martes, 30 de setembro de 2014

Lady in Black

Uriah Heep, unha das bandas de referencia do rock progresivo de finais dos 60, pode presumir de contar na súa discografía cunha canción como "Lady in Black", unha das máis versionadas en diferentes idiomas, detalle que non é moi habitual atopar en cancións folk. Non obstante, esta canción pertencente ó segundo álbum dos londinienses, Salisbury (1971), ten un engado diferente que fixo que bandas de diferentes países a adaptasen ás súas respectivas linguas, en vez de simplemente gravar unha versión en inglés. Con letras algunhas máis fieis ca outras á orixinal, case todas trataron de respectar a historia que Uriah Heep canta nesta balada. Vexamos algunhas delas.

http://youtu.be/59QNYzMOyjM

Unha das primeiras versións que se fixeron foi a dos fineses Lemon en 1972 baixo o título de "Nainen tummissa". A versión é totalmente calcada á orixinal, salvo pola lingua empregada.

http://youtu.be/FLGyALwTdOI

Ese mesmo ano a italiana Caterina Caselli cantouna en italiano co título "L'uomo del paraíso", con son máis eléctrico.

http://youtu.be/GpIyHSB6Bs8

"Lady in Black" soa en checo como "Slecna závist" grazas a Arakain que a versionaron en 1995.

http://youtu.be/AQGDtTWWHxg

Os serbios Kraljevski Apartman grávarona co título "Slike" no álbum Izgubljen u vremenu (2000).

http://youtu.be/HpaVgqhCAtk

Iris trasladouna ó romanés co título "Doamna in negru" nunha versión na que colaboraron os membros de Uriah Heep Mick Box e Bernie Shaw, que manteñen a parte que lles toca cantar en inglés.

http://youtu.be/FRFD24tRXhQ

En 2004 no álbum de versións Belfast, Mägo de Oz traduciuna ó castelán como "Dama oscura".

http://youtu.be/bueLy3HHGs8

En 2005 apareceu unha nova versión en italiano que pouco ten que ver coa de Caterina Caselli. Abiogenesi está máis en consonancia na letra coa orixinal e chamárona " Di nero vestita", tema do álbum Io sono il vampiro.

http://youtu.be/DLJMJ0WK7WY

luns, 29 de setembro de 2014

Hey Young World

Hai que admitir  que o hip hop aínda era un movemento bastante orixinal nos anos 80. Daquela a meirande parte dos artistas que se declinaban por ese xénero esforzábanse por que as súas composicións fosen propias e tentaban evitar os elementos alleos, malia que isto parece unha característica intrínseca do hip hop da que non se libra ningún álbum completo. En calquera caso, nos discos dos 80 era habitual atopar temas de hip hop que non reciclasen algún anterior. Por iso The Great Adventures of Slick Rick (1988), que supuxo o debut de Slick Rick, sorprende, xa que case a metade das cancións non proceden doutras. Unha desas que se poden cualificar de cen por cento orixinal é "Hey Young World", segundo single extraído e que logo sería dos máis sampleados no mundo do hip hop.


Posiblemente a canción onde os samples de "Hey Young World" estean mellor aproveitados sexa en "Creep", single con que TLC daba a coñecer o seu segundo disco CrazySexyCold (1994), co que o trío de Atlanta acadou sona en todo o mundo mesturando R&B, hip hop e soul.

venres, 26 de setembro de 2014

Tramp

A mestura de blues e soul produciu excelentes cancións durante os anos 60. Se onte lle prestabamos atención a "Green Onions", que abriu unha senda para esta mestizaxe de xéneros en 1966, hoxe imos con outra gran canción que seguiu a estela do tema de Booker T. & the M.G.'s con resultado parecido. Trátase de "Tramp", unha canción incluída nun álbum ó que lle daba nome e que supuxo un novo éxito para Lowell Fulson, un músico de blues que xa acadara prestixio con temas coma "Three O'clock Blues" e "Blue Shadows", entre outros, uns anos antes. Lowell Fulson seguiu gravando discos ata uns anos antes do seu falecemento en 1999, pero "Tramp" foi o seu derradeiro trallazo. Ningunha das cancións posteriores logrou achegarse á sona que adquirira.


"Tramp" non tardou en ser versionada e un ano despois saía de novo como single nas voces de Otis Redding e Carla Thomas, que xa estaban habituados a cantar como dúo, o que disparou a popularidade de "Tramp".


