venres, 29 de agosto de 2014

There Goes My Baby

O doo-wop que envolveu a Estados Unidos durante a década dos 50 está representado sobre todo por unha formación vocal masculina, que en ningún momento acusou o constante cambio de membros durante a súa traxectoria. Por iso a música de The Drifters non se asocia especificamente con ningún dos músicos que pasaron polo grupo, cando formaron parte del persoas do prestixio de Ben E. King, que compuxo para The Drifters algunha das súas cancións máis recordadas. En colaboración con Jerry Leiber, Mike Stoller, Lover Patterson e George Treadwell, Ben E. King escribiu "There Goes My Baby", tema co que King debutou en The Drifters coma o cantante principal. O single editouse en 1959.


Coma daquela o estilo de The Drifters servía de referencia para tódolos músicos e produtores de R&B, a influencia destes era enorme. Dous anos despois da edición do single de The Drifters, The Shirelles editaban "Tonight's the Night", tema que lle ía dar nome ó álbum que esta formación feminina publicou en 1961. Está escrito por Shirley Owens, a líder de The Shirelles, e o produtor Luther Dixon, e na canción pode observarse certa similitude coa de The Drifters.


Pero volvamos á canción de The Drifters; esta tivo unha versión moi boa na voz de Donna Summer, que incluíu en Cats without Claws (1984).

xoves, 28 de agosto de 2014

L.I.F.E.G.O.E.S.O.N.

Noah and the Whale, a banda inglesa de folk rock comandada por Charilie Fink, vai gañándose devagar a unha morea de fans con cada álbum que sacan e para a crítica é un dos grupos máis interesantes que apareceron nos últimos anos. As boas sensacións que causaron coa publicación dos seus primeiros discos non quedaron atrás cando por fin editaron Last Night on Earth (2011). Como single de lanzamento, escolleuse "L.I.F.E.G.O.E.S.O.N.", terceiro corte do álbum, que é unha pequena marabilla folk. Non obstante, algúns críticos sinalan que nesta canción apréciase con excesiva claridade a influencia de dous referentes para Charlie Fink; The Kinks e Tom Petty. A pegada da súa musica transcorre de forma natural polo tema de Noah and the Whale coma parte da paisaxe que debuxan nas notas, pero para os máis avispados esa pegada leva os nomes respectivos das cancións de Petty e de The Kinks que están detrás da composición de Fink, aínda que habería que precisar que, coma opinión duns cantos, non deixa de ser subxectiva.


De Tom Petty and the Heartbreakers, a canción de Noah and the Whale parece tomar algún parecido con "Don't Come Around Here No More", tema escrito xunto con Dave Stewart de Eurythmics, incluído en Southern Accents (1985). O videoclip é unha xenial recreación de Alicia no País das Marabillas, onde Petty se disfraza do personaxe do Sombreireiro Tolo.


"Lola" é unha das grandes cancións de The Kinks, pertencente a Lola Versus Powerman and the Moneygoround, Part One (1970). Co famoso tema sobre un travesti, a banda de Ray Davies deixaba claro que na nova década ían seguir dando guerra.


E non nos resistimos á versión en castelán de "Lola" que M-Clan fixo no disco Sopa Fría (2004), respectando á letra orixinal.

mércores, 27 de agosto de 2014

We Are the Chopped

O éxito masivo está restrinxido a uns poucos artistas e bandas, pero moitos deles nútrense do rico e variado ambiente do underground, das escenas locais que frecuentan grupos case anónimos que en boa parte dos casos nunca chegarán a ser máis coñecidos fóra dos límites que marcan a zona pola que se moven. Ás veces teñen un golpe de sorte e a súa música comeza a soar en tódolos sitios, o que supón subir un chanzo máis, pero noutras o recoñecemento vén por medio da admiración de grupos convertidos en superestrelas que algún día antes de que a fama lles chegase  foron admiradores deles e séntense en débeda co seu son. Un dos milleiros de grupos e artistas que protagonizan este tipo de historias é NoMeansNo, unha banda canadense de finais dos setenta que se dedica ó punk, pero que só tiveron éxito dentro do circuito americano. Debutaron co álbum Mama (1982), onde se inclúe "We Are the Chopped".


