venres, 29 de novembro de 2013

You'll Never Walk Alone

Se hai unha canción que sobresaíu por riba de todas as do musical Carousel esa foi "You'll Never Walk Alone". Moitos artistas decidiron gravar unha versión, pero onde realmente "You'll Never Walk Alonde" se converteu en todo un himno foi nas bancadas dos campos de fútbol do Reino Unido. Os siareiros do Liverpool foron os primeiros en incorporala  ós cantos de ánimo ós seus xogadores en Anfield xa nos anos 60 e pronto outras afeccións seguirían o seu exemplo coma o Celtic de Glasgow, ata facer que hoxe a canción composta por Richard Rodgers e Oscar Hammerstein estea máis asociado ó mundo do fútbol ca o dos musicais. Christine Johnson, a actriz de que daba vida a Nettie Fowler en Carousel, foi a primeira en interpretala, en 1945.

http://youtu.be/wlsUfOjVhrM

A pesar que conta cunha infinidade de versións, as máis emotivas sempre proceden das bancadas dos campos de fútbol, especialmente as de Anfield. Isto entendérono moi ben David Gilmour e Roger Waters, que non resistiron a tentación de engadir ese son único na canción "Fearless", do álbum Meddle (1971).

http://youtu.be/TeyHPAdxuy0

"You´ll Never Walk Alone" tamén está detrás da creación dalgúns éxitos de Queen. Seica tras un concerto, os fans puxéronse a cantala e iso lles deu a idea a Freddie Mercury e compañía de facer algunha canción co mesmo espíritu. De aí naceron dúas cancións tamén moi "futbolísticas" coma "We Will Rock You" e sobre todo, "We Are the Champions". Esta última aparece no disco News of the World (1977).

http://youtu.be/O71fetlkCZo

Tamén con numerosas versións, destaca a que fixeron en castelán La Unión no disco "Tributo a Queen" (1997).

http://youtu.be/SQedp1GOuP4

xoves, 28 de novembro de 2013

Fast Car

En 1988 facía a súa aparición na escena musical unha cantautora de Cleveland, Ohio, que ía conquista-lo público maila crítica coa dozura da súa voz, un estilo aparentemente sinxelo e unhas letras que contaban historias que non escapaban da realidade. Con estas premisas, Tracy Chapman presentábase cun disco epónimo que contiña algunhas das súas composicións máis recoñecidas. Unha delas é "Fast Car", unha historia sobre  cómo os efectos do alcoholismo poden destruír as relacións persoais. Malia ser o segundo corte do disco, "Fast Car" foi escollido como single de presentación.


Tres anos despois, comezaba a andaina musical doutra gran cantante, neste caso, a británica Gabrielle. Mentres preparaba o seu álbum de debut Find Your Way, que finalmente se publicaría en 1993, Gabrielle gravou unha demo da que habería de ser a gran canción dese álbum. "Dreams" comezaba cun sample de "Fast Car", pero os problemas legais que poderían derivar da utilización do tema de Tracy Champman acabaron por disuadir á discográfica de publicala tal cal, polo que "Dreams" acabou triunfando cun son depurado e sen rastro do sample. Non obstante, no recompilatorio Dreams Can Come True, Greatest Hits Vol. 1 (2001) recuperouse a demo orixinal.


Outras cancións si incluíron un sample de "Fast Car". A máis coñecida é a de Nice & Smooth na canción "Sometimes I Rhyme Slow", no álbum Ain't a Damn Thing Changed (1991).

mércores, 27 de novembro de 2013

The Sultan

Neil Young sempre foi un músico con moitas inquietudes desde moi novo. Nos albores da súa carreira , coma calquera mozo que comeza, experimentou con tódolos estilos musicais na procura daquel que mellor lle acaese. Nesa búsqueda incesante que comezara tan cedo, Neil Young formou a banda The Squires xunto con Ken Koblun cando nin sequera fixera vinte anos, e aínda así, xa era o segundo grupo que o canadense formaba. The Squires tivo unha existencia máis ben breve e só deixou rastro cun single cuxa cara A é "The Sultan", cun son que parece sacado dunha película do Oeste e no que o mociño Young xa apuntaba maneiras de xenio.