Á parte das versións, "Tramp" tamén propiciou novas cancións, entre elas, "7", unha canción de Prince no álbum Love Symbol Album (1992).

xoves, 25 de setembro de 2014

Green Onions

Booker T. & the M.G.'s. foi unha das bandas de cabeceira da discográfica Stax, unha das máis importantes dos anos 60 sobre música soul, pero tamén adoitaba apostar por outros xéneros musicais que combinaban blues, rock e soul. A banda formada por Booker T. Jones, Steve Cropper, Al Jackson Jr. e Lewi Steinberg reunía todas esa calidades e certificárono no seu álbum de debut Green Onions (1963) onde posiblemente a canción máis destacada sexa precisamente á que lle dá título ó álbum. "Green Onions" é un tema instrumental que arrasou tanto pola melodía como polos arranxos da guitarra de Crooper deixando unha fonda pegada noutros músicos.


Ó amparo do éxito que colleitou "Green Onions", Booker T. & the M.G.'s gravaron  unha segunda parte á que titularon "Mo Onions" e que foi single en 1964.  http://youtu.be/ZxEmgFpkR3g

O certo é que a rápida sona de "Green Onions" nos circuitos de blues fixo que moitos reproducisen algúns patróns para novos temas, coma o caso de John Lee Hooker con "Onions", no álbum The Big Soul of John Lee Hooker (1963).


Dese mesmo ano é tamén o single de Sonny Boy Williams, "Help Me", que tamén adopta a mesma estrutura de "Green Onions".


As bandas emerxentes do momento tamén viraron os ollos e os oídos cara o éxito de Booker T. & the M.G.'s. The Rolling Stones imitárono en "Stoned", single que tamén apareceu en 1963.


Os Beatles non foron menos e compuxeron o tema instrumental "12-Bar Original", que gravaron en 1965. Non obstante non se publicou ata 1996 incluído no recompilatorio Anthology 2.


E en clave funk, a canción de Stevie Wonder "Higher Ground" recolle algúns dos elementos de "Green Onions". Atópase no álbum Innervisions (1973).

mércores, 24 de setembro de 2014

A tu lado

O quinto disco de Duncan Dhu, Piedras (1994), evidenciaba que o grupo entrara xa na fase final da súa traxectoria. Tanto Diego Vasallo coma Mikel Erentxun levaban xa un tempo dedicados a facer cousas por separado con boa fortuna para ambos e a publicación do novo álbum de Duncan Dhu parecía unha volta forzada, como se supuxese unha interrupción dos seus plans por separado. Quizais por iso pálpase que Piedras non é nin moito menos o mellor traballo de Duncan Dhu. Con todo, contén algunhas cancións que aínda se corean nos concertos da banda, agora que volveron con novo material baixo o brazo. En Piedras a meirande parte das cancións son baladas e unha das mellores é a que pecha o disco, "A tu lado".


Con motivo do disco tributo que se lle fixo a Duncan Dhu Cien gaviotas dónde irán (2005), moitos artistas versionaron as cancións máis importantes do grupo vasco. Amaia Montero é a encargada da nova versión de "A tu lado", que se diferencia da orixinal no son, que pasa do acústico ó eléctrico, sen que por iso sexa mellor.

martes, 23 de setembro de 2014

Tit Galop Pour Mamou

Unha das cousas máis marabillosas que ten Estados Unidos é a enorme variedade de culturas e etnias que conviven no mesmo territorio. No sur de Lousiana vive a comunidade acadiana, composta polos descendentes dos exiliados franceses da rexión canadense de Acadia cando esta pasou a mans da Coroa Británica. Conservaron a súa cultura, especialmente o dialecto baseado no francés e a súa música deuse a coñecer en todo o país grazas sobre todo ós esforzos de The Balfa Brothers, un grupo que tivo certo éxito a finais dos anos 50, con cancións coma "Tit Galop Pour Mamou", que aparecía no álbum Balfa Brothers Play Traditional Cajun Music, Vol. 1 (1965), o primeiro recompilatorio que se facía da tradición musical acadiana e que tivo unha boa acollida.

http://youtu.be/gDPrB1Hk8pQ

A melodía de "Tit Galop Pour Mamou" aínda habería de ser máis coñecida cando Joe South a empregou no seu famoso tema "Games People Play", pertencente a Introspect (1968).