A vantaxe de NoMeansNo é que conta entre os seus seguidores ós integrantes de The Offspring. No álbum Splinter (2003) decidiron renderlle tributo a NoMeansNo ó empregar o mesmo riff de guitarra de "We Are the Chopped" na canción "Hit That", polo que de socato o nome da banda canadense foi coñecida en todo o mundo.

martes, 26 de agosto de 2014

The Joker

A discografía de Steve Miller Band está chea de cancións memorables que aínda se tararean. A primeira desa longa lista chegou cando a banda xa levaba varios anos rodados e xa publicara uns cantos discos. Pero con "The Joker" Steve Miller asinou o billete co que entrar na posterioridade. Dende aquela o grupo sempre ofreceu nos seus traballos discográficos algunha canción inesquecible, coma se "The Joker" fose unha chave ó éxito. Seguramente pouco podía imaxinar Miller ó compola facendo referencia a cancións anteriores súas e doutros artistas que estaba ante un éxito imperecedeiro. Pertencente ó álbum do mesmo nome The Joker (1973), quen non algunha vez non se atopou con ela nalgún anuncio ou nalgunha película? Pois aí está a proba da súa sona.


A influencia de "The Jocker" non tardou en estenderse a outros artistas e un dos primeiros que a recibiu foi Jeff Lynne, pois "Summer and Lightning", canción da Electric Light Orchestra pertencente ó álbum Out of Blue (1977) garda algún parecido.


No ano 2000, no álbum Hot Shot, Shaggy tamén incluíu baseada en "The Jocker". Trátase da popular "Angel".


Un inciso antes de continuar con "The Jocker". Como moitos apreciaredes, a canción de Shaggy, ademais de combinar o son da de Steve Miller Band parece unha versión actualizada, ou máis ben éo, da canción de Chip Taylor "Angel of the Morning", que Juice Newton gravou no álbum Juice (1981).


Volvendo á canción de Steve Miller Band, máis recentemente foi decisiva na elaboración do tema do guitarrista de Revolverheld Kris "Diese Tagen", que gravou en 2012 en compañía de Dante Thomas.

luns, 25 de agosto de 2014

Same Size Feet

Cara a finais dos 90 a febre polo britpop, que volvera pór de actualidade á escena musical británica, empezou a dar síntomas de esgotamento. Non foi que de súpeto a tremenda creatividade da que fixeran gala aquelas bandas anglosaxonas se vise abaixo, simplemente que coma tódalas modas, os medios deixaron de fixarse especialmente nelas á vez que consideraban que era moi difícil que se volvese a acadar o nivel de Oasis, de Blur e demais grupos en tan pouco tempo. Con todo, iso non desanimou ás bandas emerxentes, que contaban con aproveitar o mellor posible aquel movemento ó que vían como unha vantaxe para darse a coñecer máis aló das illas. Nese contexto facía a súa aparición Stereophonics, unha banda galesa, que ó igual que os seus paisanos os veteranos Manic Street Preachers, aspiraban a triunfar coa súa música en todo o continente. Así en 1997 debutaban con Word Gets Around. O álbum non foi precisamente un supervendas, pero amosaba unha banda cunha base sólida como para dar que falar nos vindeiros anos. "Same Size Feet" é unha das cancións que forma parte do debut de Stereophonics.


Os consolidados Oasis nunca deixaron de ser unha esponxa, ó igual que nos seus comezos. A facilidade con que ritmos, sons, riffs alleos acababan por asimilarse á música dos irmáns Gallagher é algo que aínda non se explican os críticos, que moitas veces apuntan ós antipáticos irmáns case sen pensar. Para moitos deles, hai acordes en "The Hindu Times", de Heathen Chemistry (2002), sospeitosamente moi parecidos, case idénticos, ós da canción de Stereophonics.

venres, 22 de agosto de 2014

Cobrastyle

A banda sueca Teddybears é desas que non se comprometen cun só estilo determinado. En toda a súa traxectoria nunca lles causou verdadeiros problemas mesturar diferentes tendencias, que van desde o hard rock ata a música electrónica, pasando polo reggae. O seu maior éxito atópase no álbum Fresh (2004) e trátase de "Cobrastyle", un tema para o cal contaron coa colaboración do músico xamaicano Mad Cobra, que se encarga de pórlle voz á canción, de tal xeito que mesmo parece apropiarse totalmente dela. Teddybears quedaron tan satisfeitos desta canción que a incluíron tamén no seguinte álbum, Soft Machine (2006). Pero "Cobrastyle" tamén lle debe moito a outras cancións.


Unha das cancións que ten algo de presenza no son de "Cobrastyle" é a versión que as xaponesas The 5.6.7.8's fixeron da canción de The Ikettes "I'm Blue", no álbum Teenage Mojo Workout (2002).


