venres, 28 de febreiro de 2014

Hey Hey, My My

Non son moi numerosas as cancións que logran impactar de distintas formas en xeracións diferentes. "Hey Hey, My My" é unha das que pode presumir de acadar unha forma de éxito semellante, e iso que a discografía de Neil Young está chea de cancións das que non é doado pasar por alto. "Hey Hey, My My" aparece no álbum Rust Never Sleeps (1979) dúas veces; a primeira versión, coa que se abre o disco, é acústica, mentres que a versión que pecha Rust Never Sleeps é totalmente eléctrica, cun son potente das guitarras. Para diferencialas, a primeira leva o subtítulo de "Out of the Blue" e a segunda coñécese como "Into the Black" e ámbalas dúas resumen a esencia dun álbum metade acústico, metade eléctrico. Hai que ter en conta que a a elaboración de Rust Never Sleeps supuxo para Neil Young todo un reto, xa que a nova xeración de músicos empezaba a considerar ó rockeiro canadense unha reliquia e con cancións como "Hey Hey, My My", Neil Young rebatou de forma contundente semellante ocorrencia. De feito, "Hey Hey, My My" ten o mérito de influír tanto en grupos do britpop coma nas principais bandas de grunge, como ben recoñeceu Kurt Cobain citándoa na súa nota de suicidio.

http://youtu.be/t4Y1wDdMYH4

E tras escoitar a versión acústica, agora é a quenda de "Hey Hey, My My (Into the Black)".

http://youtu.be/GQhEvfeJocM

Hai unha canción onde o rastro de "Hey Hey, My My (Out of the Blue)", é dicir, a versión acústica, percíbese dende os primeiros acordes. Trátase de "The One I Love", unha das cancións estrela do álbum Document que R.E.M. publicou en 1987, e tal como recoñeceu  Peter Buck, está inspirada na de Neil Young.

http://youtu.be/j7oQEPfe-O8

xoves, 27 de febreiro de 2014

The John B. Sails

No século XIX os estudos de etnografia víronse impulsados polo crecente interese que había en torno á cultura popular dos pobos, que se mantivo aínda moi vivo ben entrado o século XX. En 1916 o poeta  inglés Richard Le Gallienne publicou a letra dunha das cancións tradicionais de Nassau, a coñecida co título de "The John B. Sails", o que a deu a coñecer nos demais lugares da Commonwealth. Once anos despois, o tamén poeta Carl Sandburg incluíuna na colección de cancións tradicionais The American Songbag, o que supuña a primeira gravación da canción. Tras el, non tardaron en gravala Blind Blake en 1930 e Alan Lomax cinco anos despois baixo o título "Histe Up The John B. Sail", pero por desgraza, non atopamos rastro destas primeiras gravacións. Habería que esperar a 1950 para que o John B. volvese navegar polos estudios de gravación. Co título "Wreck of the John B." The Weavers revivían o vello clásico das Bahamas.

http://youtu.be/8CvTloNDFFg

Dous anos despois era a quenda da versión de precisamente un músico das Bahamas, Blake Alphonso Higgs,  chamada "John B. Sails".

http://youtu.be/Kk7I_KWkswQ

En 1958, "The John B. Sails" fíxose aínda se cabe máis popular coa versión de The Kingston Trio, e por primeira vez publicábase co título "Sloop John B.", que sería o máis habitual nas seguintes versións.


No entanto, Johnny Cash decidiu bautizar a súa con "I Want to Go Home", un dos versos do retrouso, talvez para distinguirse da versión de The Kingston Trio, xa que a de Johnny Cash se editou en 1959, tan só
un ano despois da de The Kingston Trio.


