venres, 30 de outubro de 2015

Some Kind of Wonderful

A traxectoria de Soul Brothers Six e mais concretamente do seu líder John Ellison sempre estará vinculada ó single que publicaron en 1967 "Some Kind of Wonderful", unha marabillosa canción soul cun ritmo bailable que xa parecía preconizar os novos tempos en que o funk ía vivir unha espléndida etapa. No entanto, ter asinado esta gran canción non fixo que a carreira de Soul Brothers Six despegara e apenas estiveron dez anos máis en activo sen conseguir obter un éxito semellante. Nin sequera cando "Some Kind of Wonderful" comezou a ser versionada con regularidade e a ser máis coñecida serviu para que puidesen coller impulso.


Grand Funk Railroad recuperou "Some Kind of Wonderful" nunha nova versión algo máis afastada do soul e moi próxima ó blues rock e o funk no álbum All the Girls in the World Beware !!! (1974). A partir desta última versión a popularidade de "Some Kind of Wonderful" foi moito maior.


Das moitas versións que se fixeron de "Some Kind of Wonderful", sobresae especialmente a de Joss Stone no seu álbum de debut The Soul Sessions (2003) devolvéndolle o estilo soul inicial e os aires funk que xa axitaban a versión orixinal.


Moitos trazos procedentes da versión de Grand Funk Railroad pódense apreciar na canción de Red Hot Chili Peppers "Hump de Bump", pertencente a Stadium Arcadium (2006), aínda que non "Some Kind of Wonderful" non é a única inspiración funk que se atopa neste single da banda californiana.


A outra canción que tamén influíu na elaboración de "Hump de Bump" é o tema de The Commodores "(Can I) Get a Witness", do álbum Movin' On (1975).

xoves, 29 de outubro de 2015

Mystery Train

Junior Parker foi un músico de blues cuxo maior éxito foi "Mystery Train", single que editou en 1953 co seu grupo Little Junior's Blue Flames. A letra está tomada dunha famosa canción do grupo de folk tradicional Cartel Family titulada "Worried Man Blues", que á vez baséase nunha antiga balada céltica. Xa pouco antes de editar "Mystery Train" Junior Parker lograra triunfar co anterior single "Feeling Good", pero sería a partir de "Mystery Train", e sobre todo trala versión que Elvis Presley fixo dous anos despois, cando a carreira de Junior Parker empezou a ter maior visibilidade. Outras grandes cancións polas que é recordado son "Next Time You See Me", da súa autoría, e as versións que fixo dalgúns clásicos do blues, que se atopan entre as mellor realizadas.


"Love Me Baby" foi a cara B de "Mystery Train" e tamén tivo un gran recoñecemento.


Elvis Presley gravou unha versión de "Mystery Train" en clave rockabilly en 1955 co que o tema de Junior Parker acadou unha maior notoriedade. Ademais a versión de Elvis Presley incorpora o riff da guitarra de "Love Me Baby", o que lle dá maior presenza á música de Junior Parker.


Outra gran versión das moitas que se teñen feito de "Mystery Train" é a de The Band, incluída no álbum Moondog Matinee (1973). Robbie Robertson engadiulle novos versos á esta nova versión. 


mércores, 28 de outubro de 2015

He's a Bad Boy

Malia que tardou case dez anos en ver publicado o seu primeiro álbum en solitario, Carole King era unha reputada cantautora cuxos singles que ía editando espertaba o interese no colectivo de compositores e, sobre todo no dos outros cantantes que adoitaban gravar as súas letras. Como moitos outros na mesma situación ca ela, as cancións que escribía adoitaban triunfar noutras voces, de aí a tardanza en ver a súa obra nun elepé, que non se produciría ata 1970. Para entón, os numerosos singles que sacara os anos anteriores quedaron espallados na discografía de King, e aínda hoxe non se deron recuperado nun compilatorio completo cos primeiros anos da cantautora, pese que ninguén se esqueceu deles. Un deles é "He's a Bad Boy", de 1964.