E é que o trío xaponés logrou modernizar o son da formación das bailarinas de Ike & Tina Turner acelerando o ritmo. Compáremola coa orixinal.


Volvendo a "Cobrastyle", Mad Cobra tamén achegou a súa parte no retrouso ó incorporar parte de "Press Trigger", un dos seus temas de 2001.


Aínda que a porción de reggae que aparece no tema débese sobre todo ó single de Bussy Bee "Making Cash Money", de 1982.


Pero se de verdade hai unha canción cuxo son se aprecia sobre todo en "Cobrastyle" é sen dúbida o éxito de Fine Young Cannibals "Good Thing", do álbum The Raw & The Cooked (1988) que contén as principais cancións polo que este grupo inglés se fixo coñecido.

xoves, 21 de agosto de 2014

Seven Nation Army

Jack White é hoxe un reputado músico e intérprete que aínda este mesmo ano publicou novo disco que sen dúbida aparecerá no mes de decembro cando se elaboren as listas dos mellores álbums do ano nunha posición privilexiada. Pero White, cuxa creatividade o levou a emprender unha chea de proxectos musicais ó mesmo tempo, empezou a ter certa relevancia no ámbito internacional con The White Stripes, o grupo que formou en 1997 xunto con Meg White, daquela a súa muller. No entanto, non se empezaría a falar de The White Stripes nas publicacións especializadas ata que publicaron o cuarto disco, Elephant (2003), que se estreaba con "Seven Nation Army", unha auténtica bomba polo marcado ritmo da batería, da que se encargaba Meg. A canción enseguida foi adoptada polas distintas hinchadas dos equipos de fútbol que transformaron a letra cando os seus equipos gañaban torneos importantes e aínda é habitual que a coreen nos estadios. Pero ademais de ser unha gran canción, a elaboración de "Seven Nation Army" tamén conta con algunha curiosidade.


Por exemplo, moi poucos afirmarían que a famosa melodía que permite que a canción estea aínda tan presente no mundo do deporte procede en realidade dun anaco da "Quinta Sinfonía" de Anton Bruckner, composta entre 1875 e 1876. Corresponde co tema principal da sinfonía e no fragmento que vos ofrecemos pode apreciarse a semellanza a partir do minuto tres.


Por outra parte, Jack White sempre se declarou admirador da música de Bob Seger e que a súa canción favorita é "2+2=?", de contido contra a guerra de Vietnam. Foi o single co que The Bob Seger System presentaba o seu primeiro álbum  Ramblin' Gamblin' Man (1969) e seica que algo desa canción se transmitiu a "Seven Nation Army".

mércores, 20 de agosto de 2014

Heaven Knows I'm Missing Him Now

Nos variados anos 60 o pop máis comercial estaba dominado por unha rapariga inglesa que lograra gañar en 1967 o daquela prestixioso festival de Eurovisión coa canción "Puppet on a String", que logo foi versionada en case tódolos idiomas. Falamos como non, de Sandie Shaw, que a raíz daquel éxito televisivo, a súa sona chegou a toda Europa. A pesar de que Sandie Shaw se encargou de que nos seus discos se incluísen versións e composicións dos autores de renome do momento coma Dylan, os Beatles, os Stones e mesmo Jimmy Page, Shaw só conseguía colocarse nos primeiros postos das listas de vendas con cancións pop que tiñan exactamente o mesmo estilo ca "Puppet on a String" e finalmente sería por este tipo de cancións polo que aínda todo o mundo se lembra dela. "Heaven Knows I'm Missinjg Him Now", single de 1969, forma parte desas cancións de pop facilón co que os fans de Sandie Shaw estaban acostumados; non obstante, esta canción nin sequera se chegou a introducir nas listas de vendas.


Calquera pode considerar "Heaven Knows I'm Missing Him Now" un tema menor, sen a mínima transcendencia e así o acredita tanto a letra como a música. No entanto, entre os admiradores da música de Sandie Shaw atópase Morrisey e sen dúbida, esa é unha das súas favoritas. Non é que un dos principais integrantes de The Smiths se servise do estilo da canción para versionala (malia que The Smiths si teñen versionado algunha outra de Sandie Shaw) ou para facer unha nova baseada nela. O que realmente cativou a Morrisey foi o título, co que Morrisey compuxo "Heaven Knows I'm Miserable Now" (1984), single que se editou solto. E aí rematan as semellanzas coa canción de Sandie Shaw. Da música ocupouse Johnny Marr e é unha das esenciais na discografía de The Smiths, con todo o estilo de seu da banda de Manchester.