Serían outros canadenses os que recuperarían solapadamente parte da melodía do único éxito de The Squires. Os fantásticos Arcade Fire homenaxean con esta lembranza a famosa cadeliña Laïka no álbum de debut Funeral (2004). A canción, por suposto, é "Neighborhood 2 (Laïka)".

martes, 26 de novembro de 2013

Simple Gifts

Os himnos relixiosos xogaron moitas veces un importante papel no desenvolvemento da música contemporánea. É o caso que nos ofrece "Simple Gifts", composto en 1848 por Joseph Brackett para a seita dos shakers, comunidade relixiosa á que pertencía a familia de Brackett. Precisamente, esta calidade do himno fixo que tardase anos en ser coñecida fóra do ambiente shaker.


Habería que esperar a 1944 para que a melodía de "Simple Gifts" transcendese máis aló do shakers. E habería de ser grazas a Aaron Copland, que incluiría esa mesma melodía en Appalachian Spring, unha composición para o ballet de Martha Graham.

http://youtu.be/xDRWdNn_nLk

En 1963 apareceu unha das primeiras versións que apostaban por renovar e actualizar o himno tradicional. Nese caso a versión escrita por Sydney Carter cunha nova letra baixo o título "Lord of the Dance" só fixo que o interese polo himno orixinal aumentase.

http://youtu.be/P-LCIMWH0Nc

Xa máis irreverente resulta a canción de Toy Dolls "My Girlfriend's Dad's a Vicar", que reproduce a melodía de "Simple Gifts". Coma unha boa banda de punk, Toy Dolls non podían renunciar a unha das características deste estilo. "My Girlfriend's Dad's a Vicar" pertence ó disco A Far Out Disc (1985).

http://youtu.be/oJ82ljwlMp8

Pero se hai unha banda que se sentise engaiolada por "Simple Gifts", esa é Weezer. A banda de Rivers Cuomo xa mostrou a súa admiración polo himno shaker nas primeirísimas notas de "Across The Sea", do segundo álbum da banda Pinkerton (1996).

http://youtu.be/JOJYutNUCZY

Non obstante, Weezer ían homenaxear a "Simple Gifts" nunha das grandes cancións da banda, e posiblemente, das mellores que se teñen feito na última década baseada nese himno. Trátase de "The Greatest Man That Ever Lived (Variations on a Shaker Hymn)", que tal como recolle o subtítulo remítese de forma evidente á composición de Brackett. Pertence ó álbum epónimo da banda, tamén coñecido como The Red Album (2008) pola cor predominante da portada.

http://youtu.be/VP2NRvV24E8

Mais nesta última canción de Weezer hai máis influencias que "Simple Gifts". Moitos críticos sinalan que na súa composición tamén influíu de xeito notable a canción da Electric Light Orchestra "Mr. Blue Sky", extraída do álbum Out of Blue (1977).

http://youtu.be/bjPqsDU0j2I

E por dar unha reviravolta, Jeff Lynne inspirouse en dúas cancións dos Beatles para compoñer "Mr. Blue Sky". Unha delas é "A Day in the Life" (que xa vimos un día) e outra, quizais a que máis se nota sexa "Martha My Dear", extraído do álbum epónimo de 1968 e tamén coñecido como The White Album, algo no que se inspiraron os rapaces de Weezer para algunha das portadas dos seus discos.

http://youtu.be/sA7J7TgVbGA

luns, 25 de novembro de 2013

Ma Vie Fout Le Camp

A pesar de non contar cun recoñecemento internacional como o que gozou o seu paisano Adamo, Salvatore Acquaviva é un dos cantantes melódicos máis afamados de Bélxica durante a década dos 70. Autor de numerosas cancións románticas e composicións pop, o seu nome estivo en boca da prensa musical hai uns anos cando a  súa canción "Ma Vie Fout Le Camp", do ano 1979 volveu á actualidade, xa que para o seu autor, acababa de ser plaxiada, nin máis nin menos que por Madonna, no single de presentación do álbum Ray of Light (1998) "Frozen".