Proba de que a obra inicial de Carole King segue presente para a crítica, alomenos cando a súa carreira estaba nunha etapa de apoxeo, é que a canción de Neil Young "Pocahontas", pertencente a Rust Never Sleeps (1979), ten un son semellante a "He's Bad Boy" e moitos críticos en seguida se decataron dese detalle sinalándoo.

martes, 27 de outubro de 2015

Tush

"Tush" é unha das cancións máis coñecidas de ZZ Top. Pertence ó cuarto álbum da banda texana, Fandango! (1975), que continuaba afianzando o blues rock sureño co que ZZ Top se dera a coñecer. Canda a versión de "Jailhouse Rock" que se inclúe no álbum, "Tush" destaca de sobremaneira por riba das restantes cancións, que non deixan de ser tamén magníficas composicións da autoría dos tres membros do grupo: Billy Gibbons, Dusty Hill e Frank Beard. O álbum complétase coa versións de "Mellow Down Easy", tema de Willy Dixon e o "Long Distance Boogie" de John Lee Hooker.


Joan Jett gravou unha versión de "Tush" no álbum The Hit List (1990), nunha das poucas ocasións en que un músico se animou a versionala no estudio.


Na canción de Motörhead "No Class", pertencente ó álbum Overkill (1979), pode apreciarse o mesmo riff que ZZ Top emprega en "Tush". O comezo é tan similar que parece que Motörhead están executando unha versión do tema de ZZ Top.

luns, 26 de outubro de 2015

Shot by Both Sides

Howard Devoto non estaba moi conforme coa liña musical que estaba seguindo a súa banda, Buzzcoks, xa que consideraba que debían arriscar máis co son, así que decidiu formar un novo grupo, Magazine. A nova banda xurdiu a comezos de 1977 e un ano e medio despois xa tiña no mercado o primeiro álbum, Real Life (1978), onde Devoto afíaba un pouco máis todo o son do post punk que non conseguira con Buzzcocks e por riba, situaba a Magazine na porta de saída da new wave, que xa se andaba alimentando dos variados sons dos xéneros máis vangardistas. O primeiro single de Real Life foi "Shot by Both Sides", canción escrita por Devoto e por Pete Shelley, e que é un dos epítomes do post punk.


Vese que a despedida de Devoto non foi doada para Buzzcocks, que un ano despois aínda achaba de menos ó seu guitarrista, sobre todo ó comprobar que lle ía ben con Magazine. Quizais por ese motivo, a canción "Lipstick", que Buzzcoks editou como cara B en 1978, se parece tanto a "Shot by Both Sides", feito que non pasou desapercibido, e polo que Howard Devoto tamén figura como autor.

venres, 23 de outubro de 2015

Funky Sensation

A traxectoria de Gwen McCrae tivo algúns éxitos antes de que a finais dos setenta abandonase a súa compañía de toda a vida, TK Records, para fichar pola prestixiosa discográfica Atlantic Records. No seu haber ata daquela figuraba a canción "Rockin' Chair", que se aupara no primeiro posto das listas de R&B en 1975 e que constituía o seu maior éxito. Así, en 1981 McCrae editou o seu segundo álbum epónimo que daba paso a unha nova etapa na súa andaina, o primeiro fora o seu debut en 1974. A pesar de que o flamante Gwen McCrae (1981) era un variado compendio de disco, soul e boogie, a crítica recibiuno con indiferenza e pasou bastante desapercibido. A canción máis destacada do álbum é "Funky Sensation", que acadou un meritorio posto 22 no Billboard. Gwen McCrae aínda gravaría un segundo álbum con Atlantic, para logo seguir coa súa carreira noutras discográficas.


A canción de Rashaan Paterson "Where You Are" pertencente ó álbum epónimo deste artista que se editou en 1996, toma algúns elementos de "Funky Sensation", onde o son disco deixa paso ó R&B.


Leela James seguiu o mesmo exemplo de Rashaan Paterson, e a súa canción "Good Time", do álbum, A Change Is Gonna Come (200) tamén está baseado en "Funky Sensations", pero desta volta, a nova canción comparte coa orixinal o son disco, polo que as similitudes se acentúan.

xoves, 22 de outubro de 2015

Too Much Monkey Business

Grande como el só xa desde os comezos, o primeiro álbum de Chuck Berry, After School Session (1957), viu a luz dous anos despois de que o sensacional músico debutase co single "Maybellene", que finalmente pecharía o álbum. Precisamente, o continuo retraso na  publicación do álbum fixo que boa parte das cancións xa se coñecesen de antemán, o saír como singles meses antes. En setembro de 1956 facía a súa aparición "Too Much Monkey Bussiness", que contou cunha moi boa acollida, como viña sendo habitual con tódolos singles de Berry.