martes, 19 de agosto de 2014

Color Pictures of a Marigold

Antes de unirse a Nirvana como batería, Dave Grohl trataba de potenciar unha carreira propia no mundo da música baixo o pseudónimo de Late!, sen grandes resultados e da que Grohl acabaría por esquecer totalmente cando pasou a formar parte do grupo de Kurt Cobain. Na efímera vida de Late!, Dave Grohl logrou editar un álbum en formato cassette nunha pequena discográfica independente, polo que xa se entrevía que, alomenos nun primeiro momento, non ía ser precisamente un bombazo mundial. Pocketwatch (1992), que viu a luz medio ano despois de gravarse, é unha colección de dez cancións das que de vez en cando, Grohl rescata do esquecemento no que se atopan. Unha das máis afortuanadas é "Color Pictures of a Marigold", que se incorporou ó repertorio de Nirvana co nome reducido de "Marigold".


Pouco despois de entrar en Nirvana, mentres a banda gravaba o que sería o seu derradeiro disco de estudio, In Utero (1993), Dave Grohl convenceu ós colegas para engadir "Marigold" ó listado. Na nova versión do tema nótase especialmente o traballo de produción e afástase totalmente do son de maqueta da orixinal. Ó final, "Marigold" descartouse para o álbum, pero aparece na cara B do single "Heart-Shaped Box".


Pero a insistencia de Dave Grohl con "Marigold" non rematou ó gravala con Nirvana. Cando Foo Fighters xa era unha banda consagrada do rock alternativo, volveu incluír unha nova versión no álbum en directo Skin and Bones (2006), que desde logo ten máis en común coa de Nirvana que coa de Late!.

luns, 18 de agosto de 2014

I Can't Turn You Loose

Seguindo a estela do seu admirado Sam Cooke, Otis Redding estaba chamado a ser o seu sucesor. A súa voz privilexiada e a calidade dos seus traballos non tardaron en situalo como un dos grandes cantantes dos anos 60. A súa produción fíxose tan abundante que ademais dos distintos álbums que ía editando, Redding engadíalle singles soltos que logo ó final non aparecían ningún nos discos de longa duración do artista, pero que triunfaban de igual xeito nas listas de vendas. En 1965, como anticipo de The Soul Album editouse o single "Just One More Day" e na cara B contén un tema que despois non figuraría no disco. Trátase de "I Can't Turn You Loose", unha canción das máis movidas de Redding, que lograría superar en popularidade á da cara B, como tantas veces adoita acontecer.


Inspirándose en "I Can't Turn You Loose", Booker T. and the MG's, a banda de Steve Crooper, editou  en 1969 "Time is Tight", un tema instrumental que a dicir verdade, non deixa de ser unha versión da de Otis Redding. En descargo da banda hai que dicir que moitos dos seus músicos traballaron con Redding na gravación dos seus discos, polo que non hai que estrañarse de que algo se lles quedase del.

xoves, 14 de agosto de 2014

California

Ás veces a televisión e o cine logran que un artista ou un grupo acaden unha repercusión que sen eses medios non sería posible. A banda californiana Phantom Planet sempre lle estará agradecida á serie xuvenil The O.C. porque grazas a ela a súa popularidade aumentou considerablemente en todo o mundo. Os produtores da serie escolleron o seu tema "California", do álbum The Guest (2002) para ilustrar as aventuras dos protagonistas, asemade que a mesma canción servía de banda sonora para a película Orange County. A decisión de darlle relevancia á canción de Phantom Planet non é casual; tanto a serie como a película están ambientadas en Orange County, un dos lugares máis coñecidos de California e que mellor representa a idea que todos teñen dese Estado da Costa Oeste estadounidense, así que nada mellor que "California", unha canción que canta as virtudes do lugar. Pero antes da canción de Phantom Planet houbo outras"Californias", que segundo moitos, acabaron contribuíndo dalgún xeito á do grupo californiano.


A achega máis evidente que se atopa no tema de Phantom Planet é a de Al Jolson, que en 1924 gravou "California, Here I Come" como parte do musical de Broadway Bombo. Para moita xente "California" pode cualificarse de versión moderna da canción de Jolson porque nalgúns momentos ámbalas dúas soan case igual, a pesar de que a melodía non é a mesma.


