Resulta difícil imaxinar o rumbo que tomaría a carreira de Tino Casal se aínda se atopase entre nós, pero seguro que coas novas tecnoloxías que se desenvolveron nas últimas décadas e os novos sons que na actualidade dominan o mundo pop e rock Tino Casal seguiría indo un paso máis aló sen deixar de sorprendernos, elevando o nivel da música española como adoitaba facer dende que este asturiano debutou na escena musical en 1981 con Neocasal, un dos primeiros discos en castelán que apostaban claramente polo glam rock e que contiña unha moi boa versión de "Life On Mars?" de Bowie. Dous anos despois vía a luz Etiqueta Negra (1983), que contén un dos grandes clásicos de Casal, "Embrujada".
Sen dúbida é un tema perfecto e desde logo, nada doado de versionar. Con todo, o grupo manchego Despistaos animouse a gravar "Embrujada" en clave pop no seu recompilatorio de grandes éxitos Lo Que Hemos Vivido (2008) e o resultado non está nin moito menos á altura da versión orixinal, pero alomenos haille que agradecer a Daniel Varela e ó resto da banda que recuperase a música de Casal e así a posibilidade de que as novas xeracións chegue a coñecelo.