A enorme influencia que exerceu a música de Chuck Berry noutros artistas é un feito máis que probado. Bob Dylan, outro grande, tamén tomou como modelo ó mestre de Missouri e onde mellor quedou reflectida esa influencia é na canción "Subterranean Homesick Blues", do álbum Bringing It All Back Home (1965), na que hai algo de lembranza de "Too Much Monkey Business".


Seguindo a estela de "Too Much Monkey Business", "Subterranean Homesick Blues" tamén se converteu nunha importantísima canción moi versionada, pero tamén a súa letra inspirou algunha que outra de distintos artistas. Unha delas e que ademais ten unha estrutura moi parecida á do clásico de Dylan é de Robert Wyatt "Blues in Bob Minor", que como xa se indica no título é todo un tributo ó de Minneapolis. Pertence ó álbum Shleep (1997).

mércores, 21 de outubro de 2015

Lillies of the Nile

Nos anos setenta, o soul e o funk estaban en pleno auxe, o que propiciou que o jazz, outro xénero emparentado cos anteriores, tivese un novo período de esplendor. En consonacia con eses outros xéneros, naceu unha nova corrente  que se denominou jazz fusion, e unha das bandas que mellor a cultivou foi The Crusaders. Este grupo, orixinario de Texas, formado polo pianista Joe Sample, conta cunha ampla traxectoria, xa dende os comezos dos sesenta, pero sería na década seguinte cando lograron os seus maiores éxitos. Especial relevancia tivo o álbum Southern Comfort (1974), onde se recollen moitas das cancións máis coñecidas de The Crusaders, coma "Lillies of the Nile".


A banda inglesa The XX introduciu algúns elementos de "Lillies of the Niles" na súa canción "Chained", pertencente ó álbum Coexist (2012).

martes, 20 de outubro de 2015

No Son of Mine

Genesis tivo un novo renacer a comezos dos noventa. Tras cinco anos de silencio, a banda de Phil Collins, Mike Rutherford e Tony Banks regresou co álbum We Can't Dance (1991), un dos máis populares da veterana banda, que mostraba así que o período de parón que tiveron onde Collins aproveitou para impulsar a súa carreira en solitario servira para reforzar o traballo colectivo. O primeiro single, "No Son of Mine", xa confirmaba que Genesis estaba ó nivel do anterior álbum Invisible Touch (1986). Por outra banda, en "No Son of Mine" consolidábase un son propio, moi característico da última etapa de Genesis, que se deixaba notar nalgunhas outras cancións da banda e que mesmo pareceu "contaxiar" a música do ilustre fundador, Peter Gabriel.


"On the Shoreline" é unha canción que finalmente non formou parte do álbum, pero aparece na cara B do single "I Can't Dance". O son de Genesis é inconfundible e as primeiras notas teñen unha certa reminiscencia de "No Son of Mine", o que quizais faría máis conveniente que aparecese na cara B dese single. 


En menor medida, Peter Gabriel reproduce uns lenes ecos dese mesmo son nalgúns tramos da súa canción "I Grieve", do álbum Up (2002).

luns, 19 de outubro de 2015

This Is the Day

The The é unha banda británica que logrou os seus maiores éxitos durante os oitenta e a primeira metade dos noventa antes de sufrir un prolongado parón que terminaría hai seis anos cando os membros desta formación decidiron retomar de novo o proxecto, e dende entón volven publicar discos con bastante regularidade, o último previsto para o vindeiro ano, aínda que polo momento, non conseguiron volver ter a sona de antano. Unha das súas cancións máis coñecidas é "This Is the Day", pertencente o álbum co que debutaron Soul Mining (1983). 


Manic Street Preachers versionou "This Is the Day" no compilatorio da banda National Tresures - The Complete Singles (2011).

venres, 16 de outubro de 2015

Love's Theme

Poucas cancións instrumentais poden presumir de colocarse no primeiro posto do Billboard estadounidense, coma "Love's Theme", unha peza que Barry White compuxo, non para ningún dos seus álbums coma solista, senón para o trío vocal que formara a imitación de The Supremes, Love Unlimited, e tamén para outro proxecto que montara, The Love Unlimited Orchestra. Ámbolos dous proxectos estaban concebidos para darlle unha nova visión ó soul, ó funk, ó R&B e o son disco en paralelo á carreira de White. "Love´s Theme" foi a culminación de ambos, aínda que talvez chegou demasiado cedo, xa que non volveron a ter un éxito tan rotundo e ademais con toda seguridade, a importancia da música en solitario de Barry White, que ía medrando sucesivamente, prexudicou o desenvolvemento dos demais. A primeira aparición de "Love's Theme" foi no álbum de The Love Unlimited Under the Influence of... Love Unlimited (1973) e logo a mesma versión no álbum de The Love Unlimited Orchestra Rhapsody in White (1974).