http://youtu.be/7ZobRuNO2dk

Desde pouco despois da súa publicación, "Games People Play" empezou a versionarse con moita frecuencia, pero talvez unha das máis curiosas sexa a de Claud François en francés co título "Jeux Dangereux" en 1969.

http://youtu.be/TRpbNO6hWM8

Ese mesmo ano apareceu en francés outra versión con outra letra. A da canadense Renée Martel chámase "Nos Jeux d'enfants".

http://youtu.be/_hxBk4itk6k

luns, 22 de setembro de 2014

Sweet Disposition

Nos últimos anos chégannos desde Australia unha fornada de novas bandas con propostas que non pasan desapercibidas ós oídos. A finais de 2008  a crítica especializada comezaba a falar de Temper Trap, unha banda de Melbourne que acababa de editar o single de anticipo do seu primeiro álbum de longa duración, que finalmente se publicaría medio ano máis tarde. Ese single que tanto cativou á crítica foi "Sweet Disposition", cousa que non é de estrañar, pois o son envolvente da canción amosa a unha banda que sabe coidar as composicións que elabora e coa sensibilidade necesaria para que a obra dun artista perviva. Por outra parte, "Sweet Disposition" supuxo que a publicación de Conditions (2009) fose un acontecemento agardado, xa que os singles que sucederon a "Sweet Disposition" non defraudaron, e de foito, foron moitas as publicacións musicais que situaron ó álbum como un dos mellores dese ano.


É máis que posible que a seguinte canción nin sequera estea influenciada por "Sweet Disposition", pero desde logo o que está claro é que o comezo de "I'm Not Your Hero", unha das cancións do álbum de Tegan and Sara Heartthrob (2013), ten ecos que evocan ó tema de Temper Trap como ben apuntaron algúns críticos, aínda que por suposto, o desenvolvemento posterior de "I'm Not Your Hero" non se pareza en nada máis a "Sweet Disposition".

venres, 19 de setembro de 2014

Change

Entre finais dos 70 e comezos dos 80 a New Wave ía ser o estilo predominante na música. En apenas cinco anos xurdiron unha morea de bandas cunha nova mentalidade na procura dun novo son, que a crítica bautizou axeitadamente como "nova onda". Nesa voráxine de novas formacións aparece no Reino Unido, Tears for Fears, proxecto comandado por Roland Orzabal e Curt Smith en 1981. Dous anos despois debutaban con The Hurting (1983), primeiro álbum con dez cancións moi boas no que destacan os singles que se seleccionaron, case ano e medio antes da publicación do álbum. Unha delas é "Change", das máis aclamadas de Tears for Fears e que no seu momento se escolleu como cuarto single, cando ó álbum lle quedaban dous meses para que aparecese no mercado, pero xa estaba suficiente rodado con trallazos coma "Suffer the Children" e sobre todo, "Mad World". E aínda así "Change" foi das que máis alto quedou nas listas de singles.


O son de "Change" non pasou inadvertido para produtores de música dance e hip hop, que o incorporaron a outras cancións, que nin de lonxe lle fan sombra á orixinal. No debut de Culture Beat, Horizon (1991), "No Deeper Meaning" contén un sample bastante evidente, tanto que parece unha versión coa letra cambiada.


No ámbito do hip hop, os californianos Jurassic 5 trasladaron "Change" a "Sum of Us", no álbum Power in Numbers (2002).


Lexy & K-Paul tamén incluíron "Change" no seu tema "Trick on Me", no álbum Abrakadabra (2009) estragando completamente o tema de Tears for Fears.

xoves, 18 de setembro de 2014

My Girl

A comezos dos anos 60 o imperio da Motown comezou a estenderse con grupos da talla de The Supremes e de The Temptations. Estes últimos haberían de chegar por primeira vez ó primeiro posto da lista estadounidense con "My Girl", canción escrita curiosamente por Smokey Robinson e Ronald White, membros de The Miracles, outro dos grupos en nómina da Motown, que xa entón tiña unha carreira consolidada. En 1964, The Temptations derónse a coñecer con Meet the Temptations, unha primeira toma de contacto, pero ningún dos singles extraídos se chegou a meter nos dez primeiros postos das listas. Con todo, a aposta por The Temptations era forte e ese mesmo ano xa estaban no estudio de gravación preparando o segundo traballo, outra vez con Smokey Robinson de produtor, que tamén lles escolleu unha selección de cancións propias. De feito, o título do disco foi The Temptations Sing Smokey (1965), polo que xa se podía imaxinar quen era o protagonista absoluto. O primeiro single foi precisamente "My Girl", que apareceu en decembro de 1964 como anticipo do disco.


