacións en "Holiday", tema pertencente a Shine On  (2006).


E para rematar esta entrega por hoxe, quedamos co "Holiday" de Vampire Weekend, terceiro single de Contra (2010), segundo álbum da banda de Ezra Koenig.

xoves, 20 de agosto de 2015

The Best of Times

Hai uns días comentabamos, a próposito do álbum de Pink Floyd More(1969), como ás veces as bandas recorren a un mesmo riff ou unha mesma liña melódica en máis dunha canción dentro dun só disco. Nese senso, Styx amósanos o exemplo máis claro, pois no décimo álbum da banda de Chicago, Paradise Theatre (1981), aproveitan trazos da mesma melodía en tres cancións das once que o compoñen e as tres levan a sinatura de Dennis DeYoung. Quizais a máis coñecida das tres sexa o corte 5, "The Best of Times", que foi o tema escollido como single de presentación deste álbum conceptual.


Pero a canción que abre o disco, "A.D. 1928", é unha peza de algo máis dun minuto, que xa anticipa a melodía de "The Best of Times" e que normalmente se presenta como introdución ó corte 2, "Rockin' the Paradise", como se xa formase parte desa canción.


Non obstante, as sorpresas non rematan aí ó escoitar Paradise Theatre. No corte 5 da cara B do álbum, "A.D. 1958", vólvese optar de novo pola mesma liña melódica das cancións anteriores, o que fai dela o son representativo do álbum, incidindo no seu carácter puramente conceptual.

mércores, 19 de agosto de 2015

Los rockeros van al infierno

Cando a globalización aínda non acadara os niveis que se observan agora, a banda madrileña Barón Rojo editou dúas versións do seu segundo álbum Volumen brutal (1982), unha en castelán e outra en inglés pensada para o mercado internacional. Gravado no estudio de Ian Gillan, líder de Deep Purple, tivo unha moi boa acollida nas súas dúas versións e hoxe está considerado como un dos mellores discos de heavy metal do panorama español. Unha das súas cancións estrela é "Los rockeros van al infierno", auténtico himno heavy composto por José Luis Campuzano e Carolina Cortés, que xa forma parte de toda unha xeración. 


Ben é verdade que non sempre as adaptacións non sempre obteñen o resultado que se espera, pero no caso de Volumen brutal saíu ben. A versión en inglés de "Los rockeros van al infierno" titulouse "Rockers Go to Hell". Non esquezamos que non hai moito Barón Rojo verteu ó castelán o álbum completo de The Who Tommy de maneira brillante.

martes, 18 de agosto de 2015

Susie Q

Dale Hawkins sempre será recordado pola canción que escribiu xunto con Stan Lewis e Eleanor Broadwater, e que editou en maio de 1957 converténdose no maior éxito deste músico de Louisiana, un dos pioneiros do rockabilly. Malia que ningunha das outras cancións que forman parte do seu repertorio chegou a ter a repercusión de "Susie Q" ,ou "Suzy Q" como figura nos créditos dalgunhas carátulas da época, Hawkins foi un respectado músico que compartiu casa de discos con outros grandes coma Willie Dixon, con quen gravou algún single ca outro. As continuas versións que se fixeron de "Susie Q" ó longo do tempo, especialmente nos sesenta, dan boa fe do carácter atemporal deste clásico do rock.


Os Rolling Stones foron os primeiros en incluír unha versión de "Susie Q" nun dos seus discos, concretamente no segundo, The Rolling Stones No. 2 (1965) cando na maioría dos seus traballos aínda abondaban as composicións alleas.


Creedence Clearwater Revival versionou "Susie Q" no álbum epónimo que supuxo o seu debut en 1968. A diferenza coa versión orixinal é a dos Stones, é que a banda dos irmáns Fogerty alongan a canción dándolle máis protagonismo á parte instrumental das guitarras.

luns, 17 de agosto de 2015

The Nile Song

De cando en vez as bandas aproveitan os mesmos elementos, xa sexan riffs, pistas, etc. para compór máis dunha soa canción, aínda que o normal é que non se abuse moito dese recurso e só se empregue en dúas cancións, canto máis se estas van acabar formando parte do mesmo álbum. Isto é algo que se pode apreciar no terceiro disco de Pink Floyd, a banda sonora de More (1969), con dúas cancións, precisamente a que se elixiu como single de lanzamento "The Nile Song" e a que estaba estaba na súa cara B, "Ibiza Bar", que ocupa o corte 9 do álbum. Moi semellantes na súa execución, ámbalas cancións comparten tamén autores, malia que "The Nile Song" é exclusica de Waters.