Tamén seica se sinala que a canción de Joni Mitchell "California", do álbum Blue (1971) comparte algo máis que o título coa de Phantom Planet. Neste caso apúntase que a melodía da de Phantom Planet ten algo da de Joni Mitchell.

mércores, 13 de agosto de 2014

Love Shack

A moitos a banda The B-52's coñecérona cando lle puxeron música a película con personaxes reais sobre os Picapedra, mentres que outros asocian o nome da vocalista Kate Pierson coa voz que acompaña á de Michael Stipe no tema "Shiny Happy People" de REM, por outra parte veciños de The B-52's. Pero o caso é que a andaina de The B-52's remóntase a mediados dos anos 70 cando un grupo de mozos que aspiraban a contribuír á New Wave se xuntaron na súa cidade natal, Athens, e empezaron a chamar a atención das discográficas locais. Sen deixar de traballar de forma constante, The B-52's obtiveron a recompensa merecida co quinto disco, Cosmic Thing (1989), que contén o principal éxito do grupo, "Love Shack". Sen ser o primeiro single que se extraeu do álbum, "Love Shack" pronto acadou os primeiros postos nas listas de vendas e proporcionoulles a The B-52's un recoñecemento que por desgraza para unha banda tan boa non habería volver conseguir ata que en 1994 se encargaron da banda sonora de The Flintstones (Os Picapedra).


Como adoita suceder coas boas cancións que teñen un éxito desbordado, sempre aparece alguén capaz de darlle unha nova lectura, xa sexa en clave dance ou en clave hip hop. Far East Movement, un grupo de hip hop xuntouse co dj Roger Sánchez para gravar "2gether", feita con parte de "Love Shack" e queda como unha trapallada, no álbum Free Wired (2010).

martes, 12 de agosto de 2014

Miss You

A década de 1970 foi das máis produtivas para os sempre inquietos Rolling Stones. Nese período de tempo a banda de Mick Jagger, Keith Richards, Charlie Watts e Ronnie Wood editou os seus mellores discos tras sobrevivir a momentos convulsos dentro da formación coma a expulsión de Brian Jones e o seu posterior falecemento, e o paso fugaz de Mick Taylor, un dos mellores guitarristas que se podía encontrar daquela. Por se fose pouco a ambición dos compoñentes, especialmente dos pesos pesados Jagger e Richards, foi superior ó acomodamento que supuña vir dunha etapa onde xa deixaran algunhas cancións imborrables. Some Girls (1978) é un dos mellores álbums para moitos fans e para boa parte da crítica, que o sitúa nos primeiros postos dos traballos dos Stones. O single que serviu de presentación é o potente "Miss You", co que Jagger e Richards se introducen timidamente nos sons disco que marcaban a música nesa época.


Hai unha versión de "Miss You" por riba de todas as demais. Etta James pousou o ritmo frenético da versión orixinal e converteuna nun moderno blues no álbum Matriarch of the Blues (2000). Poucas versións coma esta están á altura do tema orixinal cun estilo tan diferente.


Pero riff de guitarra de Keith Richards en "Miss You" tamén serviu de inspiración a outros músicos para as súas cancións. Talvez a máis destacada sexa a de Red Hot Chili Peppers "Knock Me Down", do álbum Mother's Milk (1989), que garda algún eco do tema dos Stones.

luns, 11 de agosto de 2014

Set the Twilight Reeling

Incansable como bo músico de rock, Lou Reed non deixou de crear novos discos cando moitos sinalaban que nunca volvería acadar o esplendor dos seus primeiros traballos en solitario tras pechar a etapa de Velvet Underground. Se iso era así, a Reed tanto lle tiña. Afastado dos excesos que case acaban con el e centrado ademais na edición dos seus poemas, a mediados dos anos 90 Lou Reed seguía a facer boa música á marxe de modas e de se volvía estar en primeiro plano da música, como se iso lle importase algunha vez. O certo é que as cancións que ofrece en Set the Twilight Reeling (1996) conteñen aínda o mesmo selo de creatividade e de emoción que o converteron nun dos rockeiros máis admirados das últimas décadas. A canción que titula o álbum ten dúas partes ben diferenciadas, un principio acústico que se vai electrificando cara ó final, onde o tema, despois dunha parte instrumental, cambia radicalmente de ritmo. Sen dúbida, unha das mellores cancións do álbum.