Hai infinidade de versións de "My Girl" e moitas certamente moi, moi boas. Quizais das máis sorprendentes sexa a que os propios The Temptations fixeron en italiano co título "Solamente lei" en 1967: http://youtu.be/916OTkOaPnk

No álbum tributo á Motown Stop! In the Name of Love! (1995), La Toya Jackson encárgase de versionar o tema de Temptations, pero cunha lixeira variación na letra, na que a canción pasa a ser "My Guy".


Tamén destaca a de The Jesus and Mary Chain no compilatorio The Complete John Peel Sessions (2000).


E Raheem DeVaughn aproveita o retrouso de "My Girl" na canción "Friday (Shut the Club Down)", no álbum Love Behind the Melody (2008).

mércores, 17 de setembro de 2014

Lake Charles

A música country sempre se nutriu de excelentes cantautoras, grandes damas da canción que lograron perpetuar un xénero que para moitos recolle toda a esencia de Estados Unidos. Lucinda Williams é desde finais dos anos 70 unha delas, pois o seu estilo, composto de  folk, blues, country e rock levouna a ser unha das voces máis recoñecidas e aclamadas de todas, contando ademais co respecto de moitos músicos, que a teñen como unha referencia. En 1998 publicou o seu quinto disco, Car Wheels on a Gravel Road, onde o sexto corte é unha homenaxe ó seu lugar de nacemento, Lake Charles, no estado de Louisiana. Coa mesma factura coa que Lucinda Williams compón todas as cancións, "Lake Charles" convértese nun clásico na discografía desta cantautora.


Tras separarse de Rubén e dar por rematada a andaina de Pereza, Leiva editou Diciembre (2012), o primeiro disco en solitario. Unha das cancións estrela do álbum é "Nunca nadie", que garda un lixeiro parecido cos acordes de "Lake Charles".

martes, 16 de setembro de 2014

Don't Let Me Be Lonely Tonight

Cando se fala do folk-rock dos anos 70 en Estados Unidos é invitable que non acuda á mente o nome, entre outros, de James Taylor. Este cantautor de voz cálida é un dos compositores máis prolíficos que, ademais de nutrir a súa propia carreira de boas cancións, tamén contribuíu ó crecemento da de outros artistas, que recorrían á cretividade de Taylor como garante de éxito. No cuarto disco, One Man Dog (1972), aparece unha das súas composicións máis aclamadas, "Don't Let Me Be Lonely Tonight", que cativou tanto ós seguidores máis fieis coma a todo tipo de artistas, que se encargaron de facer algunhas versións certamente moi boas.


Das mellores versións que se fixeron de "Don't Let Me Be Lonely Tonight", sen dúbida a de Isaac Hayes ocupa un lugar privilexiado. En clave funk, pero sen renunciar ó mesmo estilo pausado co que James Taylor a gravou en primeiro lugar, a nova versión de Hayes comeza cunha introdución instrumental que a fai única. Aparece no álbum For the Shake of Love (1978).


A famosa introdución da versión de Hayes empregouse en cancións de nova factura. Unha das primeiras foi na de Mona Lisa "You Keep Leading Me On", de 11-20-79 (1996).

luns, 15 de setembro de 2014

Alright

En plena voráxine do britpop, calquera banda británica cunha proposta fresca que ofrecer non tardaba en ser o foco de atención. Nese contexto, Supergrass tivo moita sorte cando na primavera de 1995 debutou con I Shoud Coco, porque cada single que sacaban era un novo chanzo co que se achegaban á primeira liña do éxito. Pero o salto definitivo que fixo que se coñecera a Supergrass en todo o continente, foi a edición do quinto single, "Alright", que en pleno verán conquistou mesmo ós máis reticentes. Para entón o trío formado por Gaz Coombes, Mick Quinn e Danny Goffey xa era dos máis populares no seu país natal.