E é que á raíña da polémica e da provocación non lle podía faltar no seu expediente algún caso de suposto plaxio. Pouco despois da presentación de "Frozen" saltaba ós medios de comunicación a demanda que Acquaviva presentaba nun xulgado belga contra os autores de "Frozen", é dicir, a propia Madonna e Patrick Leonard. Sete anos despois os tribunais publicaron a sentenza pola que lle daban á razón a Salvatore Acquaviva.

http://youtu.be/XS088Opj9o0

venres, 22 de novembro de 2013

Light My Fire

Innovador coma poucos na súa época, Johann Sebastian Bach é un dos compositores de música clásica de comezos do século XVIII que aínda é imprescindible na música contemporánea. Practicamente non hai obra del que dalgunha maneira non influíse en artistas tan dispares coma Procul Harum, The Doors e Sweet Box, por poñer só tres exemplos dos máis coñecidos. Pensemos por exemplo nas súas "Inventios", concebidas para piano. Son quince composicións curtas pensadas para que os seus pupilos collesen práctica. Aínda que por este motivo se poida pensar que estas pezas son obras menores, para Ray Manzarek, un dos integrantes de The Doors, a segunda e a terceira foron fundamentais para a creación dunha das grandes cancións da banda de Jim Morrison "Light My Fire". Quedemos, entón de momento, coas "Inventios 2 e 3" de Johann Sebastian Bach.


Onde mellor se aprecia a influencia de Bach en "Light My Fire" é o comezo. O órgano, un dos instrumentos máis importantes na canción (pensemos que boa parte do tema é instrumental), bebe directamente das Inventios. "Light My Fire" pertence ó álbum éponimo de The Doors, publicado en 1967.


Ó ano seguinte gravouse unha das versións máis importantes de "Light My Fire". A de José Feliciano constrata coa orixinal por ser case acústica e está desprovista do recargo instrumental e do espíritu psicodélico da versión orixinal. Aparece no álbum Feliciano! (1968).


Máis recente malia que non por iso menos espectacular é a versión de Shirley Bassey. Un single que a gran dama da canción publicou en 1999. Trátase duhna remestura da que Shirley Bassey gravou en 1970 e quedoulle así de xenial.



xoves, 21 de novembro de 2013

Seville

A bossa nova non se podería entender sen a figura de Luiz Bonfá. Este músico brasileiro de Río de Janeiro foi clave para o coñecemento deste estilo no resto do mundo. No espallamento da música brasileira desde os anos 60, con nomes tan importantes coma Caetano Velosos e Vinicius de Moraes, o bo facer de Bonfá tamén foi acollido con gusto nos círculos musicais máis selectos, e moitos artistas anglosaxóns da talla de Elvis Presley e Georges Benson, entre outros, non dubidaron en gravar nalgunha ocasión algún dos moitos éxitos de Bonfá. Pero a estela deste gran músico non rematou hai décadas como se podería pensar e "Seville", unha peza instrumental do ano 1967, está detrás do maior éxito dun músico australiano de orixe belga que nin nos seus mellores soños podía imaxinar pulverizar as listas de vendas de todo o planeta.


De feito, cando Gotye estaba a grava-lo disco Making Mirrors (2011) e se elixiu como segundo single a canción "Somebody That I Used to Know", que cantaba con Kimbra e cuxa base se asentaba no vello éxito de Luiz Bonfá "Seville" estaba lonxe de supoñer o que se lle viña enriba. O resto da historia xa a coñecedes.



E hai que ver a cantidade de versións que se orixinaron dende o lanzamento internacional da canción de Gotye. De entre todas, nós quedamos coa de Within Temptation. Os neerlandeses gravárona para un programa de radio dunha emisora belga, e saiulles así de ben.


mércores, 20 de novembro de 2013

A Little Girl Lost

David Axelrod é un dos músicos máis influentes do último século. Este músico, compositor e produtor nacido en California en 1931 comezou a súa andaina profesional na década de 1960 prestando os seus coñecementod de produción a artistas de R&B, soul e jazz que tiñan asinado un contrato coa discográfica Capitol Records, ata que en 1968 decidiu probar sorte cun álbum que o situaba na primeira liña, é dicir, comezaba a súa propia carreira xa como músico. A aposta de David Axelrod foi do máis orixinal, xa que ese primeiro disco estaba dedicado en exclusiva á primeira parte do poemario de William Blake Songs of Innocence and Experience, onde Axelrod lle puña música ós poemas cos sons que mellor coñecía. Se ben é verdade que a idea de musicalizar a poesía de escritores famosos estaba de plena actualidade nesa década en todo o mundo, David Axelrod logrou combinar coma ninguén o estilo clásico co jazz máis elegante do momento cun resultado francamente fantástico traducido en Songs of Innocence. Tanto foi así que ó ano seguinte David Axelrod repetiu experiencia coa segunda parte da gran obra de William Blake, co título Songs of Experience (1969). Gustaríanos quedar só coa segunda canción dese disco "A Little Girl Lost", pero non demos atopado unha ligazón que nos levase só a esa canción. En calquera caso, resaltamos que é a segunda, a que lle hai que prestar atención hoxe.