Pero quen de verdade ía a levar este canto tradicional das Bahamas ó máis alto, serían The Beach Boys no álbum Pet Sounds (1966). Co mesmo título que a versión de The Kingston Trio, "Sloop John B.", a banda de Brian Wilson completou un proceso de renovación da canción sen perde-la esencia orixinaria.

http://youtu.be/HW5yLvoJMD4

mércores, 26 de febreiro de 2014

Wild Wood

Tras dar por rematada a aventura de The Jam, unha das bandas británicas de cabeceira para boa parte dos grupos de britpop, Paul Weller emprendeu unha nova etapa en que demostraba que aínda lle quedaban moitas cousas que dicir e moito que achegar aínda ó mundo da música. Non obstante, antes de que os discos de Weller fosen asinados exclusivamente co nome do músico, formou unha nova banda, The Style Council, co que experimentar con novos sons e estilos diferentes do que adoitaba facer con The Jam. Con todo e a pesar das boas críticas colleitadas, The Style Council non chegou a ter unha década de vida e despois duns anos intentando emerxer cunha nova banda, Weller empezou unha carreira en solitario un tanto irregular, pero sempre dun altísimo nivel. En 1995 aparecía o segundo disco Wild Wood, e a canción que lle dá título é unha das máis fermosas.


No álbum Always (2007), Gabrielle incluíu unha canción baseada en "Wild Wood". Trátase de "Why" e na que o propio Paul Weller participa nos coros, deixando claro así que a idea non lle parecía mal.

                                                                                                  

martes, 25 de febreiro de 2014

Foxy Lady

Tras cativar ó público nas numerosas actuacións nos clubes da cidade de Nova York, Jimi Hendrix entrou nun estudio de gravación coa súa banda, the Jimi Hendrix Experience, para inmortalizar o seu poderoso talento coa guitarra. Era o ano 1966 e na primavera do ano seguinte aparecía o debut discográfico Are You Experience (1967), unha colección de cancións revolucionarias polo seu son e que aventuraban unha andaina brillante para o músico de Seattle. Unha desas cancións que non pasaron desapercibidas foi "Foxy Lady", que ofrece un dos riffs de guitarra máis coñecidos e recoñecidos de Hendrix e que foi imitado nunhas cantas cancións posteriores por algúns dos admiradores máis declarados de Jimi Hendrix.


 O ano seguinte, sen ir máis lonxe, aparecían dúas cancións que reproducían ese riff característico. Unha delas corresponde ó músico neerlandés Boudewijn de Groot na canción "Tegenland" pertencente ó álbum Picknick (1968) e da que desgrazadamente non conseguimos atopar ningunha ligazón. A outra é "Mandrake Root", que aparece no debut discográfico de Deep Purple Shades of Deep Purple.


Os ourensáns Los Suaves réndenlle un sentido tributo ó guitarrista de Seattle con este sensacional "Hendrix" no álbum  Santa Compaña (1994). Por se quedase algunha dúbida sobre o personaxe á quen se dedica a canción, "Hendrix" constrúese sobre a base de "Foxy Lady", creando así unha especie de nova versión na que o autor orixinal está presente en cada nota.

luns, 24 de febreiro de 2014

C'mon Marianne

The Four Seasons tivo a súa época de gloria nas décadas de 1960 e de 1970, e parece que o seu éxito esmoreceu ó rematar esa período, pero para o recordo deixou cancións atemporais que souberon influír nos músicos contemporáneos e tamén nos actuais. A banda de Frankie Valli, ademais de dedicarse ós xéneros máis populares do momento, coma o pop, o rock e o rhythm & blues, distinguiuse sobre todo por ser un grupo vocal, unha fórmula que daquela parecía estar reservado só a grupos femininos, pero que levou ó estrelato a The Four Seasons en moi pouco tempo. En 1967 estrearon dous discos de cancións novas, publicados con tan só un mes de diferenza. O primeiro deles foi New Gold Hits, que contén unha dos temas memorables de The Four Seasons, "C'mon Marianne".

http://youtu.be/tqupS8x0i1c

Os acordes de "C'mon Marianne" poden apreciarse nunha canción de The Doors, concretamente no single de adianto do disco que a banda de Jim Morrison publicou a comezos de 1969 The Soft Parade, a titulado "Touch Me".