Bastante bochornosa na nosa opinión é o tema que Travie McCoy montou co retrouso de "Alright". A canción "We'll Be Alright", de Lazarus (2010) é case unha versión da orixinal de Supergrass, pero sen chispa nin graza. Unha mágoa!

venres, 12 de setembro de 2014

Mr. Bartender (It's so Easy)

"Mr. Bartender (It's So easy)" foi o single de presentación do quinto álbum de Sugar Ray In the Pursuit of Leisure (2003). A banda californiana vivía daquela na cresta das ondas e non había radiofómula na que non soasen desde que co seu anterior disco empezaran a dominar ás listas máis comerciais. Así que cun novo álbum baixo o brazo, Sugar Ray presentábase disposta a repetir os mesmos datos sen apenas variar o estilo que tan ben lle fora antes. O single "Mr. Bartender (It's so Easy)", que engancha á primeira escoita, ten o lixeiro defectiño, (se é que ás veces isto se pode tomar coma defecto e non coma virtude) de que non é orixinal ó cen por cento. A melodía e os acordes pertencen a outras dúas cancións alleas, que combinadas de xeito adecuado, conseguen que "Mr. Bartender (It 's so Easy)" soe tan ben.

http://youtu.be/0Piyyr2Yqj8

Hai que recoñecerlles ós mozos de Sugar Ray que teñen bo gusto. O son da guitarra está tomada directamente do tema de Sweet "Love is Like Oxygen", de Level Headed (1978).

http://youtu.be/kRVwcPTnug8

O resto débese á canción de Midnight Star "No Parking (On the Dance Floor)", do álbum do mesmo título publicado en 1983.

xoves, 11 de setembro de 2014

Freeek!

Non é ningunha novidade que tódolos artistas teñen altibaixos ó longo da súa traxectoria profesional, momentos en que a creatividade, deles e dos colaboradores cos que traballan, falla. George Michael é quizais un dos artistas que máis acostumados nos ten a pasar por etapas pouco brillantes e moitos achácano a problemas persoais. En 2004, George Michael tentou volver á senda do éxito con Patience, un álbum que salvo algunhas poucas cancións, está bastante afastado dos grandes discos que fixeron do artista británico de orixe grega un dos solistas máis importantes das últimas décadas. Unha boa mostra da pouca consistencia de Patience é a cantidade de cancións compostas a base de samples doutras, que tampouco teñen nada de especial. O single de presentación, "Freeek!" xa daba unha idea do que ía ser a tónica xeral do álbum e desde logo, non quedará como unha das mellores cancións na discografía de George Michael.

http://youtu.be/n3E-oKQw3rg

Para a elaboración de "Freeek!", George Michael botou man de tres cancións. Unha delas é o tema de Kool & the Gang "N.T", single de 1971.

http://youtu.be/LSAqC6zxlnY

Tamén recorreu ó hip hop coa canción de Q-Tip "Breathe and Stop", do álbum Amplified (2009).

http://youtu.be/NOw-iNJvylM

E tamén do R&B de Aaliyah con "Try Again", pertencente á banda sonora de Romeo Must Die, película de 2000.

http://youtu.be/aRcAvsZgjXA

mércores, 10 de setembro de 2014

The High Road

Gnarls Barkley arrasou no verán de 2006 con "Crazy", unha canción que nos serviu para coñecer os dous músicos que formaran este proxecto, Cee-Lo Green e Danger Mouse. Dous anos despois publicaron un novo álbum, pero o número de vendas non se achegou nin moito menos ó que conseguiran co debut, xa que a pesar das boas cancións que contiña, ningunha se podería considerar un trallazo como o que supuxo "Crazy". Pouco despois, o dúo puña o punto final a Gnarls Barkley e cada un tomou o seu camiño. Sen tempo para darlle voltas a ese fracaso, Danger Mouse puña en marcha en 2009 un novo proxecto xunto co vocalista de The Shins, James Mercer, con nome de Broken Bells. Ese mesmo ano debutaban cun álbum epónimo que sorprendía á crítica pola alta calidade das composicións e a produción exquisita de Danger Mouse. O primeiro single, "The High Road", resultou ser unha agradable carta de presentación.


En 2012, Joss Stone publicou o álbum de versións The Soul Sessions Vol. 2, segunda parte do disco co que debutara en 2003 no que a artista británica interpreta algunhas cancións soul. Pero o mérito de Joss Stone con este tipo de discos é que consegue versionar en clave soul outras composicións alleas a este xénero sen que desentonen na nova versión. Así de ben lle quedou "The High Road".