E por que hoxe destacamos "A Little Girl Lost"? Porque nela baséase a canción de Manic Street Preachers "Rewind the Film" que lle dá título ó ultimo traballo que os galeses publicaron hai nada, apenas dous meses. Para esa canción contaron coa colaboración de Richard Hawley.

martes, 19 de novembro de 2013

Queenage Baby

Trala publicación do relevante The Rise and Fall of Ziggy Stardust ans the Spiders of Mars (1972), David Bowie embarcouse nunha actividade frenética non só como músico e compositor, senón como produtor e colaborador doutros artistas. Jayne County foi unha das afortunadas que contou coa participación do equipo de Bowie nos primeiros anos da década dos 70. Unha das cancións de County que fascinou a Bowie foi "Queenage Baby", pertencente ó espectáculo Wayne at the Trucks (1974) gravada en xaneiro dese ano. Segundo declarou en moitas ocasións Jayne County, "Queenage Baby" é a base dun dos éxitos de Bowie "Rebel Rebel".

http://youtu.be/yLRi6Iz0QKw

O caso de ser certas as aseveracións de Jayne County, algo que comparten moitos críticos, David Bowie deuse boa présa en rendibilizar os acordes de "Queenage Baby". En abril de 1974 saía a venda Diamond Dogs que contén "Rebel Rebel", con certas similitudes coa canción de County. O feito de que esta estea producida polos colaboradores habituais de Bowie proba que o Duque Branco coñecía de antemán o traballo de Jayne County.

http://youtu.be/Sa6bI_95G9I

Pero ás veces, vémolo continuamente, o destino devolve o golpe. En 2002, cando o grupo zaragozano Amaral publicou o seu terceiro disco Estrella de Mar moitos clamaron que o terceiro single extraído "Toda la noche en la calle" era unha copia barata de "Rebel Rebel". Mesmo houbo quen creou un mash-up con ámbalas cancións para mostrar a súa opinión. En calquera caso, deixámosvos a canción de Amaral, que á marxe de polémicas, é unha boa canción.

http://youtu.be/QAULxXQCLyA

luns, 18 de novembro de 2013

Skeleton

Ás veces a traxectoria dun artista ou dun grupo quedaría no esquecemento máis absoluto se non fose por que outros conseguen rescatar algún fragmento dunha melodía, un acorde, algo que axuda a que o seu nome non desapareza da memoria colectiva. Helium, unha banda de rock alternativo formada en Boston a comezos dos anos 90, tivo unha andaina máis ben curta, xa que en 1998 os seus membros decidiron pórlle fin á aventura. A súa bagaxe componse de tres EPs e dous discos de longa duración. No primeiro que publicaron The Dirt of Luck (1995) está incluída a canción "Skeleton", que nin sequera se elixiu como single de promoción, pero a ela débenlle que o recordo de Helium siga vivo entre os colegas de profesión.

http://youtu.be/VK2q71f0XOI

E de feito, Sonic Youth foron os encargados de facer que "Skeleton" tivese unha segunda vida na canción "Sunday", o single de lanzamento do décimo disco da banda de Nova York. A Thousand Leaves publicouse en 1998, precisamente o ano en que Helium se disolvía.