http://youtu.be/y7GKblttlMY

venres, 21 de febreiro de 2014

Rock with You

Era o membro dos Jacksons 5 máis cativo e á vez, o máis talentoso. Quizais esa luz propia coa que brillaba no escenario xunto coa súa curta idade, fixo que moi cedo comezase a publicar discos en solitario que engaloiaban a todo o mundo. Por iso cando en 1979 Michael Jackson publicou Off the Wall era xa todo un veterano, malia que non había moito que aquel mociño deixara atrás a infancia. Era o quinto álbum que publicaba, á marxe da andaina dos Jacksons 5 e contaba cun produtor como Quincy Jones, capaz de pulir á perfección o diamante que tiña entre mans. Dese xeito poderíase dicir que Off the Wall era un entremés de todo o que habería de vir despois, cuxa apoteose chegaría co álbum seguinte Thriller. Para moitos críticos "Rock with You", o segundo single extraído de Off the Wall non só é o mellor dese excelente disco, senón que tamén de toda a carreira de Michael, por riba mesmo de "Don't Stop 'til You Get Enough". Para nós, é unha máis das imprescindibles de Michael Jackson, que merece un lugar destacado en calquera lista das mellores cancións funk de todos os tempos.


"Rock with You" ten infinidade de versións e tamén está na base dalgunha canción nova. No pasado ano 2013, a canción de Michael Jackson renaceu no tema "All Night" de Luxury Elite e Saint Pepsi no álbum Late Night Delight.


Tamén ese ano apareceu unha das versións máis curiosas que se teñen feito de "Rock with You". En clave bossanova, a brasileira Fabiana Passoni sorprendía a todos con esta versión no álbum Dim the Lights.

xoves, 20 de febreiro de 2014

Junker's Blues

Na cidade de Nova Orleáns orixináronse algunhas das mellores composicións de blues que acabaron por constituír o son por excelencia desta cidade de Louisiana. Un dos artistas que contribuíron a manter esa reputación foi Champion Jack Dupree, autor de numerosos blues que hoxe non faltarían en calquera boa recompilación de blues clásico. Unha das súas composicións máis coñecidas é "Junker's Blues"(1940), da que derivan outros blues que hogano están considerados tamén coma verdadeiros clásicos.


A primeira canción de blues clásico que apareceu con "Junker's Blues" de fondo foi "The Fat Man", de Fats Domino en 1949, co que xa anticipaba o son do rock and roll, que habería de desplazar ó blues como o gran xénero musical de Estados Unidos na década seguinte.


Talvez debido ó éxito da canción de Fats Domino, o certo é que xa entrada a década de 1950 aínda se recorría a "Junker's Blues" para crear novas composicións blues, coma a de James Waynes en 1951 "Junco Partner".

http://youtu.be/DTQdUh48hFQ

Un ano despois, en 1952, apareceu a canción de Lloyd Price "Lawdy Miss Clawdy" que mantiña a mesma liña das anteriores, aínda que máis apegada á de Fats Domino.

http://youtu.be/nYO263wui1w

En 1953 o Professor Longhair seguía a estela de "Junker's Blues" noutro blues que marcou unha época, "Tipitina".

http://youtu.be/p-zXkB4FW-A

mércores, 19 de febreiro de 2014

The Eraser

Inquedo coma poucos, Thom Yorke é dos músicos máis esixentes e inconformistas das últimas décadas. Sempre na procura dun son diferente e vangardista, Radiohead deixaba xa claro dende os seus comezos que era unha banda á que non lle ían as etiquetas, que facía algo totalmente distinto do que habitualmente facían os demais grupos británicos, que daquela, comezos dos anos 90, mantiñan un estilo xeralmente homoxéneo que dende datas temperás se coñeceu coma brit pop. Sen deixar nunca de lado esa faceta distintiva que converteu a Radiohead nunha banda de culto e referente de novos músicos, houbo un momento no que Thom York emprendeu unha carreira en solitario paralela á marxe dos colegas, aínda que Jonny Greenwood colaborou con el. Foi así como The Eraser (2006) foi o primeiro disco de Yorke que non levaba a sinatura de Radiohead, pero con toda a esencia da banda, malia un son máis electrónico. A canción que lle dá título ó disco é da máis coñecidas.