 Love Unlimited gravou unha versión con letra que se publicou no álbum In Heat (1974), que saíu pouco despois da publicación de Rhapsody in White.


OMD baseou a súa "Dream of Me (Based On Love's Theme")" na canción de Barry White. Tal foi o respecto pola versión orixinal que a aclaración forma parte do título da canción. Pertence ó álbum Liberator (1993).

xoves, 15 de outubro de 2015

Do It Again

Como tiñan por costume moitas bandas, The Beach Boys adoitaban editar varios singles no verán, meses antes de acabar de preparar un novo álbum. Deste xeito, asegurábase un determinado número de vendas atraídas por eses singles de promoción. O álbum 20/20 (1969), unha das grandes obras dos Beach Boys, publicouse no mes de febreiro, pero a canción "Do It Again" coa que se abre o disco, editárase como single no verán anterior como un anticipo de todos os bos temas que se ían atopar no álbum. E xa que non podían faltar a súa cita co verán, os Beach Boys colocaron este single nos postos principais das listas de éxitos.


Os coros dos Beach Boys nesta canción influenciaron a canción de Eric Carmen "She Did It", unha das que compoñen o álbum Boats Aginst the Current (1977). Mesmo o beach boy Bruce Johnston participou na gravación.


"Do It Again" é unha das cancións que Brian Wilson volveu gravar para o seu segundo álbum I Just Wasn't Made for These Times (1995). 


Air tomou algúns elementos de "Do It Again" no seu tema "Remember", do álbum Moon Safari (1998) co que se deron a coñecer.


Los Reactivos animáronse a versionar "Do It Again" en castelán co título "Hazlo otra vez", canción do EP Split Single (2008).

mércores, 14 de outubro de 2015

Old Before I Die

Tras abandonar Take That precipitadamente Robbie Williams apurouse en preparar o seu primeiro álbum en solitario Life thru a Lens (1997). Aínda os restantes membros da boyband coma as numerosas fans non acabaran de asimilar de todo a súa marcha, Williams estreaba o seu primeiro single, unha versión do tema de George Michael "Freedom", que servía de aperitivo, pero cando por fin se publicou o álbum case un ano despois, a crítica non atopou nada relevante nas doce cancións que o formaban. Simplemente eran doce cancións pop sen a máis mínima transcendencia no universo  do britpop que dominaba a escena inglesa. O paso do tempo indultou a "Angels", que quedou como unha das mellores cancións da discografía de Williams, pero pouco máis. O primeiro single foi "Old Before I Die".


Alejandra Guzmán fixo unha versión de "Old Before I Die" adaptada ó castelán co título "Quiero vivir", no álbum Soy (2002). A produción do álbum correu a cargo de Desmond Child, un dos autores de "Old Before I Die".

martes, 13 de outubro de 2015

Shine a Light

O décimo álbum dos Rolling  Stones, Exile on Main St (1972) é dos máis variados da banda inglesa. Canda ós habituais xéneros que configuran o son dos Stones coma rock, o blues e o contry, a banda atreveuse con estilos algo máis arriscados coma o gospel, que ata daquela aínda non asomara ó cada vez máis amplo repertorio desta. A canción máis paradigmática neste sentido é "Shine a Light", unha das últimas cancións pertencentes a ese magnífico dobre álbum dos Stones e tamén unha das máis coreadas nos seus concertos. 


Malia a que apareceu no álbum Exile on Main St, "Shine a Light" non era unha canción totalmente nova, pois Mick Jagger e Keith Richards xa a compuxeran uns anos antes e os Rolling Stones xa a gravaran en 1969 ó lado de Leon Russell baixo o título "Get a Line on You", que acabaría formando parte do álbum epónimo do músico de Oklahoma, que se editou un ano despois.