http://youtu.be/KM-u6dk920M

venres, 15 de novembro de 2013

Danube Incident

Antes de que a franquicia de películas Mission: Impossible se convertese nunha máquina de facer cartos nos anos 90 e lle servise a Tom Cruise para seguir sendo un dos actores máis cotizados de Holliwood, existía entre os anos 60 e os 70 unha serie de televisión que sería o xermolo destas películas. Efectivamente, a serie Mission: Impossible xa contaba con tódolos ingredientes que haberían de surtir as longametraxes, respectando bastante ben o espíritu inicial da serie, e niso, tamén se inclúe a banda sonora. Ademais da famosa melodía que identifica a Misión Imposible, a banda sonora conta cunhas excelentes composicións que non quedan atrás. Un dos músicos que máis participou na elaboración da banda sonora da serie é o reputado compositor arxentino Lalo Schifrin, que escribiu pezas tan sinaladas como "Danube Incident" recollidas nun dos discos dedicados á banda sonora da serie. "Danube Incident" pertence a More Mission: Impossible (1968).

http://youtu.be/hZqR8POpCng

Como unha das composicións de Schifrin máis coñecidas, "Danube Incident" volveuse pór de moda nos anos 90, dous anos antes de que se estrease a primeira película. Coma se dun preludio se tratase, Portishead incorporou a melodía de "Danube Incident" a "Sour Times", unha das cancións do disco Dummy (1994).

http://youtu.be/AWXr68l6ACQ

E coincidindo coa revolución nas taquillas que supuxo o estreo da película en 1996, Heltah Skeltah incluían no disco que publicaron no verán dese ano Nocturnal a canción "Prowl" baseado no tema de Schifrin.

http://youtu.be/YlfkXsTQ2Jg

E tomando como referencia a canción de Portishead, The 411 cantaron "Teardrops", no álbum Between the Sheets (2004).

http://youtu.be/_L5HvgirCKQ

xoves, 14 de novembro de 2013

Summer in the City

"Summer in the City" é talvez a canción máis recordada de The Lovin'  Spoonful. Pertence ó terceiro disco da banda formada por John Sebastian, Hums of the Lovin' Spoonful (1966). Naquel momento, John Sebastian atopábase nunha fase creativa que se vería refletida en gran medida nos traballos de The Lovin' Spoonful, como proba Hums of the Lovin' Spoonful onde participou na composición de tódolos temas, se ben "Summer in the City" tamén levan a sinatura de Mark Sebastian e Steve Boone, os outros dous compoñentes da banda que tamén adoitaban escribir algunhas das cancións. 


A forza das guitarras de "Summer in the City" callou moi pronto noutras bandas. Cream, que no momento da publicación do disco de The Lovin' Spoonful estaba preparando o seu segundo traballo Disraeli Gearse  e que editaría ó cabo dun ano, inspirouse no son de "Summer in the City" para a canción "Tales of Brave Ulysses". E iso que Eric Clapton tamén tiña na mente a camción "Suzanne" de Leonard Cohen que vimos hai uns días.


O éxito de "Summer in the City" radica sobre todo no éxito que tiveron ó longo do tempo as distintas versións doutros artistas que se decidiron a gravala. A última, a de Joe Cocker en 1993, fixo que seguise de actualidade, pero imos destacar unha das que cobraron unha entidade propia, cun estilo diferente onde se aprecia a pegada do seu creador. Trátase da do gran Quincy Jones no álbum You've Got It Bad Girl (1973).

http://youtu.be/jcSUi1VP00M

Massive Attack sampleou a versión de Quincy Jones xunto coa versión de Isaac Hayes da canción  "Our Day Will Come" na canción "Exchange", do álbum Mezzanine (1998).

http://youtu.be/MVMXP3T3mTQ

Por certo, para que non nos quede atrás, velaquí a canción de Isaac Hayes que forma parte de "Exchange", do álbum ...To Be Continued editado en 1970. A versión orixinal deste tema é de 1963 e gravouna a formación de R&B Ruby & The Romantics. Recentemente apareceu unha versión de "Our Day Will Come" no álbum póstumo de Amy Winehouse Lioness: Hidden Treasures (2011).

mércores, 13 de novembro de 2013

Cecilia

O dúo folk formado por Paul Simon e Art Garfunkel deixounos grandes cancións antes de que as desavinzas entre eles levasen a cada un por un camiño diferente. Moitos non dubidan en sinalar que o quinto disco Bridge over Trouble Water (1970) é unha obra mestra conxunta, o mellor álbum da carreira de Simon & Garfunkel debido á colección de cancións para a posterioridade que o compoñen. Hoxe dedicámoslle a entrada a un deses temas, "Cecilia". Paul Simon escribiu esta canción pensando en Santa Cecilia, a patroa da música, o que en certa medida converte a letra nunha alegoría na que Simon narra a importancia da música na súa vida.