Lou Reed é un referente para toda unha xeración de músicos. Pulp non é unha excepción e mesmo hai veces en que a voz e o estilo co que canta Jarvis Cocker lembra algo ó de Reed. Pódese comprobar en "Sunrise", canción de We Love Life (2001) onde as reminiscencias de "Set the Twilight Reeling" están máis que presentes.


venres, 8 de agosto de 2014

Weapon of Choice

Nese afán que teñen algúns músicos de mesturar diversas cancións para reinventar o funk e o house nunha nova canción, Norman Cook, de alcume artístico Fatboy Slim, revelouse todo un mestre, como ben sabemos neste blog. Tampouco nos cansaremos de repetir que se ben este tipo de artistas se lles pode achacar unha total falta de orixinalidade, hai que recoñecerlle o talento para crear novas cancións a partir doutras, así como a capacidade de rescatar cancións case esquecidas. No amplo repertorio e Fatboy Slim, un dos seus temas con máis éxito é "Weapon of Choice", de Halfway Between the Gutter and the Stars (2000).


En "Weapon of Choice", Fatboy Slim achegou retrincos especialmente de música dos anos 60, como a canción de The Chambers Brothers "All Strung Out Over You", pertencente a The Time Has Come (1967).


Pero máis evidente se cabe no son de "Weapon of Choice" é o tema de Sly and the Family Stone "Into My Own Thing", do álbum Life (1968).


Os toques de hip hop nesta canción de Fatboy Slim corren a cargo de Black Sheep e a canción "The Choice Is Yours (Revisted)", pertencente ó álbum A Wolf in Sheep's Clothing (1991).

xoves, 7 de agosto de 2014

Blame It on the Boogie

O gran soño de moitos músicos que intúen que as súas propias carreiras nunca terán unha gran repercusión é que as súas composicións acaben no repertorio dalgún artista ou grupo de renome, algo que alomenos lle repercutirá nuns xenerosos royalties. Mick Jackson, un compositor inglés, escribiu a mediados dos 70 xunto co seu irmán Dave e Elmar Krohn unha canción pensada para Steve Wonder. Tendo en conta o estilo do músico estadounidense, tentaron axustarse os seus patróns, de modo que en caso de que Wonder a gravara, non resultase moi alleo ó que estaba facendo. Mentres esperaban a resposta de Stevie Wonder, Mick Jackson gravouna en 1977 para darlle máis empaque e convencer dese xeito á discográfica de Wonder para que quedasen con ela.

http://youtu.be/ZcDj46elLhQ

No entanto, quen finalmente quedou con ela non foi Stevie Wonder, senón The Jacksons, que por ironías da vida compartían apelido co compositor. The Jacksons 5 acababan de abandonar a Motown e ficharan por Epic na procura de situarse de novo nos primeiros postos das listas de vendas. E haberíano de lograr con "Blame It on the Boogie", tema estrela de Destiny (1978), tamén o primeiro producido exclusivamente por Michael Jackson e os seus irmáns.


Das versións que se fixeron de "Blame It on the Boogie", triunfou no mundo hispánico a do mexicano Luis Miguel en castelán. "Será que no me amas" pertence ó álbum 20 años (1990).

http://youtu.be/HSiDCJALfW0

mércores, 6 de agosto de 2014

Ask of You

Posiblemente se as tendencias que dominan a música actual non cambian, e todo parece indicar que se van manter así durante moito tempo, o soul xa nunca volverá a vivir unha época de esplendor como a que tivo durante os anos 60 e 70 cando a Motown e Stax non paraban de amosar novos talentos que enriquecían os catálogos das tendas da música. Menos mal que de vez en cando xorde un novo artista que devolve á memoria a aqueles anos de gloria. A mediados dos 90 facía o seu debut en solitario o líder da formación Tony! Toni! Toné!, Raphael Saadiq, aínda que de foma moi modesta e nin sequera cun álbum propio. Trátase dunha soa canción, "Ask of You", que Saadiq achegou á banda sonora da película Higher Learning (1995). Daquela, Raphael Saadiq aínda non devecía por emprender unha andaina en solitario e continuou uns anos máis co seu grupo, pero xa en "Ask of You" se pode apreciar que como artista en solitario non tiña nada que perder.


En 1999, xusto cando deu por rematada a súa aventura con Tony! Toni! Toné!, Raphael Saadiq embarcouse nun supergrupo de R&B chamado Lucy Pearl, unha continuación do proxecto The Ummah, co que Saadiq e os restantes membros de Lucy Pearl xa tiveran un primeiro contacto. Unha das cancións máis destacadas de Lucy Pearl é "Lucy Pearl's Way", do disco epónimo de 2000, na que Raphael Saadiq reinventa "Ask of You".