E velaquí "Ibiza Bar" con pequenos trazos de "The Nile Song".

venres, 14 de agosto de 2015

Holiday

Aproveitando que agosto é o mes das vacacións por excelencia para a meirande parte da poboación, non vén nada mal dedicarlle uns monográficos a tan sinaladas datas e ver cómo os grupos e os cantantes en solitario reflectiron o período de descanso e ocio nas súas composicións. Velaquí unhas cantas nesta primeira entrega. Empezamos cun concepto co que todo o mundo soña, vacacións de verán, moi ben expresada na canción de Cliff Richards & The Shadows, "Summer Holiday", do álbum do mesmo título de 1963.


Aínda que hai persoas que tamén as vacacións lles supoñen certa melancolía, como ben recolle a canción de Bee Gees "Holiday", que atopamos no álbum Bee Gees' 1st (1967).


The Kinks tamén reverenciaron as vacacións en dúas das súas composicións. A primeira, "Holiday", pertence ó álbum Muswell Hillbillies (1971).


E logo haberían repetir con "Holiday Romance" no álbum conceptual Soap Opera (1975).


No único álbum de Sex Pistols, Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols (1977), está a canción "Holydays in the Sun", que polo título, tamén a podiamos incluír na serie de monográficos sobre o sol.


 Scorpions pechaban o seu sexto álbum, Lovedrive (1979), coa canción "Holiday", unha desas baladas rock que xa son seña de identidade da banda alemá.

xoves, 13 de agosto de 2015

You're as Right as Rain

Thom Bell e Linda Creed crearon un dos dúos de compositores máis prolíficos que se recordan no R&B dos setenta. Ámbolos dous foron os impulsores da carreira de grupos coma The Stylistics, a quen lles escribían as cancións ó tempo que Bell tamén lles producía os discos. Cun álbum de debut notable, o segundo traballo de The Stylistics, Round 2 (1972), seguía os mesmos patróns do anterior, pero desta volta incluían no repertorio algunhas versións de temas de Carole King e do tándem  Bacharach- David, malia que o peso das composicións seguía recaendo en Bell e Creed. Unha das súas cancións é "You're as Right as Rain".


En realidade "You're as Right as Rain" triunfou na versión que Bob James fixo no álbum Two (1975), con aires de jazz, polo que moita xente pensa que é un tema deste artista, como adoita acontecer nestes casos.


Partindo da versión de Bob James, Röyksopp ensamblou a canción "Eple" no álbum Melody A.M. (2001).

mércores, 12 de agosto de 2015

Into the Lens

O décimo álbum de Yes, Drama (1980), conta coa produción de Trevorn Horn, que naquel momento estaba na cúspide do éxito co seu grupo The Buggles e a canción de moda "Video Killed the Radio Star". Xunto cos compoñentes da banda e a outra metade de The Buggles, Geoff Downes, tamén membro de Yes, prepararon as seis cancións que o compoñen. A canción principal é o corte  4 "Into the Lens", de oito minutos e medio de duración. Malia que estaba concebida cun son electrónica prevista para o seguinte traballo de The Buggles, ó cederlla a Yes, Horn e Downes probaron co rock progresivo que ata daquela moldeara á banda de Jon Anderson. Con todo, "Into the Lens" ten moito do son da new wave na versión de Yes.


E desde logo, The Buggles incluíu á súa propia versión no  álbum Adventures in Modern Recording (1981), o segundo do dúo,  co título "I Am a Camera" e con certas modificacións na letra.

martes, 11 de agosto de 2015

Let's Do It Again

Chicago foi berce de importantes grupos de soul que forneceron á cidade estadounidense cun son propio que competía co de Filadelfia. Un dos máis importantes foi The Staple Singers, cuxa carreira comezou editando singles soltos durante os sesenta para por fin, lanzar un álbum de longa duración con Stax, unha das discográficas máis importantes da música soul. En 1975 foron os encargados da banda sonora da película Let's Do It Again, composta case na súa totalidade por Curtis Mayfield. O que constitúe o quinto álbum de The Staple Singers foi o primeiro que publicaron con selo Curtom tras abandonar Stax. A canción principal, "Let's Do It Again" acadou o primeiro posto do Billboard.


George Benson proporcionounos unha das mellores versións que se fixeron de "Let's Do It Again". Un dos maiores divulgadores do jazz das últimas décadas do século pasado animouse a probar os aires do pop no álbum Twice the Love (1988) onde unha boa mostra é "Let's Do It Again".


Xscape sampleou "Let's Do It Again" na peza de R&B "Just Kickin' It", pertencente a Hummin' Commin' at 'Cha (1993).


O mesmo ca John Legend en "Number One", canción do seu disco Get Lifted (2004), que interpreta canda Kanye West.