Allison Crowe fixo unha moi boa versión de "Shine a Light" no álbum Tidings (2004).


É un feito probado que as influencias coas que Noel Gallagher compoñía as cancións de Oasis son moi transparentes. No entanto, malia que Noel ten afirmado máis dunha vez que para escribir "Live Forever", unha das cancións de Definitely Maybe (1994), se inspirou na canción dos Stones "Shine a Light" e tentou reproducir un anaco da melodía vocal, o caso é que, en comparación con outras cancións de Oasis, "Live Forever" ten moi pouco das musas inspiradoras de Gallagher, porque doutro xeito, xa os señores Jagger e Richards se encargarían de axustar contas cos Gallagher. Ou senón, que lle pregunten a Richard Ashcroft.


venres, 9 de outubro de 2015

Babe, I'm Gonna Leave You

Escrita pola cantautora Anne Bredon e gravada por primeira vez por Joan Baez no álbum Joan Baez in Concert, Part. 1 (1962), "Babe, I'm Gonna Leave You" era un tema folk máis, con pinta de acabar formando parte do repertorio de calquera cantautor que se decantase por incluír versións nos seus discos. Por tanto, era unha canción habitual das bandas folk e seguramente unha das favoritas de Robert Plant. Malia que non está moi claro, non sería de estrañar que Plant, gran admirador de Joan Baez, lle propuxese a Jimmy Page, outro fan da cantautora estadounidense, facer unha versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", mentres preparaban o primeiro disco de Led Zeppelin, a nova banda que Page acababa de pór en marcha, e que debutou con Led Zeppelin (1969), cuxo corte 2 era a versión de "Babe, I'm Gonna Leave You".


Sería precisamente a versión de Led Zeppelin, que apareceu no álbum epónimo da banda de Jimmy Page en 1969 a que marcou as pautas do desenvolvemento do rock progresivo, co que poderiamos dicir que se inauguraba unha nova fase na evolución do rock. Ó transformala nunha canción máis achegada ós sons electrificados, "Babe, I'm Gonna Leave You" convertiuse nunha das cancións que mellor definen o estilo de Led Zeppelin.


A mesma escala harmónica que Led Zeppelin reproduciu nas súas cancións seguírona logo outros grupos coma a Electric Light Orchestra nos seus primeiros traballos e Jethro Tull, ó igual que outras bandas que fixeron do rock progresivo a súa razón de ser. Fíxemonos senón, na canción de Chicago "25 or 6 to 4" que se inclúe no álbum Chicago (1970) e cómo a influencia de Led Zeppelin, e concretamente da versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", é máis que palpable.


O mesmo se pode aplicar a "Suite Madame Blue", tema de Styx pertencente a Equinox (1975) totalmente ledzepeliano que parece fluctuar entre "Babe, I'm Gonna Leave You" e o magnífico "Starway to Heaven".


A Steve Miller Band non quedou atrás e en Book of Dreams (1977) amosaba a canción "Winter Time", parente sen dúbida das cancións anteriores coas que garda tódalas similitudes propias do xénero.


xoves, 8 de outubro de 2015

You Make Me Feel Brand New

O terceiro álbum de The Stylistics Rockin' Roll Baby (1973) contén a fermosa balada "You Make Me Feel Brand New", un dos maiores trallazos na andaina do grupo de Filadelfia. Ó igual que nos anteriores traballos, Thom Bell encargouse da produción e o groso das cancións que forman parte do álbum compúxoas Linda Creed e o propio Bell, e unha vez máis volveu quedar probada a solvencia da parella para crear éxitos cos que catapultar a The Stylistics como unha das bandas de cabeceira do soul e o R&B dos anos setenta. "You Make Me Feel Brand New" é a mostra máis palpable da facilidade de The Stylistics para levar as baladas ó máis alto das listas de vendas, algo que xa coñecían dende "Stop, Look, Listen (to Your Heart)", a primeira canción coa que triunfaron.


Hai moi boas versións de "You Make Me Feel Brand New", pero imos quedar con dúas das nosas favoritas, a de Simply Red no álbum Home (2003), que revitalizou de novo este éxito de The Stylistics.


A outra é a de Rod Stewart e Mary J. Blige no álbum de versións do primeiro Soulbook (2009).


Trebles and Blues sampleou "You Make Me Feel Brand New" na canción "The First Time", pertencente ó album The Blue Note.