http://youtu.be/yb1oge5nHQk

O supergrupo de hip hop composto por Kanye West, Lupe Fiasco e Pharrel Williams, Child Rebel Soldier, constituído en 2007, un ano despois da publicación de The Eraser, debutaba co álbum Can't Tell Me Nothing e nel aparece a canción interpretada por Lupe Fiasco "Us Placers" composta con anacos de "The Eraser".

http://youtu.be/XU-w4IAJePw

martes, 18 de febreiro de 2014

Jóga

Dende que os dous primeiros traballos discográficos de Björk apareceran traendo consigo unha renovada corrente dentro da música alternativa, cada novo disco da artista islandesa levanta as expectativas máis optimistas por parte da crítica, que o recibe sempre como un raio de luz, e normalmente Björk non adoita defraudar. Cando en 1997 levou adiante o cuarto álbum da súa discografía, Homogenic, quedaba probado unha vez máis o inmenso talento que desborda á hora de superar o traballo anterior. En Homogenic está presente unha colección de cancións brillantes onde se mesturan os sons tradicionais procedentes de Islandia cos toques máis vangardistas, que conseguen diferenciarse das dos demais discos. O single elixido para promocionar Homogenic foi "Jóga", unha canción dedicada a unha amiga de Björk, que co tempo logrou converterse nun fermoso himno sobre a amizade.


Coma tantas outras cancións de Björk, "Jóga" influíu de xeito notable nas composicións doutros artistas, ora en forma de versións, ora coma sample ou simplemente, con ecos máis ou menos evidentes. Un destes últimos casos apréciase nalgunha canción de Evanescence como "Lost in Paradise", do álbum epónimo da banda de Amy Lee editado en 2011, onde a crítica ve certas similitudes.


Tamén o artista de hip hop Danny! recibe a influencia de "Jóga" en  "Evil", do álbum Payback (2012), canción na que participa Gavin Castleton e a actriz Amber Tamblyn, sobriña do vocalista de The Standells, Larry Tamblyn.



luns, 17 de febreiro de 2014

Entangled

Genesis nunca se caracterizou pola permanencia demasiado longa dalgúns dos seus membros máis emblemáticos, especialmente na batería. Se tralo primeiro disco Chris Stewart abandonou a formación para gañarse a vida cardando ovellas e houbo que esperar uns anos para que Phil Collins se fixese co posto, a marcha de Peter Gabriel, fundador, vocalista e en definitiva, alma máter, debeu deixar a máis de un co pé cambiado. Pero a banda seguía e os restantes compoñentes non tardaron en pórse a buscar un novo vocalista, mais os candidatos que se presentaron non convenceron, co cal, Phil Collins deu un paso ó fronte, e converteuse na voz de Genesis sen deixar de lado á batería. O primeiro traballo de Genesis despois deste balbordo foi A Trick of the Tail (1976), primeira proba de fogo que superaron sen problema, xa que a ausencia de Gabriel apenas se notou. "Entangled", composta por Tony Banks e Steve Hackett, é unha das mellores cancións do disco.


Os arranxos de "Entangled" inspiraron unha das cancións do álbum de Elbow Asleep in the Back (2001) co que a banda de Guy Garvey comezou a súa andaina. "Newborn" recolle a influencia que exerceu Genesis  na banda.