Independentemente de tódalas versións que se fixeron de "Cecilia", Fun baseouse neste tema para crear "Some Nights", que lle dá título ó album que os catapultou á fama en 2012.

martes, 12 de novembro de 2013

Suzanne

Unha das figuras relevantes tanto da música coma da literatura nas últimas décadas é sen dúbida, Leonard Cohen. A súa obra poética, chea de musicalidade, e a efeverscencia que vivía o folk nos anos 60 levaron os poemas de Cohen ós estudios de gravación, ás veces, mesmo no mesmo ano en que se publicaban. Ese foi o caso de "Suzanne", que cativou a Judy Collins de tal xeito que non tardou en gravalo para o álbum In My Life, o sexto que publicaba tras comezar a súa andaina a finais dos anos 50. Nese disco, a canción de Cohen está acompañada doutras asinadas por artistas da talla de Bob Dylan, os Beatles e Bertold Brecht, entre outros grandes.

O resultado satisfixo tanto a Leonard Cohen, que un ano despois aventurábase na música cun álbum propio titulado Songs of Leonard Cohen (1967), que se abre precisamente con "Suzanne". Era o comezo dunha carreira, que aínda hoxe levanta admiración.

http://youtu.be/otJY2HvW3Bw

A influencia de "Suzanne" é notable na canción de R.E.M "Hope", do álbum Up (1998), tanto que mesmo a banda de Michael Stipe incluíu a Leonard Cohen nos créditos da canción.



luns, 11 de novembro de 2013

Day In Day Out

Para os críticos o grunge e o britpop son dous estilos antagónicos que non admiten conciliación. Se o segundo naceu coma unha reacción ó pesimismo que impregnaba as letras e os sons do primeiro, ó tempo que reflectía un ficticio enfrontamento entre o estilo americano e o británico, todo indicaba que era imposible que houbese bandas que se decantasen por ámbalas dúas visións de ver ó rock. E non obstante, no eido da música alternativa, onde se permite experimentar con todo, un grupo británico, Feeder, desafiou a orde establecida e compuxo un repertorio de cancións que se moven entre as fronteiras do grunge e do britpop. "Day In Day Out", extraído do segundo disco Yesterday Went Too Soon (1999), foi o single de presentación e hoxe consíderase unha das mellores cancións que compuxo Grant Nicholas.

http://youtu.be/NJ-jZQueieE

Baseada nesta canción de Feeder, The Dandy Warhols compuxeron "We Used to Be Friends", unha das cancións principais do álbum Welcome to the Monkey House (2003).

http://youtu.be/dncJiroxcXw

venres, 8 de novembro de 2013

Here Comes the Rain Again

Non se pode entender a música dos anos 80 sen prestarlle atención a Eurythmics, o dúo composto por Annie Lennox e Dave Stewart, que marcou boa parte da banda sonora desa década. O terceiro disco de Eurythmics, Touch (1984) viña precedido do éxito que supuxera "Sweet Dreams", a canción que os lanzou ó Olimpo musical, así que se esperaba que Touch estivese a un nivel parecido. Ábrese con unha das cancións máis lembradas "Here Comes the Rain Again", un tema melancólico, pero tamén dos máis fermosos que escribiu esta parella. Escolleuse como terceiro single tras "Who's That Girl?" e "Right By Your Side" e malia que o título é "Here Comes the Rain Again", moitos a coñecen por "Talk to Me", a frase que marca o retrouso.

A parte de "Talk to Me" é a favorita á hora de empregar esta canción de Eurythmics como sample. Vexamos dous exemplos. O primeiro, a cargo dos neerlandeses Alice DeeJay, na canción "Better Off Alone", un rompepistas que aparecía no disco Who Needs Guitars Anyway? no verán de 1998. Non vos soa moi actual o seu son? En efecto, David Guetta volveuna pór en circulación hai uns meses cunha nova letra, novo título, pero a mesma melodía.
 
Máis recentemente, George Nozuka tamén se inspirou no tema de Eurythmics para presentar o seu primeiro single, que leva precisamente o título de "Talk to Me", tema estrela do seu debut Believe (2007).