venres, 14 de febreiro de 2014

Turn the Beat Around

Para Vicki Sue Robinson non debeu ser doado ver como o maior éxito da súa carreira, "Turn the Beat Around", single estrela do seu álbum de debut Never Gonna Let You Go (1976), quedaba eclipsado pola versión que del fixo Laura Branigan en 1990, e catro anos despois pola de Gloria Estefan, ata o punto de que hoxe haxa moi poucas persoas que se acorden de que quen levou por primeira vez ó máis alto das listas de vendas esta canción disco foi Vicki Sue Robinson. Por se fose pouco, Vicki non volveu acadar a fama con ningún dos outros singles editados, como se o peso de "Turn the Beat Around" fose unha lousa demasiado pesada de levantar, condicionando dese xeito os traballos posteriores da artista, que viu languidecer a súa carreira na década seguinte. Só o éxito acadado pola versión de Gloria Estefan a animou a volver ós estudios de gravación para retomar a súa traxectoria, pero en ningún caso a sorte que tivera con "Turn the Beat Around" se volveu repetir.


Antes de que as versións de "Turn the Beat Around" se puxesen de moda nos anos 90, Soft Cell incorporaban os coros á canción "Memorabilia", que abría o EP Non-Stop Ecstatic Dancing (1982), un ano despois de que chegasen o cumio coa versión de "Tainted Love".


En 1990 chegaba a primeira versión da man de Laura Branigan no álbum homónimo desta especialista en versións de temas disco.


A de Gloria Estefan aparecía en Hold Me, Thrill Me, Kiss Me (1994), o disco de versións da cubana que tras triunfar en medio mundo co seu anterior traballo Mi Tierra (1993), volvía a cantar en inglés. Como se aprecia, as diferenzas coa orixinal e coa de Laura Branigan non son substanciais, malia que a de Gloria Estefan trata de desmarcarse das anteriores.


En 2007 "Turn the Beat Around" servía de base para o tema de Dannii Minogue "Perfection" incluído no álbum Club Disco.

http://youtu.be/iTFlYRH0KUE

xoves, 13 de febreiro de 2014

Best of My Love

Nos anos 70, coa febre da música disco en pleno apoxeo, The Emotions empeñáronse en demostrar que os grupos vocais femininos seguían tendo vida máis aló da década anterior, e co novo panorama que abrían os sons funk, R&B, disco abríase un campo de posibilidades que non estaban dispostas a deixar escapar. Así dese xeito, tiveron unha carreira onde "Best of My Love", canción pertencente ó álbum Rejoice (1977) é a canción máis recordada do trío. Un dos compositores deste éxito foi Al McKay, un dos integrantes de Earth, Wind and Fire, cos que The Emotions colaboraron nunhas cantas cancións.


"Best of My Love" é unha canción bastante sampleada e son bastantes as que se basean no seu son machacón, así que só vos imos ofrecer unha pequena selección para non cansarvos demasiado. A primeira é un dos éxitos de Mariah Carey titulada precisamente "Emotions", como se fose unha homenaxe en toda regra ás rapazas de The Emotions. Aparece no disco do mesmo título da diva neoiorquina, publicado en 1991.

http://youtu.be/QE5Cr5hdf4I

En 1993, o rapeiro Positive K tamén se baseaba en "Best My Love" para crear "Car Hoppers". Non sería o único artista de hip hop en empregar o tema de The Emotions porque semella ser un dos favoritos á hora de samplealo.

[Positive_k.jpg]http://youtu.be/OoHvsWevEgU

En 1998 publicáronse dúas cancións herdeiras de "Best of My Love". Unha delas é de Tamia, que no seu álbum de debut incluía "Falling For You".

http://youtu.be/sztxoEbDk4Q

Como tamén dese ano é a canción de Maurício Manieiri "Minha Menina", que aparece en A Noite Inteira. Resulta bastante evidente que ningunha destas cancións achegan unha mostra de innovación respecto á orixinal, e o mesmo se pode dicir do resto que prescindimos de pór. En calquera caso, estas quizais sexan as máis interesantes.

http://youtu.be/iSJHIeEA9yM

mércores, 12 de febreiro de 2014

Restless Heart Syndrome

É certo que cando Green Day editou 21st Century Breakdown (2009) a banda de Billie Joe Armstrong decidira continuar polo mesmo camiño que emprenderan co anterior disco American Idiot (2004). Con aquel álbum e collendo como referentes a The Who, Green Day ofrecía ó gran público unha especie de ópera rock que os afastaba notablemente do seu son primixenio e lles imprimía un son máis maduro, aínda que logo o resultado resultase algo fallido. Mais Billie Joe e os seus compañeiros Mike Dirnt e Tré Cool quedaron satisfeitos e sabían que o seguinte traballo tiña que seguir a mesma liña. Para iso encargáronse eles mesmos da produción e contrataron para que os axudase neses labores un peso pesado como Butch Vig. Se ben 21st Century Breakdown non é unha obra sublime, supera con creces ó seu predecesor, con cancións que por momentos lembran a Oasis, a The Electric Light Orchestra (ese "21 Guns" que xa apareceu por aquí), etc. Como non podía ser doutra maneira, o salto cualitativo que se producira no novo disco non se viu acompañado dun maior incremento nas vendas, xa que moitos fans non entenderon o xiro que estaba dando o grupo. "Restless Heart Syndrome" é a mellor canción do oitavo disco de Green Day.

http://youtu.be/fm5uY5hSA-8

E agora fixádevos na seguinte canción, a ver se non ten unha leve semellanza coa anterior de Green Day. Trátase de "The Angel and The Fool", unha das cancións pertencentes ó último disco de Broken Bells After the Disco, publicado o pasado mes de xaneiro, e que ten toda a pinta de ser un dos álbums do ano. E é que o proxecto do produtor Danger Mouse, que hai anos montara Gnarls Barkley xunto con Cee-Lo Green, e James Mercer, líder de The Shins, é unha das sorpresas máis agradables dos últimos anos, como así demostraron co seu debut hai catro anos. De momento só dispomos dun anaquiño de "The Angel and The Fool", pero o suficientemente significativo.

http://youtu.be/7l_TJ0us3VA

martes, 11 de febreiro de 2014

Ike's Rap 2

Como músico e actor, Isaac Hayes tivo unha carreira intensa sobre todo desde finais dos anos 60 sen que unha ocupación lle roubase talento á outra. De feito, como músico, Isaac Hayes é unha referente destacado para centos de artistas que viron no seu traballo musical unha fonte de inspiración case sen límites. Por exemplo en Black Moses (1971), un dos discos máis persoais de Hayes, atópase un dos temas preferidos nos anos 90 por algúns músicos que se sentiron atraídos por "Ike's Rap 2". O caso é que "Ike's Rap 2" nin sequera é dos temas máis destacados dese dobre álbum; aparece  na cara 2 como primeira parte dun medley que completa "Help Me Love". Ámbalas dúas pezas entrelázanse perfectamente como unha soa, pero tamén permite diferencialas claramente. A continuación ofrecémosvos a peza completa para que o comprobedes. Velaquí tal como aparece no disco "Medley: Ike's Rap 2/ Help Me Love".

http://youtu.be/pHa9OHwxuLI

O certo é que concretamente a parte "Ike's Rap 2" gozou dunha ampla popularidade nos anos 90. Non se sabe se por acción dos astros ou por unha sorprendente casualidade, no ano 1994 aparecía o debut discográfico de Portishead Dummy, moi aplaudido pola crítica, grazas sobre todo a un tema que non pasou desapercibido para as axencias de publicidade. Trátase de "Glory Box", un dos trallazos do álbum xunto con "Sour Times". "Glory Box" ten a particularidade de ser a primeira dunha serie de cancións que ían ir aparecendo derivadas da de Isaac Hayes.

http://youtu.be/yF-GvT8Clnk

A segunda corresponde a Tricky, que debutaba en 1995 co álbum Maxinquaye e ó igual que Portishead un ano antes, Tricky buscou a inspiración no tema de Hayes para un propio, neste caso "Hell Is Round the Corner".

http://youtu.be/E3R_3h6zQEs

Pero se hai unha banda que ten a "Ike's Rap 2" coma un verdadeiro emblema, eses son os brasileiros Racionais MC's. En 1997 publicaban o cuarto disco Sobrevivendo no Inferno, que se abre con "Jorge da Capadócia" e péchase con "Salve", onde senllas cancións están baseadas na canción de Isaac Hayes, quen ademais tamén está presente no álbum con outra canción, pero iso deixámolo para outro día. Agora quedamos con "Jorfe da Capadócia" en primeiro lugar e logo con "Salve".

http://youtu.be/1sKjtwSn5UU

http://youtu.be/Fpyk4633_Pw

luns, 10 de febreiro de 2014

You Can't Always Get What You Want

O oitavo álbum dos Rolling Stones, Let It Bleed (1969), pasou á historia por ser o último no que traballou Brian Jones e o primeiro no que participou Mick Taylor, polo que marcaba unha época de transición que habería de repercutir no devir dunha das bandas que xa entón era das máis importantes. E precisamente, por estar chamada xa daquela a liderar o rock xunto cos Beatles, a crítica pronto inventou unha  rivalidade máis ben ficticia entre ámbolos dous grupos, cando en realidade, tanto os membros dunha banda coma da outra non tiñan ningún problema en colaborar xuntos, sempre que as respectivas casas discográficas non puxesen impedimentos. "You Can't Get What You Want" é a canción que pecha o excelente Let It Bleed.

http://youtu.be/PkGrkNu6mDg

E baseada nesta canción dos Stones, George Michael compuxo "Waiting for That Day", que aparecería no segundo disco en solitario do ex membro de Wham! Listen Without Prejudice Vol. 1 (1990). Pero como Jagger e Richards, ou as persoas que os asesoran, son listos coma raposos, fixeron que George Michael se vise obrigado a incluír nos créditos da canción os nomes dos dous Stones e ademais, o título final da canción de George Michael inclúe a dos Rolling Stones, quedando por tanto: "Waiting for That Day (You Can't Always Get What You Want)", como se fose unha unha versión máis cunhas cantas variacións. Anos máis tarde, Mick Jagger e Keith Richards haberían de facer unha xogada semellante con The Verve, como xa vimos  nunha ocasión.

http://youtu.be/iUNfAIRcpRU

venres, 7 de febreiro de 2014

You're So Vain

"You're So Vain" é na actualidade a única canción pola que se recorda a Carly Simon, algo que coma noutros casos non deixa de ser unha inxustiza que ensombrece outras cancións igual de boas, pero sempre é mellor que nada. O maior éxito de Carly Simon forma parte do terceiro disco da cantautora No Secrets (1972), e xa desde o comezo a súa letra dedicada a un personaxe masculino que se caracteriza pola vaidade manifesta e un egocentrismo absoluto suscitou todo tipo de hipóteses sobre a identidade real do destinatario. Pola mente da crítica desfilaron os nomes dalgúns dos mozos cos que saíu Carly, algúns tan famosos coma o de James Taylor, co que acabaría casando, malia que a maioría decantábase por Mick Jagger, cousa que co tempo Carly Simon desmentiu. En calquera caso, o importante é que "You're So Vain" é unha canción atemporal que segue namorando.


Non faltan as numerosas versións que se fixeron de "You're So Vain". A máis orixinal, sen dúbida, é a de Queens of Stone Age que no álbum Rated R (2000) revolucionaron o son da versión orixinal e con pequenas variacións na letra, que pasa a ser "You're So Vague", a banda de Mark Lanegan ofrecénos unha canción totalmente renovada.


No caso de uso de samples da canción de Carly Simon, dos que tampouco se libra, destaca o que fixo Janet Jackson na canción "Son of a Gun (I Betcha Think This Son Is About You)", do álbum All for You (2001). O retrouso está tomado directamente da canción orixinal, pero polo menos Janet contou coa colaboración da mesmísima Carly Simon, que aceptou participar na gravación, xunto con Missy Elliot, a terceira estrela feminina desta canción da pequena dos Jackson.